Dous institutos galegos denuncian a imposición da FP Básica sen recursos nin consenso

As comunidades educativas de ambos centros recibiron a noticia a poucos días do remate do curso, sen explicación dos criterios que motivaron a súa elección.
ies carral
Concentración do claustro do IES de Carral. Foto: CIG

O 10 de xuño, o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución coa oferta formativa para o curso 2026-2027. Entre as novidades figuraban dous ciclos de FP Básica que ninguén esperaba ou que, polo menos, ninguén nos centros afectados fora quen de planificar en condición algunha: Mantemento de Vehículos no IES de Carral, provincia da Coruña, e Electricidade e Electrónica no IES República Oriental do Uruguai (ROU) de Teis, en Vigo.

En ambos os casos, a sorpresa non era só a do anuncio, senón a da forma. Os equipos directivos souberon da decisión poucos días antes da publicación, sen prazo para valorala, sen resposta ás dúbidas que xa tiñan formulado. 

Cómpre sinalar que ambos os centros son pequenos e teñen en común que a súa oferta se limita ata agora á ESO —no caso do IES ROU, tamén ao Bacharelato—, sen experiencia previa en ciclos de FP.

A reacción en Carral foi inmediata. O equipo directivo presentou a dimisión en bloque o día 11 de xuño. Ese mesmo día convocouse unha concentración ante o instituto e unha folga do profesorado.

Dous centros, un mesmo patrón

Segundo o director do IES de Carral, Anxo Gómez, a consellaría deu ao centro un único día de prazo para decidir se acollía o ciclo voluntariamente. A dirección rexeitou a proposta non por oposición á FP Básica como modalidade, senón por considerar que un día era tempo insuficiente para avaliar as implicacións. Remitiu entón un escrito con varias dúbidas á espera de resposta. “Quedaron en contestalo, pero por aquí non pasou ninguén”, explica Gómez, “e despois saíu aprobado no DOG”.

O director insiste en que a protesta non cuestiona a FP Básica en si. O escrito enviado á consellaría polo equipo directivo e o claustro é claro nese punto: rexeitan a ausencia de consenso, a falta de planificación e a publicación no DOG sen que as preguntas formuladas polo centro obtivesen resposta. 

Entre as dúbidas que quedaron sen resolver figura a cuestión dos espazos. O ciclo de Mantemento de Vehículos require un taller equipado con elevadores, ferramentas e produtos específicos, un ambiente con riscos que o profesorado de taller está formado para xestionar, pero ao que o resto do claustro non está habituado. 

As materias teóricas dos ámbitos científico e lingüístico —que permiten ao alumnado de FP Básica obter o título da ESO— tamén se impartirían nesa aula taller, xa que o centro non dispón de aulas libres para facelo noutro lugar. O ciclo está previsto para 18 alumnos e precisaría dunha instalación de grandes dimensións.

No IES República Oriental do Uruguai de Teis o proceso foi similar. Cunha semana de antelación, a consellaría solicitou ao centro un informe sobre dispoñibilidade de instalacións. A resposta foi negativa, xa que o IES ROU non tiña onde situar o ciclo. A pesar diso, dous días antes de que a oferta saíse publicada, o director territorial chamou á dirección para comunicarlle a decisión.

O director, Óscar Pedrido, descoñece por que se seleccionou o seu centro e por que se escolleu precisamente a rama de Electricidade e Electrónica. “Os motivos polos que se decidiu implantar o ciclo aquí descoñecémolos totalmente”, afirma. A normativa vixente esixe que a implantación de ciclos de FP vaia precedida de estudos de oferta e demanda da zona en relación coa titulación que se pretende ofertar. Pedrido sinala que nin viron eses estudos nin participaron en ningún momento do proceso.

A solución prevista pola consellaría para a falta de espazo pasa por instalar unha aula prefabricada no exterior do edificio, o que situará o alumnado dese ciclo illado do resto do instituto. Cada vez que necesiten usar os servizos terán que percorrer unha distancia considerable; e estarán desvinculados da dinámica cotiá do centro. En canto ao profesorado e aos recursos asignados, Pedrido é directo: “Non temos ningún tipo de información concreta”. 

O Salto solicitou á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que explicase os criterios de selección dos centros, o proceso de consulta seguido, os recursos previstos, a valoración da dimisión do equipo directivo do IES de Carral e a confirmación sobre as condicións da aula prefabricada en Teis.

Na súa resposta, a administración describe a FP como “unha historia de éxito en Galicia” e afirma que “non se pode falar de falta de planificación”. En canto ás aulas prefabricadas —denominadas “aulas nómade”—, o gabinete precisa que “non son un galpón, senón un espazo moi ben dotado e valorado por docentes e estudantes”, e que xa se estrearon “con éxito” en Ames e A Laracha durante este curso. 

A pesar disto, a consellaría non informou sobre os criterios de selección, non explicou o proceso de consulta, nin detallou os recursos asignados.

Máis alá das circunstancias de cada instituto, o que revela este caso é un patrón de actuación que as comunidades educativas de Carral e Teis denuncian por igual: decisións tomadas de forma unilateral, comunicadas a última hora, publicadas no DOG sen resolver as dúbidas previas e sen dotar os centros dos medios necesarios para afrontalas en condicións dignas.

Nin en Carral nin en Teis se opuxeron á FP Básica como ferramenta educativa. O escrito do claustro de Carral é explícito ao respecto: o claustro e o Consello Escolar “están a favor dunha educación pública de calidade, e tamén dunha FP Básica digna e de calidade”. 

O que cuestionan é que esa calidade poida garantirse cando a implantación se fai sen espazos adecuados, sen información sobre o profesorado asignado, sen estudos de oferta e demanda coñecidos polos propios centros e sen o consenso mínimo entre a administración, o concello e a comunidade educativa.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...