O PP propón para o Constitucional a Blanco Valdés, catedrático e columnista escudeiro de Feijóo

O catedrático de Dereito Constitucional, vicepresidente da fundación propietaria de ‘La Voz de Galicia’, foi elixido este martes polo Parlamento de Galiza cos votos da maioría absoluta do PP xunto con Juan Raposo.
Blanco Valdés
Roberto Blanco Valdés xunto co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galiza, José López Campos; o exvicepresidente da Xunta, Xosé Luis Barreiro Rivas; e a presidenta da APG, María Méndez González, na entrega do premio José Luis Alvite.

O Parlamento de Galiza propuxo este martes a Roberto Blanco Valdés e Juan Raposo Arceo como candidatos a maxistrados do Tribunal Constitucional (TC), nunha votación na que o PPdeG fixo valer o rodillo da súa maioría absoluta para unha proposta sen consenso. Ambos aspirantes, rexistrados pola propia dereita, resultaron elixidos en urna con 41 e 40 votos, respectivamente, e agora serán trasladados ao Senado. O voto extra en Valdés foi o de Democracia Ourensana, o partido de Gonzalo Pérez Jácome, alcalde populista de Ourense.

Blanco Valdés, natural da Estrada, é catedrático de Dereito Constitucional na USC e de Dereito e Socioloxía na UDC. O seu perfil público, con todo, transcende o ámbito académico: é columnista de La Voz de Galicia e vicepresidente da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, propietaria do diario. Desde a súa posición, foi un dos principais avais mediáticos de Alberto Núñez Feijóo desde hai máis dunha década. Os populares, en cambio, puxeron o acento no seu currículo académico: máis de corenta libros, nove teses doutorais dirixidas e a pertenza a máis dun medio centenar de tribunais de tese.

O segundo candidato, Juan Raposo Arceo, licenciado pola USC e profesor titular de Dereito Civil na UDC, impartiu máis dun centenar de cursos en universidades galegas, no Consello Xeral do Poder Xudicial e na Escola Galega de Administración Pública. O PPdeG tamén lembrou a súa participación no equipo redactor da Constitución de Nicaragua en 2012 e na redacción de varias leis autonómicas.

Sen opcións para o candidato da oposición

O exministro de Xustiza Francisco Caamaño, proposto polo PSdeG, só logrou dez votos e a súa candidatura non prosperou. Ademais, no reconto contabilizáronse 23 papeletas en branco.

O sistema polo que o Senado elixe os catro maxistrados do Alto Tribunal que lle corresponden entre os candidatos propostos polos parlamentos autonómicos naceu, precisamente, dunha iniciativa do Parlamento de Galiza que se incorporou á lexislación estatal.

O BNG denuncia unha “colonización” das institucións

O deputado nacionalista Óscar Insua cargou contra a elección de Blanco Valdés durante o debate de totalidade da Lei de Administración Local. Insua reprochoulle ao PP que aplique un dobre rasero: os criterios que os populares esgrimiron para rexeitar a proposta do BNG para adxunto á Valedora do Pobo, sinalou, non serven agora para o candidato ao Constitucional.

“E vostedes propoñen un activista político. Os criterios que non lles valen para unhas cousas válenlles para outras. Están colonizando as institucións con activistas políticos”, afirmou Insua, que suxeriu que detrás da proposta podería haber unha vontade de “pagar favores políticos ou persoais”.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...