Decrecimiento
Des-nomear o caos climático

O 19 de setembro celebrouse na sede da coruñesa agrupación Alexandre Bóveda un faladoiro que amosou as dificultades que mesmo as persoas concienciadas temos para asumir a magnitude do colapso e as súas posíbeis solucións.
Pídeche aire fresco, pídeche Galicia
'Pídeche aire fresco, pídeche Galicia'. Fotografía da campaña institucional da Xunta de Galicia

Membro do Consello Director do Instituto Resiliencia

9 oct 2024 10:00

O número 130 da revista Luzes publicou unha reportaxe da xornalista Belén Teiga titulada “Galicia, un gran refuxio climático?” na que partindo dun dos reclamos da propaganda turística da Xunta de Galicia para 2024 (“Pídeche aire fresco. Pídeche Galicia”) , a xornalista amosa unha das medidas de loita contra a calor adoptadas en Cataluña: a creación dos chamados “refuxios climáticos”. Uns espazos públicos ou de uso público (bibliotecas, museos, centros cívicos...) aos que calquera persoa pode acudir para fuxir das temperaturas extremas, tanto no inverno como no verán. No texto Teiga tamén fai fincapé na importancia da arquitectura e do urbanismo para transformar as poboacións en espazos habitábeis ante as inclemencias do tempo, de xeito especial na nosa época, a do caos climático.

O pasado 19 de setembro, a agrupación Alexandre Bóveda organizou unha palestra arredor desa reportaxe. Ana Luísa Bouza, do consello de redacción de Luzes, foi a encargada de moderar o debate co público e enfiar a conversa entre a autora da reportaxe e o codirector da revista, o escritor Manuel Rivas. O discurso de ambos foi moi disperso e xirou arredor de demasiados temas (a crítica ao turismo masivo, a necesidade deses “refuxios”,  a mudanza climática, etc.) algúns só relacionados de xeito tanxencial coa reportaxe, sen que as faladoras conseguiran achegar unha visión de conxunto que centrase o foco na conexión de todos estes problemas.

É precisa unha crítica á campaña da Xunta (só insinuada na reportaxe de Teiga) porque intentar fomentar o incremento de turistas na Nosa Terra vendendo o noso “bo” tempo non serve para facilitar a loita contra a crise climática global senón que abonda no camiño equivocado: máis voos comerciais, máis construcións descontroladas, maior consumo de auga, maior uso do transporte privado, maior gasto enerxético innecesario, etc. Na palestra, Rivas si que sinalou o contraditorio das políticas da Xunta negacionistas da mudanza climática (que exemplificou co fomento dos macroparques eólicos ou a aposta polo proxecto de Altri na Ulloa) coa construción desa imaxe (falsa) de Galicia como un refuxio lonxe das consecuencias salvaxes do quecemento global.

Como afirma Antonio Turiel vivimos nunha época de “crises aniñadas” e non é posíbel enfrontar unha delas (a emerxencia climática, por exemplo) sen avaliar como afecta a solución proposta á crise enerxética, á alimentar ou á da escaseza e fin de determinados materiais. Pero a solución global só pode facerse dende un cambio radical de sistema socioeconómico e, claro, as poderosas prefiren parchear e ir avanzando cara ao desastre coa esperanza de cando as cousas empeoren aínda máis, elas estaren xa agachadas nos seus verdadeiros “refuxios climáticos”.

Por iso están a monopolizar a linguaxe para nos manter nunha inactividade ecocida: identificaron na nosa conciencia a mudanza climática co quecemento global e co incremento das temperaturas, e por iso agardamos unha tropicalización de Galicia, unha eterna primavera e mesmo alegrámonos por un futuro sen abrigo de la e luvas. Porque o escenario no que vivimos non é o dunha “mudanza climática” (a palabra dá a falsa impresión de transición a un clima novo pero estábel), por iso moitos científicos e estudosos prefiren outras expresións (“reto”, “emerxencia” ou “caos climático”) máis descritivos do que está a pasar e moito máis útiles á hora de nos mobilizaren para procurarmos solucións.

As poderosas prefiren parchear e ir avanzando cara ao desastre coa esperanza de que cando as cousas empeoren aínda máis, elas estar xa agachadas nos seus verdadeiros “refuxios climáticos”.

Pero a semántica do status quo está a vencer. Unha das intervencións do público da charla de Teiga e Rivas amosou claramente até onde pode callar a súa narración. Un home, que se presentou como “vello militante do Sindicato Labrego Galego”, comezou a súa intervención dicindo que “era importante falar da mudanza climática aínda que pensar niso en Galicia aínda é prematuro”. De pouco servira que minutos antes Teiga falara dos estudos da Axencia Estatal de Meteoroloxía que acreditaron o incremento das temperaturas en Galicia; o home seguiu recitando, co discurso tantas veces difundido polos medios máis interesados en manter o sistema, o dogma de fe de que “en Galicia, en verán, sempre fixo calor”.

O exemplo de Altri no que recuncaron nun par de ocasións tanto Teiga como Rivas, é sen dúbida moi axeitado polas súas repercusións climáticas, enerxéticas e ecolóxicas, mais resultou inoportuno pola súa rabiosa actualidade e só serviu para descentrar o debate que pasou avanzar pola vía da eucaliptización e os perigos dos incendios (co gallo das novas que están a chegar, un ano máis, de Portugal). Aínda que as relatoras intentaron recuperar o fío pasando da “árbore-inimiga” a “árbore-amiga”, esa que é un elemento necesario para construír “refuxios climáticos” nas nosas vilas e cidades, o tema do eucalipto e desta nova loita fulcral para defender Galicia pasou ser hexemónica. De novo apareceu o discurso sistémico, aínda que o escenario non semellaba ser o máis axeitado (o público de Alexandre Bóveda esta composto por persoas presumibelmente críticas, con certas inquedanzas ecofílicas e enroladas no bando do progresismo). Un mozo pediu a palabra e malia que comezou a súa intervención rebatendo ao veterano militante do SLG (“é innegábel que hai mudanza climática en Galicia: este verán de media houbo temperaturas dez graos superiores”), rematouna defendendo a economía do eucalipto: “Non se pode negar a importancia económica do eucalipto (para a Nosa Terra) aínda que, certo é, non repercuta no benestar do conxunto”. Outro dogma repetido: sempre se pode socializar e repartir o crecemento económico, así que... para que renunciar á industrialización?

O centro da palestra, o concepto de “refuxio climático” (como espazo nas vilas) quedou agachado tras estoutras afirmacións e só a intervención do arquitecto Xosé Lois Martínez, que se atopaba entre o público, serviu para recuperar a importancia do urbanismo e a construción fronte á emerxencia climática. Explicou como as políticas públicas do século XVIII remataron cos soportais (un refuxio climático tradicional) na cidade da Coruña e como as galerías (tamén prohibidas a partir de 1940) son un elemento construtivo esencial que permitiu manter unha temperatura e un grao de humidade axeitado nas vivendas da cidade. A defensa das solucións tradicionais, axeitadas ás condicións climáticas que apuntou Martínez foron aproveitadas por Teiga para retomar o fío é defender que esas peculiaridades de cada territorio son as que debemos recuperar para afrontar a mudanza climática que vai a afectarnos a todas: “a evidencia científica é clara”.  Pero este debate semellaba un novo trunfo da Xunta: o refuxio climático é un espazo tranquilo, entre 21 e 26 graos centígrados, onde dúas mozas descansan nun sofá (quer privado quer público) lonxe do inferno da meseta ou do Mediterráneo.

Pero hai outros refuxiados climáticos.  O Grupo Intergobernamental de Expertos sobre Mudanza Climática prevé que en 2050 máis de mil millóns de persoas poderían estar expostas a riscos climáticos (aumento do nivel do mar, inundacións, secas e outras catástrofes) e o Banco Mundial comunicou que se non se adoptan medidas para a redución das emisións globais de gases de efecto invernadoiro, máis de 210 millóns de persoas deberán desprazarse dentro dos seus países arredor de 2050.

Galicia aparece así como un “refuxio” ben diferente. Xa en outubro de 2021, a propia revista Luzes publicou un artigo de Manuel Casal (“Futuro destino de migración climática”) que estuda esta perspectiva, menos banalizadora ca usada pola Xunta na súa publicidade.  Naquel artigo o autor afirma que consonte “todos os informes elaborados a nivel estatal e internacional [...] a zona sur e mediterránea da Península está en alto risco climático [...] Con este panorama, alguén pensa que os millóns de habitantes do sur e leste ibérico [...] van permanecer de brazos cruzados durante 20 ou 30 anos mentres se cocen a lume lento [...]? Antes ca iso darase por forza unha progresiva migración, rápida en termos históricos, cara ao norte e o oeste. Estamos a falar do abandono das zonas nas que viven, na actualidade uns 40 millóns de persoas [...] Con que só escollesen como destino Galiza un 5% desas persoas, estariamos a falar dun fluxo de 2 millóns de refuxiados, que chamarían ás nosas portas ao longo dun par de décadas ou tres”.  A imaxe é ben distinta á que ilustra este artigo: Galicia non é o paraíso do que fuxir durante quince días da calor extrema senón un territorio aínda capaz de xerar algo de auga e alimento para as persoas nunha época de caos climático. A Nosa Terra transformarase nun dos lugares aínda habitábeis ao que fuxir, o que implicará moitos problemas sociais, políticos e económicos doados de imaxinar: nacionalismo excluínte, violencia institucional, acaparamento de recursos polas camadas máis altas da sociedade... Pódese xogar co concepto “refuxio climático” como fai a Xunta cando as expertas estannos a advertir do que vai pasar nas vindeiras décadas?

“Estariamos a falar dun fluxo de 2 millóns de refuxiados, que chamarían ás nosas portas ao longo dun par de décadas ou tres”, afirma Casal Lodeiro.

Na reportaxe de Luzes de 2024, María Lafuente, voceira de Adega, afirma: “Non somos capaces de soster evidencias colectivas que estean á altura das evidencias científicas. Temos que estar máis organizados, e que os principios da ciencia nos axuden a producir evidencias comúns compartidas sobre as que actuar”, algo do que foi un claro exemplo a charla na Alexandre Bóveda. Lonxe de ir ao miolo do asunto (o que apuntaba Casal no seu artigo do 2021 ou os informes do IPCC e o Banco Mundial) non só o público senón mesmo Teiga e Rivas asumiron certos acenos negacionistas, como cando o poeta fixo unha brincadeira coa suba da temperatura do mar: “Na praia de santo Amaro non se nota, non”. Un exemplo de como o conformismo e o derrotismo fomentado polo sistema van callando nos discursos mesmo das persoas máis críticas e tamén un exemplo da necesidade de “refuxios semánticos” lonxe do dicionario das poderosas para non perdermos pé no que nos está a pasar na realidade.

Arquivado en: Decrecimiento
Sobre o blog
O Centro de Saberes para a Sustentabilidade (CSS) é un Regional Centre of Expertise on Education for Sustainable Development recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas. Ten como misión fundacional “informar, sensibilizar e implicar a comunidade educativa e a sociedade no seu conxunto na promoción da transformación social necesaria para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable a través de experiencias cos pés na terra que fomenten a conservación, a sustentabilidade, a protección ambiental e a resiliencia“. O goberno do CSS é horizontal e democrático a través dun Consello Reitor formado por representantes de todos os axentes participantes. Máis información: http://www.saberes.eu
Ver todas as entradas
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Río Arriba
Río Arriba Luis González Reyes: “Vivimos en un mundo en el que la escasez es un elemento central”
Primera entrevista del programa Río Arriba en formato podcast y vídeo donde hablamos de las nuevas guerras neocoloniales por recursos en la era de Trump y Putin, de la escasez, del decrecimiento y el colapsismo.
Tribuna
Tribuna Decrecimiento azul: un enfoque necesario para mares al límite
Mientras se celebra la UNOC3 y en el contexto de cambio climático y pérdida de biodiversidad al que nos enfrentamos se necesita —también en el mar— un cambio de paradigma donde el crecimiento y la ausencia de límites dejen de ser la norma.
Decrecimiento
Opinión Cómo crear colectivos resilientes y justos en tiempos de emergencias constantes
Un equipo multidisciplinar ha desarrollado una herramienta web con un doble objetivo: evaluar la resiliencia y el funcionamiento de los colectivos sociales ante la crisis ecosocial en marcha.
Sobre o blog
O Centro de Saberes para a Sustentabilidade (CSS) é un Regional Centre of Expertise on Education for Sustainable Development recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas. Ten como misión fundacional “informar, sensibilizar e implicar a comunidade educativa e a sociedade no seu conxunto na promoción da transformación social necesaria para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable a través de experiencias cos pés na terra que fomenten a conservación, a sustentabilidade, a protección ambiental e a resiliencia“. O goberno do CSS é horizontal e democrático a través dun Consello Reitor formado por representantes de todos os axentes participantes. Máis información: http://www.saberes.eu
Ver todas as entradas
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.

Últimas

Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Filosofía
Brais Arribas, filósofo “Non se trata de empoderar senón de disolver o poder”
Durante a conversa, o profesor reflexiona sobre a saúde da filosofía galega, o poshumanismo, as novas masculinidades ou a experiencia da pandemia.