Activismo
Cales son os dereitos dunha persoa ante unha actuación policial durante as protestas de La Vuelta?

Secretaria de Esculca e avogada.
No último ano estamos asistindo a un incremento da represión contra activistas da causa palestina que se está a intensificar durante os últimos días coas mobilizacións contra a intervención do equipo israelí Israel Premier-Tech en La Vuelta ciclista. Esta represión, que non ten outro obxectivo que criminalizar aos movementos sociais e frear á participación política, pode ir dende sancións no ámbito administrativo —a través das sancións establecidas na Lei de Seguridade Cidadá— até detencións e procesos xudiciais —a través da atribución dun feito castigado no Código Penal—.
O descoñecemento sobre como actuar nestes supostos incide na nosa desprotección e nos abusos de poder por parte da policía, polo que dende Esculca, observatorio para a defensa dos dereitos e liberdade, queremos dar información sobre cales son os nosos dereitos e recomendacións sobre como actuar nestes supostos, instando a manter a calma en momentos de alta tensión.
Que pasa se asisto a unha concentración ou manifestación que non foi comunicada á Subdelegación do Goberno?
As concentracións e manifestacións deben ser comunicadas polos organizadores ou promotores da mesma á Subdelegación do Goberno e a falta de comunicación pode dar lugar a unha sanción administrativa aos organizadores, non aos participantes. Porén, o Tribunal Europeo de Derechos Humanos (TEDH) considera que estas sancións son restrictivas dos dereitos de reunión e manifestación, polo que hai posibilidade de recorrer estas sancións no caso de que se produzan.
Podo gravar aos axentes co meu teléfono móbil?
Si, e trátase dunha ferramenta moi útil de cara a posibles procesos xudiciais. Tes dereito a tomar imaxes dos axentes e das actuacións que realicen, mais non publicalas se con isto se vulnera o dereito á intimidade dos axentes en cuestión, polo que recomendamos non subilas a redes sociais ou facelo pixelando o seu rostro.
Teñen os axentes a obriga de identificarse?
Os axentes teñen a obriga de ir debidamente identificados e, ademais, esta identificación debe poder verse sen ningunha acción positiva de demanda por parte da cidadanía. En todo caso, deben identificarse se son requeridos por algunha persoa coa que estean levando a cabo algún tipo de actuación e non cumprir con esta obriga é constitutivo dunha infracción disciplinaria.
O popularmente coñecido como número de placa é un soporte no que vai gravado o número correspondente ao carné profesional de cada axente. Debe estar debaixo do emblema do corpo policial ao que pertenza e por enriba do peto superior dereito da prenda de uniformidade. As Unidades de Intervención Policial (UIP), coñecidas como antidisturbios, levan un número de identificación nos seus chaleques, nas costas, mais este número indica o seu posto orgánico e fai referencia ao operativo, non é o mesmo que o número de placa nin os identifica persoalmente, cuestión fundamental para denuncialos en caso de extralimitación ou abuso.
En moitas ocasións os axentes fan caso omiso ás peticións de identificacións, polo que recomendamos requerir que acuda o superior xerárquico e gravar todo isto, así como fotografialos no caso de que non vaian debidamente identificados.
Cando poden identificarme?
Os axentes de policía poden requerir que te identifiques co teu DNI ou pasaporte, pero deberán informarte das razóns desta identificación xa que só poden facelo se hai indicios de que participaches nunha infracción administrativa ou cando o consideren necesario, en atención ás circunstancias concorrentes, para prever a comisión dun delito. Deberán respectar os principios de proporcionalidade, igualdade de trato e non discriminación.
En ocasións os axentes fan unha fotografía ao DNI, práctica sobre a que xa tivo ocasión de pronunciarse a Axencia Española de Protección de Datos entendendo que esta práctica non é admisible conforme á lexislación de protección de datos cando o fan dende o seu teléfono persoal.
No caso de que non podan identificarte están facultados para instarte a que os acompañes ás dependencias policiais máis próximas, só para levar a cabo a identificación e polo tempo estritamente necesario, que en ningún caso poderá superar as seis horas. Neste caso, deberán expedir á túa saída un volante acreditativo do tempo de permanencia nas dependencias policiais, a causa e a identidade dos axentes actuantes.
O feito de que te negues a identificarte pode dar lugar a unha sanción administrativa ou a responsabilidades penais, polo que recomendamos que te identifiques pero solicitando aos axentes a información de por que o están a facer.
Poden facerme un rexistro corporal?
Os axentes poderán practicar a inspección corporal cando teñan indicios racionais de que poden atopar instrumentos ou obxectos relevantes para indagar e prever infraccións administrativas e de delitos. Deberán informarte de modo inmediato e comprensible das razóns da súa realización e, salvo que exista unha situación de urxencia por risco grave e inminente para os axentes, o rexistro practicarase preferentemente por un axente do teu sexo e, ademais, no caso de que quedaran á vista partes do corpo normalmente cubertas, efectuarase nun lugar reservado e fóra da vista de terceiras persoas. Este cacheo deberá ser superficial e levarse a cabo coa mínima inxerencia posible, realizándose do modo que cause o menor prexuízo á intimidade e dignidade da persoa afectada.
Poden rexistrar o meu vehículo?
Si. As persoas que ocupen o carro teñen dereito a estar presentes e observar a inspección, así que recomendamos que insistas sobre este punto e que, se é posible, busques testemuñas. No caso de incautación de calquera obxecto que puidera ser considerado perigoso ou susceptible de ser empregado para a comisión dun delito, é preciso esixir a acta da correspondente incautación.
Poden impedir que pase por un determinado lugar?
Si, a policía está facultada para limitar ou restrinxir a circulación ou permanencia en vías ou lugares públicos e establecer zonas de seguridade en supostos de alteración da seguridade. Neste caso, fíxate se esta restricción a aplican a todo o mundo ou só a quen consideran que vai participar nunha mobilización.
Que facer en caso de detención?
Neste suposto os axentes deben informarte de modo inmediato dos motivos da túa detención e dos dereitos que te asisten. Un destes dereitos é que sexas asistido por avogada, polo que se queres que sexa unha persoa da túa confianza deberás proporcionarlles o nome e apelidos da mesma.
Recomendamos que non declares nada na comisaría e que te negues á recollida de ADN, así como que non autorices o acceso ao teu teléfono. Tes dereito a recibir asistencia no centro de saúde mais, se tes lesións, recomendamos que vaias ao teu médico de cabeceira cando saias en liberdade para obter un informe médico o máis detallado posible.
Que facer se es obxecto de agresión policial?
Intenta manter a calma e procurar vídeos, fotografías e testemuñas da agresión. Recolle información sobre o axente que che agrediu (características físicas, TIP, NOP, matrícula dos vehículos, etc.). Fai unha fotografía das lesións na que se che recoñeza e acude ao hospital ou centro de saúde para que che dean un parte de lesións e informe médico. Tamén recomendamos que no caso de interpoñer denuncia contra os axentes o fagas a través da túa avogada ou, no seu caso, ante o xulgado de garda e non nas dependencias policiais.
Solicitar observación nas mobilizacións.
Dende Esculca levamos a cabo observación da acción policial en contextos de protesta cando somos requeridas por algunha organización. A observación implica que acudimos ás mobilizacións identificadas cun chaleque e rexistramos a actuación policial para despois facer un relatorio que se envía ás autoridades coas irregularidades detectadas. Este martes nove de setembro faremos observación no final da etapa da volta en Mos, polo que podes acudir a nós no caso de ser obxecto dalgunha acción policial.
Organízate para a defensa dos teus dereitos
A represión busca a desmobilización a través de sancións e procesos xudiciais que poden durar anos e que pretenden ser exemplarizantes para outras activistas. Animámoste a que busques apoio en organizacións anti represivas e que denuncies a través de Esculca o ataque aos teus dereitos.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!