Arte urbano
Entre o graffiti e a 'street art'
A street art está collendo gran forza sobre as fachadas dos edificios das rúas de Vigo. A cidade sempre estivo chea de grafiteiras e grafiteiros mais cunha concepción do mural que se movía, e aínda se move, entre o vandálico e o artístico.

Hai quen defende que ambas as dúas concepcións do muralismo ou da pintada son o mesmo, que a street art é unha evolución do graffiti ou que son incomparables. O caso é que actualmente, na cidade de Vigo, a arte de rúa e a ampla cantidade de murais subvencionados polo Concello xeran un intenso debate entre os practicantes de ambas as especialidades.
O graffiti nace a finais dos anos sesenta coma un movemento de protesta e vandalismo social. Posúe un amplo contido cultural, tanto na súa carga política —nas orixes— coma nos procesos sociais que conduciron á creación dos colectivos e das pandillas. A día de hoxe perdeu parte dese compromiso coa protesta social e percíbese como unha práctica máis enfocada cara ao individualismo e o crecemento do ego do graffiteiro: pintan pezas nas que o elemento máis importante é o seu alcume ou sinatura nos diferentes spots das cidades para “marcar” a zona. O sector considerado como máis “conservador” sostén que o graffiti non pode ser institucionalizado, xa que ten que ser vandálico per se e non debe ser imprescindiblemente artístico. Están totalmente en contra das obras subvencionadas polo Concello e consideran que, mentres o Concello “lávase a cara” financiando murais nas fachadas dos edificios, os e as graffiteiras sofren grandes multas que consideradan excesivas por pintar na rúa.
A adrenalina como impulso para pintar
Hai diferentes estudos sociolóxicos e psicolóxicos que tentan explicar as razóns polas que a xente se reúne para pintar. Nós falamos cos alias vigueses Lupita Hard, Ofen e Royer e todos sosteñen que o impulso que os leva a pintar é a busca da adrenalina do momento. Ofen, que tamén ten pezas por Barcelona, sinala que “ese momento pintando un muro ou un tren no medio da noite, atento a que ninguén te vexa, de que non te pille a policía, deixando una ‘pegada’ túa é algo ‘especial’”.Para construír a filosofía que fundamenta o contido das diferentes pezas, existen diferentes motivacións. Lupita Hard, graffiteira comprometida co movemento feminista pinta “todo aquilo relacionado cos tabús da sexualidade feminina”, a ela resúltalle “interesante o feito de descontextualizar algo tan íntimo e facelo público na rúa”. “Coma unha cona”, exemplifica. A isto engádese que "guste ou non, vai chocar".
Royer, integrante do mesmo colectivo de graffiteiros que Lupita, sinala que o que o leva a coller os sprais é “foderlle o spot guapo ao graffiteiro de turno e que as pezas sexan vacilonas”. En canto ao seu colectivo, Lupita apunta que, cando saen a rúa, “ás veces realizamos bosquexos previos onde abundan a abstracción e as gamas de cores reducidas e, outras veces, simplemente fan o que xorde nese momento”. Ofen, máis espontáneo, asegura que a filosofía que o empuxa a pintar é “o que che pida o corpo, o que che saia, tanto un debuxo ou unha peza son algo feito por ti ao 100% e ese muro ou tren son un folio en branco”.
Desde a banda da 'street art'
Considérase en liñas xerais que a street art ten unha finalidade máis estética que o graffiti, e que usa máis técnicas que este. Nesta modalidade atopamos o mural, o esténcil ou o cartel. Para termos en conta a posición dos que participan da elaboración de murais financiados polo Concello na cidade de Vigo, falamos co artista alicantino Antonyo Marest —Antonio Martínez Estevan—. A súa é unha temática abstracta e tropical, considerado como abstracción pop con influencias desde a Art Deco ata a estética da década dos oitenta. En Vigo salienta a súa obra dos pelícanos no Castro. Ten tamén murais en Madrid, Barcelona, Marrocos ou Romanía. “Desfruto de non ter un xefe nin unhas obrigas diarias cara a alguén, senón cara a min mesmo”, subliña sobre o seu traballo e engade: “Amo o que fago”.
Unha reflexión sobre o graffiti
En canto escoitamos a opinión que ten a xente allea do graffiti sobre este, non faltan as críticas que ten a xente allea do graffiti sobre este, sempre escoitamos criticas contra o vandalismo ligado a esta forma de expresión. Moitas destas acusacións débense aos “taqueos” que algúns fan en propiedades privadas ou no mobiliario urbano. Sobre isto Royer comenta que “o graffiti sempre foi, é e será vandálico por natureza”. Iso si, matiza que “persoalmente, dentro disto, intento pintar sempre superficies que supoñan a menor faltada”. Ofen apunta unha posible solución ao problema e comenta as medidas doutros países nos que os municipios “deixan muros libres para que a xente pinte sen ningún problema”. Desde o outro lado Antonyo subliña que “lle chaman graffiti a calquera cousa”.
Posiciónase tamén na cuestión de xénero. En canto á que o graffiteiro sexa percibido sempre coma home, sostén que debería haber máis presenza feminina, mais que, ao mesmo tempo entende o posible medo entre as rapazas e argumenta: “Un dos motivos polos que se pode dar isto é polo feito de ir pintar a altas horas da noite, saír ti soa…”. Ela mesma engade que “algunha vez tiven medo, incluso cheguei a pensar: prefiro que me pille a policía pintando a que un tipo me siga, me grite cousas ou que se baixe do coche para achegarse a min”.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!