O acordo UE-Mercosur avanza en medio do rexeitamento do agro galego

Mentres Bruxelas pecha un novo acordo comercial, o sector agrogandeiro galego sae á rúa para denunciar un modelo que ameaza a rendibilidade das granxas, debilita a soberanía alimentaria e agrava a crise do rural.
mercosure Lugo
Agrogandeiros na porta da Delegación do Gobierno en Lugo en protesta contra o acordo. Foto: Sindicato Labrego Galego.

O pasado venres 9 de xaneiro de 2026, os estados membros da UE aprobaron co apoio dunha maioría cualificada o acordo comercial UE-Mercosur, abrindo o camiño para que a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, viaxe a Paraguai o 17 de xaneiro para a cerimonia de firma. A pesar desta luz verde institucional, o acordo avanza nun clima de tensión, marcado polas protestas do sector primario galego.

Desde hai máis de dúas semanas, agricultores e gandeiros de toda Galiza mobilízanse en sinal de rexeitamento ao tratado. O pasado sábado, as e os labregos da Limia cortaron a autovía A‑52, estrada clave que conecta Galiza con Castela e León. Os traballadores do sector alertan de que a sinatura do acordo comercial ameaza a viabilidade das explotacións locais.

“Nos últimos dez anos, ningún goberno se sentou a falar co sector primario sobre o que ía a ser Mercosur”, denuncia Brais Álvarez, do Sindicato Labrego Galego (SLG). Para el, trátase dun acordo firmado de costas totalmente á sociedade, “falado cos grandes lobbies do sector”.

Esta opacidade xa foi denunciada en 2017, cando Greenpeace filtrou documentos secretos que evidenciaban que non se estaban a ter en conta os compromisos internacionais en materia de medio ambiente, condicións laborais e dereitos humanos. O tratado permite que entren anualmente en Europa 99.000 toneladas de carne de vacún, 180.000 de aves, 190.000 de azucre e 1 millón de toneladas de millo, a cambio de máis exportacións europeas de automóbiles, produtos químicos e plásticos.

Vacún e mel: os sectores máis golpeados

En Galiza, os sectores que máis sufrirán o impacto do acordo serán o vacún e o mel. No caso do vacún, o SLG advirte de que o acordo permitiría a entrada anual duns 450.000 becerros procedentes do Mercosur –Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai– con aranceis practicamente nulos, unha cifra que multiplica por máis de catro a produción anual de Terneira Galega Suprema, que apenas supera os 100.000 animais.

Segundo explica, esa cantidade de carne entrará con uns custos de produción moito máis baixos, moitas veces debido ás “usurpacións de terras que fan grandes terratenentes”. Na súa análise, este aumento masivo da oferta provocaría unha caída dos prezos que afectaría directamente ás explotacións locais.

No mel, a situación é igualmente dramática. O acordo contempla unha entrada de 45.000 toneladas ao ano, tamén con aranceis cero. “O Estado español produce arredor de 27.000 toneladas, é dicir, a metade do que vai entrar ao ano”, afirma o representante do sindicato. “Aos pequenos produtores vannos fundir os prezos e, polo tanto, aínda sendo viables economicamente, non seremos quen de sacar unha renda digna por poder sobrevivir”.

As cifras sobre a estrutura agraria galega revelan unha realidade especialmente preocupante. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, o número de explotacións agrícolas en Galiza caeu un 45,7% entre 2016 e 2023, pasando de 76.406 a 41.507. Esta redución foi acompañada dunha caída do emprego do 38,3%.

Galiza presenta unha das estruturas agrarias máis fragmentadas de España, cun tamaño medio de explotación de apenas 14,52 hectáreas, o terceiro máis baixo do Estado. Case un 23% das explotacións galegas ten menos dunha hectárea, mentres que só un 0,86% supera as 100 hectáreas.

A economía de escala que permite aos grandes latifundios do Mercosur producir a prezos moi inferiores resulta inalcanzable para a maioría das explotacións galegas. O Sindicato Labrego Galego critica con contundencia o modelo que sustenta estas exportacións e advirte de que se apoia en importacións a baixo custo que acaban por desmantelar os sistemas agroalimentarios dos propios países de orixe. “Para acadar eses prezos tan baixos elimínanse as labregas e as explotacións máis diversificadas e vencelladas ao territorio, que son substituídas por granxas totalmente industrializadas”, sinala.

O impacto, engade, non se limita aos países produtores, senón que tamén ten efectos directos en Galiza. A entrada masiva de alimentos a baixo prezo afunde os produtos locais e fai imposible competir no mercado. “Nin sobreviven as labregas de alí nin as de aquí; só se impón un modelo agroindustrial a grande escala”, afirma o representante do SLG, quen alerta de que este proceso supón unha perda progresiva da soberanía alimentaria galega.

Doutra banda, dende Unións Agrarias defenden que nun contexto no que outros mercados se están a pechar, a apertura de novos destinos comerciais debe entenderse como unha oportunidade, sempre que se produza sen romper as regras do mercado e garantindo condicións xustas de competencia. 

“Falamos dunha oportunidade que hai que saber aproveitar, respectando as regras de xogo, para que sexa un plus para o sector e nunca unha rémora”, subliña Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias. Ao seu xuízo, sectores como o lácteo, o vitivinícola ou o das froitas e hortalizas poden beneficiarse deste escenario se a apertura comercial se xestiona de maneira equilibrada e respectuosa co marco normativo. 

Un dos puntos de maior controversia é o relacionado coa diferenza de normativas entre a UE e os países do Mercosur en ámbitos fundamentais como os produtos fitosanitarios e o benestar animal. 

A Asociación Agraria de Xóvenes Agricultores (ASAJA) advirte de que o acordo facilita a entrada no mercado comunitario de produtos elaborados con substancias prohibidas na UE, como algúns fitosanitarios ou carne producida con hormonas de crecemento, cun control e trazabilidade que non están plenamente asegurados.

Unións Agrarias, pola súa banda, confía en que se establecerán auditorías sobre aplicación de pesticidas e controis de benestar animal de xeito que as condicións de produción nesos países “se asemellen o máis posible ás que hai aquí".

Para o Sindicato Labrego non é aceptable permitir a entrada de alimentos con menos controis ou cunha calidade inferior, xa que entenden esta non só como un estándar sanitario, senón tamén ambiental. “Calidade debe significar menos uso de pesticidas e máis prácticas agroecolóxicas; canto máis respectuoso co medio, mellor”, engade.

Neste sentido, dende o SLG advirten de que o emprego de maiores cantidades de pesticidas, ou de substancias máis agresivas para o medio ambiente, non só reduce artificialmente os custos de produción, senón que ten efectos moi prexudiciais. “Falamos dun impacto directo no medio e tamén de consecuencias graves para a saúde pública”, alerta.

Un análise xurídico encargado por Greenpeace Alemaña e realizado pola Dra. Roda Verheyen e o Prof. Dr. Gerd Winter conclúe que o acordo de libre comercio UE-Mercosur incumpre a lexislación vixente da UE e a internacional, xa que provocará un aumento xeral das emisións de gases de efecto invernadoiro e unha maior deforestación.

O documento subliña que o tratado incentivaría o comercio de produtos asociados con altos niveis de emisións e con fortes impactos sobre bosques e ecosistemas, o que vai en contra das obrigas legais da UE en materia de clima e protección ambiental.

Oposición internacional

Máis de 450 organizacións de América Latina e Europa, incluíndo sindicatos, movementos campesiños e ecoloxistas, criticaron o acordo. A coordinadora xeral de La Vía Campesina, Morgan Ody, advirte de que os tratados de libre comercio están a facer inviable que a pequena e mediana agricultura poida vivir do seu traballo, ao impoñer un modelo orientado á exportación e á competencia que “ignora a necesidade de producir alimentos para abastecer ás comunidades locais”.

Nesta mesma liña, dende o SLG insisten en que a cooperación entre territorios non pode construírse a costa do campo nin da maioría social. Defenden unha solidariedade real entre pobos, baseada en sistemas agroalimentarios xustos e sostibles, e non en acordos pensados para beneficiar a unhas poucas multinacionais ou a intereses económicos moi concretos en detrimento do ben común.

O rexeitamento do acordo UE-Mercosur uniu a organizacións ecoloxistas, agrícolas e sociais de Galiza, que alertan dos seus graves impactos na agricultura e nas zonas rurais. Denuncian o feito de que a inclusión de alimentos nos acordos de libre comercio fortalece a agroindustria e a orientación á exportación, exacerbando a precaria situación dos agricultores, o despoboamento rural e a degradación ambiental, tanto en Europa como en Sudamérica.

En contraste con este modelo, as organizacións avogan pola necesidade de avanzar cara a sistemas agroalimentarios baseados na agroecoloxía, a soberanía alimentaria e o comercio xusto; unha produción sostible e local que respecte os dereitos humanos e campesiños. “Esta orientación é incompatible con acordos como o Mercosur, onde os alimentos se converten nunha moeda de cambio a expensas da terra, do clima e do futuro da agricultura galega”, conclúen dende o SLG.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...