Xunta de Galicia
A Xunta Electoral amoesta a Rueda por facer propaganda institucional con vivenda pública
A Xunta Electoral Provincial de Pontevedra amoestou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por utilizar unha visita ás obras de vivenda pública do barrio vigués de Navia para difundir mensaxes sobre os logros do seu Goberno. A resolución, ditada o pasado 28 de outubro tras unha denuncia do PSdeG, considera que o presidente incumpriu a lexislación electoral ao realizar declaracións que eloxiaban a xestión do Executivo galego durante o período electoral.
O organismo ordena á Xunta retirar a nota de prensa daquela visita, celebrada o 14 de outubro, tanto da súa páxina web como de calquera outra canle institucional na que se difundise. Tamén lle pide a Rueda que se absteña de realizar ou publicar comunicacións institucionais que vulneren a normativa mentres dure o proceso electoral.
A resolución considera vulnerado o artigo 50.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), que prohibe aos poderes públicos organizar actos ou difundir mensaxes que conteñan alusións ás realizacións ou aos logros obtidos durante o mandato. Contra a decisión cabe recurso ante a Xunta Electoral Central.
O PSdeG denuncia outros dous actos de Rueda
A amoestación súmase a outras dúas denuncias presentadas polos socialistas galegos ante a Xunta Electoral. Unha delas refírese á comparecencia de Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, posterior á reunión do Consello da Xunta do 16 de outubro, na que se aprobaron os orzamentos para 2027.
No seu escrito, o PSdeG sostén que ambos responsables non se limitaron a informar dos acordos adoptados, senón que aproveitaron a comparecencia para eloxiar a xestión do Goberno galego en materia fiscal e orzamentaria. Os socialistas cuestionan as referencias a comparacións con outras comunidades, incrementos orzamentarios, fitos históricos e prioridades do Executivo.
A terceira denuncia refírese a un anuncio realizado por Rueda durante a sesión de control do Parlamento galego do pasado 7 de outubro. O presidente avanzou entón unha partida de sete millóns de euros para axudar os concellos a construír vivenda pública municipal, unha iniciativa que a Xunta tamén difundiu a través das súas canles institucionais.
O PSdeG considera que este anuncio vulnera igualmente as restricións da lexislación electoral sobre a comunicación dos poderes públicos durante os procesos electorais.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
O Supremo condena a TVG por vulnerar a liberdade sindical e elixir a dedo os tribunais de contratación
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!