María Beleña: “O corpo que descansa pode estar máis vivo ca o corpo disciplinado”

A poeta e xornalista, que coordina o club de lectura ‘Una cabeza llena de pájaros’ e coedita a revista ‘Thalamus Magazine’, reivindica o soño, a lentitude e a lectura compartida como formas de resistencia fronte ao capitalismo da atención.
María Beleña - 2
Vanessa Martíns A poeta e xornalista María Beleña.
5 nov 2025 13:00

No seu último libro de poesía, Vigilia: conjeturas sobre la ilusión (Olifante, 2025), a autora reivindica esa zona intermedia do sono na que se mesturan lucidez e vulnerabilidade. “Para min estar esperta é precisamente adormecerse —explica—, un intersticio moi erótico do propio autocoñecemento que temos pouco en conta desde un lugar político”. Nese cuestionamento da lóxica da atención continua que rexe as nosas vidas dixitais e produtivas, Beleña cita a Jonathan Crary, quen considera que o sono é o derradeiro territorio non colonizado polo capitalismo. “O corpo que descansa, que non responde, pode estar máis vivo ca o corpo disciplinado”, afirma. Trataríase dunha forma de sabotaxe: “Durmir para interromper, durmir para sabotar a máquina de producir”, di. O seu pensamento sitúase nunha liña que conecta a mística coa crítica cultural. A vixilia convértese así nun espazo de resistencia fronte ao imperativo da produtividade e da exhibición. “Volver aprender a durmir sería un acto de resistencia fronte á captura da atención e á explotación á que estamos sometidas”, sostén.

María Beleña - 1
Portada do libro de Beleña. Vanessa Martíns

Esa conciencia corporal atravesa tamén o seu traballo colectivo. Desde hai catro anos coordina o club de lectura Una cabeza llena de pájaros, que reúne lectoras e poetas de procedencias diversas. Ler con outras convértese nunha forma de resistencia onde desacelerar, pensar xuntas e iluminar os matices que nas nosas velocidades cotiás non nos permitimos, explica.

Beleña advirte, porén, sobre o auxe dos clubs de lectura que derivan en consumo estético: Non se trata de acumular lecturas nin de exhibir sensibilidade, senón de crear conversa. No seu club, o poema funciona como vínculo inútil para o sistema neoliberal, un espazo de coidado e de escoita onde o tempo se expande. Nesas reunións, a poeta recoñece algo máis ca un exercicio literario e descríbeas como unha rede subterránea de afectos: Permanecemos nesa beleza alucinatoria que produce a sensación de desvío, di, comparando as conexións entre lectoras cos micelios dos fungos, que se ramifican na escuridade e sosteñen a vida.

Thalamus Magazine, a revista que Beleña coedita, amplía ese traballo de exploración e de cruce de linguaxes. Nas súas páxinas, a poesía dialoga coa imaxe e co son. As autoras adoitan acompañar os seus textos cunha canción, creando unha playlist final que prolonga a lectura cara ao terreo sonoro. Interésanos que o diálogo mestizo sexa unha forma de pensar un tanto bastarda, que poña en cuestión os límites de todo: o artístico, o social, o político, explica.

Inspirada en proxectos de vangarda como a revista 0 to 9, de Vito Acconci e Bernadette Mayer, Thalamus funciona como un arquivo vivo. A súa independencia —económica e editorial— forma parte da súa aposta ética. Manter unha revista á marxe do mercado implica asumir ritmos lentos, procesos artesanais e unha relación co público baseada na curiosidade, non na inmediatez, sinala. En tempos de saturación visual, a revista reivindica o cruzamento entre imaxe, palabra e son como unha experiencia de lectura expandida: Nunha época onde o consumo cultural tende a fragmentarse, crear un territorio sonoro común é unha invitación a deterse, a escoitar xuntas, a habitar o mesmo tempo.

Simone Weil definiu a capacidade de atención como a forma máis rara e máis pura de xenerosidade. Nun mundo que esixe velocidade e aparencia, María Beleña leva esa ollada coidadosa ao terreo da poesía e da práctica artística colectiva.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...