CGAC 1
Acto de constitución do Instituto Galego da Praxe Actual (IGAPA) co apoio do Ministerio Federal de Asuntos do Movemento de la República de Austria e a ausencia dos representantes institucionais do gobierno de Galicia convidados. Sala do Padroado do CGAC, 2014. Imaxe cedida por Horacio González.

Nunca máis sós: o mundo da cultura érguese contra o control político do CGAC

O conflito polo nomeamento da dirección do centro convértese nunha denuncia máis ampla contra a neutralización da liberdade de creación artística e o que o sector considera décadas de control político da cultura galega.

Avogada especializada en dereito da cultura e crítica cultural.

Presidente da Asociación Galega de Ensinantes de Debuxo e Artes.

14 jun 2026 05:30

A proxección que adquiriu a confrontación da Xunta de Galicia coa comunidade cultural nacional e internacional, por causa do procedemento escollido para a provisión do posto de dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), demostra que, máis alá do propio acontecemento, debátese aquí unha cuestión de fondo. Interpretar as mobilizacións que se están levando a cabo baixo o lema SÓS CGAC como unha mera reacción de descontento fronte ao nomeamento dunha determinada persoa ou un “asalto partidista” ao centro é tan erróneo como pensar que se trata dunha reivindicación micro-sectorial acoutada ao ámbito da xestión dos museos de arte contemporánea.

SÓS CGAC é un síntoma mais do malestar que afecta a toda a cultura galega. Unha inflamación local producida por un programa político global que sistematicamente deslexitima ás axentes culturais independentes —véxanse as recentes entrevistas concedidas polo Director Xeral de Cultura— e selectivamente instrumentaliza as producións culturais que máis se adecúan ás súas fins propagandísticas.

Do mesmo xeito que as conclusións que amosan as preocupantes enquisas sobre o uso do galego, SÓS CGAC debe interpretarse como un sinal de alerta acerca de como se está a xestionar a cultura en Galicia, sempre favorecendo os intereses espurios da política fronte aos intereses da cidadanía. SÓS CGAC non é SÓS proceso de elección da dirección do CGAC é SÓS CULTURA GALEGA: unha chamada de atención respecto do estado de abandono dunha institución que é de todas, que é a nosa casa, que leva décadas deteriorándose e que vai quedar subordinada á arbitrariedade política da consellería e aos intereses da Cidade da Cultura e do turismo internacional.

Así comezaba o texto Necroinstitucionalidade e contexto. 15 anos de Burla Negra co que participamos no Catálogo do festival Inmersiones 2018 Entorno a la hoguera, comisariado pola investigadora Maria Ptqk en Gasteiz, Araba:

“O bucle dos anos circulares reprégase unha e outra vez sobre Galicia, todo está permanentemente de estrea, condenado a nacer enerxicamente e desaparecer sen posibilidade de arraigamento, para que o seguinte xurda de novo sen conexión algunha co anterior. Galicia é un aparello necroinstitucional que se recubre dun denso veo negro cada certo tempo e adica todos os seus recursos a prolongar indefinidamente a súa existencia ‘post mortem”

Case unha década despois de publicar este diagnóstico cultural, un novo acontecemento repetido fai avanzar o desenlace final, sempre por chegar, do corpo en descomposición da cultura institucional en Galicia; a neutralización da liberdade fundamental de produción e creación artística mediante o control político do CGAC. Un control que, como xa explicamos na entrevista con Maria von Toucedanon se produce co nomeamento da nova dirección do CGAC, senón que leva sucedendo tres décadas e que á fin vertebra tanto a historia do centro, como a do resto de recursos públicos culturais.

Galicia sofre unha negación histórica da súa autonomía cultural que, no caso do CGAC, concrétase na súa dependencia respecto da consellería da que forma parte. Esta institución nunca foi un ente autónomo, senón unha unidade administrativa, orgánica e xerarquicamente, dependente da dirección xeral de cultura.

Trala aprobación dunha lei de museos autonómica que reserva as funcións directivas de todos os museos galegos a persoas funcionarias e centraliza a dirección política da cultura, en 2021, e tralo reordenamento interno da Consellería de Cultura polo que se fai a dirección do CGAC un cargo equivalente a unha subdirección xeral da administración autonómica, en 2024, a pouca autonomía que conservaba o CGAC quedou, definitivamente, cercenada.

Por si mesma, a reserva funcionarial das funcións directivas dos museos galegos feita na Lei de Museos de Galicia (2021) non supón máis que a manifestación dunha regra xeral da administración pública, pero o reordenamento interno da Consellería de Cultura (2024) fai a dirección do CGAC equivalente a unha subdirección xeral de cultura, dotándoa dunha aparente responsabilidade pública de carácter xeral, sen que en verdade teña atribuída ningunha función específica respecto da ordenación cultural de todo o territorio galego. Esta equivalencia é o que permite —en ningún caso obriga— recorrer á libre designación como método de carácter excepcional para a provisión do cargo.

A recente elección da dirección do CGAC constitúe así o último nó dunha extensa rede que leva anos despregándose, ou na nosa opinión repregándose a través de sucesivos descabezamentos e encabezamentos da institución que se repiten unha e outra vez con maior apertura ou peche segundo as necesidades de expansión ou contracción económica ou política.

Malia que desde a Conselllería de Cultura se ven insistindo en que tanto a reserva funcionarial como o método de libre designación son unha imposición legala verdade é que a capacidade do conselleiro de nomear discrecionalmente á nova directora do CGAC, motivando razoadamente a súa idoneidade para o posto —sen que deban concorrer no procedemento de libre designación baremos ou criterios obxectivos nin avaliación estrita de méritos entre as candidatas—, non é máis que unha posibilidade entre outras. Unha potestade excepcional, non unha obriga. Nada impide que, conforme á lei, a consellería convoque un concurso público para persoal funcionario se así o tivese establecido na última modificación da relación de postos de traballo (RPT) da Consellería de Cultura aprobada o pasado 3 de marzo de 2026.

Porén, a consellería serviuse desta modificación para abrir o posto de dirección do CGAC a outras administracións e a un corpo funcionarial diferente ao de museos —ao que a Lei de Museos de Galicia reserva as funcións directivas dos museos galegos—, como é o docente, ao que pertence a persoa finalmente seleccionada polo Conselleiro de Cultura, a proposta do Director Xeral de Cultura. Como tampouco nada impedía que conforme á Lei de función pública de Galicia (2015) a Consellería tivera incluído os requisitos de traxectoria profesional e formación específicos que ademais dos xerais de titulación universitaria e curso de perfeccionamento do galego puideran acreditar a capacidade necesaria para o desempeño do posto, como de feito fai a administración xeral do Estado para a provisión por libre designación, de museos como o Museo Nacional de Antropoloxía.

Pero é máis, nada impedía que conforme a mesma Lei de función de pública de Galicia, a consellería solicitase a intervención de especialistas que avaliasen a idoneidade das persoas candidatas e dos seus proxectos. Visto o visto, semella que a discrecionalidade, permitida excepcionalmente á administración mudou en arbitrariedade, que si está prohibida á administración. Tanto o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como o Tribunal Supremo (TS), en múltiples e reiteradas sentencias, veñen esixindo, para admitir a libre designación como método apropiado de provisión de postos de alta responsabilidade, o máis alto grado de motivación e acreditación dos méritos, capacidades e circunstancias persoais.

Ditos méritos, capacidades e circunstancias persoais, en todo caso, deben cimentar a confianza profesional que poida garantir a idoneidade das persoas seleccionadas, sen que en ningún caso baste a simple mención á maior idoneidade, chegando a anular en reiteradas ocasións nomeamentos previstos por leis autonómicas e estatais por carecer todos eles dunha motivación suficiente.

Polo tanto, a suposta obriga legal de proveer o posto de dirección do CGAC ou de  calquera outro museo con persoal funcionario é unha decisión política da Consellería de Cultura blindada por Lei no 2021. Como tamén o é acudir ao método da libre designación, habilitando a consellería a súa posibilidade excepcional, por decreto no 2024.

Tristemente, a defensa falaz dun argumentario político mediante a súa repetición mediaticamente controlada é unha práctica habitual á que o actual goberno da Xunta de Galicia tennos  acostumadas. Con todo, ler estes días na prensa artigos asinados por profesionais da arte, historiadoras e académicas, aventurándose a facer unha análise técnica sobre a pertinencia legal do procedemento administrativo de libre designación supón un intrusismo profesional intolerable.

Neste proceso institucional, o Goberno galego, acada un fito no seu programa político cultural, comandado polo Director Xeral de Cultura desde o ano 2012, Anxo M. Lorenzo: a expulsión da vida cultural dotada de recursos públicos de creadoras, pensadoras, profesionais, cidadás e colectivos con formas estéticas de vivir non afíns aos valores conservadores da actual Xunta de Galicia.

Unha Xunta defensora da rebaixa da protección ambiental do territorio, da privatización da sanidade pública, da precarización por asfixia da educación pública, da desafección lingüística, do control autoritario da diversidade familiar, reprodutiva e sexual, da negación da regularización das persoas migrantes ou da indigna prioridade nacional. Este é o terreo no que se está a librar a actual batalla cultural, cun reparto de recursos moi desigual, tanto polo descoñecemento xeral das ferramentas que se están a empregar como pola posición de dominio e abuso mediático da administración autonómica.

Como xa ven sendo habitual, as persoas que conforman a comunidade cultural que, non o esquezamos, en pouco se diferencia da comunidade social á que en verdade pertence a lexitimidade para confrontar este programa político, vense arrastradas ao interior da fosa séptica dunha gobernanza institucional perxudicial e caduca. Absolutamente contraria aos máis recentes avances en materia de dereitos culturais e de defensa do dereito humano universal de participación real na vida cultural.

Unha gobernanza cultural, a da Xunta de Galicia, profundamente patriarcal, atravesada de cabo a rabo —sobre todo a rabo— por dolorosas e cruentas loitas intestinas reproducidas unhas veces por medo e outras por falta de transparencia, no interior da colectividade creadora e profesional. En moitas ocasións, provocadas pola falta de formalidade no ámbito institucional e por unha ineficiente, ineficaz e parcial distribución dos recursos que supón o claro quebranto do mandato constitucional de eficiencia, eficacia e obxectividade da administración pública. Unha práctica que doe e dana, que se repite unha e outra vez nun bucle cada vez máis excluínte.

A vida cultural da nosa comunidade merece un trato digno, afectuoso, erótico, diverso, plural e respectuoso que manteña autónomo o desexo de construír sexa mediante o consenso ou o conflito. A participación democrática real e a garantía dos dereitos culturais pasan pola cesión de espazos de poder, no sentido positivo de potencia de acción e decisión, no interior dos centros e recursos culturais públicos.

A garantía de participación e a boa saúde democrática do sistema cultural en Galicia non dependen nin da reserva funcionarial das direccións dos museos públicos nin da provisión dos mesmos por unha eventual elite curricular. Antes ben pasa polo dereito exercido de cada unha de nós, a participar individual e colectivamente, na gobernanza das nosas institucións, pola redistribución dos recursos públicos entre as diversas manifestacións artísticas de xeito equitativo en todo o territorio e pola correcta e constante formación, provisión e actualización do corpo de funcionarias públicas.

O coidado das diversas formas de vida estética que conforman, nunha crecente rede de parentesco é unha necesidade urxente en Galicia. A nosa cultura debe desprazar o centro de acción pública dos grandes eventos e espazos especulativos, cun acceso privilexiado aos recursos públicos e privados, cara o fortalecemento dun tecido autónomo, diverso e sostible que garanta a supervivencia no presente das diferentes expresións culturais libres. A acción pública debe deixar de utilizarse sistematicamente para imposibilitar as condicións de vida das expresións culturais que non serven aos intereses políticos. Ese cambio radical só pode devir da caída do poder triste que nos divide e da muda radical dos corpos que performan a representatividade democrática.

Para calmar as augas que a propia administración pública axitou, en lugar dese necesario coidado, a Consellería de Cultura ofrece unha participación “formal”. Ábrense a unha escoita máis ou menos paciente, pero non establecen canles que doten de poder de decisión á cidadanía na elaboración do que se anuncia como o “primeiro Plan Director do CGAC”; proposta na que o conselleiro de Cultura chama a participar a todo o “sector” persoalmente, desde a súa tribuna parlamentaria. A chamada, unha vez máis, como xa pasara co Plan Integral de Danza da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e tantos outros plans de cultura, lonxe de garantir a participación cidadá, non é máis que un novo encargo encuberto de servicios profesionais de consultoría sen remuneración, por parte de quen xa perdeu a condición de interlocutor válido.

Unha proposta feita co claro obxectivo de suplir con traballo cultural gratuíto a elaboración dun Plan Director que desde a aprobación do novo regulamento interno do centro en 2024 é unha das obrigas esenciais da dirección; como o era a obriga de elaborar un plan de actividades anual, desde a aprobación no ano 1994 do Decreto que rexía a súa anterior regulación.

Quizais pensen o director xeral e o conselleiro de Cultura que, como é costume en Galicia, ofrecendo certa validación institucional e a posibilidade de achegarse ás axentes culturais que continúan alimentando o modelo de xestión, que durante décadas lles favoreceu, van desactivar a resposta colectiva e de paso recibir un bo feixe de propostas. Se cadra é así, os acontecementos insisten na súa repetición en Galicia, pero como din as compañeiras do Matronato do Museo Sorportable, os tempos son chegados:

“A pregunta xa é outra: que tipo de organismo público pode facer posible que a cultura contemporánea exista, circule, pense, entre en conflito e se transforme sen quedar sometida á herdanza, ao que tomou e aos rastros que aínda orientan o seu desexo cara a unha dirección gastada. Un museo público non debería administrar a autoridade das formas esgotadas. Debería facer visible o segundo exacto no que esa autoridade deixou de ser cultura e pasou a ser poder”.

SÓS no CGAC están a quedar o licenciado en Dereito Alfonso Rueda, presidente da Xunta; o exempleado de banca José López Campos, conselleiro de Cultura; o doutor en Filoloxía Hispánica, Anxo M. Lorenzo, director Xeral de Cultura; e o catedrático de arte actual e polémico comisario Antón Castro, vogal supervivente no Consello Asesor do CGAC, tras rexeitar e intentar deslexitimar a abrumadora resposta colectiva das máis de 1.600 persoas e entidades locais, autonómicas, nacionais e internacionais interesadas, é dicir, atravesadas no seu ser polo devir da arte contemporánea e a gobernanza cultural en Galicia.

SÓS no CGAC están os capitáns do “buque insignia”, mascarón de proa da Fundación Cidade da Cultura, que como o Prestige arrastra un perigoso defecto estrutural que, agravado polas decisións da Xunta de Galicia —igual de equivocadas que as que tomaron no 2002—, abrirán a vía de auga pola que o CGAC partirá e afundirá cubrindo a nosa riqueza colectiva cun denso veo negro que teremos que volver a limpar xuntas, creando novos parentescos e familias raras como a que compartimos coas compañeiras Leira (Laura Tabares e Antonio Giráldez):

“Nas profundidades abisais aprendemos a recoñecernos, probablemente con outros mecanismos, alianzas, economías e formas de facer totalmente diferentes ás que operan na superficie. Creamos un ecosistema de subsistencia que nos fai a vida algo menos triste. Arrimaremos o hombreiro para que o CGAC non afunda, porque ante todo somos partisanas, pero sabemos que se volve á superficie, ninguén nos dará a man para sacarnos do fondo ou se mergullará con nós. E se, despois de todo, afunde completamente, habitaremos o seu esqueleto.

Afunda ou non, “volta ao primeiro plano a esixencia de instituír a vida, no dobre sentido de revitalizar as institucións e de devolver á vida aqueles rasgos instituíntes que a elevan por riba da mera materia biolóxica”. Nunca Máis SÓS.

Sobre as autoras
Ania e Horacio González desenvolven desde o 2013 a liña de acción-investigación Outra Institucionalidade.

Galicia
¿Qué pasa con el CGAC? El mundo del arte se revuelve en Galicia por el nombramiento de su nueva directora
La abogada, crítica y experta en Estudios Museísticos, Ania González, aborda la discrecionalidad del proceso, la posible cooptación política del puesto y un potencial futuro truncado del centro de referencia del arte contemporáneo en Galicia.

Los artículos de opinión no reflejan necesariamente la visión del medio.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...