Memoria histórica
“Santiago Apóstolo é socialista!”

Historias, arte e palabras xurdidas a partir do desastre do 18 de xullo de 1936 víronse este ano na Coruña, na Fundación que leva o nome dun pintor galego internacional: Luís Seoane, nado na Arxentina, polo exilio económico dos seus pais, e retornado a esa outra das Galicias alén do mar debido ao exilio político.

18 dic 2018 12:00

A exposición 13 estampas da traizón, despois de 80 anos da súa publicación, narra a análise dunha época a través dos ollos dos artistas que a viviron. As palabras dese período, os xornais, as crónicas, os titulares, depositan nos ollos de hoxe o legado daquel latexar dos anos previos e póstumos á nosa Guerra Civil. No xullo de 1936 colidiu aquí a historia, dúas historias de dúas Españas. Galicia, de terra nai a mártir, e a arte e o xornalismo coma espellos do cotiá inverosímil que trae consigo a guerra. Unha mostra onde caben recortes de prensa dos dous bandos, xugos e frechas por un, cantos de “Non pasarán!” polo outro, ata os famosos 13 retratos da alma dos tiranos. 13 caricaturas que Seoane fixo no exilio no 1937 que teñen como protagonistas os militares sublevados.

A mostra é a viaxe global polo verán cálido do 1936, os días de sol e festas estivais en que Galicia estaba a punto de tomar unha decisión polas urnas, a do seu Estatuto de Autonomía —xa aprobado nas Cortes de Madrid— que rematarían co soar das sereas e campás dos barcos na dársena da Coruña un 18 de xullo, coas estradas regadas polo sangue dunha Galicia reprimida onde houbo unha eclosión da barbarie. Comentan os cronistas, e reflicte o escritor e xornalista Manuel Rivas na súa novela Os libros arden mal, que unha das imaxes máis claras da chegada do medo foron os días daquel verán sen unha nube no ceo onde nas praias da Coruña non houbo nin un bañista. Moitos deses areais fóra da contorna urbana como o de Bastiagueiro, en Oleiros, localidade próxima a Coruña, foron o lugar onde se deixaron moitos dos cadáveres dos executados polas novas autoridades falanxistas. Chama a atención o forte contraste coa beizón democrática precedente, é unha das proclamas máis repetidas nos xornais republicanos: “Autonomía será amor ao mar!”

Galicia represaliada

Visitar a mostra é visitar a memoria bosquexada dos retratos a lapis que fixo Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo —fundador, xunto con Luís Seoane, de Cerámicas do Castro, Sargadelos, ademais de pintor e escritor—. Este artista, recluso na prisión de Compostela xunto co alcalde, Ánxel Casal, con carpinteiros, obreiros e mariñeiros, tamén con algún militar, retratou os perfís dos seus compañeiros de cela e recinto. O seu fillo Isaac engadiría anos despois, en prosa e verso, a historia daqueles reos, algúns sobreviventes, outros executados, outros escapados e agochados durante anos.
13 caricaturas que Seoane fixo no exilio no 1937 que teñen como protagonistas os militares sublevados

A guerra pode ser entendida, a través das ilustracións de Manuel Colmeiro ou as crónicas de Maruja Mallo, coma un continuo emerxer e remexer de morte e silencio, a imposición dun terror civil continuo exercido polo goberno sublevado da contenda. Recorrendo o espazo da primeira planta da Fundación Seoane, tras cruzar a súa entrada diáfana, onde conviven a luz e a madeira, intuímos o calar dos homes e mulleres que quedaron aquí grazas a un dos debuxos de Manuel Colmeiro no cal se representa a unha muller abrazada aos seus fillos, resignada e rodeada por outros que xa están mortos. Lembran o terror expreso do Guernika?

Hai outra estampa, esta da autoría de Seoane, con dúas sombras alongadas dunha parella da Garda Civil que acaba de realizar un paseo, un tipo de execución repetida na Guerra Civil, e posteriormente en España ata os anos 50, consistente en sacar ao reo do seu lugar de reclusión, levalo a un lugar apartado e alí, en grupo ou en solitario, executalo, as máis das veces tras unha serie de vexacións e torturas.

Os tricornios e as capas da benemérita son recorrentes nesta mostra artística sobre a represión. Aquela Galicia, sitio onde entre o 36 e o 39 non houbo grandes batallas como a do Ebro pero si houbo a épica do desastre cotián, a represión diaria da retagarda, foi tamén o lugar onde o terror se empregou como mostra da nova política por parte do bando rebelde e que a propaganda do Goberno da II República trataba de reflectir con arte a ollos dos gobernos estranxeiros.

Aquí colisionou a historia

Conta Maruja Mallo nas súas crónicas, expostas unha tras de outra ao longo da parede, os ruídos que levaban consigo o pánico, as onomatopeas que a partir do comezo da guerra tiñan para a poboación o significado da morte. Entre elas, as buguinas dos coches. Nunha Galicia onde un automóbil era un obxecto case descoñecido, a chegada dun Opel negro ou un Ford era a banda sonora do mal presaxio. Conta a pintora en forma de crónicas, tituladas Relato veraz de la realidad en Galicia —publicadas en diversas entregas en 1938 por La Vanguardia— que os outros sinónimos da represión eran as cruces. A simboloxía dunha Igrexa Católica cómplice e permisiva que defendía o que en moitos xornais falanxistas, expostos na outra beira da sala, enuncian como a “Santa Cruzada”.

Mallo destaca un episodio ocorrido na Catedral de Santiago. Alí, durante unha misa onde se anunciaba que Madrid caería o día do Apóstolo Santiago, o 25 de xullo, en honra ao “matamouros”, unha serie de obreiros alzaron a voz e, segundo afirma a pintora, contestaron “Santiago Apóstolo é socialista!”. Varios falanxistas, despois do suceso, tentaron sacar ao santo da Catedral e poñer no seu lugar o sagrado corazón de Xesús. Isto supuxo unha ofensa para tres carlistas —véxase a mestura de sectores aglutinados no chamado Movemento Nacional— que se plantaron diante da improvisada escuadrilla e lles responderon aos camisas azuis que “Santiago Apóstolo está molesto porque os militares trouxeron aos mouros e, ademais, Franco é espiritista!”
Cabe mencionar que se organizou tal pelexa que tivo que intervir a Garda Civil, entre berros de “abaixo España, viva Alemaña!”.

Outros sinónimos da represión eran as cruces: a simboloxía dunha Igrexa Católica cómplice e permisiva

É unha maneira de narrar o espolio. O espolio dos cartos con multas arbitrarias, o espolio da xente coa emigración e a creación das outras Galicias, as patrias suramericanas do atlántico na punta oposta do océano. O espolio das ideas mediante o fusil, retratado nunha copia impresa de A morte do mestre, de Castelao, o Guernika galego que serve de remate para esta mostra. Desa sega ideolóxica das palabras, da subtracción da liberdade nas aulas, Mallo relata a colocación do crucifixo, Seoane engade nas súas 13 estampas a aquel mestre morto, similar ao de Castelao, os vasos comunicantes dun mesmo xeito de narrar.

Ao final dunha parede vermella, a parede central da exposición, atópase o ex-libris das 13 estampas: a imaxe duns brazos femininos erguendo, sobre as augas do mar, a un neonato. A simboloxía da esperanza dos que van vir, a confianza no futuro.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Memoria histórica
Memoria histórica Buenos y sabios: el paso por Extremadura de Odón y Sadí de Buen
Memoria de Odón de Buen —científico, librepensador y republicano— y de su hijo Sadí —asesinado por el fascismo— y de su lucha para la erradicación del paludismo.
Memoria histórica
No olvidamos El gran golpe
Entre la multitud de expropiaciones realizadas por los grupos libertarios en Francia, una destaca por encima de las demás. El robo a la corona belga.
Memoria histórica
Memoria histórica Primera querella por los crímenes del franquismo admitida en democracia en Galiza
El Tribunal de Instancia 2 de Padrón (A Coruña) acuerda iniciar la investigación por las torturas que sufrió Manuel Reboiras en dos detenciones. Es la primera vez que un juzgado gallego admite a trámite una querella por los crímenes de la dictadura.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.