Balea Cultural
Morricone: 90 anos, 500 películas (II)

A obra de Ennio Morricone é enorme. Nesta segunda parte achegámos a unha etapa de menor producción musical, ainda que tamén vai ser longa, dura e intensa. As súas creacións  van deixar ao lado ese grandísimo labor experimental que tivo nas décadas dos sesenta e setenta para, a partir dos anos oitenta, mostrar unha madurez musical moito máis clara.

Ennio Morricone II
Ennio Morricone. Foto: www.enniomorricone.org
BALEACULTURAL.NET
17 nov 2018 13:00

Non sei cantas veces choraría Ennio Morricone na súa vida, pero sabemos que foron polo menos dúas. Unha delas foi ao coñecer o Papa Francisco, en 2012, pouco antes de preparar unha misa na súa honra. Estaban el, a súa muller e o Pontífice. A parella rompeu a chorar, desolada da emoción de coñecer unha das figuras máis importantes das súas vidas.

Durante os sesenta e setenta, outro dos xéneros traballados por Ennio Morricone foi o cinema relixioso. Comentabamos na primeira parte deste repaso pola súa obra que o italiano era, e aínda é, un católico devoto, e talvez esta sexa a única das cousas nas que non cambiou durante todos estes anos. Destacan, sobre todo, traballos coma os que fixo en películas como El Greco, que mostra unha forte crítica á Igrexa nos tempos nos que existía a Inquisición.

Balea Cultural
Ennio Morricone: 90 anos, 500 películas
Hai moito Ennio Morricone que estudar. Nesta primeira parte achegámonos aos seus primeiros pasos.
Contrasta esta crítica con obras dun nivel propagandístico máis claro, como podería ser a serie Moisés, de 1974, a cal conta cunha banda sonora completa obra de Morricone na que, cun corte bastante clásico, vemos bastantes detalles que vai repetir en obras posteriores do mesmo estilo: soan órganos e coros, e a instrumentación busca atopar raios de sol entre nubes lamentosas.

Con todo, e chocando de golpe con ese cine relixioso, quen mellor entenderon as ideas de asociar música e imaxe como O Mestre quería foron os partidos de esquerda, e concretamente o Partido Comunista Italiano. Morricone, simpatizante daquela e que xa en entrevistas máis actuais viu ben aclarar que non era militante, atopou nos directores con máis sensibilidade política unha asociación única, na que moitas das súas ideas estritamente creativas tiveron unha das mellores formas de materializarse. Naceron así, entre outras, as bandas sonoras de Novecento, Queimada ou A Batalla de Alxer.

Novecento non debeu ser tarefa sinxela. En síntese, podemos resumila como unha produción ambiciosa, na que se tenta mostrar a loita de clases dunha maneira realista, levando o tema ao guión dunha maneira costumista, e ao mesmo tempo enchendo o filme de metáforas e simbolismo. O resultado final é unha película de máis de cinco horas, e dividida en dúas partes.


Para Novecento necesitábase plasmar unha carga ideolóxica verdadeiramente potente na instrumentalización, e Morricone non tivo demasiado tempo para facelo: o filme chegoulle xa rematado, e só tivo dous meses para realizar as composicións. O resultado é para a historia, como xa a estas alturas non lle debería sorprender a ninguén. A melodía de Novecento pégase nas nosas cabezas, inconfundible, con eses pequenos murmurios que crecen ata que estoupan os instrumentos e enchen de emoción as escenas da película.

Morricone só tivo dous meses para realizar as composicións para Novecento

Para as dúas obras que firma Gillo Pontecorvo á dirección foi capaz de crear melodías únicas e diferenciables, destacando sobre todo en Queimada o seu tema Aboliçao, que retrataba á perfección de maneira musical ese agresivo sentimento anti-colonialista que o director buscaba crear. A asociación Pontecorvo-Morricone funcionou, e de feito, preto de chegar aos anos oitenta e cando Morricone xa estaba dando os seus primeiros pasos importantes nas composicións a nivel internacional, volveron colaborar na crúa Operación Ogro (1979), filme que trata o atentado a Carrero Blanco por parte da ETA.

Cunha carreira xa máis que creada, e con poucos xéneros que descubrir, Morricone vai comezar unha etapa de menor produción musical, mais igualmente longa, dura e intensa. As súas creacións, con todo, van deixar ao lado ese grandísimo labor experimental que tivo nas décadas dos sesenta e setenta para, agora, mostrar unha madurez musical moito máis clara. Para moitos, é a partir de agora cando O Mestre nos vai regalar as mellores composicións da súa vida.

Chegados os finais dos setenta, Morricone comezou a ter máis e máis colaboracións fóra de Italia. No ano 1978 colaborou con Terrence Malik, e a dita colaboración sucedéronlles outros importantes directores como John Carpenter. Abriuse a porta a novas colaboracións que o fixeron pasar á historia e ser nomeado a unha gran cantidade de Óscars, e sempre con moita polémica ao redor das súas derrotas.

The Mision Ennio Morricone
Fotograma de A Misión, Roland Joffé (1986)
A outra vez que Morricone chorou foi ao ver A Misión (1986). O produtor Fernando Ghia, con quen Morricone traballara xa en obras menores como A tenda vermella (1969) ou Forza G (1972), levou ao Mestre a Londres para que asistise, xunto a Ronald Joffé, á proxección do filme. As imaxes e a historia conmoveron a Ennio, quen, sen poder mediar palabra, entre choros, non quixo aceptar o proxecto. Non por falta de interese, senón porque creu que a beleza do que acababa de ver era tal que non facía falla música.

Finalmente fixo a banda sonora, e deberiamos estar agradecidos por este feito. Non se trata dunha simple banda sonora na que madure as ideas que mostrara na súa época entre filmes relixiosos, que tamén, senón que Morricone presta verdadeira atención a todas as sensibilidades e culturas que aparecen no filme, onde se retratan os primeiros contactos entre nativos americanos e misioneiros xesuítas en Panamá, e combínaos dunha maneira brillante. Trátase dunha obra chea de emoción e beleza, que tenta plasmar a preciosa fotografía do filme.

Morricone cualificou de roubo que non levase el aquel Óscar, que acabou en mans de Herbie Hancock polos seus arranxos en Round Midnight. Pero non foi o único caso considerable como fraude, pois tres anos despois, con Cinema Paradiso baixo o brazo, non está sobre a mesa só o feito de que gañase unha banda sonora que non fora súa como a da Sireniña, senón que nin sequera fora nomeado.

A banda sonora de Cinema Paradiso recolle a maioría de influencias e xéneros que Morricone tratou na súa xuventude

Cinema Paradiso conta, sen lugar ás dúbidas, cunha das obras sonoras máis conmovedoras e mellor construídas da historia. Recolle a maioría de influencias e xéneros que Morricone tratou na súa xuventude, cada nota reproduce un sentimento único, cun ton romántico que concreta todo o que Morricone tentou construír no pasado. Os elementos máis costumistas do Mestre están plasmados en temas como Childhood and Manhood. Aqueles máis liberadores e festivos propios das súas construcións para o cine erótico vense definidos como nunca en cancións como From American Sex Appeal To The First. Tamén están agora determinados, en temas como Cinema on Fire, os coñecementos que adquiriu en filmes de suspense e terror.


As pezas repiten ritmos, mais os cambios de instrumentos representan as diferentes etapas e momentos vitais que Salvatore, protagonista do filme, vive. E todo para desembocar nesa pequena peza de menos de dous minutos que marca un dos finais máis preciosos do cine, Projection For Two

Todas as películas dos anos oitenta en adiante mostran un Ennio Morricone menos experimental, mais igual de virtuoso e certeiro, creando bandas sonoras dunha instrumentalización xa non tan simple como era ás veces anteriormente, senón auténticas orquestras preparadas para interpretar temas cuxa intención é única e exclusivamente dotar de toda a vida que sexa posible aos filmes que acompañan.

Ennio Morricone non conseguiu un deses afamados e ata perseguidos Óscars ata os 87 anos

Con todo o que acabamos de contar, resulta como mínimo sorprendente que un compositor como Ennio Morricone non conseguise un deses afamados e ata perseguidos Óscars ata os 87 anos, pola súa participación á composición no último filme que Quentin Tarantino presentou ata o momento, The Hateful Eight (2016). E foi cunha banda sonora de menos calidade que moitas das anteriores e feita para un director co que Ennio nunca tivo un respecto verdadeiramente mutuo, xa que Tarantino é máis fan de Morricone que Morricone fan de Tarantino.

Talvez foi simple ignorancia cos Óscars. Hai quen se atreveu a elucubrar que o motivo deste desplante que parecía ser eterno á obra de Ennio Morricone debíase á súa situación de simpatizante nos anos setenta co Partido Comunista Italiano. O que está claro é que eles, e moitos outros, entenderon mellor a Morricone do que Hollywood fixo xamais.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Balea Cultural
‘Star Wars’: As dúas caras da nostalxia

A historia de como Disney mercou os dereitos da saga de Star Wars sen ter antes unha idea clara de que facer con ela.

Balea Cultural
‘Casablanca’: revisitando o mito
De cando en vez non está de máis visionar de novo un dos grandes expoñentes do cinema clásico de Hollywood.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
CRTVG A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
Altri A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
El Salto n.79
Altri A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.