Opinión
Que maior patriotismo que xestionar o territorio para un futuro que non arda?

Abordar a problemática territorial e pór en marcha as ideas propostas pola academia e polas persoa do agro posúe a capacidade de converterse nun efecto dominó que repercuta na mellora de dereitos básicos como o acceso a unha boa alimentación, á vivenda ou aos servizos de saúde.
Incendios Greenpeace aereas - 12
Greenpeace Pedro Armestre 30 Agosto 2025. Incendio de Chandrexa de Queixa.
Enxeñería Sen Fronteiras Galicia.
24 dic 2025 05:30

“Existe un complexo de inferioridade, unha visión estereotipada do rural que continúa moi presente e dificulta o movemento de persoas cara el”, sostén Mar Pérez Fra, economista especializada no ámbito da política agraria e profesora na USC, antes de explicar que, segundo a enquisa estrutural a fogares realizada polo Instituto Galego de Estadística no 2019, hai moita xente vivindo en zonas urbanas cun baixo nivel de satisfacción debido a que posúen condicións peores que nas zonas rurais: “E aínda así permanece a idea de que no rural quédase o que non pode fuxir”.

A esta economista o discurso do retorno ao rural non lle agrada: “Poñer o foco na poboación do rural que continúa a marchar é máis interesante”, di, “o nivel de satisfacción no rural incrementa a medida que incrementa a idade”, engade. A súa principal preocupación recae na xente nova nada no rural e que o abandonan: “As oportunidades de ocio que hai, a xente nova percíbeas como menos atractivas, ao rematar os estudios obrigatorios marchan á universidade e logo de rematala non volven”.

Tanto polo observado en persoa como polos datos que nos proporciona a enquisa debúxase unha imaxe na que a poboación nova é a que menos satisfacción de calidade de vida ten. “A imaxe do rural non mola”, incide, “logo tes o caso da xente estranxeira que valora o rural galego como lugar de calidade de vida e posibilidades, por algo será, podes ofrecer renda e traballo no rural pero sen unhas condicións de vida adaptadas ao século XXI non vas a reter a súa poboación”, aclara, e continúa explicando que incluso se decides asentarte “precisas transporte, médicos, colexios e vivenda en condicións de habitabilidade”.

“As persoas que van a habitar o rural teñen que ter unhas condicións de vida”, coincide Isabel Villalba Seivane, secretaria xeral de SLG, “hai poucas persoas que lle queiran dar continuidade ao negocio familiar, mais o relevo xeracional pode cambiar a un modelo novo no que veña xente de fóra de Galicia”. Villalba considera que se está a perder a oportunidade de repoboamento por non apoiar aos que desexan instalarse no territorio rural e lamenta que “non pode pasar se a vivenda é inaccesible e o coñecemento ou certificados para a produción agrícola son difíciles de conseguir”. Dende a súa posición de secretaria xeral do SLG observa con frustración a presente situación e insiste na importancia de actuar, “preguntémonos”, suxire, “necesitamos esas persoas no rural?, si, para manter o rural vivo, daquela temos que crear as condicións”.

“Hai moitas persoas que non atopan forma de desprazarse a unha zona rural para comezar un proxecto agrario porque atopan dificultades para acceder á vivenda e á formación requirida”, cóntanos a secretaria xeral do SLG, quen coñece varios casos de de persoas de cidade interesadas neste cambio de vida: “A xente accedía de forma tradicional ao coñecemento a través da práctica e da familia pero ao poñerte a cultivar para producir precisas unha certificación que só podes facer en Guísamo”, continúa, “unha cousa é cultivar para ti e outra producir de maneira sostida e con rendemento económico”.

A recuperación da sociedade rural e do sector agrario depende dun cambio de modelo. O antigo modelo de transmisión familiar ha de converterse nun que permita a incorporación de xente nova e allea ao territorio que precisa ser repoboado, sexa xuventude ou persoas que migran doutros sectores económicos procurando renovarse.

A formación debe abarcar dende os estudos regrados, achegando o campo á educación obrigatoria, ata os estudos optativos, os cales precisan ser impulsados para que a poboación desconectada deste ámbito coñeza esta posibilidade. O grande potencial socioeconómico do desenvolvemento rural ofrece unha alternativa á precariedade urbana facendo que de ser coñecido e habilitado, o traballo de campo pode resultar atractivo. “Á xente con vocación agraria hai que facilitarlle un futuro, non só con investimentos, tamén con formación”, explica a profesora da USC: “Estamos á cola en axudas de produción ecolóxica non só en Europa, tamén en España, temos que axudar aos que queren transicionar non só en cartos e maquinaria tamén con información para aprender a aplicar prácticas ecolóxicas”, beneficiosas non só para o medio ambiente senón tamén para xerar independencia económica da industria química e de sementes. “Se teño un técnico que me apoia en optimizar a produción de pastos”, explica, “xa non me sinto tan só e o risco redúcese considerablemente”.

“A mentalidade e o relato que nos contamos é moi importante porque fomentan a conciencia ecolóxica e a responsabilidade para que a xente comece a se ocupar do territorio”, opina Lourenzo F. Prieto, catedrático de historia contemporánea da USC. Ao preguntarlle sobre os mitos do rural, o catedrático teno claro: “Que sempre fomos atrasados, que o autoconsumo é malísimo e que estamos illados”. Segundo Lourenzo o feito de que chegásemos a ser grandes produtores de víveres é indicativo de que non fomos atrasados. O autoconsumo, a miúdo ligado á unha difícil subsistencia realmente apórtalle ao pobo unha importante soberanía e independencia. Tamén considera que non se entende que esteamos illados e que ao mesmo tempo esteamos a consumir os mesmos produtos e a mesma cultura que nos EEUU: “Estes mitos non son a historia, son a memoria (interesada) que nos transmitiron”.

“Só existe Coren, leite e albariño”, onde vai o resto da agricultura?

Dende 2007 existe unha prohibición de forestación de terras agrícolas desenvolvida para reducir o risco de lumes preto de areas habitadas e limitar ao mesmo tempo a cantidade de biomasa susceptible de arder. Isabel Villalba denuncia que “as persoas que deben actuar non teñen directrices ningunha” facendo que os cambios impulsados pola lei non se leven a cabo. “O que se lles di é que se denuncien uns veciños a outros, e incluso despois, a administración non vai adiante co procedemento”, recalca.

Emilio Díaz Varela, profesor de ordenación do territorio na USC, sostén que unha das razóns máis frecuentes polas que a poboación fomenta inconscientemente o monocultivo é que “a xente non quere ver as súas terras a barbeito, queren que se cultiven”, sentimento que as grandes empresas madeireiras interesadas no eucalipto e pino aproveitan para ampliar os seus negocios.

A importancia de protexer as terras agrícolas baséase na necesidade de variedade territorial como método de prevención de incendios pero tamén de planificación para o desenvolvemento económico de Galicia. “Cando algún ministro de agricultura ven a Galicia só existe Coren, leite e o albariño, non miran nunca o resto da agricultura”, comenta Isabel, “mais temos casos como os de Antón e Amaia, enxeñeiros agrarios, que venden herbas aromáticas e gáñanse moi ben a vida con elo, ou os do Cholo, uns veciños de Lourenzá, que cultivan para Gadisa leitugas, hortalizas, flores e demais”.

Este último caso non é estraño pero é próspero xa que se trata dunha familia de tres persoas que tamén contratan a outras ao longo do ano. “Nós climaticamente podemos producir gran variedade”, incide a secretaria xeral ao mencionar o estendido sistema de monocultivo “e aínda así a maioría da poboación non ten acceso a produtos frescos e ecolóxicos; por que iso non recibe apoio público? Que tipo de froita se come? De onde ven? Como foi producida?” Isabel Villalba anima a se cuestionar o sistema actual de produción agrícola e forestal e plantexarnos que se cadra non nos está a beneficiar tanto como pensabamos.

No aproveitamento multifuncional trátase de aproveitar os servizos dos ecosistemas

“En 1980 Galicia era produtora internacional de porco, xato, ovellas e cabras que logo desapareceron coa concentración forestal”, explica Lourenzo. Esta é unha produción que se pode recuperar pois hai mercado e “temos a tecnoloxía do noso lado como os drons que poden facilitar o control das reses”. O restablecemento da gandería galega facilitaría a prevención de incendios e a consecuente extinción. “Non precisamos o monocultivo, incluído o de leite, hai que diversificar”, explica Mar, “usar a superficie e non depender de limpala eliminando biomasa ano tras ano é máis eficiente”.

profesor de ordenación do territorio na USC, Díaz Varela, explícanos que o aproveitamento multifuncional “ten que ser entendido como un sistema complexo con moitas repercusións diferentes, trátase de aproveitar os servizos dos ecosistemas, é dicir, a contribución da natureza ás persoas”. Hoxe en día a maior parte do territorio está adicada a unha única actividade económica desaproveitando todo o potencial produtivo e facendo que o risco de perdas sexa maior. “Unha paisaxe de leite mentolado é unha simplificación do territorio”, continúa, “ademais dunha continuidade do uso do solo que incentiva os incendios e dificulta a súa extinción por ausencia de poboación e propietarios implicados”. Pola contra, “a multifuncionalidade consiste na ruptura desa continuidade e non só evita incendios senón que tamén evita pragas”.

Este tipo de aproveitamento trae os seus retos xa que “sería preciso coordinar entre diferentes propietarios pois algúns poida que tivesen que cambiar os seus usos” pero con algo de enxeñería social sería posible. De feito, estanse a desenvolver moitos nichos de innovación como os living labs (laboratorios viventes) os cales teñen gran potencial mais precisan de protección pública para introducirse no mercado. “Están os casos de soutos”, exemplifica o enxeñeiro, “que funciona como refuxio para o oso pardo, xeran economía rural, conservan a xenética local do castiñeiro e supoñen un avance estratéxico na adaptabilidade do territorio ao cambio climático”.

Emilio tamén nos falou do proxecto CAPRIF-CC, Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e ao Cambio Climático. É un proxecto transformador que fomenta a xestión multifuncional e sostible do monte en áreas de alto valor natural ou queimadas de Galicia e Asturias. Acumula numerosos casos de éxito en catro provincias, dezasete municipios, e un total de 25000 hectáreas de superficie. A súa metodoloxía baséase nunha participación aberta a todos os axentes implicados proporcionándolle á poboación residente o espazo e atención que precisan para denunciar as súas necesidades e aportar ideas que as poidan solucionar. Deste xeito fúxese do habitual papel impositivo que acostuma a exercer a administración e afróntanse os verdadeiros retos que un territorio en particular sofre. O obxectivo principal é a procura de usos alternativos á produción madeireira que diversifiquen os beneficios económicos e reduzan o risco de incendios.

A planificación multifuncional do proxecto CAPRIF-CC consiste en seis eixos de actuación que acostuman a ser a consultoría no ámbito forestal orientada a facilitar a restauración ambiental ou no tema do mercado de carbono desde un punto de vista máis sostible, o cultivo de plantas aromáticas e medicinais con gran demanda nas industrias da alimentación, cosmética e da saúde, a gandería extensiva que fomenta o control da biomasa e mellora a calidade da carne, a escola rural para transmitir os oficios tradicionais do rural co que a xente interesada en fixarse no rural teñan un lugar onde aprender, produción de mel e, por último, o cultivo e a produción de transformados de árbores froiteiras.

Un banco de terras como axente dinamizador

Un dos maiores retos é o de ofrecerlle aos propietarios afastados do rural, esa gran porcentaxe que vive en zonas urbanas, unha opción sinxela coa que modificar o uso do solo que posúen. Ao estaren afincados na cidade non teñen a posibilidade de supervisar constantemente unhas terras que posiblemente estean a varias ducias de quilómetros do seu punto de residencia por iso a miúdo confían no que a industria madeireira tradicional lles ofrece. “No tema do eucalipto, os propietarios vende cada vinte anos”, explica Isabel Villalba, “se por exemplo lles das unha rendibilidade anual pode interesarlles”. Trátase de ofrecerlles unha alternativa coa que poidan exercer a súa conciencia ecolóxica. A solución máis práctica neste caso sería “un alugueiro anual e periódico co que as persoas interesadas lle poidan dar un uso rendible”, deste xeito os propietarios poden apoiar proxectos de desenvolvemento rural sustentables aínda dende a cidade.

“É preciso informar dos riscos con veracidade, conversas coas persoas, nisto falla moito a administración”, explica o profesor de ordenación do territorio na USC, quen considera que se a xente estivese mellor informada sobre as consecuencias dunha mala xestión forestal actuarían doutro xeito: “Os propietarios son os máis interesados en obter un beneficio, polo que teñen que ter un papel activo, compartir e entender cal é a problemática”.

O Bantegal é o Banco de Terras Público de Galicia e trátase dunha ferramenta burocrática que podería cambiar o xogo. Porén “non hai interese en que sexa rendible”, opina Isabel, “dinamizouse moi pouco tanto para meter as terras no banco como para pedir o seu uso tendo que esperar ata tres anos”. Ao tempo de espera engádeselle que durante este período de barbeito obrigado as terras non son coidadas xa que permanecen nun limbo. A reducida confianza que ofrece o Bantega fai que os propietarios “prefiran alugarllo a alguén coñecido, mais hai pouca demanda”. Esta escasa demanda ten menos que ver cunha falta de interese que cunha falta de apoio administrativo neste tipo de proxectos e cunha dificultade de asentamento no rural debido aos altos prezos da vivenda.

Protexer a economía local para previr incendios

A recuperación da terra agraria é unha ferramenta económica esencial para acometer este cambio tan desexable. “A creación de polígonos agroforestais é unha alternativa a esa visión de túnel que temos posta sobre a industria ou o sector servizos como impulsores do progreso”, sostén Mar Pérez Fra, ao tempo que insiste en que “a transición económica do rural depende de condicións físicas e da percepción social do mesmo”. Por outra banda “precisamos incorporar no currículum educativo cuestións que teñan que ver co rural”, continúa, “e deixar atrás a negación das partes positivas da nosa historia e as nosas organizacións comunitarias”. Se desexamos un progreso sustentable é importante centrarse na creación de comunidade polo que o “cooperativismo e asociacionismo son elementais nun territorio fragmentado como o galego”.

Deste xeito, é imperativo que se protexan e fomenten proxectos como o de CAPRIF-CC xa que non só converten os montes en áreas máis resilientes aos incendios senón que tamén conseguen que estas zonas se reactiven economicamente xerando emprego co que fixar a poboación.

Mais non podemos negar que emprender non é tarefa fácil para o cidadán medio sen un gran capital ás costas. “Unha empresa pequena de horta ecolóxica teno moi complicado para manterse”, cóntanos Sandra Otero, enxeñeira forestal na empresa privada, quen tamén se queixa da competitividade con produtos que veñen doutros lados, os cales non pasan os mesmos controis de calidade nin se axustan aos requisitos de seguridade alimentaria necesarios. “Existen aldeas modelo que son unha especie de escaparate a como pode ser vivir do sector primario, son cousas que se poderían fomentar, pero agora mesmo un pequeno produtor ten a mesma carga impositiva que un gran produtor, iso non é xusto”.

A suxerencia é sinxela, unha retribución adecuada a persoas labregas e gandeiras que cumpran unha función ambiental e asuman custes económicos. Se o pequeno empresariado que presenta unha disposición do seu negocio sustentable e respectuosa co medio ambiente, se atopa con beneficios fiscais ante a competitividade do corrente sistema de produción, a motivación será maior e o risco menor. “Podes producir sempre e cando poidas vender”, aclara Sandra, “podo sacar castañas, cogomelos, etc, pero o problema é comercialo despois, se apostei pola boa especie pero non teño beneficios fiscais ou facilidade para vender non me vai compensar e non o podo soster”. Un cambio de paradigma esixe un período de transición durante o cal aparecerán imprevistos. Se o beneficio deste novo paradigma nos vai a beneficiar a todas o lóxico é que a responsabilidade de levalo a cabo tamén se reparta e non recaia só sobre as cabezas duns poucos emprendedores concienciados.

No referente ao traballo forestal, Sandra Otero opina que existe un importante desenvolvemento económico estancado posto que “hai poucas empresas que traballen no monte e as que hai están a tope”, explica, “ademais ao haber tantas fincas con mal acceso precísase moita man de obra o que incrementa a carga de traballo”, é dicir, se o rural está preparado para acoller xente, o emprego xa os está esperando.

Outro impulso económico son os selos de calidade vinculados á prevención de incendios. Estes demostraron o seu éxito estimulando o comercio da produción sustentable que se leva a cabo na Serra de Gata-Hurdes en Extremadura. Dende a vaga de lume que sufriu este territorio en 2015 a administración iniciou un proxecto de planificación e dinamización coñecido como Mosaico Extremadura. Posteriormente este foi replicado en outras zonas do estado español como poden ser Canarias ou a Comunidade Valenciana. O modelo mosaico de aproveitamento multifuncional consiste en recrear a paisaxe antiga pero con solucións modernas, facendo que o ecoloxismo, lonxe de ser un problema para a economía, funcione como motor.

Algunhas ideas a modo de conclusión

Abordar a problemática territorial e pór en marcha algunha das iniciativas propostas tanto polas persoas estudosas como polas emprendedoras do sector posúe a capacidade de converterse nun efecto dominó que afecte non só a este ámbito concreto senón que repercuta na mellora de dereitos básicos tan esenciais como o acceso a unha boa alimentación, á vivenda ou aos servizos de saúde.

Expertas de todos os ámbitos conclúen que unha adecuada xestión do territorio é o piar básico para solucionar a crise climática xa que integra numerosas solucións a un tempo. As institucións e a empresa privada deberían comprender que prestarlle atención a esta problemática supón unha inversión con enormes beneficios asegurados e outros moitos potenciais. Favorecendo a economía local melloramos todas: a contorna, as persoas e, en especial, a prevención de incendios.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...