Cine
O Festival de Cans abre a súa XXIII edición cun programa que mira cara o despoboamento rural
O Festival de Cans arranca esta semana cun programa de máis de cen obras e trinta estreas, articuladas arredor do despoboamento do rural, o medioambiente e as narrativas LGTBIQ+, que atravesan as 35 curtametraxes a concurso e as 20 pezas da sección de videoclips. O director Alfonso Pato ten claro que Cans non busca bater récords nin competir cos circuítos industriais; quere construír un espazo “con identidade propia enraizado na comunidade local”.
Entre os grandes atractivos fóra de competición está o avance de El balance de los daños, a serie documental inédita sobre o final de Siniestro Total, coa presenza do director Mikel Clemente e de Julián Hernández. Doutra banda, as tres longametraxes de ficción proxectadas fóra de competición son 8, de Julio Medem; La buena hija, de Júlia de Paz; e As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns.
O festival arrincou onte con Julio Medem e a súa longametraxe 8. A película constrúe un retrato da Guerra Civil e das súas consecuencias a través de oito planos secuencia que percorren noventa anos de historia española, entre 1931 e 2021, seguindo en paralelo as vidas de Octavio e Adela, nados o mesmo día da proclamación da Segunda República en pobos veciños. No reparto aparecen, entre outros, Tamar Novas e Javier Rey.
O sábado 23, Medem protagonizará o coloquio no Torreiro, onde falará da evolución do cinema desde os anos 90, do polémico La pelota vasca e do momento en que rexeitou unha proposta de Spielberg.
A inauguración oficial, porén, é o xoves 21 co filme La buena hija, de Júlia de Paz, producida polo galego Sergio Grobas e triunfadora no Festival de Tallin con Mellor Película e Premio do Público. A historia narra o xiro que a influencia do pai artista provoca nas tres xeracións de mulleres dunha familia. Janet Novás, protagonista e Chimpín de Prata desta edición, estará presente no encontro posterior coa directora e Julián Villagrán.
O festival entrega cada ano dous recoñecementos: o Premio Pedigree, o máximo galardón do certame, e os Chimpíns de Prata, tres distincións que van para figuras da cultura e tamén, sempre, para un veciño ou veciña da aldea.
Este ano o Premio Pedigree vai para Jaione Camborda, a primeira realizadora española en ganar a Concha de Ouro en San Sebastián con O Corno. Rodar en galego e levar a lingua a máis de corenta festivais internacionais é un trazo constante da súa obra, que inclúe tamén Arima, premiada en Sevilla. O venres 22, unha retrospectiva das súas pezas curtas incluirá un traballo inédito que o público descubrirá en directo.
A primeira xornada do martes acolleu unha homenaxe a Celso Bugallo, falecido en decembro de 2025. Malia ser reclamado por directores como Amenábar —con quen gañou o Goya ao mellor actor de reparto por Mar adentro— ou Fernando León de Aranoa, Bugallo sempre estivo disposto a traballar en curtametraxes e arriscar con cineastas novos.
A retrospectiva homenaxe a Bugallo reuniu pezas como Curricán, de Álvaro Gago, a premiada Calquera infinito posible, de Roi Fernandes, e El bosque del consuelo, de Ethel Jagolkowski, aínda inédita en Galiza.
Os tres Chimpíns de Prata serán para Janet Novás, Paco do Buraco e Víctor Coyote. Janet Novás obtivo o Premio Goya á Mellor Actriz Revelación polo seu papel protagonista en O Corno; e foi ademais a primeira artista galega en conseguir o Premio Nacional de Danza.
Paco do Buraco —Francisco Novás, pai de Janet— é o veciño homenaxeado nesta edición pola súa labor para a preservación e reconstrución do Muíño do Froxán, así como a súa implicación en iniciativas veciñais en defensa do medio ambiente e do río de Cans.
Víctor Coyote, músico, debuxante e realizador; construíu unha carreira como ilustrador para filmes de Álex de la Iglesia ou La Cuadrilla. O sábado 23 actuará no Invernadoiro Rei Zentolo —o invernadoiro duns veciños de Cans reconvertido nun dos espazos máis singulares do festival— presentando o seu novo traballo El Propio, e proxectarase tamén unha retrospectiva de videoclips e curtametraxes nos que participou ao longo da súa vida.
Doutra banda, dentro do programa, a sección Oficios Invisíbeis achega cada día unha muller profesional emerxente do audiovisual galego para explicar un traballo esencial pero pouco visible: Bibi Martín, deseñadora de vestiario; Alba Pego, sonidista; e Laura Piñeiro, montadora.
Fóra de competición tamén se proxectará 360 curvas, de Alejandro Gándara e Ariadna Silva —Mestre Mateo ao mellor documental— que conta a historia dunha comunidade da Fonsagrada que nos anos 90 se rebelou contra o abandono institucional nunhas revoltas coñecidas como ‘As Movidas’. Ao rematar a proxección, algúns dos músicos de De Ninghures actuarán en directo nun pase especial, nun encontro entre memoria oral, territorio e música en vivo moi propio do espírito do certame.
Ademais, o Proxecto Cans 303 —coordinado por Juanma Lodo con veciñas e veciños de varias xeracións— presentará Non me movas os marcos, a súa primeira ficción, na que traballaron máis de corenta persoas da aldea; diante e detrás das cámaras.
A liña do despoboamento e da identidade territorial marca tamén a retrospectiva internacional, dedicada este ano ao cineasta portugués Paulo Carneiro, cuxo traballo xira arredor da fronteira galego-portuguesa e das comunidades rurais que resisten. Un foco que, segundo a organización, identifica especialmente os valores do festival.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!