anxos fazáns as liñas descontinuas
Adam Prieto, actor protagonista, canda a directora de ‘As liñas descontinuas’, Anxos Fazáns. Foto: Sabela Eiriz.

Anxos Fazáns redefine a representación ‘queer’ no cinema galego con ‘As liñas descontinuas’

A directora viguesa asina a primeira longametraxe galega na que a subalternidade non é motor nin conflito, senón a normalidade sobre a que se sustenta unha historia de amor, dúbida e sobre todo mudanza entre unha muller adulta e un rapaz trans.

Cómpre sinalalo porque é unha excepción. A directora viguesa, Anxos Fazáns, vén de estrear a súa segunda longamentraxe, As liñas descontinuas, na que muda para sempre a mirada do cinema galego sobre as identidades queers e, en boa medida, tamén as femininas. A premisa é a mudanza á que, en apenas tres días, que son un anaco de tempo fermosamente dilatado nas súas vidas, Bea (Mara Sánchez), unha muller de 50 anos e Denís (Adam Prieto), un rapaz trans que non chega aos 30, terán que enfrentarse. Farano xuntas, con amor, con agarimo, pero coa ananke da despedida que acabará chegando.

“A cuestión trans e máis a cuestión da diferenza de idade ou a madurez do personaxe de Bea non son conflitos en si mesmos na película. Son cuestións importantes sobre as que se pon o foco, hai unha conciencia ao facer ese xesto de situar aí esas personaxes, pero ao mesmo tempo hai un xesto de normalización total”, explica Fazáns en conversa con O Salto nun anaco entre o mare mágnum de presentacións e entrevistas da primeira semana en salas de As liñas descontinuas.

Aínda que o xérmolo do filme, hai agora case unha década, nace dunha nota en prensa na que se contaba como un ladrón quedara durmido na casa na que entrara a roubar, a construción de dúas personaxes complexas e unha dirección de actores brillante introduce o filme por un camiño que o cinema galego —novo ou vello— non entrara: “Cando empecei a pensar na película e nas personaxes que me interesaba construír, decateime de que a mellor forma de levalo adiante desde un compromiso social era precisamente esa: tomar a decisión de que sexan protagonistas, pero protagonistas que viven unha aventura que podería vivir calquera outro personaxe. Un xesto normalizador”. 

portada as liñas
Cartaz oficial de ‘As liñas descontinuas’.

E así é. Aínda que a película non vai diso, a mirada sobre dúas identidades subalternas dunha muller que xa fixo os cincuenta e un rapaz trans moi novo subxacen no relato dentro e fóra da pantalla. Mara Sánchez contaba estes días nas primeiras presentacións con público como a industria do cinema expulsa cara ao ostracismo ás mulleres da súa idade e, na mesma liña, Adam Prieto daba a entender que apenas hai historias en positivo sobre vidas trans. Por iso o compromiso de Fazáns, apoiada no guión por Ian de la Rosa, transcende o narrativo. 

Unha das cuestións que xorden, se cadra pola ausencia de filmes que o precedan, é se o público galego estaba preparado para unha historia así: “Creo que si precisamente porque traballa nunha capa moi emocional de normalización, de naturalidade e de cotidianidade, a xente intégrase nela así. Recibo moito agarimo nas reaccións e mesmo agradecementos. Moita xente emocióname, moitas mulleres empatizan coa personaxe de Bea, máis novas e máis maiores, e agradecen que haxa un personaxe feminino desa idade con esa profundidade. Coa cuestión trans pasa algo parecido: sinto moita acollida”, celebra a cineasta viguesa.

Aínda que dende a produtora que Fazáns e Silvia Fuentes dirixen, Sétima, non recibirón oposicións frontais na procura de financiamento polo contido do filme, tampouco se lles abriu ningunha porta por abordar o discurso LGTBIQ+ dun xeito certamente novo: “Creo que aínda estamos nunha fase na que hai que loitar por construír estas historias e facer que cheguen. Penso que o público está máis preparado ca a industria”.

O peso narrativo de As liñas descontinuas recae sobre os ombreiros de Bea e Denís e o traballo minucioso da dirección actoral desborda en tódalas escenas: “A min é unha das cousas que máis me gusta: dirixir interpretacións. Xa escribín a idea pensando en que quería facer unha película onde poder coidar moito ese aspecto. Ao ser dúas personaxes nun espazo moi concreto, permitíame dedicar tempo e enerxía a profundar nelas. Non é fácil, é delicado, pero disfrútoo moito. A clave é dedicar tempo, construír confianza e unha linguaxe común. Ao final é construír unha relación”, entre unha actriz profesionale e unha home moito máis novo que xamais fixera interpretación.

Hai liñas —máis continuas que descontinuas— que unen a ópera prima de Fazáns, A estación violenta, con esta, mais o progeso profesional, apoiado no traballo de directoras como Jaione Camborda, Carla Simón, Delphine Lehericey ou Céline Sciamma, é absoluto: “Si, hai moitas conexións e tamén moitas diferenzas. É unha evolución. Repítense temas: as relacións íntimas, o encontro e a despedida, a representación do corpo, a sexualidade, o sensorial, o ritmo. Aquí profundizo máis nas interpretacións e a película é máis lixeira esteticamente; a preocupación está máis posta na emoción ca na proposta estética. Ese equilibrio é algo que quero seguir traballando”, remata a directora viguesa.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...