Anarcosindicalismo
O Centro de Estudos Anarcosindicais da Galiza publica a súa primeira revista
O Centro de Estudos Anarcosindicais da Galiza (CEAG), impulsado en 2023 desde o seo da CNT Galiza, tivo o seu primeiro grande escaparate público cunha tarde de debate que reuniu militantes, simpatizantes e persoas curiosas nun ambiente de conversación aberta e sen artificios. A iniciativa nace dunha reflexión incómoda que o propio centro recoñece na publicación: a tendencia a organizar eventos nos que o público acaba nunha posición similar á do consumo, recibindo charlas sen que haxa verdadeiro intercambio nin continuidade. A revista é a resposta material a ese problema, o intento de que o pensado e debatido non se evapore ao final da xornada.
Tres fíos que se cruzan
A publicación recolle o traballo de dous actos públicos celebrados ao longo de 2025, máis un apartado de textos de militantes, e o resultado é un volume que conecta deliberadamente fenómenos que adoitan tratarse por separado: a crise ecolóxica, o malestar psicolóxico e a loita sindical.
O primeiro acto, celebrado en abril na Coruña baixo o título “Economía, ecoloxía e traballo”, contou coa presenza do economista Damián Copena, do departamento de Economía Aplicada da USC, e dunha mesa na que participaron representantes da Plataforma Ulloa Viva, da CNT Huesca e de Ecoloxistas en Acción. Os textos que recollen esas intervencións na revista ofrecen un fío argumental claro: a pretendida separación entre ecoloxismo e sindicalismo non é un dato da realidade, é un produto ideolóxico. Amalia Checa, da CNT Huesca, documenta coa experiencia concreta do seu sindicato —con seccións nun macromatadoiro de porcino que sacrifica 30.000 animais ao día e en estacións de esquí do Pirineo— como a explotación laboral e a destrución ambiental son dúas caras dun mesmo proceso. Arturo Martínez, de Ecoloxistas en Acción, retoma o exemplo histórico do amianto en Alemaña para ilustrar a contradición á que se enfronta un sindicalismo que defende o emprego presente ao custo de hipotecar o futuro: os propios afectados polas enfermidades defenden as condicións materiais que fan posibles esas enfermidades.
O segundo acto, en setembro, abordou a crise do malestar contemporáneo partindo do pensamento de Mark Fisher. Nil Farré, militante da CNT Compostela e editor da revista, desenvolveu a idea central do filósofo británico: o malestar psicolóxico non é un fallo individual nin un problema de neurobioloxía, senón o resultado previsible dun sistema que privatiza o estrés ao tempo que o produce de forma industrial. O acto contou tamén coa participación do proxecto Abilis, que traballa por crear espazos de atención ao sufrimento desde lóxicas non mercantís.
O terceiro bloque da revista inclúe dous textos de militantes da CNT Coruña sobre conflitos de plena actualidade en Galiza. María Guadaño analiza os incendios forestais de sexta xeración —máis virulentos, máis extensos, incapaces de deterse ante as masas de frondosas ou ante as zonas habitadas— e propón un modelo de defensa integral adaptado ás novas realidades do medio rural, partindo do caso concreto da aldea de Tronceda en Ourense. Os datos que manexan son contundentes: entre xaneiro e outubro de 2025, os sistemas europeos de detección de incendios rexistraron máis de 200.000 hectáreas queimadas en Galiza, mentres a Consellería de Medio Rural da Xunta rebaixaba esa cifra á metade e non especificaba canto afectara a espazos protexidos. Lucía Larios, pola súa banda, disecciona o proxecto Altri como expresión contemporánea dunha lóxica extractiva que Galiza coñece ben: a posición de periferia útil, espazo sacrificable para resolver as necesidades produtivas doutros centros de poder. O seu texto argumenta que a loita ecolóxica é loita de clase, e que a CNT non pode mirar para outro lado cando o territorio que habita e traballa a clase obreira é ameazado. A promesa de emprego, escribe, funciona como chantaxe nun país deliberadamente empobrecido.
Editar en galego como posición política
Para o acto de presentación, o CEAG convidou á editorial compostelá Irmás Cartoné, que ofreceu un relatorio sobre edición independente e militancia cultural. As integrantes da editorial desmiuzaron con claridade como o capitalismo monopolista estructura e controla o mundo editorial, e o peso engadido que supón traballar en galego nun mercado dominado por grandes grupos de distribución.
Fronte á produción en masa de títulos pensados para as mesas de novidades, a editorial aposta polo libro que perdura, pola tradución traballada con tempo. Mais o que o acto puxo de manifesto é que iso non é só unha cuestión estética, é un posicionamento político consciente fronte á lóxica da produción constante que as distribuidoras impoñen; e fronte ao colonialismo cultural que afoga as linguas minorizadas. O debate aberto co público conectou esa realidade coa da propia revista: publicar en galego, sobre economía e territorio e saúde mental, impreso en Sacauntos Cooperativa Gráfica, é tamén un xesto que toma partido.
Nun tempo no que, como sinala o propio editorial da publicación, abundan os pseudodiscursos banais, inmediatos e irreflexivos, a aposta por documentar en papel o que se pensa e debate ten algo de acto de resistencia tranquilo. Non fai ruído, pero ocupa espazo. O colapso, escriben, sería asumir que non hai alternativa. A revista é, nese sentido, un argumento contra o colapso.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!