Altri
Morre o empresario José María Castellano, unha das persoas clave na celulosa de Altri e Greenalia

O empresario galego José María Castellano faleceu este mércores aos 78 anos en Madrid, deixando tras de si un percorrido pola elite dos altos despachos de Galiza que vai desde a etapa na que se fixo multimillonario coa saída a bolsa de Inditex ata o actual proxecto de macrocelulosa de Altri e Greenalia que sobrevoa a comarca da Ulloa en Lugo, pasando por altos postos de dirección na empresa que edita La Voz de Galicia e dirixindo o banco resultante da desastrosa fusión das caixas de aforros galegas que avalou Alberto Núñez Feijóo.
José María Castellano tiña un capital, poderiamos chamar social, difícil de alcanzar. En Greenalia, empresa que dirixía e é palanca de Altri en Galiza para construír a súa celulosa, posuía un 6% das accións e ninguén como el coñecía os códigos da oligarquía galega e o seu capitalismo máis feroz. O contacto adecuado, a complicidade necesaria.
Aínda que a súa biografía na mocidade require dunha busca máis ampla, o punto de inflexión na súa vida e na súa conta bancaria chegou no seu paso por Inditex, que se sitúa desde mediados dos oitenta ata 2005, cando dimitiu tendo sido vicepresidente e conselleiro delegado. Por suposto, alí viviu a saída a bolsa do imperio de Amancio Ortega e converteuse en multimillonario.
Desde alá arriba, todo tornou máis doado. O entramado de empresas de comunicación arredor de La Voz de Galicia recibiuno coas portas abertas e fíxoo vicepresidente da empresa que edita o xornal máis lido do país. Tamén lle outorgaron cargos no resto de sociedades, onde é interesante resaltar o do Instituto Sondaxe, a gran empresa demoscópica galega.
Pero esa aventura na prensa de dereitas durou pouco. Un recén estreado Alberto Núñez Feijóo presidente encargoulle a tarefa de dirixir o NCG Banco, a entidade resultante da fusión estrela das caixas de aforros galegas, que enguliu 8.000 millóns de diñeiro público e acabou cos seus directivos na cadea. En todo ese periplo, Castellano tamén tivo tempo para dirixir durante seis anos a compañía de telecomunicacións ONO. Tamén contaba co seu peso na promoción inmobiliaria, na compañía Natur House ou na SOCIMI de hoteis de luxo Millenium Hospitality Real Estate.
A súa relación coa macrocelulosa de Altri
Para entender a relación de Castellano coa macrocelulosa proxectada en Palas de Rei, convén explicar o entramado empresarial que está detrás do coñecido oficialmente como Proxecto Gama —así é o nome comercial que ten a celulosa en potencia—. O baile de nomes non é casualidade e parece sinxelo encaixalo nesa pretensión de quen o dirixe de entorpecer o acceso aos nomes propios de quen asina os planos e pon o diñeiro. Ou polo menos entorpecelo para poñerse ao abrigo.
Nos papeis, o Proxecto Gama é obra de Greenfiber SL, unha sociedade creada ad hoc para a ocasión hai case tres anos e en cuxos despachos se atopan as persoas e as corporacións que mandan de verdade. Máis que o presidente galego, Alfonso Rueda, e por suposto máis que calquera dos seus conselleiros. O poder político é transitorio, pero o económico non.
Greenfiber é realmente unha unión de intereses entre a multinacional portuguesa da celulosa, Altri, e a firma galega Greenalia, aínda que ten forma de sociedade limitada. É dicir, unha sociedade instrumental. Os portugueses poñen o 75% do capital e os galegos o 25% restante. A pesar de non ter un si en firme para os fondos públicos que esixen para levar a cabo a celulosa —250 millóns dos Next Generation, nada menos—, actúan como se o tivesen: nos polo menos dous anos que levan de proxecto, inxectaron a Greenfiber 23,5 millóns. Preto de 17,7 millóns a multinacional lusa e os case seis millóns que restan, Smarttia, principal accionista de Greenalia e cuxo dono, o multimillonario galego Manuel García Pardo, socio de Castellano, é outra das figuras clave para entender o potencial desastre ambiental cara ao que se encamiña Galiza.
Medio ambiente
Quen é quen en Greenalia? A empresa que quere outra celulosa en Galiza e arrasa oliveirais en Andalucía
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!