Opinión
O cinema ultraviolento: o mellor aliado do capitalismo
Se hai algo que pode relacionar a todos os directores que fan actualmente cinema ultraviolento é o absoluto individualismo. Nun mundo capitalista en descomposición como o actual pode ser comprensible, mais que non pretendan ocultar os intereses reais aos que obedecen.

O cinema non se debe analizar como algo illado. Ao igual que tampouco é illado a roupa que vestimos polas mañás, os comportamentos que ten un home soamente por selo ou o uso das redes sociais. Todo ten un por que e deriva dunha estrutura superior. Paréceme realmente importante entender esta afirmación tendo en conta o tema a tratar: o cinema ultraviolento.
“A violencia nunca é só violencia en abstracto”. Deste xeito comeza o filósofo Slavoj Zizek a súa análise de Taxi Driver, que remata coa afirmación de que “dirixir a violencia cara un mesmo sería facelo ao que nos ata á ideoloxía, sería poder cuestionala e criticala para porlle fin”. Disto pódense sacar unha morea de conclusións.
Entendendo por tanto que a violencia nunca se pode entender como violencia por si mesma, senón que ten unhas causas e motivacións, non se pode entender o cinema ultraviolento como unha sorte de casuísticas onde o creador ten a intención de incomodar ao espectador ou expulsar algún tipo de pulsión interna. Tampouco é casual que esteamos nun punto onde cada vez este tipo de cinema estea máis normalizado e que ante calquera crítica se conteste cun dos adxectivos máis baleiros da lingua galega: provocador.
Con todo isto o que quero dicir é que a propia categorización é errónea e interesada. A violencia é o sustento do todo sistema político pero os medios de comunicación hexemónicos soamente falan de actos violentos que axudan a reforzalo. Asasinatos e violencia contra minorías e persoas de fóra do Estado que funcionan como reclamo que nos impide pensar. Algo parecido aparece con este cinema que podemos ver nos directores agrupados no Novo Extremismo Francés, Nicolas Winding Refn ou a última etapa de Lars Von Trier.
A violencia obxectiva percíbese como normal, é cotiá e está asumida dun xeito ideolóxico pola poboación como inexistente
Nestes directores, cos seus matices e diferencias, vemos como nunha estética polo xeral destacable se efectúa un discurso de impacto a través de actos explícitos e reprochables dende o punto de vista da moral cristiá sobre as que se constrúen as sociedades occidentais. O efecto que conseguen no espectador é de impacto. Unhas imaxes desagradables que se nos venden como que saen unicamente da cabeza de quen asina o filme e iso é rotundamente errado. Nin os pretendidamente subversivos nin os tolos teñen responsabilidade a nivel estrutural. A mostra máis orgánica é que unha película non se produce soa, non se distribúe soa. Hai moitos elementos por enriba do creador. Pero tampouco é culpa desas persoas, o fomento destas películas non pode ser atribuído a individuos concretos. Obedecen a lóxicas sistémicas, e polo tantos anónimas.
E por suposto podo entender que este tipo de películas teñan boa acollida. Nun mundo onde os traballadores viven con xornadas eternas por catro pesos e cunha redución do tempo libre reducido até niveis irrisorios. En tempos de traballos atomizados onde se tenta que non haxa ningún contacto colectivo. En momentos onde se fomenta un emprendemento imposible, onde se pretende que a mocidade coma de experiencia e exposición, entendoo. Non quero que estas liñas se entendan como unha crítica ao consumidor, soamente como unha análise dos por que das cousas.
Un filme non se produce só, non se distribúe só: hai moitos elementos por enriba do creador
O cinema ultraviolento cumpre, a través do exceso, a de tapar a violencia obxectiva. Por exemplo, películas que en teoría son reivindicativas, como Cafanaúm de Nadine Labaki, rematan sendo case un cartel dunha ONG. Ao final sempre é a mesma lóxica. Choromicar e ter unha rabincha por iso sería cuspir para o ceo, máis a situación é como é.
Balea Cultural
Gaspar Noé, figura controvertida do cinema
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!