Opinión
Altri, vitoria con cautela

A resposta dese pobo, autoorganizándose, analizando, argumentando, mobilizándose e arrepoñéndose dun xeito case épico, dende A Ulloa até a Arousa, xa gañou un lugar preeminente no dicionario das loitas ecosociais en Galicia.
altri non catedral
Pedro Armestre Acción de Greenpeace contra Altri na fachada da catedral de Santiago.

Coordinador de Greenpeace en Galicia.
@altermundo.bsky.social

24 feb 2026 10:26

Celebrar con cautela é do máis galego que hai. Non vaia ser. O tan agardado coma inesperado anuncio do pasado venres, da man da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, de que a Xunta inicia o procedemento de arquivo do proxecto de Altri na Ulloa dános o dereito, cando menos momentáneo, a gozar da vitoria, por que non? Ao cabo, vén dunha voz dabondo autorizada, que xunto a Ánxeles Vázquez, conselleira máis de medio que de ambiente as máis das veces, foi enviada polo presidente Rueda á primeira liña do combate narrativo para convencer ao pobo galego de que a celulósica de Altri/Greenalia era unha sorte de marabilloso agasallo para levarnos pola aire á economía verde do século XXI.

A resposta dese pobo, autoorganizándose, analizando, argumentando, mobilizándose e arrepoñéndose dun xeito case épico, dende A Ulloa até a Arousa, xa gañou un lugar preeminente no dicionario das loitas ecosociais en Galicia. Do A de Altri ao X de Xove.

No entanto, a celebración non será completa até que vexamos a resolución administrativa do arquivo e, mellor aínda, a denegación da autorización ambiental integrada e do permiso de captación de auga —de decembro de 2023!— e, xa que logo, a non autorización do proxecto industrial estratéxico. Se cadra estas cuestións pendentes son as que a Xunta quere evitar co arquivo, amparándose na imposibilidade de garantir o subministro eléctrico —a alguén hai que culpar— e negándose por tanto a recoñecer que o proxecto Gama foi un enorme erro enchido de buracos negros nos eidos social, ambiental e mesmo económico. Sexa como for, a cautela será con toda seguridade permanente, porque volverán. Dun ou doutro xeito eses que só ven o territorio coma un simple lugar físico onde lucrarse con actividades económicas sempre volven.

Tres consideracións urxentes

Primeira. Cando Alberto Núñez Feijoó creou en 2021 a xa extinta Impulsa Galicia, para captar fondos europeos e promover proxectos tractores que levaran á economía galega a un modelo máis verde e dixital logo da pandemia, poucos podían imaxinar que a mellor idea que se lles ía a ocorrer ás mentes pensantes da Xunta, Reganosa, Abanca e Sogama era unha celulósica. Abraiante. Descoñecemos, iso si, se José Soares de Pina lles meteu un calote monumental ou se obtivo contraprestacións dalgunha caste, por canto o memorando de entendemento asinado o 1 de outubro de 2012 polo daquela conselleiro de Economía, Francisco Conde, con Altri segue baixo chave.

Parece lóxico e lícito que o pobo galego esixa transparencia ao presidente Rueda para coñecer o contido dese pacto secreto. Poida que tiremos a conclusión conxunta de que esa práctica, cada vez máis común no Goberno da Xunta, de impulsar a colaboración público-privada para xestionar o territorio —e en moitas ocasións especular con el— requira urxentemente de límites lexislativos claros.

Segunda. Altri ten que recuar e anunciar publicamente que retira o seu proxecto, por máis que considere que os atrancos que atoparon son de carácter político. Ben sabemos que en realidade refírense a atrancos de carácter partidario, o que non deixa de ser un desprezo á efectividade da mobilización cidadá. É obvio que as dificultades atopadas por Altri/Greenalia foron inducidas de xeito máis que lexítimo por un poderoso actor político que reaxiu para defender a súa natureza e a súa biodiversidade: a sociedade civil organizada.

O comportamento do dúo Altri-Greenalia neste asunto foi absolutamente censurábel, de primeiras coa cidadanía da Ulloa e despois con Galicia toda, e xerou un conflito social que fala moi mal da responsabilidade corporativa de ámbalas dúas empresas. Publicar, nos principais xornais do país, propaganda da planta de celulosa a toda páxina despois de cada manifestación, non é información, senón provocación e desdeño pola soberanía popular, base de calquera sistema democrático que se preze. Hai límites. Admitir que o modelo proposto non foi aceptado polo pobo e retirarse dignamente é o mellor que poden facer para non sufrir máis custes, xa sexan monetarios ou reputacionais.

Terceira. O asunto non está totalmente pechado e de seguro hai quen pode caer na tentación de gardar o proxecto nun caixón até atopar un contexto político-partidario máis favorábel. Non sería nin xusto nin honesto, e de ser así atopará a mesma resposta cidadá. Namentres, non está mal celebrar con cautela e lembrar o que nos dicía o venres Eva Saldaña, directora executiva de Greenpeace: “A derrota de Altri é o triunfo dunha sociedade que se recoñece como parte da terra e négase a ser cómplice da súa destrución (…) demostra que a mobilización cidadá é o maior escudo fronte á irresponsabilidade empresarial e a complicidade das administracións. Hoxe celebramos que a biodiversidade deféndese coa firmeza da xente: Altri NON!

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...