Voces en perigo de extinción

Desoladora situación da industria da dobraxe galega: dos doce estudos dos anos 90, só sete se manteñen activos. O crecente consumo das versión orixinais, a inestabilidade laboral do sector e a redución de fondos dende a TVG merman unha longa traxectoria que presenta os seus mínimos históricos.

Doblaje en gallego
Dos doce estudos que dobraban nos 90, só sobreviven a metade. / CTNL

Acendemos o televisor e tentamos adiviñar que persoas sairán na pantalla, mais nunca tememos descoñecer a lingua coa que se comunicarán. Os actores e actrices de dobraxe galegas son os superviventes dunha profesión que, a xuizo da actriz de dobraxe viguesa Maika Aguado, “segue a parecer, cando menos, peculiar”.

É habitual escoitar unha definición “elitista”, “estraña”, “rara” para definir o traballo da dobraxe, mesmo se estigmatiza como unha profesión “pouco seria”. A dobraxe galega está en crise, a máis profunda que se recorda. Moitos profesionais afirman que ten chegado a un punto de difícil retorno e que está a desaparecer. Porén, esta voz négase a enmudecer e procura cada día unha mellor calidade, tentando situar a dobraxe en Galiza nos primeiros postos do podio español.

Mudar a voz dun actor americano ou darlle vida a un personaxe de animación require dun alto nivel de especialización. Con todo, os profesionais da dobraxe sofren o intrusismo de actores cinematográficos non expertos. O star-talent que pon voz ao personaxe é unha das ameazas ás que se debe enfrontar o colectivo da dobraxe.

Por outra banda, “a permanente inestabilidade laboral” da que fala Maika Aguado non vén soamente motivada pola non-especialización, senón que a crise e a revolución tecnolóxica tamén influíron á hora de falar do desequilibrio que afronta a dobraxe galega que, de galega, pasou a ter pouco. Pero sen dúbida, o maior problema que encara o sector é o da dependencia e abandono institucional.

“Facer cine en galego é necesario”

A dobraxe galega marcou un fito nos 80 co nacemento da TVG, que xurdía para marcar un punto de inflexión na normalización lingüística. Afirmábao entón Chano Piñeiro no certame de Cinegalicia: “Facer cine é posible, facer cine en galego é necesario”. É incuestionable a relevancia da dobraxe como vehículo do proceso de normalización da lingua galega. Así o recollen comunicados de institucións como a Real Academia Galega: “O labor dos equipos de dobraxe galegos é fundamental para a consolidación dun estándar correcto”. Ou o Instituto da Lingua Galega: “No momento actual, sería imprescindible non só manter, senón mesmo reforzar, as actividades da dobraxe, as que consideramos estratéxicas para dotar de visibilidade á nosa lingua nun contexto que vive un acelerado proceso de transformación”.

Con todo, a pesar do apoio recibido por parte dos responsábeis da lingua, a realidade institucional asfixiaba á industria da dobraxe, sobre todo a partir dos 90. A política de “vetos” que iniciou a TVG desembocou en dúas vertentes: os considerados aptos para traballar coa lingua e os que non. A este conxunto de “inaptos” uníronse todos aqueles que recibían traballos de dobraxe ao castelán.

A isto súmase a desconcertante diminución de galegofalantes motivada pola preferencia doutros idiomas como o inglés, predominantes nas gravacións orixinais. En definitiva, e como ratifican as palabras do profesional Luís Iglesia nun Congreso de Tradución para a Dobraxe: “A serie Dallas marcou un fito, porque de pronto apareceron os millonarios falando en galego. Houbo toda unha xeración que medrou cos debuxos do Xabarín, Doutor Slump e Arale, Shin Chan, que entende e fala o galego grazas a aquela programación punteira, pero hoxe camiñamos en sentido contrario”.

Mínimos históricos

“Vivir da farándula sempre resultou complicado, pero máis nos tempos que corren”, asegura Maika Aguado. O colectivo de actores e actrices de dobraxe galegas atópase baixo mínimos históricos. Dos doce estudos que dobraban nos 90, só sobreviven a metade: Iberolusa en Vigo, SdiMedia e Cinemar en Compostela, Penteo en Ferrol e Estudio 21, BaBalúVox e Área 5 na Coruña. Coa crise de 2008 chegaron os recortes ás cadeas de televisión, que pretendían rebaixar os custes á par que o faría a industria publicitaria. Ademais, a folga histórica da dobraxe en Madrid e Barcelona provocou a mobilización de galegos cara estas comunidades, o que supuxo unha profunda descentralización que afectou de cheo ao sector en Galicia, considerado a mellor opción en canto a calidade.

A pesar da crise as voces de dobraxe non temían enmudecer, motivadas por un factor moi alentador: o nacemento da TVG2, que prometía novos contidos que afondasen no espazo cultural. Porén, a segunda canle da galega decidiu decantarse polos contidos en versión orixinal. Así, “o que antes eran novas de grandes producións dobradas por estudios galegos, transformábanse en queixas e manifestacións de incerteza fronte ao futuro da profesión. Así foi como as boas novas se tornaron en decadencia”, lamenta Aguado.

Nesta liña, a TVG2 alertaba doutro dos problemas que ían invadir o terreo da dobraxe galega: os novos gustos das audiencias. Estes, ademais de supor unha necesidade de reinventarse para a industria galega, aclaraba tamén a posición que ocupaban cada vez en maior medida as linguas estranxeiras no día a día dunha sociedade impactada polas novas tecnoloxías. “A evolución tecnolóxica da dobraxe fixo que este labor artístico se encamiñase cara a unha execución máis artificial, onde a tecnoloxía cobrou máis valor que a compoñente artística”. Aínda que a tecnoloxía supuxo tamén unha revolución nos tempos da dobraxe, a sincronía invadiu o terreo da interpretación.

A gran dependencia das institucións foi o factor principal que trouxo á dobraxe até a situación actual. A TVG é o sustentador principal dos estudos que dobran na nosa lingua, polo que a súa redución orzamentaria, como se mencionou, afecta amplamente a esta industria. “Non existe un modelo audiovisual propio no cal se xere riqueza e traballo suficiente para manter a demanda que reclama deseguido”, afirma Maika. Así, moitos profesionais da dobraxe optaron por buscar vías de ingreso alternativas, reducindo o mundo da interpretación a unha profesión “pouco desexada”.

A maior caída produciuse nos peores anos da crise: no ano 2011 o descenso de horas en publicidade caería até dez puntos, a produción de dobraxe reducíase á metade e o investimento da dobraxe en galego pasou de 4,5 millóns de euros no 2008 a 1,8 en 2015.

Ademais de todos obstáculos, os emprendedores enfrontábanse a unha industria case monopolizada por cinco empresas, “as de sempre”, as que se beneficiaban destas adxudicación públicas. O acceso dos principiantes víase restrinxido pola TVG, que se baseaba en que a televisión pública sempre rexeitara a entrada de novos axentes, é dicir, dos que nós coñeceremos como “os marxinados”.

Esta é, sen dúbida, unha situación convulsa e nunca desexada. A dobraxe en galego está a perder a súa forza. Non queda tempo para lamentos. As esperanzas de cambio ampáranse baixo un utópico renacer, o que está directamente ligado a un maior consumo de produtos audiovisuais en lingua galega.

Cargando valoraciones...
Ver comentarios 5
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios 5

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...