Análisis
A atalaia autonómica: a construción do dominio do PPdeG en Galiza entra en crise

O Partido Popular elaborou durante anos un relato interesado de autonomía como historia do seu propio éxito ao tempo que favorecía o seu desleixo para conseguir o consentemento dun pobo ao que finxe parecerse.
debate crtvg 2024 xunta
Isabel Faraldo (Podemos), Ana Pontón (BNG), Alfonso Rueda (Partido Popular), José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) y Marta Lois (Sumar).

Antes de iniciarse a campaña, o CIS indicaba que había unha crenza xeneralizada en que o PP volvería a gañar (79,2%) a pesar de que unha gran maioría non quería que iso sucedera (62,2%). Trátase dun fenómeno permanente da política galega: durante as eleccións autonómicas a meirande parte da cidadanía prevé a vitoria da dereita. É algo similar a esperar a vitoria do equipo contrario antes de xogar o partido. Por que cremos saber que a dereita gañará as eleccións?

A autonomía: unha historia de éxito do PP

Podemos explicar esta certeza a través da experiencia da xente coa autonomía: os galegos e galegas de entre cero e 15 anos nunca viviron un goberno de esquerdas, e nas máis de catro décadas de autonomía as esquerdas só acadaron o goberno durante sete anos. As derrotas das esquerdas predispoñen aos progresistas cara ao derrotismo. É difícil confiar no cambio cando o máis recente, alá polo 2005, produciuse nunha situación excepcional, tras o Prestige, o Nunca Máis e a Guerra de Irak.

O dominio histórico do PPdeG inflúe nas percepcións sobre o posible. Detrás da expectativa na vitoria do PP hai unha percepción da autonomía máis como historia que como pasado e presente aberto

O dominio histórico do PPdeG inflúe nas percepcións sobre o que hoxe é ou non é posible. Detrás da expectativa na vitoria do PP hai unha percepción da autonomía máis como historia que como pasado e presente aberto a outras posibilidades. Dende o partido de Alfonso Rueda sempre insisten nesta operación ideolóxica primordial: converter a autonomía na historia do seu éxito. Así comeza a construción da súa fortaleza.

Trátase dunha historia peculiar, máis se consideramos as orixes do PP, en principio contrarios á descentralización política. Tras as derrotas de 1979, a antiga Alianza Popular optou por un proceso de galeguización, de “cambio de cara, alma e mente” en palabras do que foi o seu asesor e vicepresidente Barreiro Rivas, que definiu aquel proceso como a “metanoia política de AP”. O Partido Popular comezaba a súa historia de éxito naqueles anos, onde Fraga entendía a necesidade de apropiarse da autonomía mediante un liderado populista e a presentación dun galeguismo central e moderado, capaz de amosar admiración polas Irmandades da Fala, Murguía, Rosalía, Xelmírez e Castelao, ou de esixir a Xosé Manuel Beiras respecto polas figuras de Vicente Risco e Ramón Piñeiro.

Esta historia da autonomía como éxito do PP chega aos nosos días e xoga a favor deles en dous sentidos. Primeiro, consolida un relato do PP como partido institucional (o Partido-Xunta) que encarna como ningún a experiencia de xestión gobernamental, outorgándolle credibilidade e todas as papeletas para presentarse como o partido das “propostas realistas”. E, segundo, engrandece a traxectoria do seus líderes -Fraga, Feijóo- que, a pesar de presentarse a unhas eleccións parlamentarias, aparecen como os únicos que revalidaron a presidencia da Xunta. Un exemplo deste ton presidencialista atopámolo no lema de campaña de Fraga en 1989: “O Presidente para un gran pobo. Corenta anos de dominio institucional serviron para colocalos nos lugares máis elevados da atalaia autonómica.

A historia produce conformidade. Converte ao PP no Partido-Xunta e aos seus líderes nos rostros inexpugnables do autogoberno

A historia produce conformidade. Converte ao PP no Partido-Xunta e aos seus líderes nos rostros inexpugnables do autogoberno. Pero non se queda aí. Tamén produce un ángulo oculto nas análises referido á autonomía que puido ser: o relato vitorioso do Partido-Xunta eclipsa os demais liderados, a outros galeguistas históricos e os traballos parlamentarios doutros partidos, que resultan nun resto esquecido para a cidadanía. Lembrámonos de Fraga pero non de Camilo Nogueira, de Alfredo Brañas pero non de Aureliano Pereira. Con esta operación prodúcese unha amnesia colectiva, instrumentalizada polo Partido Popular para presentarse como a memoria dun país. Tómase a parte polo todo e pénsase a Galiza a través da mirada dos conservadores: “O PP é o partido que máis se parece a Galicia”.

O partido que máis se parece a Galicia

A certeza sobre a vitoria do PP condénsase nos dicires das xentes, como no típico “aquí gobernan os de sempre”. É un suposto saber/sentir que se actualiza en cada elección autonómica, como se se tratase dunha inmanencia histórica. Produce a sensación dunha historia que se repite xeración tras xeración.

Este sentir atinxe a todos, de esquerda a dereita. Entre os progresistas esténdese a apatía e prodúcese unha desconfianza con respecto ao propio pobo, ao que se lle supón un conformismo co existente. Mentres, entre os continuístas prodúcese unha sensación de seguridade (“Illa da estabilidade”) e unha ilusión de correspondencia co pobo. De esquerda a dereita prodúcese a ilusión dun pobo reticente ao cambio, dun dato conformista. Con este sentir as esquerdas aparecen afastadas do sentido común, mentres que o PP aparece como a encarnación da sensatez.

Dous exemplos servirán para ilustrar isto: o primeiro atópao Carlos Calvo na vitoria da AP de Fernández Albor en 1981. Segundo o analista, aquela vitoria, recoñecida como un éxito de Fraga, non foi a dun ministro franquista, senón a da imaxe do galego orgulloso de selo, do traballador stakhanovista que remata triunfando, do “Galego coma ti” co que “Galicia ¡gana!”. O segundo atopámolo na “Galicia que funciona” de Rueda e nunha das mensaxes que máis coloca nas súas intervencións: “Aquí non prometemos nada que non poidamos cumprir”. Para o PPdeG a ilusión da súa semellanza co pobo entrelázase coa defensa das políticas sensatas. Pobo e sentido común.

Os dirixentes do Partido Popluar abonan o terreo a seu favor mediante consignas que se presentan como verdades da acción política. Unha delas é a proclamación de que vence quen máis se consiga parecer ao pobo. Discurso interesado cando se presupón que ese pobo é conservador. Con esta outra operación o discurso semella representar unha realidade que o antecede, producíndose unha ilusión de semellanza co pobo. Confírmase, loxicamente, o alardeo do PP: “Somos o partido que máis se parece a Galicia”. Porén, o discurso, na medida en que se arrisca a dicir o que pasa, organiza a realidade. O PP alardéase de ser o partido que máis se parece a Galiza, non porque sexa certo, senón porque é a mensaxe que lle permite gañar.

A postpolítica

A certeza de que gañará o PP ven acompañada por unha falta de interese pola autonomía. Os síntomas obsérvanse no aumento da abstención, principalmente nas urbes, pero a cousa é moito máis profunda: relaciónase coa construción do consentimento.

Este sentimento de desleixo pola autonomía ven da man dun desprezo do PP pola actividade parlamentaria e polo bloqueo do desenvolvemento do autogoberno

Este sentimento de desleixo pola autonomía ven da man dun desprezo do PP pola actividade parlamentaria e polo bloqueo do desenvolvemento do autogoberno. Se con Fraga se sucedía unha certa ambición de desenvolver competencias autonómicas; con Feijóo, a autonomía reduciuse á mera xestión das cousas por parte dun executivo. As maiorías absolutas de Feijóo converteron ao Parlamento galego nun dos máis opacos para a opinión pública (apenas hai seguimento mediático) e nun dos máis restritivos para a oposición.

Se Fraga ofrecía un discurso populista, galeguista e conservador, Feijóo, previa conxunción dos elementos máis agresivos do aznarismo, optou por un discurso que facía énfase na súa eficiencia técnica

O ataque frontal á deliberación política, principio reitor das democracias, acelerouse durante os gobernos de Feijóo, protagonista dun xiro neoliberal-tecnocrático no partido. O xiro de Feijóo casa co xiro dado polas dereitas durante a crise de 2008, onde as oligarquías entenderon que a saída das crises pasaba por aumentar a represión das protestas e por diminuír o peso do estado nas economías. Este xiro foi acompañado por un discurso que reduce ás economías estatais a algo similar a unha facenda doméstica: hai que cadrar contas e “non gastar máis do que se ingresa”. Desde esta perspectiva non hai mellor figura para xestionar a casa con sensatez (“políticas con sentidiño”, “Estabilidade, sentidiño e xestión”) que o pai de familia -Fraga, Feijóo e agora Rueda-.

Se Fraga ofrecía un discurso populista, galeguista e conservador, Feijóo, previa conxunción dos elementos máis agresivos do aznarismo, optou por un discurso que facía énfase na súa eficiencia técnica. Había que falar máis de sanear as arcas que de aumentar o gasto público. O PP como partido-xestor máis que como partido do pobo. En medio dunha crise de lexitimidade, coa aparición de casos de corrupción en todo o estado, o PP despregou en Galiza unha nova operación: a de converter os asuntos políticos en tarefas das que só se poden facer cargo gabinetes técnicos, neutrais, “sen ideoloxía”.

Detrás de cada unha das fotografías das vitorias da dereita galega está a construción cultural e política dun pobo. Un pobo do que o PP se presume como semellante, pero ao que só pode parecerse se o fosiliza, negándolle as posibilidades de cambio

Desde esta perspectiva postpolítica a alternativa quedaba retratada como un caos (hoxe falan de “barullo”, “enfurruñados”, e “ameaza do multipartito”), incapaz tanto de producir acordos como de representar ao seu pobo. Acto seguido, a dereita gañaba as eleccións: 2009, 2012, 2016 e 2020. O PP apareceu como o lóxico reflexo do que os galegos queren. Son os mellores xestores, funcionais (“A Galicia que funciona”), e fan que as cousas marchen como sempre (“Galicia Rueda”). Mellor (malo) coñecido que (bo) por coñecer.

Detrás de cada unha das fotografías das vitorias da dereita galega está a construción cultural e política dun pobo. Un pobo do que o PP se presume como semellante, pero ao que só pode parecerse se o fosiliza, negándolle as posibilidades de cambio. O éxito do PP comeza antes de cada comicio autonómico. Comeza na forma en que definen o terreo de xogo da política galega. As vistas desde a atalaia adoitan ser boas para a dereita.

O terreo de xogo: “Galiza é de dereitas”

Antes de gañar hai que construír certezas sobre o que está por vir. Para ese exercicio é necesario definir o terreo no que se queren dar as batallas. Ser capaces de construír un chan de sentidos compartidos para o conxunto dos galegos e das galegas. Para gañar era necesario producir unha idea de pobo favorable. Producir verdades desde a atalaia. O tópico estelar nos discursos do PPdeG é o dun pobo galego conservador e conformista.

Segundo estes relatos parecería que Galiza ten un carácter outorgado pola propia natureza. Gramsci, o comunista sardo, criticaba o concepto de natureza humana, o cal estaría cheo de residuos “teolóxicos e metafísicos” e resultaría equívoco en tanto que é “unha abstracción na que pode conterse todo o humano”. Ningunha persoa é unha unidade perfectamente coherente. Ninguén é naturalmente de esquerdas ou de dereitas. Tampouco os pobos. Galiza non se define por algún tipo de esencia, senón polas súas relacións sociais cambiantes, compostas por xentes que mandan e obedecen.

O pobo non é unha fotografía. Nel non nos atopamos con elementos en repouso, perfectamente ordenados e visibles. O pobo é un conxunto que sempre está dividido e en movemento. Como lembra Gramsci, no pobo conviven “principios de ciencia avanzada, prexuízos de todas as fases pasadas da historia, intuicións dunha filosofía futura”. Todas esas percepcións loitan dentro das galegas, mesturadas de forma contraditoria en cada unha de nós. Son os partidos os que procuran artellalas politicamente.

O PP aposta por pensar a identidade dos galegos como algo que xa está dado, segundo o cal a política quedaría reducida a un mero exercicio de representación. Porén, é evidente que os argumentos da campaña do PP non están a ser tan efectivos como noutras ocasións. Está perdendo o PP a batalla cultural? 

O 18 de febreiro

Na actual campaña estanse removendo as crenzas sobre a política autonómica e o electorado confía máis nas posibilidades de cambio. Atopamos os méritos nas campañas do bloque progresista, especialmente no BNG, que está acumulando cada vez máis apoios nas enquisas: Ana Pontón non só é a candidata mellor valorada (5,74), senón que tamén é considerada como a que máis se preocupa polos problemas dos galegos (36,8%).

Detrás desta ocasión para as esquerdas atópase a situación estatal do PP, que empurrada por VOX reordenouse como unha forza reactiva. O PPdeG acumula no seu interior unha contradición entre o momento da política estatal e a súa tradición autonómica. Por un lado mobiliza aos seus votantes, para os que é importante simpatizar cos líderes e o partido, partir dunha identidade galega e valorar positivamente a Xunta. Mentres, por outro lado, trata de desmobilizar o voto progresista a través dos argumentos da política estatal, baseados no resentimento contra os independentistas e o goberno de coalición. Esta mestura de discursos no seo do PPdeG parece prexudicalo.

O analista Manuel Barreiro comenta que “os analistas militares subliñan que é máis doado defender unha posición que asaltala”. Agás na campaña contra o bipartito en 2009, ao modo dunha ofensiva ayusista, dende o Partido Popular abordan cada campaña autonómica desde un espírito de Atalaia. Nestas eleccións esgotaron a súa capacidade de producir verdades, de albiscar aos adversarios e de defender nas mellores condicións a súa posición como o partido da Xunta. O peso adquirido no seu discurso polos elementos reactivos, propios da extrema dereita, están a xogar en contra do seu interese máis fundamental: definir a discusión en torno ao eixo moderados-radicais. Este é o eixo no que o PPdeG ten construído a súa fortaleza, o terreo que permite aos seus lideres ocupar a atalaia da política autonómica.

O PPdeG leva máis de corenta anos creando a ilusión de que Galiza é moderada, o que choca coa postura reaccionaria do partido no estado

Galiza é unha excepción no referido á contención da extrema dereita. Hai algo que non cala do seu discurso. Lembremos que as forzas reaccionarias aliadas do PP tratan de configurar as nosas identidades (española, galega) a partir da crenza nunha falta que podería ser restituída, dunha identidade perdida a recuperar. Tratan de alimentar a nostalxia polo pasado: os homes estábamos mellor antes do feminismo, e España estaba mellor antes do goberno de esquerdas e o independentismo. Trátanse de forzas políticas inmunitarias, repregadas en si, que sitúan a un outro que ameaza a identidade e dignidade dun pobo.

O PPdeG leva máis de corenta anos creando a ilusión de que Galiza é moderada, o que choca coa postura reaccionaria do partido no estado. O pobo ao que sempre quixeron parecerse é un pobo tranquilo e moderado, unha esencia que non se axusta de ningún modo ao resentimento contra un inimigo ou ás ganas de extirpar a ninguén. Comentaba Gramsci que non era o pensamento en si mesmo, senón o “que realmente se pensa o que une ou diferencia aos homes”. O que realmente pensamos sobre o que nos une ou o nos diferencia está movéndose nestas eleccións, e pode que o vindeiro 18F o PP perda a súa maioría absoluta. As vistas desde a atalaia xa non son tan boas para o PPdeG.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Ecuador
El Salto Twitch Ecuador: cuando el Estado asesina
Cuatro menores afrodescendientes de Guayaquil fueros asesinados en diciembre pasado por militares. El cruel hecho, ya que fueron encontrados incinerados y con signos de tortura, desató la indignación nacional e internacional.
Andalucía
Andalucía María Jesús Montero, dispuesta a protagonizar el proyecto de reforzar el PSOE para las elecciones andaluzas
La ministra de Hacienda y vicepresidenta primera ha anunciado que se presentará a las primarias del PSOE-A para sacar a la formación regional de la crisis en la que se encuentra de cara a las elecciones en la comunidad en 2026
Opinión
Ascenso de la derecha Donald Trump, Javier Milei, Giorgia Meloni… en el Jardín del Profeta
Una amiga norteamericana me envía unas palabras muy sentidas sobre la última elección a la Casa Blanca en los Estados Unidos. Acompañan sus líneas un poema de Khalil Gibran, sacado de su obra “El jardín del profeta”, publicada en 1933, como continuac
Tribuna
Tribuna Ladróns de luva branca no Parlamento
As traballadoras e traballadores da CRTVG pagaremos os efectos dunha lei antidemocrática que nos retira algunhas das poucas ferramentas que tiñamos para defendérmonos e esixir respecto pola misión de servizo público que a corporación ten encomendada.
Culturas
Cultura ‘O minuto heroico’ racha co silencio sobre o Opus: “É un documental sobre a vulneración sistemática de dereitos”
Dirixido pola prestixiosa xornalista Mònica Terribas, o documental destaca os testemuños de 13 mulleres que relatan os malos tratos e coaccións sufridos no seo da organización. Falamos con Terribas e Marina Pereda, antiga membro do Obra.
Historia
Descifrando a historia As 4.000 cigarreiras da Coruña: a primeira folga de mulleres na historia de Galiza
O 7 de decembro de 1857, as mulleres da Real Fábrica de Tabacos iniciaron unha revolta polos seus dereitos que fixo historia no imaxinario do sindicalismo galego.
Feminismos
Feminismos As mulleres galegas ocupan o segundo posto de menor retribución por hora de todo o Estado español
A súa precariedade maniféstase na contratación temporal, oportunidades limitadas de promoción e acceso limitado a postos de dirección. A desigualdade estrutural afecta especialmente ás traballadoras do sector primario, onde permanecen invisibles.

Últimas

Badajoz
Derechos laborales Denuncian la privatización y precariedad en la muerte en el piso tutelado en Badajoz
Los sindicatos y consejos profesionales señalan que las subcontrataciones limitan los recursos humanos y materiales, poniendo en riesgo a menores y profesionales.
Pueblo kurdo
Siria Las milicias kurdas firman un acuerdo ambiguo con Damasco en un Estado sirio aún sin definir
Las Fuerzas Democráticas Sirias (SDF), lideradas por los kurdos, y el Gobierno de Al Jolani han firmado un acuerdo que promete estabilidad, pero que deja más preguntas que respuestas.
Toledo
Medio ambiente El vecindario de Seseña lucha contra una planta de asfalto que se instalará a 650 metros de sus casas
Tan solo falta un informe de la Junta de Comunidad de Castilla-La Mancha para que se comience a levantar una planta de asfalto cerca de las viviendas de este pueblo de Toledo.
Huelva
Medio ambiente Un fondo de inversión amenaza Doñana con la construcción de un proyecto gasístico
Los ecologistas alertan sobre los peligros ambientales de la petición del nuevo sondeo asociado al almacenamiento de gas natural Marismas, promovido por Trinity Energy Storage, en el que participa el fondo de inversión Teset Capital
Comunidad de Madrid
Privatización de los servicios sociales Ayuso propone 40 residencias privatizadas en una comunidad donde solo el 5% son públicas
El gobierno de la Comunidad de Madrid planea la construcción de 40 residencias cuya gestión estará en manos de empresas privadas. Partidos políticos, sindicatos, ONG y colectivos sociales se unen para oponerse a este nuevo “plan privatizador”.
Más noticias
Ecuador
Ecuador Los derechos de la naturaleza en Ecuador, una “luz de esperanza” en la lucha por el medio ambiente
El derecho de la naturaleza, una figura jurídica introducida en la Constitución de Ecuador, está sirviendo para frenar proyectos que atentan contra los ecosistemas. Así ocurrió en el Bosque Los Cedros, en el norte de este país sudamericano.

Recomendadas

Culturas
Cultura ‘O minuto heroico’ racha co silencio sobre o Opus: “É un documental sobre a vulneración sistemática de dereitos”
Dirixido pola prestixiosa xornalista Mònica Terribas, o documental destaca os testemuños de 13 mulleres que relatan os malos tratos e coaccións sufridos no seo da organización. Falamos con Terribas e Marina Pereda, antiga membro do Obra.
Sergas
Sanidade O Sergas dificulta o acceso a máis de 8.500 contratos que suman 57 millóns de gastos
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue indexa miles de pagos sen concepto e imposibilita a súa auditoría. A Xunta de Alfonso Rueda sostén que a opacidade débese a “un erro de codificación”. Porén, esta práctica repítese desde 2018.
Migración
Migraciones Bruselas anuncia un nuevo proyecto de ley para acelerar las deportaciones de personas migrantes
La Comisión Europea ha presentado este martes un nuevo proyecto de ley que tiene como objetivo intensificar y acelerar las deportaciones de personas indocumentadas a sus países de origen o países de tránsito.