Medio ambiente
Un vertedoiro de residuos industriais ameaza o río Deza coa complicidade da Xunta
No 2011, as lapas devoraron durante máis de trece horas o vertedoiro de residuos inertes de Campomarzo, en Silleda (Pontevedra). “O incendio tardou máis dunha semana en apagarse por completo”, recorda Tania, veciña da parroquia de Pazos, cuxa vivenda se atopa a menos dun quilómetro das instalacións.
O lume orixinouse pola combustión espontánea dos residuos acumulados, o que evidenciou algo que os veciños levaban anos denunciando. “Aí non ían soamente inertes, aí ía de todo; botes de pinturas, plásticos, uralitas...”, denuncia Tania. O episodio máis grotesco ocorreu cando un temporal dispersou bolsas de plástico por toda a zona: “Había bolsas de plástico en todas as árbores”.
No ano 2019, veciñas e asociacións ecoloxistas denunciaron publicamente graves filtracións de lixiviados ao río Toxa. As choivas desbordaban o sistema de contención, vertendo augas contaminadas directamente ao leito dos ríos sen tratamento ningún. “Os restos calcinados remataban no Toxa e no Deza sen ningún control”, confirma Tania. As protestas veciñais caeron en saco roto, xa que a empresa entrou en concurso de acredores e non había un propietario responsable.
Hai dous anos, a empresa Bander Residuos, nova propietaria desde 2020, presentou un proxecto que fixo saltar todas as alarmas: ampliar o vertedoiro e convertelo nunha instalación para 107 tipos de residuos industriais, con capacidade para 792.563 metros cúbicos e unha vida útil de vinte e dous anos.
Foi entón cando os veciños e veciñas crearon a Plataforma Non ao Vertedoiro de Campomarzo. “Fixemos unha recollida de sinaturas para solicitar a Augas de Galicia que non lle dera esa autorización. A día de hoxe non recibimos resposta, nin da Consellería de Medio Ambiente nin de Augas de Galicia”, explican.
De vertedoiro de escombros a instalación de residuos industriais
O proxecto, ao que este medio tivo acceso, contempla unha capacidade de depósito de ata vintecinco mil toneladas anuais de residuos industriais: lodos, produtos químicos, residuos de procesos metalúrxicos, residuos de tratamento de augas e depuración, pinturas, vernices, residuos de incineración, residuos sanitarios, e un longo etcétera.
A ubicación atópase a cento cincuenta metros do río Toxa, a cento noventa metros do río Deza —Rede Natura 2000—; e a menos de catrocentos metros de núcleos habitados. As alegacións presentadas pola Asociación Petón do Lobo xunto á Plataforma veciñal advirten de que o vertedoiro se ubica sobre terreos moi permeables e cun alto risco de inundación.
A instalación orixinal carece de impermeabilización, polo que xa leva anos filtrando lixiviados aos acuíferos. O informe técnico que Unións Agrarias-UPA presentará ante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental alerta de que os novos residuos contaminarán o río Toxa na súa totalidade, incluído o punto de captación de augas da parroquia de Merza que abastece a Vila de Cruces.
Unións Agrarias (UUAA) vén de solicitar análises a Augas de Galicia para cerciorarse de que Bander está facendo un control axeitado. “Preocúpanos o feito de que a empresa, ao non ter unha utilidade económica, poida relaxar as medidas ambientais e sanitarias ás que está obrigada.” explica Roberto García, secretario de UUAA. “O vertedoiro leva máis de cinco anos sen ningún tipo de utilidade”.
O sindicato cuantifica o impacto do novo proxecto: máis de novecentas explotacións gandeiras e mil cen agrícolas en Silleda e Vila de Cruces. Seiscentas corenta e sete explotacións de bovino, cento cincuenta e dúas de ovino-cabrún e cento tres de porcino. ”A contaminación dos residuos industriais afectaría a zonas destinadas á produción de alimentos de consumo humano“, advirte García.
Bander proxecta depositar 792.563 metros cúbicos de residuos industriais sobre os 366.835 metros cúbicos xa existentes. ”Pretenden instalar un vertedoiro novo cando seguimos sufrindo as consecuencias do anterior“, explican desde a Plataforma. ”Queren tapar un problema que a Xunta en ningún momento solucionou“.
O informe presentado por Unións Agrarias sostén que, dada a alta permeabilidade do terreo, a única opción segura é retirar por completo os residuos e trasladalos a un vertedoiro impermeabilizado. A solución presentada pola empresa, selar o vertedoiro actual e construír enriba un novo, provocaría afundimentos da masa de residuos, roturas nas capas impermeables e filtracións continuas de lixiviados.
Desde o sindicato tamén sinalan as carencias do proxecto: falta o estudo xeolóxico-xeotécnico esixido, o plan de seguridade, a avaliación de afección a Rede Natura 2000 e a autorización de Augas de Galicia.
Por outro lado, as alegacións presentadas por Petón do Lobo alertan dun impacto severo sobre especies de fauna e flora catalogadas como vulnerables e sobre hábitats prioritarios como bosques aluviais e carballeiras, considerados de interese comunitario.
As veciñas veñen de reunirse coa alcaldesa de Silleda, que xa se posicionou en contra da ampliación e respaldou as súas reivindicacións. Desde a Plataforma defenden que aprobar este proxecto suporía ”autorizar un desastre ambiental con consecuencias irreversibles para a saúde pública, o sector primario e os espazos naturais da comarca do Deza“.
Por outro lado, son conscientes de que iniciar un contencioso-administrativo “conlevaría un importante custo económico para os veciños”. Por iso, Unións Agrarias conta coa delegación de representación xurídica dos veciños para actuar por esa vía en caso de que a resolución sexa favorable. “Coa normativa europea na man, sería imposible conceder unha ampliación”, afirma García.
Este medio solicitou información á Consellería de Medio Ambiente sobre a situación administrativa actual do vertedoiro e do proxecto de ampliación presentado pola empresa Bander, así como sobre os controis para avaliar posibles filtracións de lixiviados aos ríos, pero non recibiu resposta ata a publicación deste artigo.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!