Opinión
Entre o pasado e o futuro do 24 de xullo
Movemento Socialista.
Que o terreo político no que chega este 24 de xullo está a cambiar é xa unha evidencia que poucos se atreven a negar. A conxuntura internacional encárgase de dar un baño de auga fría cada mañá a todo aquel que o intente. Aínda así, o que algúns seguen ignorando é a dimensión do cambio. O que temos diante non é máis ca un esbozo dun proceso que seguirá. Quen pretende construír unha alternativa revolucionaria non pode ignorar esta realidade. Agora ben, recoñecer un cambio de escenario político non significa reescribir todo o escrito —principios incluídos—, senón afrontar os retos pendentes e os novos coa vontade de atopar respostas efectivas para este momento concreto.
Seguro que podemos estar de acordo en que o pasado das loitas obreiras xoga un papel fundamental nesta tarefa. Sen el non hai aprendizaxe colectiva nin posibilidade de entender os problemas que temos diante. As diferenzas aparecen cando tentamos responder unha pregunta máis profunda: que papel debe xogar o pasado na construción dos proxectos políticos do presente? Porque unha cousa é reivindicar unha tradición, aprender das súas experiencias e recoller o seu legado. Outra ben distinta é converter esa relación coa historia no criterio que determine quen está lexitimado para intervir politicamente no presente. A pregunta, polo tanto, non é só se lembramos, senón para que serve aquilo que lembramos.
É desde este debate desde onde leo a intervención que hai menos dunha semana facía José João R. Rodrigues nesta mesma casa. O seu artigo lembra algo difícil de discutir: o 24 de xullo forma parte dunha tradición histórica construída polo independentismo galego. A cuestión aparece cando no seu relato a relación coa tradición parece deixar de ser unha fonte de aprendizaxe e pasa a converterse no elemento que decide quen e como pode intervir politicamente sobre a data. Esa é, ao meu entender, a lóxica que atravesa o seu relato e as críticas que lanza contra a campaña política realizada polo Movemento Socialista nos últimos meses.
O autor dá moito peso na súa intervención ao pasado do 24 de xullo e ás causas polas que loitaban as forzas implicadas. O seu relato, porén, ten esa curiosa capacidade que ás veces teñen as historias políticas cando se contan desde o presente: canto máis claras parecen, máis cousas deixan fóra. A esquerda independentista aparece como un bloque homoxéneo, sen contradicións nin debates internos; unha fotografía tan limpa que case parece construída para confirmar a tese da que parte. Mais esa cuestión, aínda sendo relevante, non é o fondo do debate. A pregunta relevante é outra: por que sería necesario ocultar esa orixe para construír unha convocatoria comunista no presente? A resposta, claro, non aparece no artigo. Ademais resulta difícil sostela nos feitos cando se sae dun vídeo curto e se observa o conxunto dunha campaña na que, por exemplo, as conversas con militantes independentistas desa mesma xeración ocuparon un lugar importante.
Estaría ben lembrar que esa actitude nunca foi propia do movemento comunista. Sobran exemplos históricos. Baste un: os bolxeviques planeaban xa en 1918 substituír os monumentos dedicados aos zares por figuras como Jean-Jacques Rousseau, malia que o seu pensamento estivese lonxe do bolxevismo. Lonxe de concibir a historia revolucionaria como unha liña pura e sen mesturas, apropiáronse criticamente de legados anteriores.
A tentativa de levar ao campo militante esa idea de que o problema das novas xeracións é que descoñecen o pasado ou que xa non comprenden as loitas que as precederon resulta tan pouco útil como convincente. Tamén eu pertenzo a unha xeración que medrou observando esas experiencias, estudándoas e debatendo sobre elas. Unha xeración que, precisamente por coñecelas, pode chegar a conclusións diferentes. Pode que a explicación non haxa que buscala nunha suposta falta de memoria, senón nas preguntas que aquela xeración deixou abertas e nos límites que a súa propia experiencia foi facendo visibles co paso do tempo.
O propio xeito de afrontar os debates arredor das distintas convocatorias do 24 de xullo fala disto. Hai moito que dicir sobre o pasado desta data. Pero que temos que dicir sobre o seu futuro? O pasado merece ser estudado e comprendido. Del emanan aprendizaxes e responsabilidades. Mais tamén debemos preguntarnos que responsabilidades emanan do futuro que queremos construír. Cómpre lembrar a vella lección de que o que define un movemento é o rumbo que escolle. A súa estratexia. Algo que a simple apelación á independencia non resolve por si mesma, nin tampouco o feito de incorporala ao nome ou de proclamala con forza nas rúas. Require, pola contra, baixar da abstracción e preguntarse en que proxecto político e en que plan de futuro se concreta.
Un proxecto político non pode limitarse a conservar aquilo que foi, nin unha valoración disto debe bastar para unificalo. Tampouco debe un abandonar os seus principios ao ritmo de cada cambio da conxuntura. Algo ben coñecido por aqueles que viron, desde o espazo da esquerda independentista, como o espazo político á súa dereita ía sacrificando —por supostas vitorias inmediatas— os seus principios fundacionais.
Así, creo que a pregunta decisiva, que o artigo de José João R. Rodrigues deixa sen responder, é cara onde vai o 24 de xullo, como expresión dunha reflexión máis ampla sobre o rumbo que debe tomar aquilo que coñecemos como movemento popular galego. Como ben deixa ver este no seu texto, a desarticulación e o debilitamento militante non son problemas do pasado, senón realidades do presente. Seguen tendo forza, ademais, posicións que pretenden reducir a cuestión nacional a unha ferramenta institucional ou electoral. De feito, a súa vixencia deixouse ver nas rúas dos últimos 24 de xullo, onde o número de manifestantes e o alcance do discurso vén debilitándose nos últimos anos. O interrogante para quen defendemos unha perspectiva revolucionaria é, como xa o foi para moitos antes que nós, pensar como responder a este escenario.
É evidente que hoxe ningunha resposta está plenamente consolidada como alternativa. Pero tamén que comezan a aparecer novos elementos nesta dirección. Existe xa unha nova xeración de mozas e mozos galegos que está tentando reconstruír unha práctica socialista revolucionaria no día a día, recuperando a organización e a militancia política. Cada quen deberá posicionarse ante este proceso, pero determinadas simplificacións non axudan a clarificar ningún dos camiños posibles.
Os intentos que seguimos lendo de dividir o movemento popular galego entre soberanistas e españolistas a partir da negación da posición comunista sobre a cuestión nacional conducen a un debate estéril. Lembra esa vella manía de Coroneis, tamén de sobras coñecida no pasado pola esquerda independentista, de chamar españolistas a quen non se subordine a esa chamada casa común do nacionalismo.
Estaría ben escoitar en que se fundamentan, se non, estas acusacións. A realidade é que os elementos que os mozos socialistas están poñendo sobre a mesa distan de ser unha campaña de gaitas e pandeiretas, por moito que algúns queiran presentala así. En distintas esquinas deste país, consignas contra a opresión nacional aparecen impulsadas por eles. Algunhas das cales, por moito que queiran vendelas como escuras traicións, non son tan novidosas. O que se defende é que a opresión e o conflito nacional, construídos sobre a negación do dereito á autodeterminación de Galiza, requiren unha resposta que entenda a autodeterminación como parte dunha perspectiva de ruptura política en favor da maioría traballadora.
Sería unha vitoria para todos que as diversas forzas políticas con vontade revolucionaria intentasen reactivar as posicións revolucionarias fronte á opresión nacional. Máis aínda se tomamos conciencia de que nos esbozos do hoxe xa podemos ver anuncios de que a ofensiva contra os dereitos e liberdades nacionais se reforzará nos vindeiros anos. Hai quen afirma con determinación querer facelo. Pode que do acertado das nosas reflexións dependa cara onde nos leve o combate. O futuro do 24 de xullo require, sen dúbida, dunha inmensa responsabilidade. Non dependerá só da memoria, senón da capacidade de convertela en respostas. Esperemos que este venres sirva para avanzar nelas.
Los artículos de opinión no reflejan necesariamente la visión del medio.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!