Opinión
Música galega comprometida (II): once artistas con mensaxe para combater os tempos revoltos

A música sempre foi, como calquera forma de arte, unha vía idónea para transmitir todo tipo de ideas e mensaxes. Desde os máis banais e lixeiros ata os máis comprometidos e relevantes. Destes segundos atopamos uns cantos exemplos na música galega, especialmente na última década, cunha enorme presenza feminina entre as protagonistas. Músicas que loitan contra a desigualdade, dan voz a quen non a ten e denuncian inxustizas tanto propias como alleas.
1. Uxía Senlle, creando pontes coa lusofonía
A mosense Uxía Domínguez Senlle é unha das nosas artistas máis recoñecidas, con catro décadas de traxectoria ás costas, tanto en solitario como con Na Lúa ou o proxecto para público infantil María Fumaça. O compromiso de Uxía está presente de diferentes formas: foi portavoz da plataforma Nunca Máis tras o desastre do Prestige, creou o festival lusófono Cantos na Maré, defendeu o uso do galego de xeito público e constante, visibilizou a multitude de mulleres anónimas grazas ao programa Alalá e ás versións que fixo de cantigas tradicionais e foi peza indispensable na formación de dous grupos de música de transmisión oral que alcanzaron gran notoriedade: as cantareiras do Berbés e Malvela.
Que escoitar: Estou vivindo no ceo (1995)
2. Xabier Díaz, escudeiro da tradición
Cando o pasado verán a Real Academia Galega anunciou que as cantareiras e a poesía popular oral serían homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025, o coruñés Xabier Díaz xa levaba anos abandeirando esta débeda histórica. O cantante, gaiteiro e pandereteiro é un dos nosos grandes recolledores da tradición oral, xa que estivo tres décadas percorrendo o rural galego en busca de cantigas que, doutro xeito, ficarían esquecidas para sempre. Hai ben pouco publicou Cancioneiro galego serodio (1989-2012), un libro no que recolle máis de seiscentas coplas e resume máis de media vida de traballo co fin de dar voz a quen non adoita tela.
Que escoitar: Noró (2018)
3. Mondra, “galego e maricón” orgulloso
Martín Mondragón é unha das voces máis destacadas do neotradi, xénero que non deixou de medrar nos últimos anos. A súa música é festiva e bailable, pero non por iso carente de mensaxe. Isto vémolo moi claro en temas como ‘Marimondra’, publicado o día do Orgullo de 2024, no canta con seguridade “levo por bandeira ser galego e maricón”. Diversidade, resistencia, liberdade, disidencia e forza son algúns dos termos que mellor encaixan na obra do cantante e bailador de Teo.
Que escoitar: ARDÉN (2023)
4. Loita Amada, pelexando sen descanso
Poucas bandas galegas máis comprometidas que Nao, que se despediu dos escenarios a finais de 2019 tras un multitudinario concerto en Amio, Compostela. O cantante e guitarrista Jásper non deixou de lado ese espírito crítico na súa nova andadura, Loita Amada, un proxecto que xorde da canción protesta galega. Unha banda de rock contundente en constante evolución que mostra sen rodeos o seu sentir sobre temas sociais e políticos que afectan a Galiza, como pode ser a problemática de Altri na canción ‘O seu puñal’.
Que escoitar: Rematou o simulacro (2024)
5. Ezetaerre, MC da clase traballadora
Hai unha década que a irrupción dos coruñeses Ezetaerre foi un sopro de aire fresco na escena do hip hop galego. Rap combativo pero non falto de humor, como escoitamos en cancións como ‘Pólvora e tormenta’ (“Pero vamos a ver, ‘¿qué pone en tu DNI?’ / o único carné que gardo é o do Xabarín”) ou o seu tema máis famoso, ‘Non é verán de Estrella Damm’, onde critican a sobreturistificación de Galicia facendo unha sátira dos famosos anuncios televisivos da marca cervexeira: “Pronuncias Sangenjo con aires da Castellana? / Vas ir directiño a un gulag en Benidorm”.
Que escoitar: Pólvora e Tormenta (2018)
6. Flow de Toxo, aquí están as que ghritan
Mellor que se presenten elas mesmas: “Porque a nós non nos van a calmar, porque somos as toxos do lughar, quen veña aquí a nos provocar, pincharémolo ata reventar”, cantan no tema homónimo. Flow de Toxo propón un punto intermedio entre a diversión, o baile, a reivindicación e a protesta. Ruralismo e feminismo van da man nesta banda de hip hop con orixe na Paradanta. As integrantes do grupo teñen outros proxectos, tamén contestatarios, como Temible Olivina e As Punkiereteiras.
Que escoitar: Aquí están as que ghritan (2022)
7. Caamaño & Ameixeiras, novos aires vellos
O dúo formado por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras aposta con firmeza polas músicas de raíz (non só galegas, senón doutros lugares de Europa), defenden a cultura de carácter interxeracional e actualizan coa súa música o patrimonio inmaterial das xeracións pasadas. Melodías de fondura antropolóxica e feminista que transcenden alén das nosas fronteiras. Hai pouco colaboraron co asturiano (pero con gran vinculación a Galicia) Rodrigo Cuevas, outro artista dos que non se morden a lingua á hora de falar de temas relevantes.
Que escoitar: Quitar o aire (2023)
8. Leria, contra os ‘Manolos’
“Con este tema quixemos plantarlle cara a centos de comentarios que, por desgracia, suceden e que levamos estes anos aguantando. Non enchemos as salas por ser mulleres e lesbianas, non existimos por 'cubrir un cupo'”. Así de contundentes se mostraron á hora de presentar o seu tema ‘OQMVEG’. Enerxía, unión e forza “contra todos os Manolos que o queiran frear”, así son Leira.
Que escoitar: Marusía (2024)
9. LAW, activismo cotián
Con influencias variadas do R&B, reggae, hip hop e pop, a artista multidisciplinar viguesa critica cuestións candentes como a meritocracia, o machismo ou os discursos antiinmigración en varias das súas cancións: “Non quero ser parte da cultura do esforzo se son sempre os mesmos os que rompen o lombo”, canta en ‘Activismo cotián’. Ou, en ‘Qué sabrás de huír’, podemos escoitar “De una vida perra solo conoces el pedigrí de tu yorkshire. Temes al extraño y no ves que el daño viene de arriba de donde estás”.
Que escoitar: Lo esencial (2024)
10. Lisdexia, en ghallegho e con bo humor
A ría de Muros é un fervedoiro musical: Terbutalina, The Rapants, Deleiba… e Lisdexia, un grupo de rock do máis divertido que utiliza a sátira e a ironía para visibilizar asuntos de relevancia como, por exemplo, o idioma. O tema ‘Ay gayego’, ademais de apegadizo e simpático, verbaliza a situación de inferioridade que o galego aínda ocupa para moitas persoas respecto o castelán: “No entiendo como cantáis en gallego, no es un idioma y lo hablan los paletos” ou “Aún por encima habláis con la gheada, habláis gallego y lo habláis mal, no os entiendo nada” son dúas das liñas da canción, escrita en formato diálogo, que ten como resposta “Bótalle uns bailes e deixe de estar amarghada, pra disir tonterías é mellor estar calada”.
Que escoitar: Esclavos do baile (2025)
11. Cuarta Xusta, berrar contra as inxustizas
“Berrar con música as inxustizas que nos rodean” é o lema da banda de rock de Melide. O abuso de poder, o machismo ou a corrupción son problemáticas que atopamos reflectidas nas letras das súas cancións, como ‘Querémonos libres’ ou ‘Globalización’: “Exportan a materia e quedamos sen un can; este xogo non é noso, é o do capital. A fábrica non para,o sistema pide máis; a herdanza que nos deixan, unha ría nuclear”.
Que escoitar: Libre amencer (2023)
Culturas
Música galega comprometida: 18 artistas con mensaxe para combater os tempos revoltos
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!