Galiza concentra preto de 7.000 anuncios ilegais de Airbnb sancionados por Consumo

A comunidade é a terceira con máis anuncios irregulares do Estado español, case todos por non incluír o número de rexistro obrigatorio esixido pola normativa autonómica antes da Ventá Única Dixital.
Campo Moaña (Pontevedra) - 1
Brais Lorenzo Urbanización fantasma de Moaña, en Pontevedra.
16 dic 2025 13:32

Galiza figura entre as comunidades máis afectadas pola sanción histórica imposta a Airbnb polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, de Pablo Bustinduy. En total, a plataforma publicitou 6.956 anuncios de vivendas turísticas ilegais en Galiza, a inmensa maioría —6.897— por carecer do número de rexistro obrigatorio, segundo os datos aos que tivo acceso Europa Press.

Estas cifras sitúan a Galiza como a terceira comunidade con máis anuncios ilícitos, só por detrás do País Valencià e Canarias, dentro dun expediente que concluíu cunha multa de 64 millóns de euros á empresa, a segunda mais elevada imposta por Consumo a unha compañía privada.

A ausencia do número de rexistro é a irregularidade máis habitual detectada polo ministerio en todo o Estado e tamén en Galiza, onde este requisito xa era esixido pola normativa autonómica antes da entrada en vigor da Ventá Única Dixital. Esta ferramenta, activa desde este ano, obriga agora a que todos os anuncios de aloxamentos turísticos en España inclúan un código oficial de identificación.

O ministro Pablo Bustinduy explicou que o expediente se iniciou tras advertir a Airbnb, en outubro de 2024, da existencia de miles de anuncios ilegais. Ante a negativa da plataforma a retirar-los, Consumo abriu o procedemento sancionador en decembro dese mesmo ano. “A multa chega pola inacción da empresa tras ser notificada”, subliñou o ministro.

No conxunto do Estado, Consumo detectou 65.122 anuncios ilegais, dos cales máis de 59.000 non incluían número de rexistro e preto de 5.800 utilizaban códigos falsos ou incorrectos. No caso galego, esta práctica converteuse no principal foco de incumprimento, nun contexto de crecente presión sobre o mercado da vivenda en zonas turísticas e urbanas.

Airbnb mostrou o seu desacordo coa sanción e sostén que a obriga de verificar a inclusión do número de rexistro nos anuncios non era esixible ás plataformas cando se produciron os feitos. Non obstante, Bustinduy recalcou que a sanción é firme e que a compañía deberá abonala, sen prexuízo de que poida recorrela ante a Xustiza.

A actuación do Ministerio reforza o control sobre o aluguer turístico en Galiza, unha comunidade onde o crecemento deste tipo de aloxamento xerou un intenso debate político e social polo seu impacto no acceso á vivenda e na regulación do sector.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...