Artes escénicas
Marcelo Ndong: “Son un neno fang que se fixo galego”

Este artista de cinema e teatro, que usa Manoliño Nguema como nome artístico, saíu de Guinea Ecuatorial o ano despois da súa Independencia de España. O seu obxectivo: estudar en Ourense, na Cidade dos Muchachos.
Marcelo Ndong
Foto: Antonio Grunfeld
Tradución: Pablo Santiago
20 ene 2023 10:09

Con formación en Medicina e Enfermería, este artista multidisciplinar é considerado o pai das Artes Escénicas de Guinea Ecuatorial, onde fundou unha Escola de Circo, teatro e cinema e ensinou a xeracións de rapaces a partir da súa fala pausada.

Marcelo Ndong, Manoliño Nguema como nome artístico, saíu de Guinea Ecuatorial xusto o ano despois da súa Independencia de España para vir estudar a Ourense, á Cidade dos Muchachos. Formouse alí como artista multidisciplinar circense, para despois matricularse en Medicina, diplomarse finalmente en Enfermería e volver no ano 90 a contribuír no seu país con parte do que aprendera.

Este neno fang que se fixo galego atravesou “dúas ditaduras” grazas tamén á retranca, ese humor tan propio dunha terra que sente tamén como súa. A través do documental e da obra sobre a súa vida, Ngoan Ntangan, podemos achegarnos á súa importante figura.

En que parte de Guinea Ecuatorial naciches?
Eu son de Ebebiyin, de aí é a miña familia. Crecín na illa, porque sabes que as nosas nais cando están embarazadas van parir á vila das súas nais. Así que eu nacín en Ebebiyin, pero crieime en Malabo: en Bioko sur, en Bioko norte, en Luba…

Naciches sendo español porque entón Guinea aínda era colonia de España, ou “provincia”.
Si, si, eu nacín no 55.

Como era esa relación colonial con España?
Nós respectabamos aos colonos porque eran a forza, eran os que mandaban e medramos con esta idea. Por exemplo, se a Garda Civil española prohibía que os nenos fosen descalzos e nos collían xogando ao fútbol descalzos, castigaban aos nosos pais, e decatabámonos de que algo pasaba. E despois, segundo íamos medrando, escoitabamos dicir aos nosos pais que tiña que terminar a colonización e comezamos a ser nenos con consciencia de que os brancos non podían estar aí gobernándonos.

Como lembras o momento da Independencia? Lémbralo como ilusionante para o país e para a xente?
Claro, claro, porque eu xa tiña uso de razón. Ademais, na miña casa tanto o meu pai como os meus tíos estiveran toda a vida traballando pola Independencia. Eu coñecín ao meu pai e aos meus tíos no cárcere e preguntáballe á miña nai se eran “fillos do cárcere”, é unha tradución do fang, preguntáballe se é que eles vivían aí, se ese era o seu lugar, porque os primeiros recordos que teño son ir coa miña nai para entregarlles comida ao cárcere de Black Beach.

Segundo íamos medrando, escoitabamos dicir aos nosos pais que tiña que terminar a colonización e comezamos a ser nenos con consciencia de que os brancos non podían estar aí gobernándonos.

É dicir, que a túa familia sempre estivera ligada ao tema da Independencia.
Claro, eran os activistas; escapaban, buscábanos. Como temos Camerún ao lado tiñan a facilidade de escaparse a Camerún.

E o momento da proclamación da Independencia?
Eu lémbroo como un soño, sobre todo pola miña familia. Eu vía que estaban ilusionados con aquilo e a ilusión chegaba a casa. Cando se aprobou a Independencia foi unha explosión de alegría que nunca vira antes na casa. Ademais, os meus tíos tamén apoiaban a Macías e chegaron as eleccións e volveron gañar. Foi moi emocionante para min.

E como é que viñeches de bolseiro a España?
Despois da Independencia, no primeiro goberno que se formou, un dos meus tíos foi nomeado ministro de Educación e estívome buscando unha bolsa. Porque en África funciona así, se o teu tío é ministro tes moitas vantaxes para poder saír.

Iso foi meses despois da Declaración do primeiro goberno, saímos de Guinea en marzo do 69. Na obra de teatro fálase diso, de que viñamos cos españois que foran expulsados de Guinea no mesmo avión.

Ti tiñas ganas de vir?
Claro, a ilusión de calquera neno era ir estudar á Península, como a chamabamos desde alá. Calquera neno da miña xeración soñaba con vir estudar a España porque os que foran antes e despois volvían a Guinea eran os que mellor vivían. Tiñan traballo, eran médicos, avogados, señores do futuro do país.

E chegas á Cidade dos Muchachos, xa sabías que ías cara alá cando saíches?
Si, si, o que pasa é que coñeciamos xente que fora a estudar a Madrid, Barcelona ou Valencia, pero non tiñamos referentes de ninguén que estudara en Galicia, non sabiamos onde iamos. Tiñamos a idea de que iamos atopar o mesmo que nos colexios maiores das outras cidades, que nos contaban marabillas.

Cantos fostes e que che atopas cando chegas?
Eramos un grupo de 12 e decepcionounos totalmente, porque nós buscabamos a España dos rañaceos e dos edificios enormes, a España que coñeciamos, a que viamos nas películas, pero Galicia non saía en ningunha película. Era sacarnos dunha selva para meternos noutra. Para árbores e choivas abondábanos co que sabiamos, así que non queriamos estar alí. O que pasa é que co tempo e toda a actividade da Cidade dos Muchachos empezamos a ver que todo aquilo era outro mundo que nin sequera nos imaxinamos.

Nós buscabamos a España dos rañaceos e dos edificios enormes, a España que coñeciamos, a que viamos nas películas, pero Galicia non saía en ningunha película. Era sacarnos dunha selva para meternos noutra.

Co tempo, que acabou sendo Galicia para ti?
Galicia, despois, foi a miña casa. O que pasa é que a Cidade dos Muchachos era un mundo dentro doutro mundo; tiñamos talleres de Circo que non había noutros lugares de España, tiñamos talleres de mozos nos que nós mesmos levabamos as actividades, tiñamos a nosa asemblea, o noso goberno, as nosas eleccións. Nese sentido lembrábanos a unha tribo: xente disposta a traballar para algo e iso foinos reconfortando porque o Circo é iso, solidariedade. E eu sigo pensando á miña idade que África é un exemplo de solidariedade, porque todas as nosas culturas son solidarias, e iso agora doume conta que nos axudou a manternos aí.

Que queres dicir con iso de que o Circo é solidariedade?
Pois que o Circo é unha estrutura solidaria moi importante. Non se pode facer só, hai un que colle, outro que agarra, outro que sobe, outro que está atento se caes. E para a educación creo que influíu tamén na miña vida. No Circo non hai competencia, se ti queres andar por un fío tes que dedicarlle tempo e ninguén che vai a vir axudar nin vas compararte con ninguén, e sabes que para andar un pouco vas ter que caer moitas veces.

Cando chegamos alí, aquilo parecíanos bruxería, que un neno camiñara sobre unha corda e dese uns chimpos incribles era o que máis espectacular me parecía. Empezamos a aprendelo e, primeiro, concentración. Tes que ter a mente concentrada se queres camiñar sobre unha corda, non podes ter a mente noutra historia. Despois, o feito de saber que vas caer moitas veces, que non vai ser fácil, que tes que aprender a caer e erguerte, subir, caer...

E logo o trapecio. Aí tes que estar moi atento ao outro porque a súa vida ou que se faga moito dano depende de ti e da túa responsabilidade. Ou se tes unha columna de tres e ti estás abaixo, tes que te manter forte porque sabes que, se afrouxas, o de arriba cae e pode facerse mal. Ponse xente tamén nos lugares que son perigosos por se se solta un, ou se cae, que se lle poida coller.

Que coñecementos adquiriches na Cidade dos Muchachos?
De todo, de todo. É a maior escola que eu tiven porque era multi-todo. Desde facer pan, facer zapatos, cerámica, o Circo, a guitarra, a música, a danza, todo. Ademais, saiamos de xira, por exemplo, a Xapón para seis meses e catro poñíanse enfermos á metade e había que substituílos. Así que ao final, cando volvías da xira, sabías facer de todo.

Cal das artes do Circo é a túa preferida?
Os malabares e o funambulismo, o equilibrio sobre corda. Parecíame espectacular que alguén puidese tirar 5 pelotas arriba, collelas e manexalas, parecíame incrible. Ademais, eu non viñera exclusivamente a facer Circo, eu quería estudar Medicina. Eu nunca soñei con ser un artista de Circo.

Pero acabaches sendo un gran artista...
Si, foi a única profesión na que progresei claramente, pero, no fondo, tiña claro que cando acabase o Circo tiña que ir á universidade.

E terminaches indo á universidade?
Si, matriculeime en Medicina. Aínda que faciamos xiras e iso obrigábanos a seguir o bacharelato a distancia. Examinabámonos nas embaixadas dos países nos que estabamos. O único que non puidemos facer a distancia era o COU. Fíxeno, aprobeino e despois pasei outro ano antes de entrar na universidade.

Matriculeime en Medicina no 76, fixen tres anos. No 79 foi o golpe de Obiang e pensei que quería volver. Os meus catedráticos aconselláronme facer dous anos de prácticas en enfermería para que me avalasen un pouco, que fixen no hospital de Santiago de Compostela en traumatoloxía e materno-infantil. Crin que eran as cousas que máis ían servir cando volvese a Guinea. Despois deses dous anos déronme o título de Diplomado en Enfermería.

Volviches definitivamente?
Si, volvín porque aquilo era a miña terra. Volvín no 90 e estiven ata hai uns anos, en 2018, que vin porque teño un fillo enfermo. Eu fun para vivir alí, era a miña terra.

Eu estaba disposto a poñer en práctica en Guinea todo o que aprendera en España, desde a Escola de enfermería que empecei aí, ata a agricultura, porque eu son perito agrícola, o Circo, o teatro e tamén a recuperación das tradicións de Guinea.

Cando volves a Guinea fundas unha Escola de Circo, non?
Claro, eu estaba disposto a poñer en práctica en Guinea todo o que aprendera en España, desde a Escola de enfermería que empecei aí, ata a agricultura, porque eu son perito agrícola, o Circo, o teatro e tamén a recuperación das tradicións de Guinea, por exemplo, as danzas que estaban a decaer e eu empecei a revitalizar.

De feito, hoxe en día considéraseche o pai do teatro e o Circo modernos en Guinea.
Era o que máis sabía de todas esas cousas, así que podía meterme a ensinar. Pero máis que ensinar atopei xente con moitísimo talento. Durante anos enviei mozos talentosos ao Circo dos Muchachos en Ourense cun convenio que tivemos con eles. Os nenos tiñan unhas calidades físicas incribles. En dous anos tiña xa unha escola de Circo que xa quixésemos ter en Ourense.

A cantas xeracións de nenos e nenas puideches ensinar ao longo deses 30 anos en Guinea Ecuatorial?
Eu abarcaba todo, Circo, teatro. Tiña un grupo de teatro que eran máis de 200 os integrantes e tiña que procurar facer espectáculos grandes para que todos puidesen intervir dalgunha maneira. Cando cheguei a Guinea tentei montar un Centro Cultural na miña vila; despois coñecéronme os da Cooperación Española e convidáronme a ir a Malabo con boas condicións, facíanse esculturas, pintábase. Puxémoslle a Escola de Circo de Malabo dentro do centro cultural ecuato-guineano. Eles puxeron medios para poder atender a tantos nenos. Por exemplo, tiña que darlles leite e alimentación, preocuparme de que non estivesen en baixas condicións.

Había tanto mozos como mozas?
No teatro había máis mozas.

Iso por que?
Penso que a muller en África foi sempre o xerme de todo, está máis ao tanto de todo, valoran antes que os homes as cousas que poden servir para algo. Os homes son máis leóns, fan moito ruído, pero as mulleres rexistran máis as cousas. As mellores eran as actrices, tiñan unha cousa, un saber estar africano.

Que é Galicia agora na túa nova volta?
Son eu, que me criei en Galicia. Os meus referentes culturais son galegos: Castelao, Valle-Inclán, Rosalía de Castro… Eu son realmente galego a nivel de formación.

En que se parecen e en que se diferencian Guinea e Galicia?
Para min xa non hai diferenza entre unha e outra. Cando estou en Guinea boto de menos Galicia, aquí teño compañeiros e teño fillos, e cando estou en Galicia boto de menos Guinea. No único que se diferencian é no clima. Son sociedades pechadas, é difícil que un galego abra o seu corazón, pero, cando o fai, faino para toda a vida e es parte da súa familia. Iso é moi africano tamén. Son sociedades en parte un pouco illadas.

Es galego tamén de carácter? Quedóuseche o '¿Dónde vas? ¿Manzanas traigo'?
Eu creo que si. A retranca axudoume a vivir dúas ditaduras. Tiñamos unha revista mensual no Centro Cultural e como non había moita xente que fixese artigos, fíxenme coa sección de humor e replicaba cousas de Castelao, esa retranca súa, que aplicaba á miña sociedade e encaixaba perfectamente. Parecía que vivira na miña propia sociedade e de aí vén en parte o meu nome.

Por que, entón, o nome artístico de Manoliño Nguema?
Iso foi un xogo que fixen durante varias noites para ver cal me quedaba. Manoliño Nguema é MN, que é o acrónimo do meu nome tamén. Manoliño era unha homenaxe a Galicia, a Castelao, a Manuel Fraga, que é o que se coñecía en Guinea de Galicia. Nguema é porque nós na cultura fang temos dous nomes, o da tribo do pai e o da tribo da nai e eu por parte de nai son Nguema. Así pechei o círculo, galego e de nai. Tamén nos artigos facía críticas, pero non tiñan claro de onde viñan porque non identificaban o nome.

Cando vós chegastes a xente vira antes negros en Galicia?
Non, non. Nós chegamos a moitos sitios que non. Por exemplo, en Ourense se cadra pasara un negro, pero nós eramos 12 e pequeniños. Iso non o viran nunca. A xente quería interactuar connosco, pero no fondo tamén había ese: “Oe, facedes pis?, Tamén vos poñedes morenos?, Déixasme que che tire do pelo?”. Iso non era estraño, iso tamén ocorría en Guinea; eu adoito contarllo á xente, que cos primeiros brancos que vin, alucinei. Quería tocarlles todo.

Si? Como foi cando os viches por primeira vez?
O primeiro branco que eu vin era un sacerdote, un pastor alemán. Jo, como soou iso! É que África foi dividida entre as potencias europeas e os alemáns levaron a Igrexa a Camerún e Camerún estaba preto de nós. Na miña familia fomos da igrexa protestante, a igrexa reformada, e viñan pastores de Alemaña e de EEUU a predicar, a traballar, a formar á xente e esa foi a primeira vez que eu vi un deles.

E que che pareceu cando o viches?
Incrible! Porque para nós, na cultura fang, os mortos son brancos. Sentía necesidade de tocalo para saber se era un morto ou unha persoa de verdade (Risas). Ata que empeza a xogar connosco, e daste conta de que é unha persoa máis, pero a primeira impresión é esta: non sabes de que vai a historia.

Que cousas se poden expresar co Circo? Hai algo que non se poida dicir nel?
Non, o Circo é o maior espectáculo do mundo. Collían pallasos, que son uns críticos sociais tremendos, trapecistas, todo tipo de actividades marabillosas. Non hai nada que non se poida expresar.

Gustaríame que me falases un pouco do teu gran discípulo, Gorsy Edú. Como é a vosa relación?
Como che dixen, eu empecei a traballar no Centro Cultural no 93 e o meu obradoiro do teatro non era só para facer un grupo senón para promover que eses obradoiros puidesen funcionar independentemente, instruílos un pouco para que puidesen facer grupos de teatro independentes. Aos dous anos eses grupos xa funcionaban e empezamos a facer o Festival Nacional de Teatro, onde participaba cada un deles coa súa temática e premiabamos aos mellores actores e actrices.

A Gorsy, en realidade, eu non lle ensinei teatro. Ensineille un pouco de técnica, pero tiña xa unha capacidade innata. Gorsy era un actor desde neno, o ano que viu a España foi porque gañara o premio ao mellor actor. Viñeron coa mellor actriz, outro de deseño e outro de pintura. Pero eu non fixen nada por el, el estivo no momento xusto na ocasión xusta. Axudeino, pero Gorsy é unha besta do teatro. Foi a Santander e demostrou o que era, sacou o seu talento. Eu mesmo téñoo visto en obras onde se me poñía a pel de galiña. É o que máis aproveitou as bolsas que lles demos para formarse, el é o único que se mantivo firme no teatro e agora está a vivir diso. Era bo en todo. Facía karate, ensinaba aos gardas e eu non quería que se metese nese ambiente. Coñecíao e coñecía o problema que podía ter en Guinea, por iso o saquei, e el aproveitouno.

E con Russo, discípulo de Gorsy? Agora na obra que representades sobre a túa vida estades unidas tres xeracións das Artes Escénicas de Guinea.
Niso si que teño que recoñecer que eu influín en Gorsy, na idea de deixar un legado. Cando viu a España e empezou a traballar co Centro Dramático Nacional, e deuse conta de moitas cousas. Buscou a maneira de formar un grupo de teatro moi interesante en Bata no que eran como 300 e onde sobresaía Russo, que facía cinema sen estudar, facía teatro sen estudar, tiña todo o que se necesita. Empezamos a tentar que viñese a España a formarse. Agora Russo ten tamén un grupo de teatro que formou el.

Na cultura fang quen educa son os avós. O meu avó, co que vivín moitas cousas, era un filósofo. Porque a educación en fang é filosofía, ensínase con exemplos. Iso quedou en min.

Pódese dicir entón, Marcelo, que sementaches unha semente que deu moitos froitos.
Iso si, iso é o que eu valoro. Eu podía vivir aquí en España, pero pensei que o que eu sabía tiña que poñelo ao servizo de Guinea, e Gorsy captou a idea e levouna máis aló. Formou a Russo e el á súa vez a outros. O bonito de todo iso é que recoñecemos a axuda que nos deron e ao final, formouse unha familia teatral. Toda esa xeración chámame “o avó do teatro”.

Un proxecto moi bonito no que se vos pode ver traballando xuntos aos tres é a obra que comentaba, Ngoan Ntangan, que fala sobre a túa vida.
Esa obra nace porque viñeron uns mozos de Galicia a axudar na fotografía dunha curta de ACIGE (Asociación de Cinematográfica de Guinea Ecuatorial). Os meus alumnos pedíranme que fixera un papel e os mozos de Galicia, ao darse conta da miña vinculación con ela, ofrecéronme facer un documental sobre a miña vida. Empezamos a ficcionalo e fixemos que un amigo, Kiko Cadaval, me chamara desde Santiago e me dixera que preparara unha obra que falase da miña vida. Empezamos a traballar con Gorsy e con Russo, e o documental é o desenvolvemento da obra, e de paso vai contando a miña vida. A vida de alguén coma min.

E gústache Madrid? Porque é outra selva…
Non, eu prefiro a selva con árbores. Acostumeime xa a Galicia, ademais estou alí traballando co meu título de enfermería.

Ademais da galega, que importancia tería a cultura fang na túa vida?
O que está claro é que eu son un neno fang que se fixo galego. En casa sempre falamos fang, o meu pai non nos permitía falar outra cousa.

Na cultura fang quen educa son os avós. O meu avó, co que vivín moitas cousas, era un filósofo. Porque a educación en fang é filosofía, ensínase con exemplos. Iso quedou en min.

Son fang e volvinme a convencer das cousas boas que teñen os fang, que como cultura é enormemente solidaria. Se cadra iso é o primeiro que vemos na Cidade dos Muchachos. Tiñamos unha idea da cultura europea moi desastrosa, pero ao chegar a Ourense atopamos que había unha tribo formada. Iso supuxo na miña formación a continuación da cultura fang coa que xa viña de orixe.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Guinea Ecuatorial
Guinea Ecuatorial Las mujeres nunca son menores
Se observa que en Guinea Ecuatorial existe una tendencia preocupante: muchos hombres buscan relaciones con niñas menores de 18 años.
África
Feminismos Las estrategias feministas de las mujeres de Guinea Ecuatorial frente al patriarcado
Como ocurre en todas las sociedades, las violencias machistas atraviesan las vidas de las mujeres en la antigua colonia española, pero además, éstas se ven abandonadas por un estado que no dispone de un marco de protección a las víctimas.
Xunta de Galicia
Investigación A Xunta encargou a unha empresa vinculada ao PP e Audasa o informe sobre o rescate da AP-9 por 18.000 euros
O Goberno de Alfonso Rueda elixiu para iso a Eptisa, unha consultora que traballa para a propia concesionaria da autoestrada do Atlántico e onde o exconselleiro de Agricultura, Tomás Pérez Vidal, foi presidente para Galiza.
Marxismo
Pedro Rey “Todas as clases están suxeitas á dominación capitalista”
O investigador valora a recepción da obra de Marx en Galiza e defende que esta é o mellor compás para orientarnos nas batallas políticas deste tempo. É hora de volver ao xenio de Tréveris? Pode previrnos do desencanto?
Palestina
Genocidio Un fin de semana de movilizaciones contra la impunidad israelí tras doce meses de genocidio
Más de 50 ciudades en todo el territorio se han sumado a la convocatoria de la Red Solidaria contra la Ocupación de Palestina durante el fin de semana, mientras que el movimiento Masar Badil propone dos convocatorias el domingo y el lunes.
Opinión
Opinión Gaza, música de ascensor
O gran roubo do século, diagnostican os especialistas, é o roubo da atención. A época non permite fixar a ollada en ningures, obriga a un estado de dispersión xeneralizada que nos inmuniza ante a barbarie.
Fronteras
Fronteras La ruta de los Balcanes: vanguardia de la violencia fronteriza europea
Los acuerdos asumidos por los países balcánicos para su adhesión al espacio Schengen están convirtiendo la región en una frontera cada vez más violenta.
Ocupación israelí
Ocupación israelí Airbnb y Booking desoyen a la ONU y ofertan alojamientos en tierras palestinas robadas
Los gigantes de las reservas turísticas incluyen en sus listados centenares de alojamientos en asentamientos ilegales en territorios ocupados, donde la violencia de los colonos israelíes contra la población palestina se ha disparado.

Últimas

Formación El Salto
Formación El Salto Las Otras Economías: hay vida más allá del capitalismo (segunda edición)
Tras una primera edición, vuelve esta formación online de nuestra sección de economía El Salmón Contracorriente. Un curso coordinado por Yago Álvarez, en el que aprender y practicar economías alternativas a la dominante.
Violencia sexual
Caso Dominique Pelicot Francia, de vetar el consentimiento en Europa a anunciar que cambia su Código Penal tras el caso Pel
El Gobierno francés se muestra abierto a cambiar el Código Penal para incluir una definición de violación basada en la ausencia de consentimiento. La actual indica que debe haber “violencia, coacción, amenaza o sorpresa”.
Comunidad El Salto
Comunidad El Salto Suscríbete a El Salto y llévate ‘El Estado feroz’, el primer libro de Pablo Elorduy
El responsable de Política de El Salto firma este ensayo donde recoge la historia política de las últimas dos décadas y la “restauración del orden tras el estallido de lo inesperado”.
Industria
CAPITALISMO FOSIL Así copiaron el PP gallego y los empresarios vascos de ENCE el modelo jeltzale de Petronor
Tres grandes fortunas vascas de la lista Forbes controlan la compañía propietaria de la fábrica de papel instalada en la ría de Pontevedra gracias a que convencieron al PP gallego para que aplicara el modus operandi del Gobierno Vasco.
Más noticias
Soberanía alimentaria
Soberanía alimentaria ¿Se puede transformar el sistema alimentario de Madrid?
Nace el Consejo Alimentario Madrid Región que pretende fomentar los sistemas alimentarios sostenibles, promoverá la soberanía y justicia alimentarias y el derecho a una alimentación adecuada.
Análisis
Análisis China y el desafío de transitar hacia un modelo de crecimiento basado en el consumo
La estrategia del Gobierno chino de impulsar el crecimiento mediante un incremento de la inversión en manufactura y la contención del consumo sigue siendo problemática

Recomendadas

Laboral
Laboral Trabajar en la jubilación y currar de baja: las nuevas propuestas del Ministerio de Seguridad Social
Los nombres formales son “jubilación flexible” y “baja flexible”. El 31 de julio se aprobó un plazo de seis meses para darle un empujón a la primera; ayer se anunció la creación de un grupo de trabajo para impulsar la segunda.
Galicia
Investigación La Xunta encargó a una empresa vinculada al PP y Audasa el informe sobre el rescate de la AP-9 por 18.000 euros
El Gobierno de Alfonso Rueda eligió para ello a Eptisa, una consultora que trabaja para la propia concesionaria de la autopista del Atlántico y donde el exconselleiro de Agricultura, Tomás Pérez Vidal, fue presidente para Galicia.
Centroamérica
Centroamérica De la crisis a la migración: cómo el cambio climático afecta al Corredor Seco de Guatemala
La prolongada sequía, las lluvias erráticas y el aumento de las temperaturas ponen en riesgo la viabilidad de la agricultura, sustento principal para muchas familias.