Os recortes da UE ameazan o sector primario galego cun 67% menos de fondos pesqueiros e un 20% de PAC

A proposta da Comisión Europea para o período 2028-2034 prevé un recorte do 67% no fondo pesqueiro e do 21% na PAC, mentres multiplica por cinco o gasto militar.
Mariscadora ría de Arousa
Alba Cambeiro Mariscadora a pé traballando na ría de Arousa.

O orzamento europeo para o período 2028-2034 está a redefinir as prioridades de Bruxelas, nas que non se atopan nin a agricultura, nin a pesca, nin a gandería. O Marco Financeiro Plurianual (MFP), presentado por Ursula von der Leyen en xullo deste ano, aposta por incrementar masivamente o gasto militar mentres recorta de forma drástica as partidas destinadas ao sector primario. 

Os fondos destinados á pesca reduciríanse de 6.100 millóns a apenas 2.000 millóns de euros, mentres que a Política Agraria Común (PAC) sufriría un recorte superior ao 20%. Simultáneamente, o gasto en Defensa multiplicaríase por cinco, alcanzando os 131.000 millóns de euros.

A nova arquitectura orzamentaria pode ter consecuencias económicas, sociais e territoriais que condicionen o futuro de milleiros de familias galegas. O impacto non se limita ás contas públicas: toca tamén a continuidade do tecido que sostén boa parte da Galiza rural.

A desaparición de partidas específicas supón un risco claro para os ingresos das pequenas explotacións agrogandeiras e o sector pesqueiro, que dependen en gran medida dos pagos directos para manterse en funcionamento.

Cara a un modelo industrial que expulsa ás pequenas explotacións

A drástica redución dos recursos destinados á pesca e á acuicultura, suporía unha caída do 67 %. A Asociación Galega de Mulleres do Mar, Mulleres Salgadas, teme unha ameaza directa aos plans de rexeneración das rías e ao mantemento dos bancos marisqueiros. “Estamos moi preocupadas pola situación das rías e a baixada da produtividade. Todo o sector das artes menores está en risco”, afirma María Vales, a súa presidenta.

Dende a Federación de Confrarías de Galicia tamén advirten das consecuencias da desaparición do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA). “As riadas dos últimos anos e os efectos do cambio climático obrígannos a interromper a nosa actividade constantemente” sinala o seu presidente, Jose Antonio Pérez Sieira. “A maioría da flota galega sobrevive grazas a estes fondos”. 

O sector teme que os recortes afecten á viabilidade económica da flota e da pesca artesanal. Sen unha ferramenta de estabilización como os fondos FEMPA, moitas embarcacións e explotacións costeiras non teñen capacidade para asumir a baixada de produción e os peches temporais dos bancos pesqueiros e marisqueiros. 

A proposta europea integra nun único fondo a PAC, os fondos de cohesión e os recursos pesqueiros. A desaparición do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) como entidade independente é especialmente grave para Galiza, que podería perder uns 80 millóns de euros anuais destinados a mobilidade de terras, infraestruturas rurais e outras actuacións clave.

“As cooperativas que ata agora accedían a axudas para investimentos en transformación de produtos agroalimentarios atópanse na incerteza total”, indica Higinio Mougán, director da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA). Dende a Asociación insisten en que o modelo supón “unha ameaza á soberanía alimentaria” e alertan do incremento do custo dos alimentos “se a Unión Europea retira fondos de xeito masivo”.

O asociacionismo galego leva tempo advertindo de que a nova orientación da PAC podería deixar máis desprotexidas ás granxas familiares, especialmente ás de minifundio que caracterizan o rural galego. As explotacións pequenas corren o risco de ser desprazadas por estruturas agroindustriais máis grandes, que poden asumir sen dificultades os requisitos financeiros e administrativos das novas convocatorias.

Doutra banda, dende o Sindicato Labrego Galego (SLG) alertan de que a promoción da automatización e dixitalización non responde ás necesidades reais do rural. Nun contexto europeo no que o relevo xeracional é escaso e a produción só se mantén mediante unha intensificación crecente, o novo modelo de axudas empuxa ás explotacións cara unha dependencia tecnolóxica que moitas non poden asumir. 

O risco, segundo sinalan dende o sindicato, é que o traballo labrego deixe de ser unha actividade soberana e pase a integrarse como unha peza máis dunha engrenaxe industrial na que as pequenas explotacións perden protagonismo e capacidade de decisión. Outra cuestión que destacan é a laxitude que vai ter a nova normativa. A condicionalidade das axudas, baseadas no benestar animal e aspectos ambientais, desaparece case por completo.

Menos apoio a prácticas sostibles

O estudo do Instituto para o Desenvolvemento Sostible e as Relacións Internacionais (IDDRI) sobre o Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 analiza con detalle as implicacións da nova arquitectura proposta pola Comisión. O informe advirte que a integración da PAC nun fondo único "abre o espazo de negociación a actores non agrícolas e, polo tanto, a unha maior variedade de intereses”.

O documento cuestiona a efectividade do novo modelo de rendemento proposto, que mantén os mesmos fallos que a PAC actual: indicadores que miden máis os medios despregados ca os resultados reais, ausencia de limiares mínimos de prácticas sostibles e unha carga burocrática excesiva. Ademais, as accións agroambientais e climáticas non contan cun orzamento preasignado.

A principal crítica do IDDRI céntrase na arquitectura verde. Sen a garantía de que o 25% do orzamento de pagamentos directos se destine obrigatoriamente a réximes ecolóxicos —axudas directas para agricultores e gandeiros que implementan prácticas sostibles— e cunha cofinanciación nacional máis elevada, todo apunta a que os Estados membros reducirán drasticamente o apoio a este tipo de prácticas.

Dende o SLG reclaman unha mellora da “posición que teñen as labregas dentro da cadea alimentaria” así como o fomento de sistemas de alimentación locais, fronte ao modelo actual dunha agroindustria orientada á exportación. “O financiamento público nunca pode competir contra mercados inxustos”, advirten. 

A reforma da Organización Común de Mercados (OCM), o sistema que regula as axudas ao sector agrario, tamén xera preocupación. Dende AGACA denuncian que a proposta evita abordar problemas clave para as cooperativas; como a planificación da produción e a redución de custos. Doutra banda, as axudas ás Organizacións de Produtores deixarán de estar garantidas, xa que dependerán do que cada país decida destinar nos seus orzamentos.

O Marco Financeiro Plurianual ten aínda un longo proceso de negociación por diante antes da súa aprobación definitiva. A Comisión Europea deberá alcanzar acordos tanto co Parlamento Europeo como cos Estados membros da Unión, nun proceso que se prevé que se prolongue durante máis de dous anos. De momento, vinte países —entre eles España— xa rexeitaron os recortes da PAC propostos no proxecto de orzamentos para o período 2028-2034.

Mentres Bruxelas redefine as súas prioridades cara á defensa e a competitividade industrial, o sector primario —base de calquera estado de benestar— atópase nunha encrucillada. Para Galiza, os vindeiros meses serán decisivos para determinar se o rural seguirá sendo un espazo habitado e produtivo, ou se pola contra asistiremos á consolidación dun modelo que expulsa ás pequenas explotacións pequenas en favor das grandes estruturas agroindustriais.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...