Dezanove razóns de peso para ler un libro colectivo contra a gordofobia

A editora Catro Ventos vén de publicar ‘Razóns de peso’, un traballo polifónico coordinado por Leticia Citoula e Andrea Nunes que aspira a abrir espazo para os desbordamentos, os desexos e outras incomodidades gordas.
Leticia Citoula e Andrea Nunes
Leticia Citoula e Andrea Nunes, coordinadoras deste libro coral, durante a presentación da libraría Lila de Lilith, en Compostela.

“Mírasme, / porque me expando, / porque camiño segura. / Pero non é fácil / é porque me digo / ‘levanta a cabeza, anda, / que non se che noten os quilos / de miradas’”, escribe Andrea Nunes Brións nun poema que funciona como epílogo de Razóns de peso, a última aposta da editorial cooperativa Catro Ventos, un libro poliédrico que só admite a clasificación de obra colectiva. Colectiva por como está creada, a través das achegas de 21 persoas procedentes de diferentes disciplinas artísticas; e colectiva porque interpela non só a tódalas interseccións que fan parte do activismo gordo, senón a tódalas persoas que aínda non repararon en que a violencia sobre os corpos multiplícase cando a atravesan cuestión como a clase, a racialización ou a disidencia sexual.

razóns de peso
Capa do libro nos andeis da Lila de Lilith.

Andrea Nunes e Leticia Citoula coordinaron un traballo complexo na forma. Mestúranse contos, cancións, poemas, relatos de non ficción e experiencias colectivas, mais quedan ben abeiradas baixo o paraugas dunha cartografía incómoda, contracultural, porque a súa vontade de ser é transformadora. Por iso convocaron a Adriana Guede, Ailén Kendelman e Areta Bolado (da compañía de teatro Torta Torta), Alba Cobo, Andre Bosque, Andrea Nunes, Andrea Rico Adega (Mané), Angelly Ferreiro Silva, Antonella Rodríguez Acosta, Aranxa Vicens, Iván Folgueira Pérez, Leticia Citoula, Lucía Aldao, Magda Piñeyro, María von Touceda, Mercè Nebot Ventura, Vanesa de Sousa García, Vanessa Glemsel e Violeta Maroto Romero.

A obra non fala do peso que se mide nas básculas, senón do peso simbólico que cargan as persoas que habitan corpos gordos e do peso político que deciden asumir. “Este libro nace, tamén, do desbordamento e da necesidade de pór o corpo no centro da palabra”, explican as coordinadora no prólogo. Son 19 as voces, pero non só son moitas, senón que son diversas: “Mulleres, persoas trans, non binarias, bolleras e maricas que nos xuntamos para dicir que xa non temos nada que xustificar para falar de amor, de sexo, de soidade, de saúde mental e física, de desexo e de mirada”.

O primeiro libro contra a gordofobia escrito en galego

Razóns de peso non só pretende desmontar os tópicos e o estigma que pesan sobre os corpos gordos, poñendo en evidencia as agresións que sofren estas persoas. Á vez, busca fortalecer a autoestima do colectivo e fomentar os lazos comunitarios e o sentido de identidade compartida, desde unha reivindicación festiva e positiva. Ademais, ten o mérito de se converter no primeiro libro contra a gordofobia en lingua galega. 

Que estruturas de poder sosteñen a gordofobia mesmo nas institucións públicas? Como chega esa lexitimación da violencia á sanidade, ás aulas ou ás propias familias? Hai odio interiorizado, hai carraxe, mais tamén hai unha reivindicación da militancia alegre, da ledicia e do desexo como ferramentas de transformación cara dentro e cara fóra.

Sobre Catro Ventos, a editorial cooperativa atrás do libro

Catro Ventos Editora é o selo editorial de Maos Innovación Social, unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro con sede en Compostela, creada en 2014 por catro socias e socios —Xiana Iglesias, Zaira Caamaño, Óscar Senra e Nee Barros— cuxos percorridos diversos deron forma a un proxecto plural, colaborativo e de decisión compartida. Baixo esta nova etapa, a editorial abrangue tanto ensaio como creación literaria, admite orixinais en calquera normativa do galego, e amosa especial interese por propostas que cuestionen e abran novos debates: disidencias, identidades LGBTIQA+, voces emerxentes e outras que adoitan quedar á marxe dos circuítos editoriais habituais.

Entre os seus obxectivos figura tamén recuperar obras que xa non se editan e achegar ao público textos doutros territorios de fala galego-portuguesa. No relativo ao proceso editorial, Catro Ventos “concibe o seu labor como un acompañamento das autorías, coidando tanto os textos coma as persoas que os escriben; cada obra é revisada desde distintas perspectivas antes de publicarse, sempre respectando a decisión final de quen escribe”. Este novo pulo dá continuidade a un proxecto orixinado en 2016, cando naceu coa vontade de publicar en galego tanto traducións coma obra de creación propia. Tras pechar a súa actividade e liquidar o catálogo, o selo intégrase en 2026 dentro de Maos, iniciando así unha nova etapa “marcada pola ilusión e a enerxía”.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...