CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A Xunta de Rueda executa a súa última manobra para facerse co control total da TVG

O que Alberto Núñez Feijóo comezou en maio de 2009 remátao esta semana o seu eterno aprendiz, Alfonso Rueda, agora titular da Xunta de Galiza: asumir o control político total da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). O movemento ten o nome de materia do grao de Xornalismo, pero ten forma de lexislación. Está previsto que este martes o Parlamento de Galiza aprobe, coa axuda da súa maioría absoluta, a Lei de servizos dos medios audiovisuais públicos de Galicia para a sociedade dixital. Un regulamento que outorga ao Goberno galego do Partido Popular a facultade de elixir o director da canle sen maioría cualificada, elimina a supervisión de contidos por profesionais independentes e abre a porta por primeira vez á produción de contidos en castelán.
Cómpre comezar polo tema máis serio: os cambios na forma de elección do director xeral da corporación. Segundo Raquel Lema, presidenta do Comité Intercentros da CRTVG, máximo órgano de representación dos traballadores e traballadoras, a manobra é “cruda, lamentable, retrógrada e descarada”. Cando menos, vistos os feitos, é oportunista. Apenas uns meses despois de que o actual director, Alfonso Sánchez Izquierdo, anunciase a súa decisión de deixar a dirección do ente público, as dependencias da Xunta, coordinadas por Alfonso Rueda, traballaron arreo para elaborar unha lei á medida do clima político. É dicir, que todo quedara atado e ben atado.
Despois de 15 anos no poder —oito deles temporalmente por outra xogada gañadora—, Alfonso Sánchez Izquierdo, escollido a dedo polo dedo dun recentemente elixido Feijóo en San Caetano e coa complicidade dun PSdeG-PSOE que hoxe intenta desvincularse do fondo electoral no que se atopa dende o 18 de febreiro de 2024, marcha. Atrás del queda un ronsel de procesos xudiciais —uns gañaron e outros perdidos— pero, sobre todo, quedan 15 anos de historia galega. Por unha banda, a historia oficial que non se contou porque tería sido incómoda para a Xunta e, por outra, unha historia na memoria colectiva das loitas sindicais e sociais, a maior folga rexistrada —con 355 venres negros en folga— e decenas de denuncias por manipulación informativa e mesmo por acoso laboral. Este último segue no xulgado e coa imputación de toda a súa dirección.
Sánchez Izquierdo marcha, pero o método do Partido Popular de Galicia segue e está hoxe máis vivo que nunca. Tras a aprobación desta lei, o director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia será elixido sen maioría cualificada, aínda que tamén hai algo de maquillaxe: “O titular da Dirección Xeral é elixido polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos. De non acadarse esta maioría, poderase repetir a votación no prazo dun mes e será suficiente para a elección unha maioría de tres quintas partes”.
Isto significa, en tradución libre, simularemos un voto democrático e plural, simularemos unha falta de consenso e simularemos un acordo da cámara só cos votos garantidos do Partido Popular. Así, os titulares da prensa —hexemónica e sobrealimentada de cartos públicos— ao día seguinte da elección do substituto irán adornados co adorno da unidade: “O Parlamento de Galicia aproba a elección de...”.
O Partido Popular abre as portas ao uso do castelán
Aínda que volveu poñela no punto de mira a esquerda galega desde que asumiu a presidencia, a foto de Alfonso Rueda na manifestación da ultradereita e extinguida —ou máis ben en hibernación por falta de utilidade— Galicia Bilingüe, de Gloria Lago, hoxe presidenta da asociación nacionalista Hablamos Español, vaino acompañar para sempre. A conspiración para perseguir o castelán en Galiza foi unha das grandes achegas ao corpus teórico dun movemento ultra que Feijóo e o PP de Rueda aplaudiron nas rúas berrando “TVG bilingüe ya” e que, por suposto, empregaron, entre outras moitas tácticas de dubidosa ética política, para desbancar do Goberno galego ao PSdeG e o BNG.
A partir deste martes, grazas á nova lei do Partido Popular, a CRTVG podería iniciar un camiño cara á súa castelanización. Para que non haxa lugar á interpretación, así di o artigo, que foi duramente criticado —como todo o anteproxecto de lei— pola práctica totalidade dos axentes sociais e partidos políticos presentes en Galiza:
“Os medios audiovisuais públicos de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia producirán os seus programas, contidos e servizos en galego e garantirán a publicación e difusión en galego dos programas, contidos e servizos producidos por outros, sen prexuízo da posibilidade de utilizar adicionalmente outras linguas cando así sexa xustificadi coa finalidade de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma, en cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei”.
Finalmente, a nova normativa eliminará para sempre a obriga de contar con órganos profesionais de control xornalístico que a corporación de Sánchez Izquierdo non conseguiu crear en 15 anos desde a súa aprobación no Parlamento. Unha das reivindicacións históricas tanto do comité de empresa como do movemento Defende a Galega.
Quince anos de loita por unha CRTVG plural
Desde 2009, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) é escenario de diversos conflitos laborais que marcaron a relación entre a dirección e o seu persoal. As queixas por precariedade, censura informativa e vulneración de dereitos foron constantes, nun clima de tensión que se mantén ata hoxe.
Un dos principais puntos de fricción foi a contratación de traballadores a través de produtoras externas e a externalización de contidos informativos. Esta práctica, denunciada dende hai anos polos sindicatos, interpretouse como un intento de precarizar o emprego e reducir custos a costa dos dereitos laborais, e tamén como unha forma de evitar a fiscalización xornalística.
Anos despois, en 2015, o Comité Interempresa da CRTVG presentou unha demanda de conflito colectivo contra a dirección, alegando que a normativa de uso dos sistemas de información restrinxiu os dereitos laborais. Esta medida reflectía o crecente descontento dos traballadores, que percibían un intento de control excesivo das súas actividades.
Non obstante, o maior brote de descontento produciuse en 2018 co nacemento dos venres negros, unha serie de protestas semanais nas que xornalistas e empregados denuncian a manipulación informativa no seo do ente público. Vestidos de negro reclaman unha información plural e independente e denuncian a presión da dirección para favorecer os intereses do goberno autonómico.
Estas protestas prolongáronse no tempo ata hoxe e provocaron represalias contra algúns traballadores, o que supuxo un fito xudicial en 2022. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza condenou á CRTVG por vulnerar a liberdade de expresión dun empregado vinculado ás protestas, o que obrigou a anular unha sanción disciplinaria e indemnizarlle.
Os conflitos laborais na CRTVG puxeron en evidencia a continua tensión entre a dirección e os seus traballadores. As denuncias pola precariedade das condicións laborais e a censura xeraron un clima de protesta sostida, no que os traballadores mantiveron a súa loita por unhas condicións dignas e unha información pública libre de inxerencias políticas. Desde hoxe, e quen sabe ata cando, todo apunta a que esta loita vaise intensificando.
Tribuna
Ladróns de luva branca no Parlamento
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A folga dos traballadores da TVG contra 15 anos de manipulación e privatización deseñados por Feijóo
Relacionadas
Medio rural
Un grupo de xornalistas e fotógrafos lánzanse a documentar os baleiros do rural galego para que non esmoreza
Ourense
As embarazadas de Ourense esixen dar a luz con seguridade mentres a Xunta manobra para trasladar o paridoiro
Danza
Todo o que podería ser o xénero e como desfacelo dende o escenario
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
Altri
A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
Últimas
Altri
Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
AGANTRO
O desprazamento forzoso en Chiapas: metáfora da vida núa
El Salto n.79
Galicia dice 'no' al capitalismo verde y en el último número de la Revista El Salto te lo contamos
O Teleclube
'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
A Catapulta
O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
Recomendadas
Medio rural
A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Feminismos
Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Migración
A veciñanza mobilízase para acoller migrantes tras o peche de centros de Rescate Internacional en Galiza
Ourense
Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!