csoa a miñoca - 1
Porta de entrada do CSOA A Miñoca, en Santiago de Compostela. Elena Martín
27 may 2026 05:30

Poucas criaturas son tan importantes para a saúde dos ecosistemas como as miñocas. Pequenas e rosadas, definidas moitas veces como feas e desagradables, as miñocas son as enxeñeiras silenciosas dos nosos solos. Ao airear o chan, mellorar a retención da auga ou axudar a fertilizar as plantas, estes seres vivos sosteñen, sen que se lles valore, parte da vida do planeta.

Os centros sociais nas nosas vilas e cidades fan un labor semellante. Crean espazos de encontro onde a veciñanza pode tecer comunidade e resistir ante unha lóxica que xa non ve os barrios como espazos de vida e coidados, senón de produtividade económica. Por iso ten todo o sentido que o novo centro social okupado de Santiago de Compostela se chame así: A Miñoca.

Un punto de encontro no corazón de Compostela

O Centro Social Okupado Autoxestionado Anarquista A Miñoca localízase nun deses edificios que as veciñas de Compostela coñecen, aínda que sexa de oídas. Esta nave atópase moi preto da Sala Capitol e da libraría e sala de cinema Numax, e formou parte, durante anos, da vida do barrio de Sar.

“É un espazo histórico para o barrio, todo o mundo coñecía esta nave. Antes foi unha empresa de construción e despois estivo como dez anos baleira”, contan desde o CSOA. “Despois intentouse facer un proxecto de teatro, a Sala Montiel, pero acabou pechando no ano 2017”.

“Ocupamos este edificio porque é un exemplo do que lle está a pasar a Compostela. Non estamos entrando no espazo dunha veciña, senón dun especulador que quere facer cartos a base de expulsar a veciñanza do barrio”

Agora a nave é propiedade dun construtor, Jorge Devesa, que quere derrubala para construír apartamentos turísticos. Para o colectivo isto implica máis cemento e menos barrio, unha mostra de como os espazos históricos e colectivos acaban ao servizo de intereses individuais.

“Ocupamos este edificio porque é un exemplo do que lle está a pasar a Compostela. Non estamos entrando no espazo dunha veciña, senón dun especulador que quere facer cartos a base de expulsar a veciñanza do barrio”, alegan as persoas que forman parte do colectivo A Miñoca. “Queremos crear un espazo onde as veciñas, a rapazada e xente de toda a cidade poida vir, atoparse e crear comunidade sen necesidade de consumir. Buscamos dar resposta a esa necesidade”, afirman en conversa con O Salto.

Dende A Miñoca lembran que Compostela non ten moitos sitios onde as súas habitantes poidan pasalo ben sen gastar cartos. Os poucos lugares colectivos que aínda había, como a Casa do Peixe e a Casa Encantada no mesmo barrio de Sar, ou Matadoiro e o CSOA Eskarnio e Maldizer, están pechados, con este último tapiado hai poucos meses.

Portas abertas para todo o que queira achegarse

Durante a entrevista, un veciño achégase ata o local para avisar, preocupado, que onte alguén do colectivo deixara as chaves na porta por fóra e que teñan coidado. Non é o único que semella querer que o proxecto funcione. Desde A Miñoca fan un labor moi activo para darse a coñecer no barrio, preguntando as veciñas que pensan e asegurándose de que non hai opacidade arredor do centro.

De feito, cando o colectivo saíu polas rúas do barrio para presentarse, de cada quince portas que petaban, catorce abríanse cun sorriso. Unha realidade que pouco ten que ver co relato que se está a construír desde algúns medios.

csoa a miñoca - 2

“O outro día había unha xornalista da TVG que parecía querer forzar que a señora á que estaba a entrevistar dixera que os okupas están mal, pero non o conseguíu”, comentan. “É máis, xusto está mañá, por exemplo, estabamos a tomar o sol na porta e unha muller duns sesenta anos pasou por diante. Ao vernos, díxonos que estaba encantada e que podiamos contar con todo o seu apoio. É posible que esta acollida sexa en parte porque aquí permanece o recordo doutros centros como a Casa do Peixe que fixeron moita vida de barrio”.

Cada xornada entran polo menos dúas persoas novas para coñecer o centro, preguntar polo proxecto ou ofrecer a súa axuda. O colectivo di que se aprenden sempre os nomes das persoas que se achegan ata alí ou coas que falan. Tamén procuran preguntar polos seus oficios e cantos anos levan no barrio. ”Temos que acordarnos delas, que son as nosas veciñas“, din cun sorriso.

Para o colectivo tamén é importante que o espazo sexa realmente interxeracional, con xente de todas as idades sentíndose a gusto nel. Que o centro estea conformado por toda clase de persoas é o que lles dá esperanza de facer barrio.

“O outro día, por exemplo, foi moi guai porque unha nai entrou coa súa filla, que debe estudar no colexio que está enfronte. A nai contounos que a nena tiña interese por saber que estaba pasando aquí, así que decidiu achegarse con ela para que observase por si mesma”, explican. “E foi xenial porque deconstruímos totalmente a imaxe de okupas violentos que dan nos medios. Estabamos merendando no medio dunha asemblea”.

Existindo sen pedir permiso

O discurso contra a okupación leva anos sendo moi ruidoso. Os medios repiten a palabra ”okupa“ coma se fose sinónimo de ameaza, pero as persoas que abriron A Miñoca saben que a realidade é outra. ”Ao final o que se está facendo é criminalizar a pobreza“, din. “Mentres alguén cun chaveiro cheo pode ter a propiedade de media cidade sen que iso apareza nos telexornais como un escándalo, nós temos vinte e dous anos, estudamos unha carreira, temos traballo e precisamos tres meses de fianza e un aval para conseguir un piso por mil euros, e diso non se fala como algo terrible”.

Ante esta situación, a okupación, explican, non é só unha necesidade práctica senón tamén unha posición política. En Galiza existe unha tradición de propiedade comunitaria no rural, como son os montes en man común, e desde a Miñoca pregúntase por que non pode existir nos espazos urbanos.

csoa a miñoca - 3

”Por que temos que reducir todo á propiedade privada ou á propiedade pública, ambas as dúas suxeitas ao permiso de alguén?”, pregúntanse desde o CSOA. “Reivindicamos unha forma diferente de propiedade, realmente autoxestionada e en mans da nosa clase social. Porque nós non vivimos do suor doutra xente, vivimos enriquecendo a outros para poder sobrevivir neste sistema, e por iso precisamos espazos onde tecer redes de resistencia ante un sistema que é moi inhumano“.

Por isto, este centro defínese tamén como anarquista, porque non conciben outra forma de estar no mundo e cren que outras formas de organizarse son posibles máis alá de estruturas xerárquicas, autoritarias e conformistas co sistema.

“Cremos que as propostas que trae o anarquismo axudan precisamente a crear toda esta comunidade que estamos falando a crear estas redes a confrontar directamente ao capital a través dunha veciñanza organizada e dunha veciñanza forte e empoderada”, alegan.

Tecer comunidade nun barrio ameazado

Os barrios de Santiago baléiranse á forza da súa esencia. O turismo en exceso, o Camiño como industria, os apartamentos turísticos... todo apunta cara á mesma dirección: a desaparición da vida en comunidade, intercambiada por cidades onde as persoas xa non se poden permitir vivir.

Neste contexto, A Miñoca non é só un centro social, é unha demanda de que os barrios son para quen os habita. Nun tempo no que a tecnoloxía dixital colonizou os espazos de sociabilidade, o colectivo reivindica o encontro físico, o coñecerse de verdade. Saír da vida dixital para volver atopármonos cara a cara.

O pasado xoves, facían unha apertura de portas onde animaban ás persoas a achegarse para coñecer o centro, axudar cos arranxos que a nave precisa e traer calquera cousa que pensen que pode ser de utilidade no espazo. A intención é arranxar A Miñoca en comunidade e, de paso, aprender entre todas sobre carpintería ou como arranxar un enchufe. ”Non é só rehabilitar o espazo, é aprender tamén. Igual non tes outro momento na vida no que teñas que cementar un chan, pero son cousas prácticas“, reflexionan.

En xuño está prevista a primeira asemblea aberta, e xa teñen en mente unha programación que inclúa teatro, circo, danza, cursos e obradoiros. En canto ao futuro legal, son realistas. O propietario presentou denuncia, aínda que á data desta reportaxe non chegara notificación formal ao espazo. Os prazos xurídicos falan duns dous anos ata unha posible resolución.

”Temos exemplos doutros centros sociais ocupados que duraron moito máis. Cremos que hai posibilidades“, comentan ”Pero temos clara unha cousa, se nos tiran deste espazo, abrimos outro ata que Santiago teña lugares no que poder estar en comunidade sen necesidade de consumir”.

A miñoca habita a terra, móvea, abre camiños no chan, invisibles pero infinitos. Se a unha miñoca lle pechan unha saída, axiña crea outra. Estes seres son inofensivos, pero indispensables para a existencia de moitos seres vivos. “Somos a imaxe contraposta á dos okupas violentos e agresivos, esa imaxe na que se empeñan en insistir os medios”, explican desde o CSOA. “Por iso escollemos ese nome”.

Deste xeito, como as pequenas criaturas que axudan aos nosos ecosistemas, desde este centro social seguirán facendo un traballo imprescindible para os nosos barrios. Aprendendo a construír un lugar para todas, con paciencia e en comunidade.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...