Ourense
Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade

A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
Asamblea vecinal para hacer frente a las patrullas de extrema derecha en Ourense
Asemblea veciñal para facer fronte ás patrullas de extrema dereita en Ourense. Laura Cadenas
19 jun 2025 12:12

O martes 9 de xuño celebrouse no Parque da Ponte de Ourense unha asemblea aberta que reuniu a decenas de persoas pertencentes a distintos colectivos sociais e veciñais, preocupadas pola escalada de tensión e os discursos de odio que se veñen rexistrando nas últimas semanas en barrios como A Ponte. A convocatoria, impulsada por EvOu (Espazo Veciñal Ourense), constituíu un encontro para o diagnóstico colectivo, a escoita activa e a proposta de accións fronte ao auxe do fascismo e os intentos de criminalizar a pobreza e ás persoas en situación de vulnerabilidade.

Ourense está a vivir unha deriva preocupante: a tentativa de normalizar discursos de odio e medo que promoven prácticas violentas e o sinalamento público das persoas en situación de exclusión como ameazas para a convivencia. Baixo o pseudónimo de Acción Ciudadana Ourense, este perfil leva semanas difundindo vídeos de persoas en situación de rúa ou de drogodependencia, sen o seu consentimento, e acompañados de mensaxes anónimas que chaman á súa expulsión dos espazos públicos. Moitas destas imaxes están descontextualizadas ou amosan simplemente a persoas durmindo ou ocupando a rúa. Contidos que alimentan un clima de tensión, deshumanizan e presentan ás persoas excluídas como alleas ao barrio, promovendo o seu rexeitamento como falsa solución para a seguridade.

Detrás desta aparente iniciativa cidadá —que nun primeiro momento se presentaba como “apolítica”—, destapouse a implicación directa do Frente Obrero, movemento abertamente de extrema dereita encabezado polo influencer Roberto Vaquero. Reforzado co apoio de militantes doutras cidades como Madrid, este grupo busca introducirse no debate público de Ourense aproveitando o medo e a preocupación da veciñanza para colar o seu discurso de odio e estigmatización, presentándose como unha suposta solución rápida a un problema que é de fondo social e estrutural.

Baixo o discurso da “orde”, estes días xa se produciron varias agresións con total impunidade por parte das “patrullas veciñais” a persoas que viven ou piden axuda económica na rúa

Para a Coordinadora Veciñal, “fronte ás respostas simplistas que promoven a exclusión e o conflito, cómpre unha abordaxe seria, colectiva e profunda, baseada nos dereitos humanos, na xustiza social e na dignidade das persoas afectadas”. Baixo o discurso da “orde”, estes días xa se produciron varias agresións con total impunidade por parte das “patrullas veciñais” a persoas que viven ou piden axuda económica na rúa; algún dos casos púxose en coñecemento da Policía, mais existe o temor a que estas agresións aumenten se non hai medidas reais de protección. Dende EVOu recalcan que “as agresión físicas son o caso máis extremo, pero non o único, da violencia real que se produce”.

Na mañá do 5 de xuño, desenvolveuse un operativo policial desproporcionado no barrio de Covadonga, amplamente cuberto polos medios locais con ton sensacionalista. Esa mesma tarde, sectores próximos ao Frente Obrero —coñecidos polos seus discursos racistas e antifeministas— convocaron unha reunión aberta no barrio. Veciñas preocupadas acudiron a ese encontro para ofrecer unha visión alternativa, baseada na dignidade, nos dereitos e na saúde pública como base da resposta social. Sinalaron a falta de políticas públicas e a necesidade de solucións estruturais, pero foron interrompidas de maneira constante, entre insultos e frases como “si tan buena eres, llévatelos a tu casa”. 

A esta atmosfera de criminalización e control súmanse grupos de WhatsApp e redes sociais que espallan mensaxes de odio e ameazas. Ante esta situación, a Coordinadora Veciñal convocou esa mesma semana unha primeira asemblea coas diferentes entidades e organizacións do ámbito social, para tratar este problema dende un punto de vista que consideran “máis dialogante, respectuoso e que busca solucións reais”. A necesidade urxente de construír conxuntamente un contradiscurso que confronte as ideas fascistas e xere un impacto real nos barrios, levou a convocar o martes 10 de xuño no parque da Ponte a toda a veciñanza e colectivos sociais nunha nova reunión aberta ao barrio, coa que continuar organizando respostas conxuntas e solidarias. A próxima asemblea será o martes 24 de xuño.

Un conflito enquistado usado como arma política

Veciñas e veciños do barrio, activistas, persoas afectadas, representante de diferentes organizacións sociais… As sufocantes temperaturas deses días en Ourense non impediron que máis de 50 persoas, de diferentes contextos e idades, acudisen ao encontro. “Temos que propor accións conxuntas, pedir responsabilidades institucionais e, sobre todo, protexer ás persoas vulnerables”, comezaba unha intervención na rolda aberta. A convocatoria, que xuntou voces de diversos espazos e sensibilidades, sinalou claramente que a situación de exclusión social que vive Ourense, especialmente nos barrios populares, non é nova, senón consecuencia dun proceso prolongado de desmantelamento dos servizos públicos.

“Hai responsables directos. Estamos a falar da eliminación paulatina de recursos de intervención social, de vivenda pública, de apoio comunitario”, sinalaba unha das asistentes. Para elas o que está a acontecer nos barrios da Ponte, Covadonga e O Vinteún leva xestándose dende lonxe. É froito de anos de abandono institucional por parte da Xunta de Galicia e do Concello de Ourense, que desmantelaron servizos sociais clave e deixaron sen alternativas a moitas persoas en situación de vulnerabilidade. Programas públicos e concertados para a atención a persoas con drogodependencias, problemas de saúde mental ou sen fogar —como os que se ofrecían desde a Unidade de Condutas Adictivas (UCA) ou ONG locais— foron desaparecendo, deixando un baleiro que só pode encher a desesperación e o conflito.

No encontro, varias persoas tamén denunciaron a creación deliberada dunha “percepción de perigo” amplificada polos medios de comunicación locais, polas forzas policiais e pola inacción institucional, cun claro obxectivo de estigmatizar determinados colectivos —especialmente persoas en busca de fogar e con drogodependencias—, en vez de poñer os medios para garantir unha intervención sociosanitaria adecuada. “Convertéronnos nun barrio de sacrificio”, criticou un dos participantes.

Ao longo da asemblea, recolléronse múltiples testemuñas que amosan a complexidade e fondura do problema. Moitas delas apelaron á responsabilidade colectiva e á necesidade de rachar co relato da criminalización, primeiro escoitando e recollendo o que ten que dicir as veciñas e veciños dos barrios afectados, xa que non todas elas están a favor destas actuacións violentas que promove o grupo de ultradereita.  “A partir de aquí hai dúas posibilidades: cada un de nós ten que decidir en que lugar da historia se quere posicionar para resolver este conflito”, explicada unha moza na súa intervención.

Acordos e propostas cara ao futuro

Na asemblea do 10 de xuño acordouse iniciar accións inmediatas, entre elas a participación en eventos veciñais como o Frei Canedo de Verán, celebrado o sábado 14 de xuño. O obxectivo é establecer espazos de diálogo coa veciñanza e procurar, de forma conxunta, respostas inclusivas aos problemas detectados nos barrios. As persoas asistentes coincidiron en que, malia a visibilidade dos grupos de ideoloxía ultra, a súa presenza é limitada e responde a dinámicas oportunistas. Non obstante, preocupa que parte da veciñanza estea a adoptar estes discursos simplistas que non ofrecen solucións reais.

Un dos eixos centrais do encontro foi a aposta por unha resposta fundamentada na intervención social e comunitaria, contando co saber e a experiencia de profesionais do ámbito social e sanitario, así como das propias persoas afectadas pola exclusión. Enténdese que calquera proposta de futuro debe partir da realidade dos barrios e do acompañamento a quen vive en situacións de vulnerabilidade.

Durante a asemblea tamén se reflexionou sobre a “coincidencia” entre o aumento da hostilidade contra persoas sen fogar ou con adiccións, e o avance de procesos de xentrificación, a escaseza de vivenda accesible e as obras de revalorización urbanística en zonas como A Ponte. A lectura compartida é que estas dinámicas responden a un modelo de cidade que prioriza o valor económico do solo fronte ao dereito a vivir dos seus habitantes.

Sinalouse ademais a responsabilidade directa das administracións públicas, nomeadamente do Concello de Ourense e da Xunta de Galicia, titulares das competencias en servizos sociais e sanidade. A falta de atención á saúde mental, ás adiccións e ao senfogarismo, consecuencia dos recortes nos servizos públicos, está na base deste conflito. Tamén se apuntou á responsabilidade de ADIF, RENFE e a Xunta pola construción dunha estación intermodal sobredimensionada, sen planificación social que acompañe o incremento de tránsito e mobilidade que xerou. 

Adicionalmente, denunciouse a inacción ou permisividade das autoridades policiais e xudiciais respecto ao narcotráfico, sinalando que as redadas mediáticas recentes non ofrecen solucións de fondo, senón que responden a unha lóxica de espectáculo e control. Segundo a Coordinadora Veciñal: “O reforzamento policial, a represión, o fustrigación e a violencia sobre o estrato máis desfavorecido da nosa sociedade, nunca serviron para resolver, nin sequera paliar, o problema. As veciñas que viven na rúa e aquelas que son vítimas das redes do narcotráfico, precisan de posibilidades para saír da marxinalidade e vivir as súas vidas, non incrementos orzamentarios para os corpos represivos do Estado”.

Como liña de traballo inmediato, a asemblea estruturouse en grupos para deseñar campañas e mobilizacións nas vindeiras semanas, co obxectivo de presionar ás institucións e reclamar recursos e políticas públicas eficaces. Entre as demandas prioritarias figuran o reforzo dos servizos sociais e sanitarios, a creación de espazos seguros para persoas sen fogar, e a apertura dun debate informado sobre a despenalización ou legalización das drogas, como vía para reducir o narcotráfico e garantir abordaxes máis eficaces.

A próxima asemblea está convocada para dúas semanas despois (finais de xuño), no Parque da Mariña (barrio da Ponte), co obxectivo de dar continuidade ao proceso de organización colectiva e seguir fortalecendo o tecido social e comunitario. Esta nova convocatoria confirma a vontade de moitas persoas e colectivos de pasar da denuncia á acción, apostando pola solidariedade, o coidado mutuo e a mobilización. A resposta que se busca artellar é estruturada, firme e sostida no tempo, fronte á violencia, ao abandono institucional e á estratexia de división promovida por grupos de ideoloxía neofascista. A loita pola dignidade, dende o barrio e para o barrio, continúa.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Galicia
Galiza La Xunta y la Confederación del Miño, condenadas por la degradación ambiental del embalse de As Conchas
Las organizaciones impulsoras de la demanda consideran “histórica” la sentencia al vincular un caso de degradación ambiental al menoscabo de derechos fundamentales de residentes de la zona afectada. El fallo aún se puede recurrir.
Culturas
Cultura Residente cancela todos sus conciertos en los festivales propiedad del fondo proisraelí KKR
René Pérez, cantante y rapero que llegó a la fama bajo el paraguas de Calle 13, abandona los carteles del FIB de Benicasim y del Morriña Fest de A Coruña.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
CRTVG A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
Altri A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
El Salto n.79
Altri A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.