AGANTRO
O 15M e os feminismos: encontros e desencontros (I)

O feito de converter o persoal en político foi unha das principais achegas do feminismo ao 15M.

AGANTRO (Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural)
guadalupe.jimenez@usc.es

13 may 2021 11:05


Este artigo é a primeira parte dunha serie de dúas pezas sobre 15M e feminismos.

Hai agora 10 anos acudín á manifestación do 15 de maio de 2011 en Santiago de Compostela con motivacións que pasaban pola fartura do bipartidismo, do austericidio neoliberal e o desmantelamento do público, indignación coa forma de facer política e a súa distancia dos problemas da vida cotiá, da precariedade na que nos moviamos a maioría da poboación, especialmente grave entre a mocidade, as persoas migrantes e as mulleres. Chegado un punto varios mozos colocáronse pasamontañas e empezaron a tirar petardos, botes de fume e romper escaparates. Apareceron policías por tódolos lados e cargaron coas porras en pleno centro histórico, sen contemplacións. Carreiras, medo, e eu que me atopaba no medio daquela rateira, cos meus vintetantos anos e grávida, cando o meu compañeiro tirou do meu brazo e fuximos ás agachadas. Volvín á miña casa maldicindo e prometinme non volver participar nunha manifestación, porque alí o meu embarazo e a miña precariedade como muller nova tampouco foran tidas moi en conta. Prevaleceran os petardos, as algaradas e as porras dos policías sobre a nosa seguridade e a lexitimidade do que alí estabamos a reclamar.

Despois daquela manifestación seguín de preto a evolución das acampadas. Nalgunhas ocasións achegueime ás asembleas xa co meu bebé no colo, só para escoitar. Algunhas persoas demandábanme unha maior implicación, pero recoñezo que xamais me puiden permitir acampar, nin participar nas actividades porque ata para o activismo hai que ter certas condicións das que eu carecía. Recoñezo entón que eu non son unha ‘quincemaista' exemplar, pero foron momentos emocionantes e esperanzadores… E eu quería que o meu fillo mamara aquilo!

Non lembro ben como empezou aquel debate, pero unha feminista presente na asemblea abriu a caixa de Pandora: “a revolución será feminista ou non será”. Unha pancarta con esa frase fora colgada na Porta do Sol de Madrid, xerando moito balbordo, foi retirada e volta a colgar máis dunha vez. Alguén máis apuntou que cumpría utilizar o galego como lingua prioritaria no seo da acampada. Sorprendentemente xusto estas dúas propostas provocaron unha enorme incomodidade entre as persoas presentes: “xa están aquí as pesadas de sempre!”, “estas son loitas parciais”, dicían entre apupos. Lembro que un mozo moi novo e con gran don de palabra, rapidamente monopolizou o debate e etiquetou aquelas dúas propostas como “loitas secundarias"; mesmo acusounas de ser unha especie de cabalo de Troia, de querer dividirnos, desviar e desvirtuar o movemento da loita principal con reivindicacións que a desbordaban polos dous lados: demasiado superfluas, demasiado radicais. Non mo podía crer, ante os meus ollos estaba a escenificarse aquel famoso matrimonio infeliz entre marxismo e feminismo que xa describise Heidi Hartman nos anos setenta. Tamén lembrei aquelas feministas históricas que fuxiron escorrentadas dos movementos de esquerdas durante o franquismo e a transición.

Non lembro ben como empezou aquel debate, pero unha feminista presente na asemblea abriu a caixa de Pandora: “a revolución será feminista ou non será”

De novo, regresei á miña casa maldicindo e prometinme non volver participar naquel movemento porque o que na miña escala de valores era o fundamental fora caracterizado como algo molesto, secundario, como “cousas de mulleres”. Como analiza a antropóloga Adriana Razquin esta reacción foi case idéntica en moitas das prazas e prevalecera un tipo de política clásica e patriarcal, onde algúns mozos novos con todas as súas necesidades invisiblemente cubertas lanzaban consignas ao fío do discurso obreirista, establecían as súas prioridades e impúñanse sobre as propostas das bruxas feministas. Prevaleceron sobre outro tipo de politicidade, sobre a empatía e os coidados, sobre a vida mesma. Mirei ao redor e atopeime máis soa que nunca sendo moza, precaria e co meu fillo no colo. Aquel non era lugar para min.

Como os feminismos foron enchoupando o 15M

Por sorte aquel si era o lugar para outras mulleres que quedaron sementando o discurso feminista e propondo outras formas de facer que foron calando como orballo. Dende eses primeiros momentos de rexeitamento, de berros, de pancartas arrincadas e de fanfurriñeiros cacarexando, aos poucos e con gran paciencia a perspectiva feminista foise facendo fundamental, imprescindible. Houbo un marabilloso traballo colectivo de fondo por parte de distintas xeracións de feministas, de pedagoxía popular, de desenmascarar o machismo de esquerdas, de propostas, de imaxinar conceptos e relacións, de horizontalizar debates e acordos, de evidenciar as interseccións, as vulnerabilidades e as precariedades que nos atravesaban.

O feminismo sempre foi un movemento sociopolítico diverso, heteroxéneo e interseccional, que ten séculos de existencia e que está armado cun corpus teórico crítico moi sólido e un repensarse continuo das prácticas e ferramentas que non ían poder deixar á marxe nin nun lugar secundario. Como analizaron distintas autoras feministas, os traballos de coidado non remunerados están a soster o sistema capitalista porque patriarcado e neoliberalismo son a mesma cara dunha moeda (ver por exemplo Roswitha Scholz, Silvia Federici, Yayo Herrero, Cristina Carrasco ou Amaia Pérez Orozco). Esta perspectiva resultaba imprescindible para entender os fenómenos que estaban a espertar a nosa indignación, como se xestaban as desigualdades dunha forma convinte ao sistema e como podiamos saír da lameira, polo que a revolución non tiña máis opción que ser feminista.


8M Galiza 2021 - 1

Algúns conceptos como vulnerabilidade, interdependencia, afectos ou sororidade foron impregnando o movemento 15M especialmente a nivel discursivo e, con algunha dificultade, nas prácticas cotiás. Así, por exemplo, nas distintas acampadas foron desnaturalizándose as prácticas habituais de monopolización do discurso, de gritar consignas para buscar o aplauso, de imposición de axendas, de terminoloxía belicista, de tirar petardos e de acordos tomados por maiorías. Progresivamente non só empezaron a preocupar os conceptos, os discursos intricados ou meramente teóricos, senón tamén as infraestruturas, a intendencia, as cociñas, a alimentación, a xestión equitativa dos recursos ecolóxicos e económicos, o mantemento, a limpeza e a xestión de residuos, a seguridade das persoas, o benestar físico e emocional, os afectos. As feministas implicadas no 15M axudaron a entender que a crise dos coidados, da reprodución social, ou o conflito capital-vida non é que sexa importante, é que debe ocupar o centro da axenda política e a xestión dos propios movementos sociais. Nesta tesitura evidenciouse que o 15M tiña o patriarcado máis clásico na súa espiña, porque mentres algunhas eran as que cociñaban e recollían esteiras do chan, outros seguían, seguiron e seguirán aferrados ao megáfono que outorga unha maior notoriedade, valoración social e visibilidade nos medios. Así que tamén se foi desvelando a división sexual dos traballos nos movementos sociais e o machismo estrutural ao nivel das prácticas cotiás.

O feminismo sempre foi un movemento sociopolítico diverso, heteroxéneo e interseccional, armado cun corpus teórico crítico moi sólido e un repensarse continuo

Outro dos fitos máis importantes foi a denuncia de que estaban a producirse certas intimidacións, acoso sexual e violencias machistas nas prazas. Isto provocou terribles discusións que puñan en dúbida a veracidade destas denuncias e novas acusacións cara ás feministas por querer dinamitar o movemento 15M con cuestións que supuñan de tipo “persoal”. Con todo, que se denunciase que este tipo de violencias estaban a ter lugar nun movemento de indignación popular que criticaba a “vella política”, e que se pretendía horizontal e emancipador, foi como acender un foco que apuntaba directamente ao miolo da cuestión. Porque, aínda que se tiñan claras algunhas das dinámicas e violencias neoliberais, quedaba un xigantesco traballo por facer no desenmascaramento das violencias patriarcais e como ambas se retroalimentan. Por tanto, nalgunhas das prazas propuxéronse espazos seguros de traballo non-mixtos, de deconstrución das masculinidades tóxicas e violentas. Tamén se implementaron cordóns de seguridade para persoas especialmente vulnerables, por exemplo, nas manifestacións das que a partir de entón volvín participar. A igualdade, a seguridade, o coidado e o benestar das persoas que participaban do 15M tamén tiña que ser unha precondición necesaria.

O feito de converter o persoal en político, como xa formulara Kate Millet en 1969, foi  unha das principais achegas do feminismo ao 15M xa que supuxo unha reformulación do propio concepto de “o político”, afastándose da política (con maiúsculas), representacional, militantista e circunscrita ás institucións tradicionais (o Estado, o Parlamento, o Partido, o Sindicato), para achegarse a unha politicidade do micro, da infrapolítica, a un novo marco das prácticas da vida cotiá, incluíndo aspectos da nosa vida íntima, os afectos, as emocións, os amores e a relación co propio corpo. Con todo, non hai que perder de vista que foi precisamente a deriva clásica e militantista do 15M a que seguiu o seu percorrido na política institucional.

Outro dos aspectos máis interesantes dos feminismos no 15M é precisamente que o seu ensanche serviu para algo moi importante: desestigmatizar o “feminismo”, que fora unha palabra maldita e un movemento social minoritario ata o momento. Este novo xiro ampliaba o suxeito político concreto e singular (muller) para convocar a unha maioría social plural (feminista). Este substrato excedeu os límites habituais do activismo e os movementos sociais, filtrándose cara a unha ampla capa da sociedade un novo sentido común feminista que pon o foco no cuestionamento do status quo patriarcal. Por tanto, se unha das principais preocupacións do movemento feminista pre-15M era precisamente que non se albiscaba unha substitución xeracional e había un certo esgotamento, a partir de entón o feminismo converteríase nun novo marco dun consenso social amplo, ao convocar e interpelar á maioría da cidadanía.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

AGANTRO
Agantro Tatuaxe: terapia e tendencia
Da marxinación á moda, o carácter simbólico e ritual da tatuaxe atópase actualmente erosionado polas dinámicas capitalistas.
AGANTRO
Agantro O número 262 dunha rúa no Porto
Nunha casa do Porto estudantes de todo o mundo entrelazan culturas e lembranzas, deixando nas súas paredes un rastro de convivencia e cambio continuo.
AGANTRO
México O mundo en chamas
Escribo dende México sobre a violencia no país e no mundo, pois alén da invención da «narcocultura», compre reflexionarmos sobre o violentamento global do imaxinario, a sociedade e a política.
#90519
20/5/2021 9:47

Non estou segura de k desestigmatización ( inda pendente) e impulso do feminismo fora efecto do 15M. Creo k pudo influir xunto a otros factores k contribuiron á visibilización e rexritamento da violencia de xénero.

0
0
#89978
13/5/2021 23:50

Na manifestación do 15 de maio do 2011 en Santiago de Compostela non se produciron cargas das forzas e corpos de seguridade do estado.
Debeu ser algunha manifestación posterior, xa que esta foi un desencadeante de moitas outras que virían despois, nas que xurdiu a violencia represora da policía, tan normalizada hoxe en día.

2
0
Palestina
Genocidio La ONG anti-UNRWA lanzada por exespías y marines de EEUU siembra el caos en el reparto de alimentos en Gaza
La Fundación Humanitaria de Gaza (GHF) creada a comienzos de este año y vinculada a agentes del ejército y la inteligencia estadounidense ha sido acusada de desaparecer a una persona y disparar a quienes estaban esperando ayuda.
Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Madrid
Derecho a la vivienda Victoria contra la Sareb: 16 familias consiguen firmar contratos después de años de lucha
Un bloque en lucha de Casarrubuelos (Comunidad de Madrid) consigue formalizar contratos con el banco malo, al que acusan de actuar “como un fondo buitre”. En Catalunya, diez ayuntamientos apoyan los reclamos de 62 hogares en huelga contra La Caixa.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.

Últimas

Universidad
Genocidio Las universidades españolas han firmado 44 proyectos con Israel desde septiembre de 2024
Los acuerdos dentro del programa Horizon Europe se han sucedido a pesar de las declaraciones de decenas de universidades de suspensión de relaciones con Israel.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.