Opinión
UDC. Desfeita. Abolicionismo?
Desde unha defensa firme da liberdade de cátedra e da autonomía universitaria, o autor sinala algúns intereses que poden ocultarse detrás da campaña pola supresión das Xornadas sobre traballo sexual que se ían celebrar na Universidade da Coruña (UDC).

UDC. Universidade da Coruña. Este é o nome da comunidade universitaria á cal pertenzo, que esta semana viu como se censuraba un seminario académico sobre traballo sexual, con importante presenza de mulleres dedicadas a esa actividade. Desafortunadamente, un bo número das persoas que demandaron a prohibición dese seminario nin sequera lograron escribir correctamente o nome da institución universitaria na que se ía celebrar (Universidad de Galicia foi seguramente a denominación máis divertida). Esa é a mellor mostra de que os membros da UDC vivimos unha pugna de poder que se xogaba en casa allea. Por desgraza, tampouco as promotoras do oportuno manifesto Por el derecho a debatir en la Universidad lograron ter en conta as voces da nosa comunidade académica, o que —dito sexa de paso— non contribuíu ao esforzo de quen estábamos intentando evitar a prohibición desde aquí ao lado.
Sentaron un precedente moi grave de desconsideración da liberdade de expresión e das liberdades académicas coas que teñen que estar comprometidas
Desfeita. A palabra máis escoitada estes dias a pé de rúa entre as persoas da UDC. Non é difícil fundamentar, como o teñen dito activistas moito máis acreditadas, que todo isto foi unha grande desfeita para os feminismos. Xunto a iso foi, sen dúbida, unha grande desfeita para a UDC, en particular para as súas institucións, incluídas aquelas que, como o CEXEF ou a Oficina para a Igualdade de Xénero, deben estar chamadas a loitar pola superación das brechas de xénero. Estas institucións non foron quen de atopar unha solución ante a agresiva campaña lanzada contra as xornadas sobre o traballo sexual que non fose unha decisión sancionadora, materialmente de censura, que afecta á parte máis débil, ás organizadoras. Non conseguiron evitar a incómoda imaxe de rexeitar unha actividade académica cando, nas mesmas semanas, se prestaban altofalantes para charlas de signo contrario, financiando a participación de persoas que estaban impulsando a campaña prohibicionista. Sentaron un precedente moi grave de desconsideración da liberdade de expresión e das liberdades académicas coas que teñen que estar comprometidas. Con todo, isto non é só un problema institucional. É unha desfeita para o conxunto da comunidade da UDC. Agás excepcións —a máis importante, o milleiro longo de persoas que asinaron unha petición pública contra a suspensión das xornadas—, non soubemos, non puidemos ou non quixemos evitar este grave menoscabo da condición da universidade como espazo de protección do debate libre de ideas.
Vivimos tempos convulsos, nos que é doado constatar que as riquezas dos pensamentos abolicionistas están sendo cada vez máis sometidas a unha metonimia
Abolicionismo? Como todo nos feminismos, o abolicionismo non ten sentido en singular. Os abolicionismos son, afortunadamente, plurais. Non obstante, vivimos tempos convulsos, nos que é doado constatar que as riquezas dos pensamentos abolicionistas están sendo cada vez máis sometidas a unha metonimia, á construción dun abolicionismo hexemónico ou realmente existente. O resultado, sinceiramente, ten pouco interese, pola vontade de pecharse nas cadeas do simulacro, sen maior conexión co real. O resultado non ten capacidade —nin, aparentemente, disposición— para responder ás preguntas que verdadeiramente importan, cuestións como por que ducias de mulleres nixerianas son encerradas anualmente nos CIE ou ducias de mulleres paraguaias son deportadas por ser traballadoras sexuais? Ou, por que despois de anos e anos de políticas de loita contra a trata envasadas en racionalidades abolicionistas os resultados —como amosa a recente memoria da Fiscalía Xeral do Estado— non superan o estadio da insignificancia?
A fase da crise política que habitamos desde entón está caracterizada por unha aposta do Partido Socialista de amosar que ten máis capacidade que os seus contendentes para levar a cabo a restauración
En realidade, o que vivimos na UDC nestes últimos días semella ter pouco que ver cos diferentes programas dos feminismos sobre a xestión das consecuencias, para as mulleres e para a sociedade, do traballo sexual/prostitución. Parece máis conectado con cuestións que desbordan por completo á comunidade da UDC e incluso aos propios feminismos. En xuño de 2018, cando Pedro Sánchez presentou a súa equipa de goberno, caeu o pano para a narrativa que describía o actual presidente do goberno central como unha sorte de Maverick en rebeldía contra diversos segmentos das elites. A fase da crise política que habitamos desde entón está caracterizada por unha aposta do Partido Socialista de amosar que ten máis capacidade que os seus contendentes —esencialmente, o PP e Ciudadanos— para levar a cabo a restauración, como programa soberano de solución desa crise. En substancia, as súas credenciais son dúas. Unha, evidenciar que está en mellor situación que os demais para encarnar o Estado e os seus aparatos. Dúas, probar que ten condicións para cooptar e desactivar os disensos que consolidaron a crise política, desde hai xa sete ou oito anos (sobre os perigos dunha estratexia destas características, vid. o recente The Courage of Hopelessness, de Slavoj Žižek).
A síntese de ambas credenciais consiste en facer o mesmo que faría calquera outro partido do extremo centro (ou, mesmo, das dereitas), pero con maior mesura e, sobre todo, con narrativas diferentes. Isto último require acumular capital político abondo para resignificar demandas de xustiza social (de xénero, racial, etc.) que xorden desde a rúa. Sen prexuízo de que o abolicionismo realmente existente cotiza á alza en todos os partidos estatais, este programa gobernativo está afectando notablemente ao debate público sobre como enfrontar o traballo sexual/prostitución. A discusión estase empobrecendo e, sobre todo, estase declinando nunha dirección preocupante. Non é de estrañar, porque o autoritarismo é a tendencia dunha tempada que xa está durando de máis. Se as políticas e demandas de xénero nos por tantos motivos felices anos ’00 orientáronse cara á ampliación de dereitos, no período actual están adquirindo un ton máis autoritario, pensado desde a prohibición e o anatema. O que ten pasado na UDC nestas semanas ten que ver, antes que nada, con estes xogos de poder e de acumulación de capital político. Por desgraza, nin é o primeiro caso nin vai ser o último da vaga anti-dereitos que estamos vivindo.
A discusión estase empobrecendo e, sobre todo, estase declinando nunha dirección preocupante
Desde esa perspectiva, vese con claridade un último aspecto da desfeita. A campaña prohibicionista estivo impulsada —tamén— por declaracións institucionais, como o tuit gobernativo no que se afirmaba, erroneamente, que o traballo sexual/prostitución é unha actividade “ILÍCITA” (sic, en maiúsculas). A UDC, en particular as súas autoridades, non lograron —tampouco— parapetar a autonomía universitaria. A suspensión das xornadas sobre traballo sexual ten sido un fito maior de erosión das liberdades académicas nos vinte nove anos de historia da nosa Universidade. Do mesmo xeito, lembrarémolo tamén como un momento de escasa saúde da nosa autonomía.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!