We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Trata
A Fiscalía do caso Carioca consuma a exculpación de Ramón, o policía proxeneta
O Ministerio Fiscal elabora un escrito de acusación que pide máis de 500 anos para tres investigados por delitos relacionados coa prostitución exercida nos locais Queens e La Colina, pero non leva a xuízo aos axentes policiais que terían participado da trama, en contra do criterio da xuíza instrutora
Un clima “de presión, sometemento, medo, intimidación e terror” é o que describen as mulleres que exerceron como prostitutas nos clubs Queens (Lugo) e La Colina (Outeiro de Rei) durante xornadas de ata 14 horas, segundo o auto que concluía a instrución da peza do caso Carioca que xulga os feitos acontecidos nestes prostíbulos. José Manuel García Adán, xerente dos locais, trataba as mulleres insultándoas, humillándoas, ameazándoas mesmo a punta de pistola e agredíndoas brutalmente, arrastrándoas dos pelos, a patadas ou a puñazos. Un día, declarou unha delas, “Adán lanzou un coitelo desde a porta de entrada ao salón ata a porta do baño, onde quedou cravado pasándolle o coitelo como a catro centímetros da cabeza”.
No escrito da Fiscalía identifícanse ata un total de 54 mulleres, maioritariamente estranxeiras, que serían vítimas de prostitución coactiva nestas condicións “de extraordinaria dureza”. Estarían controladas por Adán e o seu encargado José Manuel Pulleiro Núñez baixo un sistema de contracción de débeda e multas, obrigadas a pagar “aínda que non vivisen nos clubs, ou non fosen traballar, por motivos persoais ou de enfermidade, véndose incluso obrigadas a traballar cando estaban coa menstruación, xa que só tiñan dous ou tres días de descanso para iso, chegando algunhas delas a colocarse esponxas vaxinais que se vendían nos propios establecementos”. Destas 54 mulleres, 27 terían sido captadas de Brasil pola organización da que formaban parte Pulleiro e a súa ex parella G.P.S., que actuaría como captadora.
Ademais, dúas mulleres en situación irregular exercerían labores de cociña e limpeza baixo condicións impostas por Adán, sen seguro médico, nin “un só día de descanso, traballando un número excesivo de horas, con dispoñibilidade as 24 horas do día”. Unha delas sufriu unha intoxicación con produtos químicos de limpeza, ante o que interpuxo unha denuncia. Ambas foron ameazadas de morte por Adán se non a retiraban, algo ao que acabaron accedendo a cambio dunha indemnización, tras ser perseguidas por dous altos mandos da Garda Civil amigos de Adán con intención de deportalas.
A Fiscalía solicita apertura de xuízo oral exclusivamente contra Adán, Pulleiro e G.P.S., pero da investigación xudicial non se desprende, nin moito menos, que actuasen de xeito illado, senón máis ben que axentes da Policía Local, a Policía Nacional e a Garda Civil formaban parte da trama, ata o punto de que sería un inspector da Policía Local o que se encargaría de poñerlle as luces de neon ao Queens. Resultan especialmente controvertidas as artimañas que fai servir o Ministerio Fiscal, máis propias dun escrito de defensa que dun de acusación, para exculpar a algúns dos axentes policiais investigados nesta peza, en contra do criterio da instrutora que considera que hai indicios suficientes para, cando menos, levar a xuízo oral a tres axentes policiais.
RAMÓN, O POLICÍA PROXENETA
“Ramón sempre estaba con Adán, non pagaba as copas, entraba e saía do local como se estivese na súa propia casa, e ademais sacaba as rapazas do club e metíaas cando lle daba a gana sen pedir permiso a Adán”. É a declaración en sede xudicial dunha das mulleres que exercían no Queens.
Unha das prostitutas declarou que con quen falou para comezar a exercer no Queens foi con Ramón.
José Ramón Vázquez Río non era un cliente máis. A Fiscalía recoñece que “había rumores de que era dono” pero, aduce, “non deixan de ser meras conxecturas, que se basean no feito de que Ramón acudía a miúdo ao local, chegando por iso á errónea crenza de que tiña unha participación activa no negocio”. Porén, as testemuñas identifican outros axentes policiais que acudían con asiduidade, incluso cómplices de Adán que accedían a sexo e copas de balde, como o garda civil Armando Lorenzo Torre, pero a ningún lle atribúen a condición de socio. Segundo o auto asinado pola instrutora, varias testemuñas declaran que “Ramón sempre entraba pola porta de acceso das mulleres (e non dos clientes), andaba por todas as dependencias do club, estivese ou non Adán, polo comedor, a cociña, no despacho de Adán e en varias ocasións tamén na recepción”. Testemuñas tan relevantes como a ex muller de Adán identifican a Ramón como socio do Queens. Así o declara tamén un ex empregado, que explicou que Ramón lle controlaba o libro de subidas ás habitacións das mulleres recriminándolle que alí se “fodese pouco”. De feito, unha das prostitutas declarou que con quen falou para comezar a exercer no Queens foi con Ramón, non con Adán, por indicación doutra das mulleres que lle facilita o seu número de teléfono dicíndolle que tiña que falar con el se quería traballar aí.
Pero é que a participación de Ramón non se limita a iso. O inspector da Policía Local montou unha inmobiliaria, Rivamar Lugo, cuxa única actividade inmobiliaria foi o aluguer da parcela do Queens, que subarrendaría a Adán polo mesmo prezo, contra toda lóxica comercial, sen percibir segundo o que figura nos contratos un só euro por esta actividade. Meses antes de subarrendar a parcela a Adán anunciaría a intención de abrir un club a Javier Río, o construtor ao que encargaría as obras de acondicionamento, segundo el mesmo declara. Encargouse das cuestións relativas á licencia do local e o subministro eléctrico, así como das obras de reforma do establecemento, da pintura da fachada, a instalación de rexas, persianas, ventás e o revestimento exterior, colocación de pedras, os rótulos luminosos, etc.
O axente acudía ó prostíbulo uniformado, coa súa arma regulamentaria e no vehículo oficial.
A Fiscalía recoñece estas xestións, pero para ela “é indicativo da existencia dunha relación de amizade e confianza entre ambos que de por si xa xustificaría a presencia de Ramón no club”, e aínda que recoñece que “tomaba copas e facía uso dos servizos sexuais”, continúa, “facíao como particular, non facendo uso da súa condición de Policía Local”.
Isto contrasta coas moitas testemuñas que declaran que o axente acudía ao local uniformado, coa súa arma regulamentaria e no vehículo oficial. Unha das prostitutas declara que “nada máis coñecelo xa che ensinaba a placa”, e lembra algunha das súas frases: “son policía, ha, ha, e nunca pago as copas” .
Para a Fiscalía, o trato de favor de Adán a Ramón non compromete as súas funcións, malia que Ramón soluciona a Adán problemas relacionados coas licencias e Tráfico, e chega a interpoñerse e impedir fisicamente o paso dun inspector xefe da Brigada de Estranxeiría da Policía Nacional cando se dispoñía a deter a Adán.
As fiscais excúlpano incluso do delito de omisión de perseguir delitos, xa que malia que pasaba as horas no interior do club e “probaba” a todas as mulleres novas que chegaban consideran que non hai indicios de que el tivese á súa vez indicios de que as mulleres se atopaban no club exercendo en condicións gravosas, na modalidade de prostitución coactiva, ou como vítimas de trata. Mais Ramón chegou incluso, segundo testemuñas, a acudir persoalmente a buscar mulleres que chegaban con débeda ao aeroporto de Santiago. Unha testemuña refire que cando se dispoñía a pagar ao recepcionista Ramón lle arrincou o diñeiro das mans, dicindo ela que eses cartos eran o que lle debía a Adán e contestando el “non, este é o diñeiro da roupa”.
Ademais, a maxistrada considera que hai indicios de delito da omisión de perseguir delitos en relación aos malos tratos sufridos pola ex muller de Adán, que acode a el en varias ocasións coa cara visiblemente golpeada. Ela declara que “todos eles o sabían e non facían nada por axudala”. A Fiscalía razoa que non existe concreción espazo-temporal dos feitos, e que ela denuncia que os malos tratos se inician en 2003, pero o tipo penal imputado a Ramón prescribe ao cabo de 3 anos e el declara en sede xudicial o 7 de novembro de 2009, polo que ao non poderse determinar que a comisión do delito tivese lugar nos 3 anos previos á declaración aplica o principio “in dubio pro reo” (en caso de dúbida dirímese a prol do acusado), e así o fai constar explicitamente no auto, de maneira que non formula acusación contra Ramón. Este razoamento chama poderosamente a atención: o principio “in dubio pro reo” é competencia do Tribunal que elabora a sentencia, non da Fiscalía que debe formular a acusación. Pero máis grave aínda é que no relato dos feitos se recollen datas concretas non xa de omisión de perseguir delitos, senón de participación activa neles, posto que cando Adán ameaza á súa ex parella de retirarlle as súas pertenzas deposítaas nunha maleta e entrégalla a Ramón para que a garde en obxectos perdidos, algo que acordan o 4 de abril de 2009 por medio dunha chamada telefónica que foi intervida.
PACO, O DA CABINA 16
Estas non son as únicas conclusións da Fiscalía pouco escrupulosas, por denominalo dalgún modo. Segundo o escrito do 3 de decembro de 2018 que subscribe no auto de acusación coñecido esta semana, non queda acreditada a participación de Francisco Javier Fernández Becerra, axente da Policía Nacional destinado no Aeroporto de Madrid-Barajas, ao non existir un rexistro oficial das cabinas e horarios nos que desempeñou o seu traballo. Investígase se colaborou coa organización permitindo o acceso das mulleres explotadas por Adán, así como a falsificación de pasaportes para facer constar que as mulleres saíron e volveron a España prolongando así sucesivamente a súa estancia como turistas por períodos de tres meses, pero para o Ministerio Público “algunhas equivocáronse de cabina ou entraron pola mesma, atopándose o funcionario de baixa” e lograron acceder igual, concluíndo por todo isto que “non é posible soster unha acusación”.
No armario de Becerra atopouse unha nota cos nomes de tres mulleres que contraeron débeda con Adán.
Porén, o axente víase frecuentemente con Adán en Madrid e tamén con Pulleiro en Lugo. De feito, a ex parella de Adán identifícao fotograficamente. Mantiñan un contacto fluído, chegando a intervirse máis de 60 chamadas telefónicas nas que se referían a el como “Paco”. “Numerosísimas” testemuñas avalan que o seu posto era a cabina 16, pola que a organización indicaba ás mulleres que debían pasar, algunhas das cales describen fisicamente e identifican fotograficamente o axente. Pero é que ademais a Fiscalía obvia no escrito de 2018, e reafírmase nas súas conclusións previas no auto de acusación, unha proba que a instrutora sinala en xuño deste ano como “relevantísima”: no armario de Becerra atopouse unha nota cos nomes de tres mulleres que contraeron débeda con Adán e o voo correspondente, co que, para ela, “existen indicios serios, racionais e máis que dabondo como para que sexa no acto do xuízo oral onde poida resolverse sobre a súa responsabilidade”.
Trata
Conclúe a instrución por trata nos clubs Queens e La Colina
Nos rexistros efectuados no marco da operación Carioca incautáronse 246,5 gramos de cocaína, taxados en case 15.000€, que Adán vendería no local a clientes e tamén distribuiría ás prostitutas co gallo de crearlles adicción e garantir así a súa permanencia. Tamén se atoparon varias pistolas hábiles para disparar e abundante munición adaptada ao seu calibre, sen ter licencia Adán para manexalas.
Segundo varias testemuñas, sería un axente da policía local asiduo ao club que non pagaba as consumicións, ao que coñecen como Manolo, “o coletas”, quen lle proporcionaría munición, identificándoo fotograficamente unha das ex parellas de Adán, que refire que o viu levándolle balas “pequenas e grandes”. As fiscais consideran que as invitacións a consumicións obedecen a unha relación cordial e que o subministro de munición é un “feito non probado” que en todo caso supoñería unha sanción administrativa, xa que non aprecia delito continuado de suborno nin de tráfico de munición no relato de feitos.
A Fiscalía solicita penas de 5 anos e 11 meses por un delito contra os cidadáns estranxeiros, 3 anos de prisión por cada un dos 54 delitos de prostitución coactiva e outros 3 por cada un dos 27 delitos contra os dereitos dos traballadores tanto para Adán como para Pulleiro, o que suma un total de 248 anos e 11 meses. Ademais no caso de Adán solicita 3 anos por delito contra os dereitos dos traballadores e 2 anos por delito continuado de ameazas en relación a cada unha das dúas traballadoras encargadas da cociña e limpeza dos locais, 7 anos e 5 meses por un delito contra a saúde pública na modalidade de drogas e 2 anos e 6 meses por tenencia ilícita de armas, un total de 268 anos e 10 meses. Con todo, cando se suman moitas penas pequenas o Código Penal prevé que o cumprimento efectivo da condena se faga sobre o triplo da maior, que no caso de Pulleiro sería o de cinco anos e 11 meses, isto é, 17 anos e nove meses, e no caso de Adán non é ningún delito relacionado con prostitución, senón tráfico de drogas, o que supón 22 anos e medio.
Pola súa banda, solicita para G.P.S. 5 anos e 11 meses por delito contra os cidadáns estranxeiros. Tería actuado como captadora, se ben conta coa dobre condición de acusada e vítima da organización, xa que tamén chega a España desde Brasil contraendo unha débeda que debía saldar exercendo a prostitución nos locais de Adán. Segundo varias testemuñas puido ter recibido malos tratos de Pulleiro e actuar baixo a súa presión e segundo a instrutora prestou unha “colaboración esencial” aportando “datos moi relevantes para a investigación”.
O PAPEL DA XUNTA E O CONCELLO DE LUGO
A ausencia de acusación con respecto aos axentes policiais forzará que se conceda o sobresemento solicitado pola Fiscalía. Isto ocorre coa compracencia da Xunta de Galicia e o Concello de Lugo que malia os reclamos procedentes da sociedade civil para que se presentasen na causa como acusación popular optaron pola inacción, pese a que eran xa ben coñecidos os precedentes da Fiscalía noutras pezas do caso Carioca e o escrito da Fiscalía de 2018 no que pedía non continuar contra 18 dos daquela 21 investigados nesta peza.
No que respecta á Xunta de Galicia, a propia instrutora lle ofrece explicitamente a posibilidade de exercer a acusación popular no auto que concluía a instrución desta peza. No tocante ao Concello de Lugo, o grupo municipal ACE - Esquerda Unida levou ó pleno celebrado o 22 de febreiro de 2018 esta proposta, algo que non foi posible porque PP e PSOE votaron en contra baixo o argumento, en palabras do portavoz do PSOE, de que “o exercicio da acción penal nunha causa destas características está garantida pola intervención do Ministerio Fiscal”, quen engadiu que a acusación popular nunha causa destas características debía facerse “nun breve período de tempo, posto que é probable que a instrución estea próxima á súa finalización”, e requiriría da contratación dun gabinete penalista externo. O portavoz negou a acusación popular ás vítimas do caso Carioca porque suporía “un esforzo tremendo de medios humanos e materiais” por parte do Concello.