Minería
Bruxelas cava fondo: litio galego para o novo militarismo europeo

No medio do rearme ordenado pola UE, Galiza entra no ámbito xeopolítico como potencial provedor de litio para a industria de defensa. Un enclave de alto valor ecolóxico en Doade (Ourense) converterase en canteira de baterías militares.
Mina de Doade
Modelo 3D do proxecto da mina de litio Doade.

O pasado marzo, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou o seu plan de rearme para Europa, un día despois de que o presidente Donald Trump puxese en pausa a axuda militar a Ucraína. Von der Leyen presentou un fondo de 150.000 millóns de euros como parte dun paquete de propostas para aumentar masivamente o gasto en defensa.

Doutra banda, a Lei de Materias Primas Críticas (CRMA) da Unión Europea, aprobada o ano pasado, establece un marco para a autorización de proxectos extractivos para o abastecemento de materiais “cruciais” na transición ecolóxica e dixital, así como para a industria de defensa e aeroespacial. A CRMA establece varios obxectivos para o 2030; entre eles, reducir ao 65% da compra de materias primas a terceiros países. 

O plan de rearme e a Lei de Materias Primas Críticas teñen o propósito de fortalecer a “autonomía estratéxica” da UE, xa que buscan garantir un subministro estable de materias primas para reforzar a industria de defensa europea e asegurar a produción de tecnoloxía militar avanzada.

O informe Blood on the Green Deal, elaborado por Corporate Europe Observatory (CEO) e o Observatoire des Multinationales (OdM), revela como os traballos de lobby influíron o proceso lexislativo da CRMA, que se converteu nunha “barra libre” para a industria de defensa e aeroespacial, en tanto que promove a desregulación ambiental para facilitar novos proxectos de minería en toda Europa.

Recentemente a Comisión Europea seleccionou 47 proxectos de minería prioritarios para o subministro de materias primas como o litio, níquel, grafito, cobalto ou manganeso. Entre eles atópase a Mina de Doade, situada no municipio de Beariz, provincia de Ourense, aprobada como Proxecto Estratéxico para a extracción de litio.

Un proxecto mineiro a 500 metros dunha zona protexida

“Hai dous meses que a empresa presentou o proxecto na Consellería, solicitamos unha copia da documentación á Xunta e aínda non recibimos contestación” explica Victor Gil, presidente da Comunidade de Montes de Framia e membro da plataforma veciñal SOS Suído Seixo. “A única información que temos é a que nos chega a través dos medios”.

O proxecto da Mina de Doade, presentado por Recursos Minerais de Galicia —filial do grupo Samca— abarcaría unha extensión de 13,62 hectáreas; con galerías subterráneas de entre 50 e 300 metros de profundidade. Un investimento de 120 millóns de euros para a extracción de minerais de litio, moscovita e feldespatos durante máis de 40 anos.

O litio é un metal crave na fabricación de baterías para o almacenamento de enerxía, dispositivos electrónicos portátiles e baterías recargables para vehículos eléctricos. Unha investigación de Luis M. Varela, publicada polo Instituto Español de Estudos Estratéxicos (IEEE), destaca o papel estratéxico do litio en tecnoloxías de almacenamento e na produción de enerxía, o que o converte nun material fundamental na industria militar.

Recursos Minerais de Galicia xa presentara no 2018 o proxecto de explotación para a zona mineira, entón chamado “Alberta I”, que incluía os municipios de Forcarei, Lama, Beariz, Avión e Cerdedo-Cotobade. A ausencia dun estudo de impacto ambiental motivou informes negativos do Instituto Xeolóxico Español (IGME) e a Sociedade Galega de Historia Natural, que destacaban a posibilidade de drenaxe áceda das minas e a presenza de minerais radioactivos. Ademais, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil emitiu un informe negativo debido ao risco de afección ás masas de auga con metais pesados, que derivou no peche do procedemento no 2020.

A plataforma SOS Suído Seixo recorrerá ante a Comisión Europea a designación da Mina de Doade como Proxecto Estratéxico. Afirman que a iniciativa de concesión mineira actual “é esencialmente a mesma do 2018, cun nome diferente”. As comunidades de montes afectadas acordaron opoñerse ao proxecto, aínda que temen que se recorra á expropiación forzosa dos terreos; ao ser declarados de utilidade pública.

Segundo un informe elaborado polo Observatorio Ibérico da Minería (MINOB), Ecoloxistas en Acción e SOS Suído Seixo, o proxecto atópase nunha zona de alto valor ecolóxico e paisaxístico, proposta para a súa inclusión na Rede Natura 2000 desde fai máis dunha década. O documento alerta sobre os riscos de perda de biodiversidade e contaminación de augas, así como a posible presenza de minerais radioactivos.

“As instalacións en superficie atópanse a 500 metros da Zona Especial de Conservación Serra do Cando”, explica Joam Evans, de Ecoloxistas en Acción. “Ademais, o proxecto contempla o consumo de 25.700 litros de auga por hora, o que provocará un descenso significativo do nivel freático, afectando ás traídas e captacións de auga existentes”.

Desde Ecoloxistas en Acción denuncian “o uso da figura de interese público para acurtar prazos, sortear alegacións ambientais e poder recorrer a expropiacións forzosas”. De feito, a Unión Europea establece que os proxectos de extracción de materias primas terán un prazo máximo de 27 meses para obter os seus permisos.

Unha lexislación obsoleta

Galiza ocupa a cuarta posición de produción mineira de España, con 362 explotacións activas en todo o territorio. Segundo a Estatística Mineira de 2023, a comunidade autónoma alcanzou un valor de produción de 337,08 millóns de euros, o que representa o 9,4% do total estatal.

A comezos deste ano, o Goberno galego de Alfonso Rueda anunciou a licitación de 51 dereitos mineiros caducados para fomentar a investigación e posible explotación de materiais minerais. Ademais, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) presentou recentemente o Programa Nacional de Exploración Mineira 2025-2029, centrado na identificación e avaliación de recursos presentes en máis de 1.000 balsas e escombreiras de proxectos mineiros existentes en todo o país.

Un informe presentado por Amigos da Terra xunto ao Observatorio Ibérico da Minería e a Oficina Europea do Medio Ambiente; alerta sobre os riscos sociais e ambientais asociados aos proxectos mineiros declarados estratéxicos pola Comisión Europea. O documento denuncia a falta de transparencia no proceso de selección destes proxectos, así como a obsolescencia da actual Lei de Minas, que non garante nin a protección do medio ambiente nin a participación efectiva das comunidades afectadas. “O lobby mineiro non quere que se toque a Lei de Minas, así como tampouco quere que se toque a Lei de Expropiación Forzosa” afirma Evans.

A empresa promotora do proxecto da Mina de Doade, Recursos Minerais de Galicia, é membro da Cámara Oficial Mineira de Galicia, unha entidade de dereito público tutelada pola Xunta que actúa como lobby do sector. Tal e como revelou este diario; a Xunta destinou fondos públicos a campañas de greenwashing impulsadas por esta Cámara, presentando a minería como unha actividade “sostible” e “compatible co medio ambiente”, mentres apoia a reactivación de dereitos mineiros caducados e proxectos altamente cuestionados polo seu impacto ambiental e social.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.
Gilipollas, pero mucho
17/4/2025 12:46

Amigos da Terra, se non equivoco, son os que andan promocionando as comunidades enerxéticas que apenas plantexan algo que non sexan paneis solares (altísima dependencia da fabricación chinesa actualmente e dos materiais que se pretenden extraer destas minas no futuro). Supoño que non falan da eólica (pero con xeradores SEN terras raras) porque xa está todo o pescao vendido aos caciques das enerxéticas como Greenalia e cia. Está todo dios en misa e repicando ao mesme tempo, a hostia pode ser de campeonato.

0
0
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
Medio ambiente
Medio ambiente A loita polo monte galego: lumes, eucalipto e ameazas á propiedade común
Galiza concentra un terzo dos incendios forestais rexistrados no Estado. Mentres a Xunta apunta aos montes veciñais, comuneiros e ecoloxistas denuncian unha estratexia política para favorecer a privatización e a expansión da industria madereira.

Recomendadas

Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.