SOS Sanidade Ourense
A centralización da sanidade deixa Verín sen paridoiro: “Véndennos como decisión técnica o que é unha decisión política”
O paridoiro acrecenta a lista de servizos desmantelados e supón un novo golpe para o rural.

O hospital de Verín ten 25 anos de idade. Foi o primeiro hospital inaugurado dende que a Xunta de Galicia ten competencias en Sanidade. A breve historia de Verín é a intensa historia da sanidade galega, que ve como, entre debates electorais cheos de preocupación pola chamada España vaciada, e tertulias políticas concienciadas coa Galicia rural, os servizos van desaparecendo.
O paridoiro de Verín non é unha decisión illada, é unha consecuencia. Por falta de pediatras, o Sergas pechou o servizo de Urxencias Pediátricas no hospital de Verín. Pese a ser unha necesidade indefinida, as prazas ofertadas foron interinidades, e ninguén se presentou por elas.
A partir de aí, trátase da crónica dunha morte anunciada. O pediatra é necesario para a atención dos neonatos e, ante a súa ausencia, decídese pechar o paritorio que daba asistencia a unha área sanitaria de 30.000 persoas. "Nos hospitais comarcais fan falta profesionais, pero máis estables e con máis incentivos" asegura Yolanda Domínguez Gallego, médica de atención primaria, integrante da Plataforma Sanitaria e secretaria da Comisión Delegada do Hospital de Verín.
Este desmantelamento responde a estudos do 2009, cando hai outros informes contrarios. É unha decisión política que queren vender como unha decisión técnica
A Xunta tamén basea a súa decisión en criterios técnicos, afirmando que manter un paridoiro con menos de 300 partos anuais é perigoso para embarazadas e bebés, debido ao descenso da calidade e da experiencia dos profesionais. Yolanda Domínguez é taxante respondendo: "Para comezar, botar a culpa ao personal por falta de traballo é unha vergoña. É un razoamento perigoso e totalmente ofensivo, como se dicimos que un ciruxán é malo porque opera pouco, cando non hai anestesista." Tamén considera sobredimensionados os informes nos que se escuda a Xunta: "Este desmantelamento responde a estudos do 2009, cando hai outros informes contrarios. É unha decisión política que queren vender como unha decisión técnica”.

A historia do Hospital de Verín non remata co paridoiro. O servizo de dermatoloxía foi desmantelado tras a marcha -tamén por interinidade- da última dermatóloga. Como resultado, quedaron 1700 consultas pendentes e 500 intervencións sen tratar, que foron derivadas a Ourense. En traumatoloxía, O Sergas desvía e paga as operacións a clínicas privadas, tamén na capital. “É moito máis caro operar pola privada que dotar ao hospital público cos medios que necesita, pero así é a política de privatización e centralización da Xunta”, afirma a secretaria da Comisión. “Ademáis, cando che custa 80€ coller un taxi dende Verín a Ourense, a Sanidade Pública deixa de selo”.
O Sergas desvía e paga as operacións a clínicas privadas, tamén na capital
O peche dos servizos en Verín provocará aos cidadáns da vila desprazarse 70 quilómetros ata a capital de provincia. Non obstante, a área sanitaria é das máis grandes e abrangue ata o oeste de Zamora, polo que este peche pode supór un desprazamento de ata 140 quilómetros para dar a luz. Fronte as razóns de seguridade que esgrime a Xunta, Yolanda di que "un parto é sempre un factor de risco" e, en caso de complicacións, “mellor se che toca no hospital que na autovía”.

O hospital de Verín ten 25 anos e na manifestación do pasado sábado 7 de decembro, unhas 2000 persoas asistiron ao seu funeral. As cruces e a coroa de flores encheron a sala na que sanitarios e cidadáns estiveron pechados en sinal de protesta dende o pasado luns. O coche fúnebre levou os restos do Hospital polas rúas de Verín, ata o seu enterro simbólico. Continúa así o movemento, cada vez con máis forza e entidade.

Segundo a Policía Local, a pasada fin de semana manifestáronse en Verín 6.000 persoas. Segundo Protección Civil, foron 20.000. “Tendo en conta que a área sanitaria de Verín é de 30.000 persoas, quedaron na casa pouco máis que os encamados e os seus coidadores”, comenta a secretaria da Comisión Delegada. O malestar é xeneralizado e "a solución é que o Sergas dea marcha atrás porque non é tanto o que se necesita, é un pediatra que veña a Verín, nada máis”.
Sexto día de protesta de traballador@s, familias e nen@s no HOSPITAL de VERÍN (Ourense).
— Oscar Pinal (@OscarPinal) December 7, 2019
"Enterro do Mozo, asasinado con premeditación, aleivosía e nocturnidade" e posterior procesión pola Estrada de Laza.#Verinnonsepecha#Verinnonpechapic.twitter.com/2npNpV5moc
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!