Opinión
TVG: Só Songoku poderá con Feijóo

Sobre como os medios públicos galegos fan exactamente o contrario para o que se crearon: fomentar o autoodio, negarnos como pobo, desgaleguizar Galiza.

xabarín
Imaxe: narcolepticos.com
Ex-traballadora da TVG
4 oct 2019 00:02

A Xunta autoriza estes días batidas de xabaríns, pero hai un que molesta especialmente. Máis que un porco, Xabarín é símbolo dunha xeración que se empoderou na súa infancia vendo a Televisión de Galicia. Quen ía dicir que ese bocata de nocilla ía rematar sendo un acto político?

A actual dirección da TVG tenta eliminar o legado que Xabarín deixou na nosa xeración, das nacidas −máis ou menos− entre o 85 e o 95. Se cadra non interesa que os nenos e nenas falen galego. Ou se cadra non entenden o noso vínculo coa merdiña de Arale e porque a todas nos cae mal Novita. O certo é que o Xabarín Club está relegado á TVG2, cunha programación desfasada e un 0,6% de audiencia. Nos 90 tivo 40.000 socias que nos sentabamos o día do noso aniversario para ver a nosa foto nunha tele de tubo. Algúns seguímolo facendo ata os ‘vintetantos’.

As consecuencias lingüísticas son preocupantes: un 23,9% dos menores entre 5 e 14 anos non falan case nada ou nin saben falar galego. Terá algo que ver co coma ao que induciron a Xabarín?
Este é só un exemplo dun proceso de desgaleguización da Televisión de Galicia, que hai uns días estreaba un novo programa, “Conexión Madrid”: “un espazo de debate que achegue a reflexión e a pluralidade de opinións de distintas perspectivas da actualidade española, política e social que máis afecte a Galicia”, citando a web da propia CRTVG. Nas súas palabras está a súa visión de fondo; non queren unha Galiza que sexa suxeito, que pense nin sinta por si mesma. Xusto o contrario do que di a Lei de Medios ou os estatutos da CRTVG. Semella máis difícil cumprir a lei 9/2011 que atopar as sete bolas máxicas.

Son conscientes dos nosos defectos como pobo, dese autoodio e tamén dese amor propio que temos pero que só sacamos cando veñen moi, pero que moi mal dadas. Queren acentuar a nosa sumisión ante o seu país, España, ignorando que traballan e viven grazas ao noso, que tamén é seu.

Semella máis difícil cumprir a lei 9/2011 que atopar as sete bolas máxicas.

Resulta inxenuo pensar que a ninguén na TVG, baixo criterios de servizo público, se lle ocorrese ningunha outra alternativa. As traballadoras xa mencionaron unhas cantas. A máis obvia: un debate plural desde San Marcos. Hai centos de traballadoras que levan máis dun ano pedindo aumentar a produción propia; os medios están, os recursos tamén, mais non hai vontade política. Lembremos o “Foro Aberto”, ese programa na TVG2 das 23h que case ninguén vía e era tan pouco plural como “Conexión Madrid”, pero que polo menos tiña a (in)decencia de tentar enganarnos e ofrecer un pequeno espazo para o ‘debate’. Agora non se agochan: programa en Madrid sobre a actualidade de España con xornalistas de ABC, El Español, Atresmedia, esRadio e El País. Moi plural, moi galego.

Tamén é curioso con todos os pluses que cobran, ninguén na CRTVG tivera a idea de producir algún programa para o eido local. Onde quedou a idea de proximidade? Xa non hai delegacións en Ferrol, Pontevedra ou na Mariña e desbotan aproveitar as de Coruña, Vigo, Lugo e Ourense. Por que ningunha idea para empregar os recursos públicos nun servizo público? Non son tan parvos. Non lle convén a Feijóo, ‘simple y llanamente’.

Electoralmente, ao goberno galego convenlle que a TVG aposte por “Bamboleo”, “Aquí Galicia” ou “Land Róber”, programas de entretemento coa intención política de crear a imaxe única dunha Galiza folclorizada, sen preocupacións. Si, as galegas desfrutamos do noso ocio, gústanos o ‘pulpo’, o viño e as orquestras, pero facemos máis que iso. A cidadanía galega, nomeadamente a do rural, demostrou que sabe loitar polo seu. Vémolo nas ducias de plataformas pola defensa da terra que os medios públicos silencian e vímolo nas loitas contra a AP-9 nos setenta, na estafa naval en Ferrolterra, no Nunca Máis, contra a mina de Touro ou cada 8 de marzo. E esa xente seguirá estando aí aínda que non lles dean espazo no parte.

“Bamboleo” ou “Land Róber”, programas de entretemento coa intención política de crear a imaxe única dunha Galiza folclorizada e sen preocupacións.

Xogan co autoodio, pero a 'xeración Xabarín' non é abstracta. Son persoas sen complexos nin vergoña por falar e vivir en galego, todo o contrario. O outro día, nun bar de Compostela, xuntabamonos varias traballadoras do audiovisual desa xeración. Practicamente todas traballando en condicións precarias e pensando en opositar a administrativo, a conserxe... O que sexa para poder encarar os 30 cunha mínima estabilidade. Pero tamén todas agardando unha oportunidade para entrar na TVG: “como molaría”, “que falta facía”, “canto se podería facer”.

A Televisión de Galicia é un ente público chamado a servir ao pobo, para ofrecernos información limpa e rigorosa coa que coñecer a realidade do país. É o medio que nos lembre cantas veces faga falta que somos suxeito e que non temos que sentir vergoña de ser quen somos. Que nos dea dignidade, en definitiva. E é por iso que doe tanto que sexa un instrumento de burda propaganda do Partido Popular.

Pero tamén é memoria. A merenda vendo ao ninja Hattori na tenda da miña avoa. O penalti de Djukic; os ‘Kloifert’, ‘Coquí’ ou ‘Conseisón’, perfectamente pronunciados; as noites de fútbol coa miña familia. Os luns pola noite viaxando a Portozás para ver a Currás. O mércores vendo como a liaban Miro e o cuñado. Todo na TVG. Tamén foi na ‘casa’ onde recibín o meu primeiro soldo digno, pero hoxe é tamén esa canle que non podo ver máis de cinco minutos sen que me veñan as ganas de chorar.

Como lle pasou ao amigo Songoku, despois de Freezer viñeron Boo e Célula. Hoxe toca loitar contra a televisión de Feijóo e Sánchez Izquierdo. Porque aínda que a queiran, non é súa, é de todas, e Songoku ensinounos o que pasa cando todas xuntamos forzas.

goku forza
Genkidama

Cargando valoraciones...
Ver comentarios 10
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios 10

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...