Ourense
As embarazadas de Ourense esixen dar a luz con seguridade mentres a Xunta manobra para trasladar o paridoiro

O pasado luns 14, ás 10.30h, concentráronse fronte ao Hospital Materno Infantil de Ourense un centenar de persoas para esixir a paralización do traslado do paridoiro a unha ubicación “temporal” e tamén claridade e respostas por parte da xerencia do hospital dependente da Consellería de Sanidade de Antonio Gómez Caamaño.
Nesta nova concentración, a terceira en menos dunha semana, as embarazadas ourensás mobilizáronse xunto coa Marcha Mundial das Mulleres, grupo activista feminista de referencia na cidade, e con colectivos dedicados á lactancia e á maternidade como Arrolos de Teta, O Parto é Noso ou Petra Maternidades Feministas, así como xunto a outros do ámbito sanitario como SOS Sanidade Pública ou a Asociación Galega de Matronas. Tamén contaron coa presenza de profesionais sanitarias, sindicalistas e figuras políticas como a líder do BNG, Ana Pontón.
O motivo da protesta é o inminente, aínda que sen data concreta, traslado do actual paridoiro, situado no edificio Materno Infantil, a un espazo provisional na zona de Cirurxía Maior Ambulatoria. Segundo sindicatos, profesionais sanitarios e futuras nais, esta solución “carece de garantías asistenciais”, o que xera preocupación e indignación.
Denuncian, entre outros aspectos, a falta de medios, a ausencia de protocolos claros e o recorte do espazo, que pasaría dos case 450 m² actuais a pouco más de 150 m². Preocupa especialmente a perda da sala de partos naturais, demandada por moitas mulleres, así como os casos nos que “non todo saia ben”, referíndose a complicacións que requiren atención específica ou a situacións de perdas xestacionais, xa que, segundo as traballadoras, non están definidos nin os protocolos nin os circuítos asistenciais.
O motivo do traslado atópase na falta de seguridade e nas malas condicións do Hospital Materno Infantil de Ourense, que leva anos no centro da polémica polo seu estado, debido ao abandono institucional e a falta de mantemento. En marzo deste ano, desplomouse o teito da terceira planta e, quince días despois, en abril, estoupou unha tubería de auga quente, provocando unha inundación e a caída de parte do teito na planta baixa, na zona de Atención ao paciente.
Durante a concentración, as matronas tomaron a palabra para expresar a súa preocupación e malestar ante unha situación que, segundo elas, “non cumpre coas condicións mínimas para garantir unha atención segura, digna e respectuosa para as mulleres” nin con condicións laborais adecuadas para o persoal sanitario.
As profesionais sanitarias presentaron o dous de xullo, con carácter urxente, un documento no rexistro no que recollen as súas observacións, recomendacións e peticións, como resposta a unha reunión celebrada o 25 de xuño. No dito documento sinálase a falta de privacidade nas salas de dilatación, que estas non cumpren cos requisitos espaciais mínimos nin dispoñen de lavamáns e auga corrente e que o único aseo dispoñible para as mulleres en parto, que deberán compartir todas, é claramente insuficiente. Ademais, a única ducha está ubicada na actual zona de cirurxía oftalmolóxica. Tamén se denuncian accesos inadecuados tanto á zona de partos como ao quirófano.
Pola súa parte, a Confederación Intersindical Galega (CIG) presentou outro escrito no rexistro, no que, ademais do xa mencionado respecto ás condicións laborais, se solicitaba inspeccionar as obras e se alertaba da perda de dez das trinta camas da UCI, xa que ese espazo será ocupado polo servizo de obstetricia.
O martes 15 presentouse un terceiro escrito, asinado por Arrolos de Teta, Marcha Mundial das Mulleres, O Parto é Noso, Petra, SOS Sanidade Pública Ourense, a Asociación Galega de Matronas e o persoal da Área de Partos e do Servizo de Despertar. Neste documento solicitábase a paralización do traslado, unha avaliación “con total transparencia e comunicación activa” sobre o novo emprazamento do paridoiro, así como “unha reunión urxente co xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, co conselleiro de Sanidade e coa Valedora do Pobo”.
Tras a concentración do luns, e como xa ocorreu na do venres 8, unha decena de embarazadas, activistas e algúns medios dirixíronse á Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), onde o persoal de seguridade lles impediu o paso. Esixían ser atendidas polos responsables da Área Sanitaria de Ourense, algo que se demorou máis dunha hora e media debido a unha oportuna convocatoria de urxencia do Comité de Centro.
Finalmente, o director asistencial da Área Sanitaria, Eloy Sánchez Hernández, saíu á porta de Xerencia e durante máis de 40 minutos respondeu con evasivas, alegando que non lle constaba a existencia de reclamacións do persoal de partos, dos sindicatos nin das futuras nais; que “non acabaron de arranxar o que tiñan que arranxar” e que o paridoiro actual era inseguro xa que “os teitos da maternidade pódense caer en calquera momento”. Destacou que a instalación provisional “dáche máis seguridade ca o que hai agora”, aínda que recoñeceu que existe “unha limitación de espazo”. Engadiu que non podía dar datas nin aclarar canto tempo durará o paridoiro provisional.
A resposta oficial do CHUO chegou o mércores 16 como reacción ás palabras da portavoz do BNG. Santiago Camba, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, asegurou que o paridoiro provisional supoñerá unha “mellora substancial”, garantirá a intimidade e a seguridade asistencial e acusou de “uso político irresponsable” o falar do embarazo e o parto, ademais de “alarmar sen motivo ás mulleres”. Nese mesmo comunicado, por fin ofrecíase un esbozo sobre a temporalidade das instalacións provisionais: “Terán un uso máximo dun ano, ata que se ocupe a área prevista na mesma planta, na que se levará a cabo unha reforma integral”, aínda que sen concretar a data oficial do traslado.
O venres 18 publicouse un novo comunicado e un vídeo que mostraban algunhas zonas terminadas da nova ubicación de Pediatría e algunhas estancias de Xinecoloxía, identificadas polos rótulos (histeroscopias e chan pélvico), pero sen mostrar como será a zona dos paridoiros, que segundo o comunicado “contará con dous quirófanos modernos e funcionais e con cinco salas de dilatación independentes, con acceso diferenciado e con todas as condicións de intimidade, seguridade e confort garantizadas para as pacientes”.
Por outra parte, a Valedora do Pobo, ante a recepción de numerosas queixas e reclamacións enviadas tanto ao Sergas como a esta figura, presentadas a título individual, pero no marco dunha acción coordinada, nas que se denunciaba “a situación de incerteza e indefensión”, así como “a discriminación que isto supón respecto a outras mulleres galegas doutras áreas sanitarias”, respondeu nos últimos días que solicitaría á Xunta a información pertinente, xa que “cumpre os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei do Valedor do Pobo, e atopa, en principio, cobertura constitucional no artigo 103.1 da Constitución”. Paralelamente, iniciouse tamén unha recollida de sinaturas que xa superou as 2.350 adhesións.
A importancia do espazo no parto
Fronte á perspectiva biomédica do parto, que moitas veces é tamén o inicio da violencia obstétrica, desde hai décadas, voces expertas insisten na necesidade de situar á muller e as súas necesidades no centro. A propia lexislación estatal (Guía de Práctica Clínica do Ministerio, 2010, e desenvolvemento do novo protocolo estatal tras a Lei 1/2023) e mesmo a OMS promoven espazos de parto seguros e respectuosos, onde a atención sexa personalizada e continua, exista liberdade de movemento e postura, se garantice a intimidade e a confidencialidade, e se entenda o parto como un proceso fisiolóxico no que se respecten os tempos da muller e se eviten as intervencións innecesarias.
Por agora, resulta moi difícil imaxinar que algo disto poida cumprirse no paridoiro provisional proxectado en Ourense. Para ter un parto respectado, os espazos tamén deben ser adecuados e a arquitectura debe acompañar. O embarazo e o parto son procesos fisiolóxicos, pero tamén teñen dimensións emocionais e psicolóxicas moi importantes. Sentirse seguras e ben atendidas son piares fundamentais neste proceso. O lugar onde se da a luz importa e moito, xa que ten un impacto directo na experiencia do parto e o posparto inmediato.
Relacionadas
Ourense
As embarazadas de Ourense esixen dar a luz con seguridade mentres a Xunta manobra para trasladar o paridoiro
Danza
Todo o que podería ser o xénero e como desfacelo dende o escenario
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
Altri
A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
AGANTRO
O desprazamento forzoso en Chiapas: metáfora da vida núa
Últimas
Altri
Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
El Salto n.79
Galicia dice 'no' al capitalismo verde y en el último número de la Revista El Salto te lo contamos
O Teleclube
'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
A Catapulta
O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
Orgullo
O Orgullo Crítico enche de diversidade e de humanismo Galiza: “Transfeministas con Palestina”
Recomendadas
Medio rural
A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Feminismos
Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Migración
A veciñanza mobilízase para acoller migrantes tras o peche de centros de Rescate Internacional en Galiza
Ourense
Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!