Trata
Caso Carioca: 3.000 euros de multa para o xinecólogo que practicou un aborto forzado a unha prostituta

A muller que foi inducida a perder ao seu fillo faleceu este verán e será a súa nai quen reciba a indemnización. O empresario que a deixou embarazada cando tiña 18 anos quedou absolto pola Audiencia Provincial de Lugo

29 oct 2020 07:00

Durante ben anos fíxose un retrato da cidade de Lugo coma un remanso de tranquilidade. Décadas de imaxe dulcificada e silenzos cómplices que quedaron ó descuberto coa Operación Carioca, iniciada hai máis dunha década: a maior trama de proxenetismo e explotación sexual do Estado. Boa fe dan as máis de 400 vítimas e testemuños recollidos en 300 tomos de investigación onde figuran, entre espantosas declaracións, os nomes de empresarios, policías, gardas civís e responsables de estranxeiría relacionados con tráfico de influencias, falsidade documental, tráfico de drogas, explotación de mulleres ou indución ó aborto.

Este último delito foi o centro da última peza resolta e na que estaban implicados José Manuel García Adán, cabeza desta trama e xerente dos locais Queens e La Colina; Carlos Jesús Abuín, xinecólogo que practicou o aborto na súa clínica ilegal; e Ricardo Luis Lago Torres, empresario lugués que deixou embarazada a A.P. O primeiro foi condenado a un ano de prisión e pagará unha indemnización de 1.000 euros á familia da vítima. O médico, que realizou a intervención sen anestesia e de xeito clandestino ó carecer de licenza, foi condenado a 3.000 euros de multa.

O terceiro quedou exculpado pola Audiencia Provincial de Lugo despois de deixar embarazada a A.P. cando tiña 18 anos. A vítima e principal testemuña desta peza faleceu este verán. Isto levou á parte que acusaba a chegar a un acordo de conformidade polo que a nai recibirá as citadas indemnizacións. O cuarto implicado, José Ramón Vázquez Río, inspector da Policía Local, non foi sequera valorado pola Audiencia Provincial. A Fiscalía pediu dende o comezo non continuar contra el malia interceder entre o empresario e o proxeneta.

“O acordo é ridículo. Por todo o que implica o caso que hai detrás. Indígnanos que o xinecólogo practicamente librou: Jesús Abuín, amigo de García Adán, quen chama a Ricardo Lago logo de consumarse o aborto para dicirlle que xa se podía ir tranquilo de vacacións coa súa familia”, critica María B., integrante da plataforma Impunidade Carioca, que denuncia dende 2017 todo o que arrodea esta operación e os seus resultados legais. 

O empresario que deixou embarazada a A.P. recibiu a noticia do seu aborto forzado mentres xogaba ó golf á espera de irse de vacacións

Iliana de la Cal, letrada do médico, dixo tralo acordo que a interrupción foi consentida pola vítima e que o aborto “foi practicado con tan só un mes de embarazo”. Alén de manifestar que o seu defendido leva “padecendo este procedemento dez anos” e que só incurrira “en non ter a licenza da Xunta”. A acusación particular pedía para os acusados seis anos e seis meses de prisión, ó que habería que engadir tres anos para García Adán e un incremento da indemnización ata os 12.000 euros. De aí a valoración que fai María dun capítulo máis dunha macrotrama dividida en mil anacos. Un crebacabezas disolto así, fragmento a fragmento, nos medios e na opinión pública. Coma un blíster de pílulas efervescentes.

María conta como Lago recibiu a nova mentres xogaba ao golf. Un aborto practicado en condicións insalubres, sen anestesia e nunha clínica carente de licenza na que Abuín levaba facendo estas intervencións dende hai décadas. “A vítima lembrou no seu día como a máquina coa que llo fixo estaba estropeada. Atascouse e iso acabou despois por causarlle unha hemorraxia. Quedoulle parte da placenta dentro. E todo isto co xinecólogo berrándolle á rapaza que era unha ‘queixica’. Un aborto, ademais, que se practicou sen consentimiento”, engade a integrante da plataforma. A.P. quixo seguir adiante co embarazo. A interrupción involuntaria e forzada do mesmo sumiuna nunha fonda depresión.

A única saída posible logo da morte da vítima

“O peor é que esta saída, pactada, era a única que tiña a nai da vítima. Non podía facer outra cousa. Era un xuízo moi difícil de levar adiante sen a testemuña principal. Posiblemente, correría o risco de quedar sen nada, de aí a aceptación dun acordo que para nada é favorable, e que evidencia a lentitude da xustiza e a indefensión da vítima”, engade a integrante de Impunidade Carioca, unha plataforma que xa nos seus primeiros tempos de existencia recibiu como un broucazo a noticia do arquivo da peza do club Liverpool. O dono deste local foi imputado xunto a catro gardas civís por delitos de abuso sexual, prostitución coactiva e tráfico de influencias. “Foi un batacazo enorme que xa nos puxo sobre aviso do que ía vir”.

Durante este tempo, “a xuíza Pilar de Lara fixo un inxente traballo de investigación na fase de instrución. Pero a Fiscalía de Lugo, na que en teoría habería que confiar para defender as vítimas, está facendo de ‘amiga’ dos implicados, co tremendo que é isto para a Xustiza e para as mulleres. O que sucedeu con De Lara —apartada do xulgado de instrución número 1 de Lugo por ‘desatención’— dío todo. ‘Aquí non te metas, que vas acabar mal’. A ela xa llo deixaron claro”, denuncia María.

Outro dos focos nos que se ten centrado Impunidade Carioca é na inoperancia institucional. “Tanto o Concello de Lugo como a Xunta de Galicia puideron presentarse como acusación popular. Se a Fiscalía non está a defender as vítimas, alguén ten que facelo. Xa sucedeu en xuízos como o de La Manada. É máis, no caso da Xunta, ten tipificado o delito de trata de mulleres con fins de explotación sexual como violencia de xénero. Está dentro das súas competencias. Pero claro, esta operación implica a moitos estamentos…”. Por uns ou por outros motivos, a plataforma considera que a macrotrama se está a reducir á “cuestión dun proxeneta e os seus colaboradores que cometían actos perversos a título individual”. A día de hoxe, só García Adán está cumprindo condena e faino por un delito de violencia de xénero contra a súa parella. 

A única “boa” noticia segundo Impunidade Carioca: unha depuración na Garda Civil de Lugo, que agora realiza un traballo máis especializado en trata

E despois de máis dunha década, mudou algo nestas problemáticas que circundan á Operación Carioca? “Cónstanos que na Garda Civil se moveu moito o tema. Dende a Asociación Aliad Ultreia apuntan a un cambio radical nese sentido. Agora existe neste corpo unha unidade de traballo moi especializada nesta materia. Incluso veñen operativos de Madrid centrados nestas vítimas e que están a actuar dun xeito moi profesional e coidadoso. É a única alegría que nos deu este proceso”, opinan dende Impunidade Carioca.

Onde aínda queda moito por transformar, e non é doado, é na resposta social de Lugo: “Vendo o nivel de mobilización, decatámonos de que hai vidas que valen máis ca outras, que hai mulleres que non sentimos tan nosas, coas que hai unha distancia e polas que non nos mobilizamos. Queda claro que temos que facer tamén un cuestionamento ós nosos propios marcos”. Marcos dentro dos que segue a existir, na cidade “tranquila”, prostitución e un nivel de negocio importante ao redor da mesma: “Non cambiou nada para dicir que temos un concello libre de trata. Segue sen haber medidas efectivas nun país que é un dos grandes prostíbulos de Europa”.

Trata
Podcast | Caso Carioca: una historia de trata e explotación de mulleres
O avogado Gerardo Pardo de Vera axúdanos a comprender os reviravoltas da maior rede de prostitución xamais desmantelada en España
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Galicia
Corrupción en Galicia El caso Carioca a través de una migrante explotada sexualmente: indemnización mínima y complot policial
El guardia civil Armando se aliaba con proxenetas y abusaba sexualmente de mujeres prostituidas haciendo uso de su capacidad para regularizar su situación.
Caso Carioca
Caso Carioca O caso Carioca a través dunha migrante explotada sexualmente: indemnización mínima e complot policial
O garda civil Armando aliábase con proxenetas e abusaba sexualmente de mulleres prostituídas facendo uso da súa capacidade para regularizar a súa situación.
Caso Carioca
Caso Carioca Unha violación, cinco abusos a prostitutas e dez delitos dun garda civil rebáixanse a catro anos de cárcere
Un axente e tres proxenetas benefícianse, na peza principal do caso Carioca, de chegar coa Fiscalía a acordos de conformidade encubertos formalmente baixo a celebración dun xuízo completo que non se produciu.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.