Máis de dez mil persoas mobilízanse por terra e mar na Illa de Arousa contra Altri e a mina de Touro

Terra, mar e máis de 300 embarcacións arroupan unha protesta que esixe pechar a porta á celulosa e á megaminería en Galiza.
Altri illa de arousa - 1
A protesta deste domingo na Illa. Alba Cambeiro

A ría de Arousa volveu ser este domingo escenario dunha manifestación masiva, tanto por terra como por mar, co obxectivo de frear o proxecto de planta de celulosa que Altri pretende instalar en Palas de Rei e a reapertura da mina de Touro-O Pino.

Antes de que a marcha botase a andar, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, deixou claro o horizonte da mobilización: “Estamos obrigados a deter estes proxectos e este modelo industrial que prexudica o conxunto de Galiza”. A convocatoria partiu desta entidade xunto a Ulloa Viva e a Plataforma Mina de Touro-O Pino Non.

Baixo o lema Re-matemos Altri e a mina de Touro-O Pino, o cortexo percorreu A Illa desde a praia de O Vao ata o porto de O Xufre. Segundo os datos da organización, participaron máis de dez mil persoas en terra, mentres que preto de trescentas embarcacións arrouparon a protesta polo mar, facendo soar as súas buzinas ao achegarse ao punto de chegada. As omnipresentes camisetas e pancartas co “Altri non” acompañaron unha vez máis os cánticos, entre eles o de “Espolio e miseria é o que nos deixan”. Algunhas persoas luciron caveiras na cabeza para simbolizar o impacto ecolóxico que as plataformas atribuén a ambos os proxectos.

Rubido acusou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “sacrificar” o río Ulla e a ría de Arousa en beneficio de “uns poucos privilexiados”, e afirmou que estas iniciativas industriais “destrúen o tecido produtivo e desarticulan o territorio”. Pola súa banda, a portavoz de Ulloa Viva, Marta Gontá, foi máis aló e esixiu a dimisión de Rueda e das conselleiras de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez: “Se non son quen de protexer os recursos de todos, deberían ceder o seu posto a persoas máis formadas e máis empáticas”.

O manifesto, lido no porto por representantes das tres plataformas, subliñou que a mobilización responde á defensa da auga como “modo de vida” fronte ao que denominaron “proxectos depredadores”. “Non nos van desmovilizar, porque aínda hai percorrido para seguir presionando en Galiza, en España e en Europa”, rematou o texto, que reclamou a denegación dos dous proxectos, o fortalecemento dos sectores produtivos tradicionais e a protección ambiental do Ulla e da ría.

Pontón pide o arquivo de Altri e a paralización da mina

A marcha contou tamén coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que reiterou a súa esixencia de “peche definitivo de Altri” e instou ao goberno do PPdeG a denegar “todos os permisos e autorizacións” ao que cualificou de “bomba ambiental”. Rexeitou igualmente a “megaminería contaminante” e alertou sobre o control da mina de Touro-O Pino por parte de “fondos voitre”. “Entre o espolio e Galiza, o BNG sempre está con Galiza”, afirmou. Aínda que recoñeceu que “a forza da xente conseguiu parar Altri” —actualmente en proceso de arquivo—, chamou a “non baixar a garda”.

Cobre San Rafael defende o seu proxecto

A empresa promotora da reapertura da mina, Cobre San Rafael, aproveitou a xornada para reiterar o seu “compromiso coa produción sostible de cobre”. A compañía lembrou que o proxecto actual foi declarado Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) pola Xunta en 2024 e que incorpora melloras técnicas respecto ao anterior, presentado en 2017, con maiores garantías de protección ambiental. Pese á recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) favorábel á súa actuación, Cobre San Rafael manifestou a súa vontade de “mirar cara ao futuro” e de renunciar ás vías administrativas e xudiciais do expediente anterior, apostando polo novo proxecto como fórmula para conciliar actividade económica, creación de emprego e respecto ao medio natural.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...