Novos perfís, vellos recursos: o desafío das residencias públicas da Xunta de Galiza

As residencias públicas están a vivir unha transformación profunda. A incorporación de novos perfís asistenciais abre un debate necesario sobre o modelo de coidados, a planificación dos recursos e a responsabilidade das administracións. Dende a experiencia dunha TCAE da Xunta de Galiza, este artigo propón unha reflexión sobre un cambio que xa forma parte do día a día de moitos centros, pero que apenas foi obxecto de debate público
Paula María Lorenzo Chouza
25 jul 2026 21:40 | Actualizado: 26 jul 2026 12:12


Hai profesións que se escollen por vocación. A miña é unha delas.

Son Técnica en Coidados Auxiliares de Enfermaría nunha residencia pública da Xunta de Galicia. O meu traballo consiste en proporcionar coidados profesionais a persoas maiores con diferentes graos de dependencia e necesidades asistenciais. Formo parte dun equipo interdisciplinar no que as TCAE desempeñamos un papel esencial na atención directa, na observación continua das persoas residentes, na detección precoz de cambios no seu estado de saúde, na aplicación do plan de coidados e na preservación da súa autonomía, do seu benestar e da súa dignidade. Un labor que, malia ser imprescindible para o funcionamento diario dunha residencia, continúa sen recibir o recoñecemento profesional que merece.

Sempre nos contaron que unha residencia de maiores era precisamente iso: un lugar onde as persoas maiores recibían os coidados que necesitaban cando xa non podían vivir soas.

Hoxe xa non estou tan segura de que siga sendo así.

Non porque as persoas maiores cambiasen.

Cambiaron as decisións.E cambiaron sen explicarlle nada á sociedade.

Durante anos falouse de humanización, de atención centrada na persoa, de envellecemento digno e de coidados de calidade. Son conceptos cos que calquera profesional pode sentirse identificado. O problema aparece cando a realidade diaria deixa de parecerse ao discurso institucional.

Cada vez ingresan máis persoas con perfís asistenciais que pouco teñen que ver coa realidade para a que foron concibidas as residencias de maiores. Persoas máis novas, con necesidades diferentes e, en ocasións, con problemas de saúde mental ou trastornos por consumo de substancias.

Antes de continuar quero deixar algo absolutamente claro.

Este artigo non cuestiona o dereito de ningunha persoa a recibir atención pública.

Ao contrario.

Creo profundamente nun sistema público forte, universal e accesible para todas as persoas.

O que cuestiono é outra cousa moi distinta.

Cuestiono que a Administración estea respondendo á falta de recursos adaptando as persoas aos centros, en lugar de adaptar os centros ás necesidades das persoas.

Porque iso non é planificar. Iso é improvisar.

Cando os profesionais expresamos esta preocupación, a resposta que recibimos dende a Consellería de Política Social foi que estabamos a estigmatizar determinados colectivos.

NON

NON estamos estigmatizando a ninguén.

Sinalar que unha persoa con necesidades específicas necesita un recurso específico NON é discriminación.

É exactamente o contrario.

É defender que reciba a atención que merece.

Unha persoa con trastorno mental merece profesionais especializados, protocolos adecuados e un recurso pensado para a súa realidade.

Unha persoa con problemas de adicción merece unha atención especializada.

Unha persoa maior con demencia avanzada tamén.

Pretender que un único recurso sirva para responder a necesidades tan diferentes non beneficia a ninguén.

Nos últimos tempos tamén escoitamos outro argumento con frecuencia. "As residencias xa non son residencias de maiores. Agora son centros sociosanitarios." Pero iso tampouco explica o que está pasando.

Unha residencia de maiores segue sendo unha residencia de maiores, o feito de prestar atención sociosanitaria non cambia a súa natureza.

A atención sociosanitaria é un modelo de coidados que integra a dimensión sanitaria e a social.

Non é unha nova categoría de centro.

Non converte automaticamente unha residencia de maiores nun recurso preparado para calquera perfil asistencial.

Confundir ambos conceptos só serve para crear a impresión de que todo está previsto cando, desde dentro, a sensación é precisamente a contraria.

Porque o problema non son as palabras, o problema son os recursos.

Ou, mellor dito, a falta deles.

Cambiar o perfil das persoas residentes implica cambiar tamén a organización do centro.

Implica máis formación.

Máis profesionais.

Máis protocolos.

Máis coordinación.

Máis seguridade.

Se iso non ocorre, quen acaba asumindo ese cambio somos os traballadores.

E tamén as persoas residentes.

Moitas das persoas maiores que viven nas nosas residencias presentan deterioro cognitivo, dependencia física ou enfermidades propias do envellecemento.

Necesitan tranquilidade.

Rutinas.

Estabilidade.

SEGURIDADE.

Ao mesmo tempo poden convivir con persoas moito máis novas, ás veces completamente autónomas para as actividades básicas da vida diaria, pero con necesidades asistenciais moi diferentes.

Non estou dicindo que unhas persoas teñan máis dereitos ca outras.

Estou dicindo que probablemente non precisan o mesmo recurso.

Porque unha residencia non é simplemente un edificio con camasÉ un espazo pensado para responder a unhas necesidades concretas.

Cando mesturamos perfís asistenciais moi diferentes sen modificar a organización, as consecuencias aparecen inevitablemente.

Non sempre son grandes titulares.Ás veces son cousas pequenas.

Persoas maiores que deixan de utilizar determinados espazos.

Familias que preguntan que está pasando.

Profesionais que rematan a quenda cunha sensación permanente de non chegar a todo.

E outras veces os conflitos fanse visibles.

Non porque exista un diagnóstico.

Senón porque un recurso inadecuado acaba xerando frustración, tensión e dificultades de convivencia.

O máis inxusto de todo isto é que acaba prexudicando precisamente ás persoas ás que se pretendía protexer.

Ás persoas maiores.

Ás persoas con enfermidade mental.

Ás persoas con problemas de adicción.

E aos profesionais.

TODOS PERDEN...

...e mentres tanto, dende os despachos, o debate redúcese a unha cuestión de terminoloxía.

Que se agora somos sociosanitarios.

Que se o modelo cambiou.

Que se hai que adaptarse...

Pero adaptarse non pode significar aceptar calquera decisión sen preguntar.

Quen decidiu este cambio?

Cando se explicou á cidadanía?

En que momento se abriu un debate público sobre o futuro das residencias públicas de Galicia?

Onde están os informes que avalían o impacto deste novo modelo?

Onde está o reforzo das plantillas?

Onde está a formación específica?

Onde están os novos recursos especializados que deberían acompañar esta transformación?

Porque cambiar unha palabra non cambia a realidade.

Os coidados seguen recaendo sobre as mesmas mans.

As mesmas TCAE.

Os mesmos profesionais que, malia todo, seguimos intentando facer o mellor posible cada día.

Este artigo non busca culpabilizar ás persoas que viven nas residencias.

Busca sinalar a responsabilidade de quen deseña as políticas públicas.

Porque son as administracións as que deciden onde invisten.

Que recursos crean e cales destrúen.

Que prazas abren e cales pechan.

Que centros transforman e cales pechan.

E tamén son elas as responsables de explicar esas decisións con transparencia.

Como TCAE síntome orgullosa do meu traballo.Pero tamén sinto a obriga moral de falar cando vexo que o sistema público de coidados está cambiando sen que ninguén lle pregunte á sociedade se ese é o camiño que quere seguir.

As residencias públicas son moito máis ca edificios.

Son a casa de miles de persoas.

Tamén son o lugar onde miles de profesionais desenvolvemos a nosa vida laboral.

Merecen planificación.

Merecen investimento.

Merecen honestidade.

E merecen un debate público que ata agora non existiu.

Porque coidar non é buscar unha cama libre.

Coidar é garantir que cada persoa estea no recurso que realmente necesita.

Ese debería ser o compromiso dunha Administración pública.

E hoxe, sinceramente, teño a sensación de que nos estamos afastando del.

Este es un espacio para la libre expresión de las personas socias de El Salto. El Salto no comparte necesariamente las opiniones vertidas en esta sección.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...