Santiago de Compostela
Acampar para ter onde vivir
“Ule a 15M, non cres?”. Sara é unha dos centos de persoas que este luns se concentraron na Alameda de Santiago de Compostela para protestar pola situación da vivenda na Galiza. Ela, que estivo no seu momento na praza do Obradoiro, hai 15 anos, emociónase agora ao ver que algo semellante parece estar acontecendo outra vez. Na concentración do luns, as manifestantes decidiron tomar as rúas e dirixirse á estación intermodal. Alí pasaron a noite para esixir: “Se hai xente sen casa, entón tomarase o espazo común ata que todas teñamos onde vivir”
Esta esixencia non é gratuíta. O artigo 47 da Constitución di que todos os cidadáns teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada e que os poderes públicos promoverán as condicións necesarias para facer efectivo ese dereito e impedir a especulación; con todo, a realidade, é que isto non acontece.
Unha acampada para mudar as cousas
Son as once da mañá e na porta da intermodal as campistas comparten espazo cos grupos de turistas e viaxeiros que entran e saen da estación. Unha rapaza le un libro sentada xunto á cristaleira do edificio. Ao seu carón, dúas compañeiras escriben pancartas nas que se pode ler “Únete” ou “Menos turismo, máis veciñas migras”. Outras comen o almorzo achegado por veciñas que trouxeron ata aquí café, leite, froita, bolachas, auga e ata utensilios. “Imos colgar as pancartas na varanda de aí enfronte”, explica Paula, unha rapaza que leva toda a mañá colaborando desde xeito coa acampada. “Xa non nos deixan estar dentro nin colgalas, tivemos que quitar os cartaces da estación por Adif e levalos alí”, comenta, sinalando a ponte que dá acceso ao edificio desde a rúa. A escolla da intermodal non é casual. Nuria, voceira do Sindicato da Vivenda de Compostela explica que, entre outras cousas, a intención é dar visibilidade ao feito de que ata esta estación chega unha gran cantidade de turismo, un dos maiores problemas que ten Compostela en relación coa vivenda.
“Non é exactamente un espazo público, pero si un lugar significativo para simbolizar a protesta”, explica. A relación entre turismo e vivenda é un dos eixos do discurso deste sindicato, nacido da asemblea Xuntanza pola Vivenda. Nas súas redes, denuncian que Compostela padece, como outras cidades do Estado español, as consecuencias da mercantilización do espazo urbano. Segundo o colectivo, as campañas do Xacobeo, a promoción do Camiño a través de influencers e os macrofestivais alongan cada ano a tempada alta, mentres a veciñanza é expulsada cara á periferia e o centro queda convertido nun escaparate para peregrinos e turistas. A chegada de plataformas como Airbnb agravou a situación, sobre todo desde a pandemia.
A propia Nuria é un exemplo desta realidade. Traballadora autónoma, levaba sete anos vivindo nun piso e hai pouco botárona para montar un Airbnb a pesar de ter un trato moi cordial co seu caseiro. Para ela, o caso de Maricarmen tamén é paradigmático.
“Unha persoa de 87 con discapacidade que levaba 70 anos no mesmo piso e que, despois de ataques continuos e exercendo moita violencia acaban botándoa da súa casa, provocándolle moitos problemas psicolóxicos e cadros de ansiedade”, denuncia. “E agora, por mor das mobilizacións, deciden devolverlle a súa casa. Pero quen lle devolve a súa saúde mental e repara todo o dano que lle causaron con todo isto?”.
Mentres Nuria fala, un grupo de rapaces e rapazas comezan a tocar a guitarra e a cantar non moi lonxe de nós. Respírase un ambiente esperanzador, como se semellase que isto é a mecha que se precisaba para mudar por fin as cousas. Cando se lles achega unha xornalista da Cope, un dos rapaces chancea e coméntalle que seguro que os fachas non se divirten tanto coma elas. A xornalista ri. Con todo, detrás da alegría, hai esgotamento. Cunha realidade onde os prezos dos alugueiros non deixan de medrar e con cuartos en pisos compartidos que poden chegar aos 600 euros, estar aquí semella case que unha obriga.
“É que chega un momento no que tes que escoller entre o teu traballo ou seguir vivindo na cidade”, denuncia Nuria. “E iso sen contar coa discriminación. En Compostela, Vigo ou A Coruña pregúntaselle ás futuras inquilinas cal é a súa orientación sexual, en que traballan, a relación que teñen coa persoa coa que van convivir ou se teñen animais. Eu creo que boa parte da sociedade descoñece que se está a exercer esta violencia”. Desde o Sindicato teñen reivindicacións concretas. Piden que as ferramentas que xa existen, como as axudas ao alugueiro, cheguen de verdade á xente. Tamén esixen a conxelación das rendas e unha baixada real dos prezos, non só promesas de prórrogas. Saben que, para isto, precisan moito apoio popular e, aínda que levan pouco tempo en activo, a resposta ante a concentración de urxencia e a propia acampada colleu por sorpresa ás organizadoras.
“Estamos contentísimas. Semella que o tema da vivenda segue sen interpelar a todo o mundo. Séguese a facer esta construción de que isto só afecta a xente nova e que non temos casa porque non nos esforzamos o suficiente. Estes movementos deixan claro que nos afecta a todas“, reivindica e engade: “A acampada está conformada por xente de todo tipo de idades e perfís diferentes, moitas están agora no seu horario laboral, pero volverán despois”.
Precisamente o traballo aparece unha e outra vez no seu discurso. Segundo Nuria, o que se busca desde os medios e desde a información é dispersar a xente, facendo pensar que o problema está entre nós e ternos atadas a xornadas de dez ou doce horas, con salarios mediocres, sen poder pagar o alugueiro nin ter tempo de lecer.
“Se estamos deprimidas, medicadas e cansas, tampouco podemos facer moito máis”, reclama. “Por iso hai que valorar aínda máis a toda a xente que viu onte, ás persoas que se achegaron á estación, as que pasaron a noite aquí e as que seguían pola mañá. É moito máis do que se podía esperar. Hai un movemento real, está véndose a nivel estatal, e en Galiza temos imaxes de onte da Coruña e de Vigo”.
Mentres, a estación segue co seu ritmo habitual. Ao noso arredor cruzan turistas e peregrinos con mochilas e persoas que corren para non perder o tren ou o autobús. Moitos miran de esguello, pero case ninguén se detén. Desde a acampada aseguran que pouca xente fixo comentarios. Os únicos ánimos chegaron dalgunhas persoas que, polo aspecto, ían traballar. “Non traían mochila”, apuntan. Ás 13h, as campistas abandonaron a intermodal despois de que a Policía Nacional lles comunicara que debían desaloxar. Con todo, isto non é a fin desta historia e a intención é exercer toda a presión posible sobre todo despois dun decreto que para o sindicato nin sequera é un achegamento aos obxectivo.
Na noite deste martes, na praza do Obradoiro, hai unha asemblea aberta a toda a veciñanza para decidir os seguintes pasos. Como di Nuria: “Todas as acampadas xorden dun cansazo e dunha desesperación na que moitas non temos alternativa”. O que queda, entón, é seguir do xeito que sexa.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!