Julia Castillo
12 jun 2026 11:25 | Actualizado: 12 jun 2026 13:32

Querida e admirada Virxinia,

Levo tempo pensando en ti. Non na Virxinia convertida nunha figura literaria nin na cita obrigada de tantos discursos correctos, ou na que a maioría lembra polas pedras nos seus petos afundíndose na auga, senón na muller que precisou defender algo tan elemental e tan revolucionario como unha habitación propia para poder escribir.

Compréndote máis do que pensas, mais, aínda que sexas o meu referente para moitas das miñas loitas, gustaríame matizar unha delas, quizais a máis importante cara ao século XXI, que é desde o que che escribo, xa que te coñecen como a descubridora da idea, porque ti sabes, coma min, que non fuches ti quen descubriu a necesidade dun espazo propio para as mulleres. Moitas outras xa tentaran construílo antes, ás veces cun cuarto, ás veces cunha cidade enteira.

Feita esta pequena puntualización, que espero non te molestase, quería contarche que hoxe seguimos falando dese cuarto coma se fose unha metáfora fermosa, cando en realidade era moito máis: a falta de tempo, de silencio e de independencia material, e as tres cousas continúan sendo un luxo para demasiadas mulleres.

É máis, mesmo hoxe moitas teñen verbas, pero non teñen papel. E falo do tempo imprescindible para pensar sen interrupcións, para ler sen culpa, para sentar un intre sen que alguén, ou algo, reclame inmediatamente a súa atención.

Porque, malia os discursos triunfais sobre igualdade e conciliación, os coidados e a reprodución continúan recaendo maioritariamente sobre as mulleres, coma se fosen unha extensión natural do seu corpo e non o traballo máis necesario para soster a sociedade.

A muller, enganada pola panacea da súa realización, conseguiu entrar no mercado laboral, si, pero sen abandonar o outro. Agora debe ser produtiva para o capital diante dunha nómina e tamén dentro da casa, sostendo silenciosamente o máis indispensable dos traballos: reproducirse e coidar a vida. E todo iso adoita presentarse como liberdade conquistada.

E, mentres tanto, a muller segue berrando nas rúas, esixindo máis do mesmo sen decatarse de que continúa atrapada dentro do mesmo escravismo. Un escravismo máis moderno, máis sofisticado e máis difícil de recoñecer, pero escravismo ao fin e ao cabo.

Ás veces penso que todo comezou cando a muller perdeu o seu trono simbólico naqueles tempos remotos nos que era considerada a deusa da tribo porque facía maxia: das súas entrañas nacían novas persoas. Co tempo, aquela capacidade de crear e soster a vida deixou de ser poder para converterse en obriga.

Quizais por iso seguimos precisando cuartos propios, Virxinia. Porque seguimos tentando recuperar algo moito máis profundo ca unha habitación: o dereito a pertencernos a nós mesmas. Pero o primeiro cuarto que hai que conquistar está nos nosos miolos. Temos que ter clara cal é a verdadeira liberdade.

Despídome de ti sabendo que esta carta nunca terá resposta. Aínda así, gústame imaxinar que, nalgún recuncho imposible da literatura e do tempo, poderías lela e sorrir ante estas reflexións dunha muller do século XXI que segue buscando, coma ti, un lugar desde o que pensar e escribir sen permiso.

Con admiración, discusión e gratitude,

Begoña Caamaño

Julia Castillo


Este es un espacio para la libre expresión de las personas socias de El Salto. El Salto no comparte necesariamente las opiniones vertidas en esta sección.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...