Opinión
O paradoxo de Elon Musk: o Bitcoin e o cambio climático

Bitcoin, a primeira criptomoeda creada e que usa a tecnoloxía descentralizada de blockchain, é actualmente un oligopolio de ‘minado’ e unha fonte de especulación e gasto enerxético sen sentido.
Criptomonedas bitcoin
El bitcoin se ha revalorizado más que cualquier criptodivisa

@dferrazc

Ambientólogo e oceanógrafo coordinador de Naturiza 

23 feb 2021 13:30

Elon Musk xa nos ten acostumados ás súas excentricidades, pero a última, investir 1.500 millóns de dólares en Bitcoin e comezar a aceptalo como método de pago é unha das máis significativas, tendo ademais graves consecuencias para o noso planeta, pondo en perigo incluso o Acordo de París.


Que é Bitcoin?

Bitcoin é unha criptomoeda que utiliza a tecnoloxía blockchain. As criptomoedas son moedas virtuais, é dicir, que non existen fisicamente. Aínda que moitas veces se confunden, blockchain e Bitcoin non son o mesmo. Segundo palabras de Ángel Zorrilla “o primeiro é unha tecnoloxía que funciona como un enorme libro de rexistros enlazados que posibilita facer transaccións de forma cifrada e que elimina a necesidade de intermediarios nas transaccións. O segundo é o diñeiro xerado dentro desta ‘cadea’, e a súa existencia como criptomoeda só é posíbel procesando grandes cantidades de datos, o que se coñece como minaría”, en analoxía coa minería de ouro, pero en vez de mover grandes máquinas pesadas, a maquinaria son grandes equipos informáticos complexos que realizan cálculos computacionais.

A criptomoeda Bitcoin naceu 2008 por unha entidade coñecida como Satoshi Nakamoto

Blockchain ten moitas vantaxes, a principal é que é moi segura, é practicamente inhackeable grazas á súa propia arquitectura. As súas aplicacións non se limitan só ao Bitcoin, senón que son moi diversas: asinamento de contratos, votacións en eleccións, gardar rexistros médicos e bancarios e incluso, loita contra a pandemia da Covid-19.

A aplicación máis coñecida de blockchain é sen dúbida Bitcoin. Esta criptomoeda naceu 2008 por unha entidade coñecida como Satoshi Nakamoto. A día de hoxe, a identidade desa(s) persoa(s) segue sen coñecerse. As principais características do Bitcon son: que é unha moeda descentralizada, é dicir, non ten unha sede ou servidor en particular; non pode ser intervida e non é necesario revelar a identidade ao facer negocios. Ademais, ten unha alta volatilidade do seu prezo polo seu carácter especulativo.

Por que está aínda máis de moda o Bitcoin nestes momentos?

En maio de 2018 xa se falou do alto consumo de enerxía de Bitcoin, no que se mencionaba un artigo que estimaba consumiría o 0.5% da electricidade mundial para finais de 2018 e un 1.8% para finais de 2019.

Aínda que non se cumpriron as estimacións, o Bitcoin segue xerando grande controversia en relación ao seu alto consumo eléctrico e máis despois do anuncio de que Tesla, empresa da cal Elon Musk é o director xeral, anunciase o investimento de 1.500 millóns de dólares en Bitcoin, ademais de comezar a aceptar a criptomoeda como método de pago. Este investimento desencadeou que se realizasen máis investimentos na moeda virtual, chegando así a máximos históricos de cotización, superando os 50.000 dólares (41.400 euros) (17 de febreiro).

Cotización Bitcoin 17 febreiro 2021
Cotización do Bitcoin o 17 de febreiro de 2021. Fonte: Coindesk

Dentro do que podemos chamar “o paradoxo de Musk”, conflúe un home que constrúe a súa fortuna ao redor da fabricación de coches eléctricos que non emiten dióxido de carbono e que ofrece 100 millóns de euros ao mellor sistema que elimine CO2 do aire, e outro que é responsable de que se dispare o consumo enerxético do Bitcoin.

A día de hoxe, toda a rede de Bitcoin consome anualmente 116 TW·h, máiss que os Emiratos Árabes Unidos ou a metade do consumo español. Por outro lado, ten unha pegada de carbono de 37 millóns de toneladas de CO2, comparable coas emisións de Dinamarca ou Eslovaquia, as emisións de 4 millóns de coches diésel ao ano ou máis de 10 veces o CO2 non emitido polos coches eléctricos de Tesla (3.7M de toneladas de CO2).

Consumo Bitcoin Estados
Estimación do consumo anual en Tw·h do Bitcoin e comparado co consumo do diferentes Estados. Fonte: Cambridge Bitcoin Electricity Consumption Index
Toda a rede de Bitcoin ten unha pegada de carbono de 37 millóns de toneladas de CO2, comparable coas emisións de Dinamarca ou Eslovaquia

Cabe destacar que Tesla non só investiu en Bitcoins, senón que tamén comezará a acéptalo como método de pago. O que supón que se compras un Tesla Model 3 que consome 16 kW·h cada 100 km e o pagas mediante Bitcoin, o simple feito de facer esa transacción, consumiría o mesmo que se andases 4700 kms con ese coche.

Os Bitcoins (BTCs) consomen a mesma cantidade de enerxía por unidade de tempo independientemente de cantas transaccións se realicen nese mesmo tempo. É dicir, dá igual que se faga unha transacción de 4 ou 43.000 BTCs. É difícil estimar con precisión a cantidade de enerxía utilizada para minar BTCs porque depende da ubicación, aínda así, a estimación media dunha transacción é de 741 kW·h o que equivale ao consumo medio dun fogar español durante máis de 80 días (consumo medio diario 9 kW·h)

Pero isto non acaba aquí, un estudo publicado na revista científica Nature en 2018, advertía que se Bitcoin se convertise na principal forma de pago, o consumo enerxético e emisións da criptomoeda por si soas, elevaría a temperatura media global por riba dos 2º C en menos de 20 anos, imposibilitando así o cumprimento do Acordo de París.

O Bitcoin é só unha de tantas criptomoedas que hai, e moitas delas coa mesma problemática do consumo enerxético. Como afirmou Franck Leroy, nun artigo onde tamén invitaba aos greens hackers a actuar fronte a criptomoeda: “Bitcoin é o peor desperdicio de recursos e enerxía da historia da humanidade”.

Pero por que consume tanta enerxía?

Para entendelo, hai que saber como funciona blockchain e que unha transacción de Bitcoin non é como enviarlle diñeiro a alguén mediante Bizum ou calquera tipo de envío de diñeiro dixital. No caso do Bitcoin, non hai un banco ou bancos que verifiquen ou certifiquen as transaccións, senón que é a propia rede de usuarios a que se encarga de facer este traballo. Cando unha persoa A lle envía 1 Bitcoin a B, a rede de usuarios comproba que esa persoa ‘A’ sexa ‘A’ (hai que lembrar que as transaccións son anónimas, non se rexistran nomes, senón ‘contrasinais’) e que A teña máis diñeiro do que quere enviar. Se isto está ben, toda a comunidade da rede de Bitcoin anota que A ten 1 Bitcoin menos e que B ten 1 Bitcoin máis. Hai que aclarar que non son persoas as que fan esta validación, non hai ninguén lendo números e letras nunha pantalla, son ordenadores (moi potentes) os que realizan esta acción. Debido a que toda a información está encriptada (de aí que sexa unha criptomoeda), é unha tarefa moi costosa.

No caso do Bitcoin, non hai un banco ou bancos que verifiquen ou certifiquen as transaccións, senón que é a propia rede de usuarios a que se encarga de facer este traballo

Pero isto non acaba aquí, debido a descentralidade de Bitcoin, é dicir non hai unha única persoa que leve as contas, senón que ‘toda comunidade leva as contas de toda a comunidade’, pode acontecer que varios usuarios da rede ‘anoten’ as transaccións en diferente orde. Polo tanto, é necesario que toda a comunidade se poña dacordo para que todas as copias do libro de contas sexan iguais. É aquí cando entra o concepto de blockchain ou ‘cadea de bloques’, que se basea en empaquetar varias transaccións nun mesmo bloque e escoller un deses bloques candidatos para engadilo á cadea de bloques que conteñen as transaccións do pasado. Unha vez que se une un bloque á cadea, este é imposible de modificar.

Para escoller o bloque gañador, a “comunidade de verificadores de Bitcoin”, tamén chamados ‘mineiros’ pola similitude coa minaría, loitan por descrifar un contrasinal. A primeira persoa en descifralo, gaña o dereito de engadir o seguinte bloque oficial e o resto da comunidade anota, por fin, ese bloque no “libro de contas”.

Por que alguén ía perder tempo e enerxía en facer ese traballo de verificación? A día de hoxe, a recompensa por conseguir crear un bloque (‘minar’) é de 6.5 BTCs, 270.000 € a 17 de febreiro de 2021. Porén, a recompensa por minar, reducese á metade cada 210.000 bloques nun proceso que se chama halving, o que fai que cada vez se ‘emitan’ menos Bitcoins, ata alcanzar o total de 21 millóns de Bitcoins.

A día de hoxe, a recompensa por conseguir crear un bloque (‘minar’) é de 6.5 BTCs, 270.000 € a 17 de febreiro de 2021

Como vimos antes, só a persoa gañadora da carreira por descrifar o encriptado, recibe a recompensa, o que leva á xente a adquirir as tarxetas gráficas e procesadores de última xeración para os seus ordenadores. Como resultado temos a moita xente (a rede de minaría) con ordenadores de última xeración conectados á rede eléctrica 24 horas ao día.

É certo que se esta xente utilizase electricidade procedente de fontes renovábeis, a pegada ecolóxica do Bitcoin reduciríase moito. Non obstante, a realidade é moi diferente, xa que os lugares onde máis minan, usan fontes de enerxía non renovábeis. Así, temos a China co 65% do poder de minado, seguido dos Estados Unidos Americanos (7,24%) e Rusia (6.90%).

Ademais só a rexión autónoma chinesa de Xinjiang, concentra o 35% da potencia de minado total. Isto débese á concentración de ‘granxas de minado’ (un espazo a semellenza dunha granxa, no que se concentra un número considerable de ordenadores de alto rendimento coa finalidade de minar criptomoedas) en lugares concretos. De feito, as 22 ‘granxas de minado’ máis grandes, controlan practicamente o 100% da Bitcoin minado.

Bitcoin, a primeira criptomoeda creada e que usa a tecnoloxía descentralizada de blockchain, é actualmente un oligopolio de minado e unha fonte de especulación e gasto enerxético sen sentido para algo, que nin tan sequera existe.

Cargando valoraciones...
Ver comentarios 13
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios 13

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...