Sistema Penal
"A función da penalidade non é castigar, senón gobernar as nosas vidas culpábeis"

O avogado e doutor en dereito Borxa Colmenero analiza no ensaio Vidas culpáveis a evolución do sistema penal e penitenciario na actualidade, determinado pola emerxencia do neoliberalismo.

Borxa Colmenero_1
Borxa Colmenero na presentación de "Vidas culpáveis" no CS A Comuna (A Coruña) Antía García Sendón
22 dic 2017 09:55

En Vidas culpáveis. O controlo neoliberal do crime (Edicións Laiovento, 2017) aflora unha idea fundamental: dereitos e liberdades que fundamentan o sistema democrático son violentados dentro da legalidade, non hai nin unha falta de garantías nin unha inxustiza. O que hai é algo máis profundo, a implementación dunha serie de dispositivos encamiñados a gobernar as nosas vidas.

Este ensaio, resultado da tese de doutoramento de Colmenero, preséntase non só como unha ferramenta teórica de estilo academicista, senón tamén como unha ferramenta de crítica política para "combater algunhas das certezas referidas ao sistema penal construídas especialmente polos espazos disidentes, certezas que teñen sido analiticamente reduccionistas e que teñen dificultado a defensa dos dereitos e liberdades das persoas”. O desafío de Vidas culpáveis é modificar a narrativa vixente na loita antirrepresiva, que identifica ao Estado como un ente totalitario e represor 'per se', xa que estamos perante un fenómeno penal máis complexo e amplo.

No teu libro falas dun sistema penal e penitenciario en continua transformación, no que conviven diferentes formas de entendelo: welfarista, excepcionalista e neoliberal. Como é a convivencia destes xeitos de entender o sistema penitenciario no contexto actual? 
Conviven en contradición e en tensión. En contradición na medida en que estas lóxicas non camiñan nunha única dirección. E viven en tensión entre elas do mesmo xeito que acontece no ámbito político, onde conviven neoconservadores, neoliberais e tamén welfaristas que seguen insistindo no estado social.

Non existe unha orde cronolóxica nin unha pirámide xerárquica, senón que conviven xustapostas e cada unha ten unha finalidade e diríxese a un grupo concreto. Digamos que conforman un triángulo de poder complexo e que son dispositivos de goberno aos que o estado pode recorrer en función da dinámica política e do momento concreto.

Na primeira parte do libro abordas o que denominas "control a través da liberdade". Falas das técnicas de control da poboación nas que o estado se retira e non intervén de forma directa, e nas que a responsabilidade pola seguranza se transfire ao individuo. Que mecanismos fan parte deste proceso?
É o que a socioloxía chama 'control informal': sistemas nos que cada individuo ou cada grupo é o que determina os mecanismos cos que protexerse. Exemplos disto son os sistemas de videovixilancia e monitorización. Tamén certas reformas nas cidades onde todo o mundo se pode ver, centros comerciais onde o estado non está presente na vixilancia por medio da policía e hai unha privatización da seguridade, ou aquelas que se dan en urbanizacións privadas e incluso edificios e comunidades de veciños onde os propios habitantes organizan a súa seguridade por medio de empresas privadas.

Outra idea presente na primeira parte do libro é a de que o estado asume a exclusión social e a criminalidade como un feito estrutural, non pretende combatelas nin neutralizalas, senón xestionalas, administralas, metelas dentro de índices de aceptabilidade social. Como se calculan estes índices?
A lóxica neoliberal critica o sistema penal e penitenciario dende a perspectiva económica. É dicir, o sistema é ineficiente economicamente, o estado dedica moito diñeiro a este tipo de actividades e non é rendíbel. E dende a lóxica neoconservadora a crítica dáse en termos ideolóxicos, se se quere en termos morais, criticando o parasitismo social que hai ao redor dos beneficiarios da protección do estado, e tamén na prisión, entendendo que en última instancia as persoas que cometen delitos non poden ser merecedoras de corrección e reinserción por parte do estado. Baixo estes presupostos enténdese que a criminalidade forma parte estrutural da sociedade, non se pode combater en termos materiais e non é rendíbel dende o punto de vista económico.

Como se cuantifica o índice de aceptabilidade? Entran en xogo moitos factores. Hai un elemento ideolóxico moral do que entendemos por perigo que está en constante debate, é o conflito político. Por que entendemos como perigosas determinadas condutas e non outras? É moi interesante analizar os medios que se utilizan para cuantificar estes índices, como funcionan as matemáticas e a estatística aplicadas ao control do crime. A policía actúa por taxas de criminalidade, índices de detidos, porcentaxes de procesados e condenados. Criterios estritamente matemáticos e técnicos para combater o crime. Por exemplo, nos delitos relacionados coa droga: a taxa de delitos penados co cárcere descendeu moitísimo dende a década dos noventa, mais o tipo de actividade relacionada coa droga non descendeu substancialmente. Politicamente entendeuse que era máis cómodo convivir con ese tipo de delitos.

Semella unha imaxe moi aséptica que pode chocar con análises que falan dun modelo penal e penitenciario posicionado ideoloxicamente. Non son poucas as voces que subliñan o carácter marcadamente racista do sistema penal, por exemplo.
Unhas das críticas que se lle poden facer a esta perspectiva xerencialista é o aparente envoltorio de neutralismo, asepticismo. Parece que todos son cálculos, números, índices de risco... Pero detrás de todo iso hai unha importante compoñente ideolóxica. Que entendemos por risco? Que delitos entendemos perigosos e por tanto hai que perseguir, e cales podemos tolerar nun índice ou noutro? Eu tento no libro desmontar ese concepto de risco sobre o que se estrutura todo o xerencialismo penal, que non é nin aséptico nin neutral, senón que é fondamente ideolóxico e por tanto imprime este carácter a todo o sistema.

Significa isto que nos encontremos como noutras épocas históricas ou noutras latitudes con corpos de policía abertamente racistas, ou con políticos decididos a combater, por exemplo, as persoas musulmás? En principio no estado español non existe ese problema, mais alá de pequenos grupos ou individuos que toman estas actitudes. O que nos atopamos é o que denominamos racismo institucional, é dicir, toda unha estrutura que ten prácticas racistas impregnadas. Este racismo institucional é máis difícil de combater porque vén dunha discusión dende o propio ethos burocrático, dos estados que tenden a protexerse a si mesmos fronte aos que consideran ‘os outros’, ese conflito de alteridade que sempre está presente nas políticas criminais. E os outros quen son? Pois os ciganos, que foron historicamente excluídos da sociedade no estado español, as persoas migrantes nos últimos quince ou vinte anos, e nos anos noventa seguramente esoutros foron os toxicómanos, no boom que houbo naquela altura de sentencias penais relacionadas no estado español.

Borxa Colmenero_2
Presentación de "Vidas culpáveis" no CS A Comuna (A Coruña) Antía García Sendón

O sistema sobrepenaliza a existencia desas persoas. Por exemplo, para acceder a beneficios penitenciarios tes que demostrar arraigo social, familiar e laboral. A maior parte das persoas migrantes en prisión non cumpren esas condicións. Dá igual o delito que cometeses, se foi grave ou leve, que teñas toda a vontade por reinsertarte ou que participes nos programas. Logo está a substitución das penas de prisión por responsabilidades pecuniarias, moitas persoas teñen que entrar en prisión por non poder facer fronte a responsabilidades civís. Eu falaría máis dun racismo institucional que dun racismo ideolóxico, o cal non quere dicir que non exista un compoñente ideolóxico, pero é máis sutil. É como no “Eichmann en Jerusalén” de Hannah Arendt, ese funcionario que exerce burocraticamente a morte e non ten a sensación de que estea a cometer nada grave. É unha banalización das condicións da represión.

Sinalas a crise do 2008 como punto de inflexión do modelo penal e penitenciario no contexto occidental. Dos macrocárceres ao castigo económico, módulos de respecto ou o programa Riscanvi. Como se vive este cambio dentro do medio xudicial e penal?
Non pasamos dunha prisión welfarista a unha prisión neoliberal de golpe, as dúas conviven en tensión. O principio de resocialización non só non desaparece, senón que vén xustificar a existencia dos módulos de respecto, non obstante, as lóxicas nas que se dan son propiamente neoliberais. Hai que velo dende esta complexidade.

Hai unha incorporación do "principio de escasez de recursos", fundamental na economía neoliberal, que se aplica nas políticas penais e penitenciarias do mesmo xeito que se fai nas políticas de educación ou sanidade
As cifras son claras: o número de persoas presas está descendendo por unha contracción do sistema penitenciario, no caso do estado español falamos de 15000 persoas menos neste ano ano respecto ao 2009. Estanse retirando tamén algúns dos servizos que se ofrecían en prisión vencellados, por exemplo, con determinados tratamentos médicos, programas de resocialización, etc... por falta de medios económicos.

Os estados buscan fórmulas alternativas na procura dun equilibrio entre o custo e o beneficios que lles supón controlar a criminalidade. Estanse implantando sistemas, dende hai anos pero agora cunha expansión maior, de control a través de pulseiras telemáticas, prisión na casa,... outro tipo de fórmulas que permitan descargar o sistema penitenciario.

Na segunda parte do libro abordas a outra cara da moeda: o control a través da punición, onde o estado intervén de forma directa, forte e vertical como unha manifestación do poder soberano a través do que se coñece como excepcionalismo penal. Semella que vivimos un momento no que este xeito de entender a penalidade recupera protagonismo, con casos como o de Catalunya, a Operación Araña ou a Lei Mordaza.
Vivimos o momento de maior número de persoas procesadas por delitos relacionados co terrorismo, nun contexto moi diferente do que foron os oitenta, con ETA, os Grapo, Terra Lliura e todos os fenómenos de violencia que se deron nese período. E son persoas procesadas non por integración en banda armada, pero si por ese conxunto de delitos vencellados, como por exemplo o enaltecemento. Levamos sucesivas operacións a través da internet contra persoas por manifestar a súa opinión ao respecto da violencia, da situación política, en definitiva por exercer aquilo que se consideraba absolutamente indiscutíbel como é o principio de liberdade de expresión. O código penal na súa última reforma no ano 2015 incorpora o elemento do terrorismo pasivo: xa que non é que eu realice unha determinada acción, senón que se son receptor de mensaxes tamén estou cometendo un delito de terrorismo. Xa no ano 2012 incorporouse a figura do terrorismo individual, dende ese momento xa non é preciso pertencer a unha organización terrorista para ser terrorista.

En definitiva, o que hai é un delito de terrorismo que se fai cada día máis elástico e que tenta englobar cada vez máis persoas e máis condutas, mentres que nos anos oitenta e noventa, con centos de mortos por accións armadas, o concepto de terrorista estaba extremadamente limitado. O propio Tribunal Constitucional establecía que o delito de terrorismo debería ser interpretado sempre de forma moi restritiva e soamente para aquelas accións que encamiñasen á destrución do estado. A destrución do estado pasa a ser a alteración da paz social, de aí a orde constitucional e cada vez manexamos nocións máis vagas que permiten politicamente poder actuar como no caso de Catalunya, onde non falamos de terrorismo en sentido estrito pero si de delitos vencellados co excepcionalismo penal.

Como se entende a desmedida actuación contra o independentismo galego, que por volta de dez anos estivo no centro das políticas de excepción do estado español?
Eu creo que para entender a fixación do estado cunha sorte de inimigo galego hai que entender a desaparición do inimigo vasco. O estado español vive na lóxica de amigo-inimigo e o seu principal inimigo é ETA, ou máis ben o ‘conflito vasco’ en sentido amplo. Este inimigo lexitima a construción dun aparato antiterrorista brutal, que vai dende a creación da propia Audiencia Nacional e de corpos e forzas de seguridade especializados nestes delitos, e o establecemento de toda unha serie de normas, ata o xurdimento de organizacións sociais e civís encargadas de construír unha narrativa contra o terrorismo que xoga e xogou un papel fundamental na política española.

Algo pasa cando ETA no 2011 desaparece do marco político. Esta estrutura precisa ou desmontarse ou reencamiñarse cara a outro inimigo. Desmontarse na medida en que desaparece o inimigo que a lexitima ou procurar outros inimigos. Sorprendentemente, ou non tanto, no estado español non se opta polo inimigo externo como no caso de Francia e outros estados.

O que fai o estado español é buscar dentro do seu perímetro outros inimigos, e rapidamente reubícase cara o caso galego porque permite calcar o modelo vasco 
Trátase dun conflito territorial, hai unha organización, ten un grupo de apoio político, un grupo de apoio a presos, un grupo de apoio social, entra no mesmo esquema e hai un corremento das políticas de excepción cara a Galiza coma se tratase dun fenómeno similar, aínda que en última instancia tampouco había capacidade de pór en causa os consensos e as lexitimidades da orde social do estado. Pero era precisa a construción dun inimigo.

Que acontece? Que hai unha autentica desproporción mesmo dende a súa propia estratexia. Se no período 2005-2014 nos atopamos con detencións repetidas e operacións antiterroristas en GZ que terminan en condenas por terrorismo individual, no ano 2014 directamente créase a existencia dunha organización armada que nunca é reivindicada por ningún grupo, que non cometeu ningunha acción das típicas deste tipo de organizacións, non se atopan armas nin unha determinada loxística, é dicir, non hai o elemento estrutural que require a existencia de terrorismo. E constrúese a ficción da resistencia galega, ese inimigo que xuridicamente comeza a funcionar e rapidamente a licitación española é unha vis expansiva. En canto se instala é como unha sorte de virus, avanza rápido e comeza a contaminar a todo a contorna. A lexislación, do mesmo xeito que se aplicaba no País Vasco comézase a aplicar en Galiza, e vén a operación Jaro, operación Jaro 1 e 2 contra o movemento político, e seguindo con esta mesma dinámica de excepción pódese seguir expandindo por ondadas contra outros movementos que nada teñen que ver coa violencia, pero se comparten obxectivos políticos, perspectivas, solidariedades, etc... pódense ver contaminados pola onda do excepcionalismo.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Feminismos
El feminismo será antipunitivo o no será
La aprobación de la llamada ley del 'solo sí es sí' ha sacado a la luz el debate sobre las alianzas entre cierto feminismo y el punitivismo
Medio ambiente
Sistema penal Ecocidio, un nuevo delito para un crimen global
En los últimos años ha cobrado fuerza la inclusión de un quinto delito en el ámbito de la Corte Penal Internacional: el ecocidio.
Galicia
Galicia A Xunta aprobou a celulosa de Altri argumentando que a súa cheminea de 75 metros sería “icónica”
O Informe de Patrimonio Cultural, favorable á multinacional, emitiuse con base en dúas encargas externas, contratadas e pagadas pola empresa ao ex presidente e ao actual tesoureiro de Icomos-España.
Israel
Día de la Nakba Ex Libris, la empresa israelí que provee tecnología a las bibliotecas del mundo
Los principales productos de gestión y servicios bibliotecarios provienen de una empresa cuya sede principal se encuentra en el Malha Tecnology Park, sito en el territorio ocupado donde antes se levantaba la aldea palestina de Al Maliha.
Análisis
Análisis Después del apagón, la normalidad: crisis a la izquierda, Gobierno a la derecha
El Gobierno de coalición está cada vez más exhausto, el PP vence pero no convence, Vox permanece estático y en la izquierda ‘alternativa’ prevalece el estado de descomposición, según los datos del último CIS.
Irlanda
Lavanderías de la Magdalena Caelainn Hogan: “Las madres ‘descarriadas’ y sus criaturas eran un desafío a la autoridad de la Iglesia”
Caelainn Hogan, periodista irlandesa nacida en 1988, es autora de ‘La república de la vergüenza’, donde revela los abusos en las instituciones para mujeres que se desviaban de la norma en Irlanda.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'Os Pecadores' loitan contra montruos reais e mitolóxicos no novo episodio de 'O Teleclube'
O dúo do director Ryan Coogler e o actor Michael B. Jordan estrean unha película sobre a experiencia afroamericana cunha ameaza sobrenatural engadida.
Comunidad de Madrid
Bloques en lucha Una familia de rentistas amenaza con vaciar 24 casas del bloque Mesón de Paredes 88 en Lavapiés
Benjamín lleva 12 años en su casa, Lorena comparte piso con su hija y dos nietos de cinco y once años. Jesús lleva 50 años en un piso que ha adaptado para su discapacidad. Todo el vecindario está siendo presionado para que abandonen sus casas.
There Is Alternative
There Is Alternative There Is Alternative #4: de techo, huelgas de alquileres, vivienda cooperativa y todo lo que no sea especular
Cuarto episodio del podcast There Is Alternative de El Salto Radio sobre alquileres por las nubes, lo difícil que tenemos para tener un techo donde vivir, ya sea comprando o alquilando.
Kabilas de mesa camilla
Kábilas de mesa camilla Las flores no nos libran de la culpa de no ser vírgenes
Estamos maternando en una Andalucía cuajada de modelos religiosos cautivos en la lógica patriarcal, y está en nuestra mano ofrecer a la nueva generación de churumbeles una versión decente de las imágenes o una negación desfasada de lo que ven
Genocidio
Genocidio 470.000 personas están en situación de hambruna en Gaza, donde continúan los asesinatos
El Ministerio de Salud de Gaza reporta que 52.928 personas han sido asesinadas y 119.846 heridas desde el 7 de octubre de 2023. Trump se reúne con los países del Golfo, pero no se mueve de su apoyo a Israel.
Educación
Educación Protocolos éticos en espacios educativos: ¿qué dicen sobre el abuso de poder?
La asociación de referencia para las escuelas gestalt acaba de aprobar un protocolo para detectar y abordar del abuso de poder. Otros ámbitos educativos cuentan con documentos éticos sobre este asunto.
Opinión
Opinión Abolir la familia, la perspectiva de une superviviente
La familia se vende como un espacio seguro, un lugar de amor y de cuidados mutuos, algo que no corroboran los datos. ¿Hay alternativas? ¿Cómo llevamos nuestras experiencias de redes de apoyo mutuo al centro de la sociedad?

Recomendadas

Investigación
Investigación Varios refuxiados denuncian á ONG Rescate Internacional por explotación laboral e agresión sexual
A Garda Civil investiga o centro de Mondariz-Balneario tras varias denuncias por parte de voluntarios migrantes que aseguran traballar sen contrato a cambio de 50 euros semanais. A ONG xestiona 1.700 prazas do programa estatal de acollida.
Laboral
Laboral Coidar sen dereitos: a loita das traballadoras nas residencias privadas de Galiza
Sen tempo nin medios para ofrecer uns coidados axeitados, alertan dunha situación insostible nos centros e denuncian a privatización dun servizo a costa do benestar das persoas maiores e dependentes.