Redes sociales
TikTok, a plataforma dos novos creadores de contido en galego

TikTok xa é a principal plataforma de vídeos curtos gravados con dispositivo móbil. Conversamos con catro creadoras de contido en galego para coñecer a súa percepción sobre a lingua nesta ferramenta, algúns consellos de quen grava e pendura vídeos habitualmente e as vantaxes e desvantaxes de estar presente na nova canle de comunicación global.
7 nov 2023 05:30

Neste 2023, un terzo dos cidadáns accederon a TikTok a diario. Fixérono, ademais, varias veces ao día. A plataforma toma posicións entre as redes sociais máis populares do Estado, especialmente entre as usuarias, e o galego forma parte da oferta de ocio que mostra a aplicación.

Agora que as linguas cooficiais se poden ouvir no Congreso dos Deputados, falamos con catro creadores de contido en galego para coñecer a súa percepción sobre a lingua, a situación desta na nova canle de comunicación e en xeral, a súa experiencia en TikTok.

A lingua galega en TikTok

Sara Seco, unha das creadoras de contido en galego máis coñecidas da rede social de moda, explica que a súa andaina arrancaba en setembro de 2021. “Ese verán a Xunta de Galiza denunciara a Tiktok por non deixarlles facer un anuncio en galego dentro da plataforma, e a raíz diso naceu o movemento #Tiktokengalego. Eu quería sumar a ese movemento pero facendo algo que me gustase. Consumía moito contido de vlog e lifestyle pero non había quen o fixera en galego. Así decidinme a facer o primeiro vlog, que foi un éxito dende o inicio. O terceiro vlog xa superaba as 10.000 visualizacións, e en vinte días a conta rexistraba máis de 70.000 visitas diarias. Unha loucura”, resume Sara.

Fátima, de @recunchomedico, como galegofalante dende o berce, comezou a falar en galego nas redes sociais como expresión do seu uso cotiá. “Cando o meu perfil comezou medrar e me seguiron persoas de Latinoamérica, por exemplo, durante unha etapa subtitulei algunha cousa ao español, pero houbo un punto de inflexión no que decidín non facelo máis, pois recibía comentarios increpándome polo uso da miña lingua nas publicacións. Adquirín, a partir de entón, o emprego do galego no meu contido como un compromiso. Reivindicando a súa validez para todos os ámbitos da vida, o que inclúe por suposto o científico e académico”, aclara Fátima.

Adquirín o emprego do galego no meu contido como un compromiso. Reivindicando a súa validez

Algo similar explica a terceira voz desta reportaxe, Rodri Míguez, un neofalante que creou o seu proxecto de divulgación musical en galego fai tres anos. “Cando comecei crear contido en TikTok o que tiña claro era que quería aportar a un nicho que non estaba nada explotado, e facelo tamén á comunicade de creadores de contido en galego. No meu caso, falando de música. Así é que este proxecto non se concibe se non é en galego”.

Pola contra, Pau, autora da conta @iampaualonso, comezou facendo o seu contido en castelán pero non se notaba igual de natural como en galego. “Logo cambiei ao galego e vin que estaba moito máis cómoda á hora de falar e de expresarme. É unha lingua como outra calquera pero é a nosa, a do sitio onde nos criamos. Unha forma propia de expresión que non pode perderse”, conclúe.

A cultura da cancelación

As catro persoas entrevistadas senten que xa conformaron unha pequena comunidade en TikTok. Sara Seco explícao ben cando di que a súa comunidade é moi fiel e a arroupa moito: “xa non fai falta que eu me defenda de nada, xa o fan elas e eles por min, e iso faime sentir moi querida”.

Preguntadas polos comentarios negativos e a xestión que deben facer deles, todas séntense fortes ante a crítica e afirman saber levalas cada día mellor. Na mesma unanimidade sitúanse ante a pregunta de si pensaron algunha vez en non publicar algún contido por medo a ser canceladas. “Non, nese aspecto non porque eu me mostro tal como son. Entón creo que diría a miña opinión, ou subiría o meu contido, e pensaría que non lle podo gustar a todo o mundo”, verbaliza nítidamente Pau Alonso.

Fátima, de @recunchomedico, conta que a xente se abre a preguntarlle e interesarse por dúbidas médicas. Inquedanzas que ela pode razoar e explicar dende a veracidade do coñecemento adquirido na Universidade. “A día de hoxe é o que máis me move a seguir creando contido. Ver que a través desta rede social me podo achegar aos doentes e proporcionarlles información fiable para que sexan partícipes do referente á súa saúde”.

“Por desgraza, as aulas na nosa lingua non chegan ao 5% e somos a única facultade de Galiza. Na práctica clínica, pola súa banda, coido que depende da zona, pero si que é certo que entre o persoal médico hai unha maioría de castelanfalantes. Incluso teño visto a compañeiros galegofalantes cambiando inconscientemente ao castelán para atender a algún doente, imaxino que como expresión da diglosia”, comenta Fátima ao ser preguntada pola situación do galego na súa área de coñecemento.

Un caso de éxito

Rodri Miguez é, en certo modo, a expresión viva dun soño cumprido grazas a TikTok. “Por ser creador de contido estou no traballo que sempre desexei. Foi grazas ao que fago en redes que se fixaron en min no meu traballo ideal, onde quería estar”. Agora, asegura, gustaríalle facer do seu contido un produto máis elaborado, con entrevistas en profundidade, falando de personaxes históricas da música en galego, e mesmo pensa en facer un documental “para que a xente saiba da historia dos festivais e dos artistas en galego”.

Nos primeiros vídeos non falaba, tamén porque facía tan só un ano que dera o paso a cambiar ao galego, e sempre tes esa inseguridade de neofalante

Curiosamente, o maior medo de Rodri á hora de lanzarse elaborar contido para a aplicación, foi o que a xente pensaría da súa forma de falar. “Nos primeiros vídeos non falaba, tamén porque facía tan só un ano que dera o paso a cambiar ao galego, e sempre tes esa inseguridade de neofalante de que dirán sobre as grallas que poidas cometer. Sentía, e aínda sinto, que teño a responsabilidade de falar ben por crear contido cara o público”.

Da súa experiencia, como creador de contido centrado na música, Rodri cre que estamos nun dos mellores momentos da historia da musica en galego. No que está adquirindo valor. “Hai xente que quere consumir música en galego e, sobre todo, temos o talento e a variedade de estilos para poder manter esa demanda: música electrónica, tradicional, pop, rock, metal, indi, rap... enchemos salas, festivais, grandes auditorios. Penso que iso denota que estamos nun momento de forma espectacular”.

Arelos de esperanza

O futuro da nosa lingua véxoo en todos os espazos, asegura Sara Seco, que di do galego ser unha lingua viva. “Sempre quixen transmitir coma mensaxe nos meus vídeos que o galego é unha lingua válida, que serve para a publicidade, para a creación de todo tipo de contidos, para a Academia, e tamén para o máis banal e cotiá da vida diaria. O galego foi o motivo principal polo que eu estou creando contido”, sentenza a TikToker que hoxe xa conta con colaboracións pagadas e é convidada habitual das palestras de creación de contido na Galiza.

Á pregunta, que lle dirías a unha persoa que quere comezar a facer vídeos en TikTok pero non se atreve ou non sabe como comezar, Rodri e Pau dan algúns consellos. Pau, moi alegre e ilusionada co seu proxecto, convídanos a pendurar o que nos guste sen facer caso dos comentarios negativos. “É o mellor do mundo, lograr pasar das palabras que antes te ferían”. A esta sentenza, que ben podería ser un consello de vida, Rodri engade o traballo e a creatividade.

“Todos aportamos algo diferente. Que estude, que se prepare, e que cree contido no que a persoa se sinta cómoda. Se ademais é en galego, que se atreva xa! Sempre será benvida e axudará a medrar un entorno como é o do galego nas redes sociais, importante sobre todo no nicho da xente máis nova”, afirma este namorado da música en galego.Así, devagar, a lingua do pais asómase á fenda virtual para ser a verba da Xeración Z. Como o Xabarín e Dragon Ball, renova na rede a súa onda vital.


Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Galego
Manifestación Miles de persoas enchen Compostela cun berro único en defensa da lingua galega
A plataforma Queremos Galego conseguiu aglutinar voces diversas da Galiza social, política e cultural para “parar a emerxencia lingüística” que sofre a lingua propia e así esixir á Xunta “un cambio de actitude”.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.