Ecoloxistas e Greenpeace irrompen diante da Xunta Xeral de Accionistas de Altri para esixir a súa retirada de Galiza

Activistas galegas desprazáronse ata a Asemblea Xeral da empresa portuguesa en Oporto para pedir aos seus accionistas que abandonen o proxecto Gama, que xerou un conflito social sen precedentes en Galiza.
altri porto
Activistas de Ecoloxistas en Acción e Greenpeace fronte á Xunta de Accionistas de Altri en Porto. Javier H. Rodríguez

Activistas de Ecoloxistas en Acción e Greenpeace viaxaron esta xornada ata Oporto para plantarlle cara a Altri na súa propia casa. Á entrada da Asemblea Xeral Anual da compañía, celebrada no Edificio LACS da rúa Azevedo Coutinho, despregaron unha gran pancarta co lema “Por unha terra viva. Altri Non” mentres os accionistas accedían ao edificio, co obxectivo de que a mensaxe chegase directamente a quen ten poder de decisión sobre o proxecto.

As organizacións ecoloxistas acusan a empresa de ter ignorado o rexeitamento masivo que a súa iniciativa cosechou na Galiza. A macrocelulosa proxectada en Palas de Rei, coñecida como proxecto Gama, mobilizou a decenas de miles de persoas baixo o lema “Altri Non”, convertido, segundo os propios activistas, na “frase máis repetida do último ano na Galiza”. “Non se pode acosara todo un pobo deste xeito”, afirmou Cristóbal López, portavoz de Ecoloxistas en Acción Galiza, quen cuestionou ademais se a dirección da empresa informou sequera aos seus accionistas da dimensión do conflito xerado.

A Xunta anunciou o arquivo, pero as organizacións piden máis

O pasado febreiro, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que a Xunta iniciaría o proceso para arquivar o expediente do proxecto, anuncio que corroborou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Con todo, as organizacións advirten de que ningunha das partes interesadas recoñecidas no proceso recibiu comunicación oficial ao respecto, algo que consideran obrigatorio segundo a Lei do Procedemento Administrativo Común.

Para as ecoloxistas, o simple arquivo non é garantía suficiente. Temen que o proxecto poida quedar nun caixón á espera dun contexto político máis favorable, polo que reclaman a denegación expresa das solicitudes de concesión de augas e de autorización ambiental integrada, así como a revogación da declaración do proxecto como iniciativa industrial estratéxica.

“O que esiximos é a súa denegación por parte do Goberno galego”, subliñou Manoel Santos, portavoz de Greenpeace na Galiza, quen tamén reclamou responsabilidades á empresa por presentar un proxecto que, segundo sentenciou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, provocou mesmo a desprotección ambiental ilegal do lugar onde se pretendía construír. “É un proxecto que a Galiza nin quere nin necesita e que a empresa ten que descartar dunha vez. Abonda xa”, concluíu Santos.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...