Xunta de Galicia
A Xunta censura un cartel das Letras Galegas gañador dun concurso escolar para eliminar a simboloxía nacionalista
O profesorado do grupo de traballo do IES Castelao de Vigo, gañador do Concurso-Exposición sobre Begoña Caamaño convocado con motivo do Día das Letras Galegas 2026, denunciou publicamente a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia por impor modificacións no proxecto “sen o consentimento” das súas autoras e autores.
O conflito céntrase na eliminación da estrela vermella dunha bandeira galega incluída nunha das ilustracións do traballo, un elemento que o profesorado considera “necesario para a comprensión” da figura homenaxeada este ano.
Nun comunicado, as docentes e os docentes participantes aseguran que queren poñer en coñecemento da opinión pública o que consideran “unha vulneración inaceptable dos dereitos de propiedade intelectual e un intento de ocultación do contexto ideolóxico da autora”.
Segundo explican, tras resultar gañadores do concurso, a Secretaría Xeral da Lingua acordou co equipo unha serie de modificacións antes de que a exposición fose distribuída en centros educativos galegos e do estranxeiro. O profesorado aceptou a maioría dos cambios propostos, agás a retirada da bandeira coa estrela.
“O profesorado participante na elaboración do proxecto negouse unanimemente á súa eliminación, por considerala parte do período vital da figura e necesaria para a súa comprensión”, sinalan. No comunicado citan ademais á académica da RAG Ana Romaní, autora dunha biografía sobre Caamaño, quen afirma que “a dimensión política está sempre na lectura da realidade de Begoña Caamaño, tanto no xornalismo como na ficción”.
Malia esa negativa, o equipo asegura que aceptou revisar unha proposta alternativa de modificación por parte da Secretaría, aínda que sosteñen que esa proposta “nunca foi enviada”. Unha vez publicada a exposición, denuncian ter comprobado “a eliminación da estrela e incluso a deturpación da bandeira”.
O profesorado solicitou entón explicacións formais á Secretaría Xeral da Lingua, apelando á Lei de Propiedade Intelectual e ás bases do propio concurso, que —segundo lembran— obrigan a alcanzar acordos coas autorías ante calquera modificación das obras presentadas.
A resposta recibida por parte da Administración, segundo denuncian, xustificou os cambios como parte dos “axustes establecidos” e atribuíu a deformación da bandeira a “un erro da imprenta”. O equipo considera insuficientes estas explicacións e critica que non se aclarase por que nunca se remitiu a proposta alternativa nin se respondese ás referencias legais formuladas.
Por iso, o profesorado decidiu facer público o conflito e esixir “o máximo respecto pola liberdade de creación e pola adscrición ideolóxica das persoas”, ademais de rexeitar o que consideran intentos de “desvirtuar e ocultar aspectos necesarios para a comprensión completa” da escritora homenaxeada.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!