O BNG aposta por acadar escanos en Lugo e Ourense con Olalla Rodil e Noa Presas como revulsivos

O deputado Néstor Rego segue a ser o motor do Bloque como cabeza de lista pola Coruña e Carme da Silva por Pontevedra. O recoñecido dramaturgo Roberto Pascual concorre no segundo posto por Pontevedra, un escano posible segundo certas enquisas.
Cabezas de lista BNG 2026
Carme da Silva, Olalla Rodil, Ana Pontón, Néstor Rego e Noa Presas na presentación das candidaturas do BNG ás xerais. Foto: BNG.

O BNG repetirá tres dos catro cabezas de lista que encabezaron as súas candidaturas ao Congreso en 2023: Néstor Rego (A Coruña), o seu único deputado estatal; Carme da Silva (Pontevedra), senadora por designación autonómica, e Noa Presas (Ourense). O único relevo dáse en Lugo, onde Olalla Rodil, que xa concorreu por esta provincia en 2015, 2016 e 2019, será a número un.

A designación de Rodil como cabeza de lista era un clamor entre as bases do Bloque. A súa actividade parlamentaria, a súa proxección pública e a elocuencia das súas intervencións dentro e fóra das institucións colocárona como un grande activo para atraer os focos dos grandes medios de comunicación en Madrid. Porén, a proposta final, na lista de Lugo, foi recibida de dous xeitos antagónicos. Dende fóra do Consello Nacional percíbese como un erro que Rodil non vaia nun dos postos ‘seguros’ —Pontevedra ou A Coruña—, mais dende dentro, a perspectiva é outra: “Significa que imos a por todas”, explican fontes coñecedoras das negociacións. Os datos que teñen, explican, abren esa posibilidade. 

O Consello Nacional aprobou este sábado as candidaturas coas que a formación aspira a ampliar a súa presenza nas Cortes Generais. Na súa intervención, a portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou “máis peso político” en Madrid “para defender Galiza e unha vida digna para a xente deste país”, e resumiu: “Canto máis forte sexa o BNG, máis forte será Galiza”.

Pontón subliñou que, cun deputado e unha senadora, o BNG logrou “avances importantes”. De Rego destacou que demostrou que se pode facer “moito” por Galiza con rigor, seriedade e capacidade de negociación, e de Da Silva dixo que é unha “garantía de defensa” dos intereses dos galegos e galegas. Sobre Presas, deputada autonómica como Rodil, afirmou que coñece “perfectamente” as necesidades de Ourense e definiuna como “feminista e rigorosa”. De Rodil resaltou a súa “experiencia” e a súa “traxectoria contrastada”, e engadiu con ironía: “Hai algún cabeza de lista ao que xa lle están a tremer as pernas porque se lembra das repasadas que lle daba no Parlamento”.

A líder nacionalista repasou os logros que atribúe a Rego e Da Silva na pasada lexislatura: rebaixas “históricas” na AP-9, melloras ferroviarias, novos xulgados de xénero, avances nas pensións e unha quita de 4.000 millóns na débeda pública. Ademais, advertiu de que isto “non abonda” e fixou como retos novos avances en vivenda, financiamento e infraestruturas. “Con Néstor, Carme, Olalla e Noa, imos con todo e a por todas, porque o BNG non ten límites”, proclamou, avogando por “un BNG imparable que vai ser a sorpresa” o vindeiro 29 de novembro.

Presas e Rodil non serán as únicas deputadas do Parlamento de Galiza que dean o salto ás xerais. En total, cinco dos 25 representantes do BNG na Cámara galega integran a candidatura ao Congreso: ademais delas, Rosana Pérez e Mercedes Queixas (números dous e catro pola Coruña) e Iago Suárez (número dous por Lugo).

Os segundos postos de Ourense e Pontevedra serán para Artai Gabiás, secretario xeral de Galiza Nova, e Roberto Pascual, dramaturgo e vicedirector da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), respectivamente.

As listas inclúen tamén outros nomes coñecidos. Alberto Lema, exconcelleiro na Coruña pola Marea Atlántica e último Premio Xerais de Novela, irá como independente no quinto posto pola Coruña, e nesa mesma circunscrición o escritor Suso de Toro figura como número sete.

As listas do Senado

Ao Senado, o exdeputado autonómico Bieito Lobeira, responsable de Organización do BNG ata 2023, encabezará a candidatura pola Coruña, e Kevin González, concelleiro en Cangas, a de Pontevedra. Por Lugo irá Brenda González, integrante de Galiza Nova e poeta coñecida como Brenda Mondelo, e por Ourense, Bernardo Varela, concelleiro en Allariz.

Política
Os enredos da Fronte Ampla e de Podemos achegan o BNG ao seu mellor resultado en tres décadas
O debate da esquerda confederal centrado no eixe Madrid-Barcelona e unha implantación territorial inexistente fan soñar as voces máis optimistas da Executiva Nacional do Bloque con ata catro escanos no Congreso.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...