Elecciones
Censos electorais baixo sospeita nos concellos galegos con menor poboación

A pesar das denuncias de empadroamentos presuntamente fraudulentos en Crecente e Castrelo de Miño, os órganos de control non están actuando con dilixencia para investigar estas irregularidades
Galiza votos manipulacion
Crecente e Castrelo de Miño apareceron na lista de concellos con altas significativas e non xustificadas nos seis meses anteriores ao peche do censo electoral. Byron Maher
26 may 2023 07:30

Entre o 28 de abril e o 3 de maio sorteouse a composición das mesas para a cita electoral deste 28 de maio, pero nalgúns concellos xa contaban con repetir unha ou máis veces este procedemento. É o caso de Mondariz-Balneario, que a nove días dos comicios convocou unha sesión extraordinaria do Pleno municipal para tal fin. En total foron dous sorteos, e no último nomeáronse ata once suplentes. No noso concello, que só ten unha mesa electoral, chegamos a repetir o sorteo unhas cinco ou seis veces porque non hai maneira de contactar coas persoas para notificarlles a súa designación", explica César Gil, veciño deste pequeno concello pontevedrés e líder da oposición durante os últimos catro anos, despois de que a súa candidatura en representación do BNG quedase a tres votos da alcaldía en 2019.

O de Mondariz-Balneario é un caso paradigmático de presunta manipulación de censos electorais a través da xestión municipal dos empadroamentos. Con 680 habitantes, segundo os últimos rexistros do Instituto Nacional de Estatística (INE), este concello de 2,31 km² –o máis pequeno de Galiza en superficie– só ten unha mesa electoral. En cada cita coas urnas, a poboación local queda abraiada co desfile de veciños e veciñas que non se deixan ver pola localidade e pola grande cantidade de votos por correo que se depositan pouco antes de abrir a caixa para facer o reconto. “O voto por correo representa o 10% (cando a media está no 3%), isto di moito sobre onde está a xente do censo”, lamenta Gil en entrevista con O Salto Galiza antes de que a compra de votos por correo salise á palestra.

En 2019, despois de que tres votos desen a alcaldía ao veterano candidato do PP José Antonio Lorenzo, que este ano cumpre 40 anos como rexedor e abandona a política municipal, o BNG de Mondariz-Balneario presentou unha reclamación formal ante o INE por falta de transparencia e supostas irregularidades na elaboración do censo electoral da localidade que non prosperou. A Xunta Electoral de Zona de Ponteareas desestimara a reclamación presentada na mesma xornada electoral por non ter competencias na confección do censo, pero si deixara constancia de que varias persoas correctamente empadroadas en prazo para ser incluídas no censo de electoras non puideran votar por non aparecer no mesmo. O que se denunciaba, porén, era a inclusión no censo electoral de numerosas persoas sen domicilio habitual nin ocasional, sen propiedades, sen relación familiar e sen actividade económica na localidade. “Estamos falando de 50 ou 60 persoas, que nun concello destas características supón gañar ou perder un concelleiro”, asegura o portavoz nacionalista.

A carioca que leva o rabo na boca

O INE respondeulle hai catro anos ao BNG de Mondariz-Balneario que a elaboración do censo é competencia municipal e debe ser cada concello o que se encargue de revisar e depurar este rexistro administrativo onde figuran os seus habitantes, mais “non o fixeron porque non lles convén”, sinala Gil.

A pesar destes precedentes, Mondariz-Balneario non aparece –nin aparecía en 2019– na relación de entidades locais que nos seis meses anteriores á convocatoria electoral rexistraron un incremento de residentes significativo e non xustificado, publicado pola Oficina do Censo Electoral o pasado 4 de abril. Dos 236 concellos desta listaxe soamente hai dous galegos, pero as sospeitas de manipulación de censos electorais exténdense por moitos máis desde hai anos. Este organismo dependente do INE tan só analiza de oficio as variacións trimestrais do número de altas e baixas en concellos de ata 2.000 electoras, tomando como referencia o censo pechado a 1 de xaneiro, que inclúe os movementos do mes de decembro. Cando se observan porcentaxes de incremento fóra do normal, en función de certos criterios estatísticos, envíaselle aos concellos un requerimento de información que, de non responden en prazo ou responder de maneira insatisfactoria, os sitúa nesta lista. “Unha pequena modificación en concellos con pouca poboación pode resultar moi significativa”, afirma Sergio Gómez, analista político e director da Empresa Galega de Estudos Sociais (EDESGA).

De 236 concellos só hai dous galegos con altas significativas e non xustificadas na listaxe publicada polo INE, pero as sospeitas de manipulación de censos electorais exténdense por moitos máis desde hai anos.

En Crecente, un concello pontevedrés de 57,46 km² que limita coa provincia de Ourense, o notable incremento no padrón municipal contrasta coa decadencia que se observa no territorio. Ao igual que Castrelo de Miño, na comarca ourensá do Ribeiro, aparece na mencionada lista da Oficina do Censo Electoral porque a Administración local non xustificou axeitadamente o incremento no número de residentes. Segundo conta Benigno López, concelleiro do BNG encabezando unha das dúas candidaturas que lle fan sombra ao PP de Crecente, desde 2020 téñense rexistrado unhas 270 altas no padrón municipal que poden evidenciar unha manipulación do censo electoral. “Se consideramos as circunstancias demográficas e económicas, este incremento non ten sentido nin explicación lóxica”, sinala.

Nestes dous concellos do interior de Galiza gobernados polo PP, os partidos de oposición xa alertaran a mediados de xaneiro das irregularidades que se observaban no padrón municipal. En Castrelo de Miño, de 39,74 km² e 1.315 habitantes segundo os rexistros de 2022, houbo ata 58 altas no trimestre anterior ao peche do censo electoral (31 de xaneiro de 2023), un incremento de poboación inaudito para este concello ourensán en constante declive demográfico. Tanto o BNG como o PSdeG-PSOE denunciárono na delegación provincial da Oficina do Censo Electoral, e os socialistas chegaron incluso á Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense. “Temos constancia polos veciños de que estiveron preguntando para intentar localizar a esas persoas, de que se enviaron cartas para que fosen presencialmente ao concello a firmar unha declaración responsable, pero non fomos informados ao respecto”, declara Catalina González, concelleira e candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Castrelo de Miño. “É unha indefensión total: a Fiscalía non avanza e a Xunta Electoral non resolve nada sobre eses votos”, comenta con resignación a portavoz socialista. “A estas alturas teremos que dar por bos os empadroamentos”.

“É unha indefensión total: a Fiscalía non avanza e a Xunta Electoral non resolve nada sobre eses votos”

No caso de Castrelo de Miño, boa parte deses 58 empadroamentos presuntamente fraudulentos que se están investigando fixéronse en vivendas relacionadas co actual equipo de goberno. Esteban Suárez, candidato do BNG e alcalde da localidade desde xuño de 2019 ata agosto de 2020, móstrase indignado en conversa telefónica ante as evidencias de picaresca electoralista e a pasividade dos órganos de control. Chegaron á alcaldía mediante unha moción de censura, comprando a dous concelleiros socialistas, e están dispostos a facer calquera trampa para consolidarse no poder; estes votos facilmente asegúranlles un concelleiro”, lamenta Suárez, quen en agosto de 2020 presentou na Fiscalía na Audiencia Provincial de Ourense unha denuncia de posible suborno aos tránsfugas socialistas que abandonaron o partido e apoiaron a moción de censura liderada polo actual alcalde do PP, Avelino Pazos.

A sombra do caciquismo é alongada

En Castrelo de Miño, de acordo co portavoz nacionalista, o actual alcalde xa intentara empadroar a un número considerable de persoas nunha mesma casa meses antes das eleccións de 2011 e 2015, cando era o número dous do PP local. “É unha práctica habitual do PP galego que tamén se observa noutros concellos da contorna. Naquel momento puidemos frear o empadroamento fraudulento porque estabamos gobernando nós”, comenta.

Mais nestes concellos rurais e envellecidos do interior de Galiza, onde a sombra do caciquismo aínda é alongada e a política clientelista está moi arraigada, a alternancia no poder non é tan habitual. En Crecente, por exemplo, Julio César García-Luengo sucedeu na alcaldía en 2007 o seu pai, co bastón de mando desde 1979. Malia estar un ano inhabilitado por desobediencia entre 2014 e 2015, García-Luengo retornou coa mesma forza. O PP, con máis dun 70% dos sufraxios nas citas electorais de 2015 e 2019, non ve ameazada a súa maioría absoluta, pero tamén promove empadroamentos presuntamente fraudulentos para desterrar da Corporación Municipal a concelleiros incómodos e asegurarse un poder absoluto, segundo critican desde a oposición. “Quere quitarnos do medio porque molestamos”, denuncia Benigno López.

A deste ano non foi a primeira impugnación sobre o censo que realizou o BNG de Crecente. As sospeitas de prácticas irregulares na xestión do padrón municipal veñen de lonxe.

A deste ano non foi a primeira impugnación do censo que realizou o BNG de Crecente. As sospeitas de prácticas irregulares na xestión do padrón neste concello veñen de lonxe. Nas hemerotecas da prensa local podemos ler que o portavoz nacionalista municipal protestou contra a estratexia electoralista de empadroar persoas politicamente afíns ao alcalde popular antes das municipais de 2011 cun encerro na Casa Consistorial. En 2015, na seguinte cita coas urnas, tamén denunciou que se deran de alta 53 persoas en pouco máis dun mes durante as semanas previas ao peche do censo electoral. Naquel momento, este concello perdera 272 habitantes en tres anos, pasando de 2.533 persoas en xaneiro de 2011 a soamente 2.261 o mesmo mes de 2014.

O reto demográfico e democrático

Tanto en Crecente e Castrelo de Miño como en Mondariz-Balneario e outros concellos que afrontan o reto demográfico e rexistran altas irregulares no padrón municipal, sobre todo meses antes das eleccións, os alcaldes e alcaldesas adoitan celebrar o aumento poboacional cando a oposición lles cuestiona en sesión plenaria estes anómalos incrementos no número de residentes. “Sempre xustifican o aumento dos empadroamentos co mantra de cantos máis habitantes teña o concello mellor”, comenta López.

O certo é que, para un concello, estar por abaixo do limiar dos 5.000 habitantes supón a chegada anual de menos fondos da participación municipal nos ingresos do Estado e un menor número de representantes na Corporación Municipal. Entre 2.001 e 5.000 habitantes cóntanse 11 concelleiras, pero estas descenden a sete cando a poboación baixa do millar de persoas. “É posible que tamén se promovan os empadroamentos para non ver reducida a Corporación Municipal”, apunta Sergio Gómez desde EDESGA.

Elecciones
Ourense e a gaiola conservadora
Para que haxa un cambio o 28M, PSdeG, BNG e Agora Ourense necesitan fidelizar os seus apoios das xerais e autonómicas e mobilizar os electores máis novos.

En Galiza, segundo os últimos datos que amosa o INE, os concellos de menos de 2.000 habitantes suman 119 e abundan particularmente na provincia de Ourense. En Pontevedra, ademais de Mondariz-Balneario e Crecente, atopamos Campo Lameiro, Dozón, A Lama, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, todos agás este último gobernados polo PP e baixo sospeita non demostrada de fraude a través do padrón municipal. Na Coruña, tan só 15 de 93 concellos baixan dese limiar; mentres que en Lugo son 29 de 67, e en Ourense, cunha maior fragmentación territorial, son 68 das 92 entidades locais da provincia, incluída Castrelo de Miño. Para Esteban Suárez e Catalina González, representantes da oposición neste concello, os intereses do PP provincial nesta presunta manipulación de censos que axude a asegurar alcaldías poden gardar relación coa Deputación de Ourense. “Todo suma”, comenta a candidata socialista. Os datos sustentan esta vinculación, pois no caso de Ourense 52 dos 68 concellos baixo o limiar dos 2.000 habitantes están gobernados polo PP.

En concellos con pouca poboación, “as maiorías absolutas poden decidirse por un voto”.

Especialmente en concellos con menos de 1.000 habitantes, que alén de Mondariz-Balneario en Pontevedra suman 36 entre as provincias de Lugo e Ourense, “as maiorías absolutas poden decidirse por un voto”, comenta o director de EDESGA. Advirte, porén, que “é difícil demostrar que houbo unha manipulación intencionada do censo” porque “ata certo punto é arbitrario establecer o límite entre o que é anómalo e non”. Os fundamentos das sospeitas veñen dos propios partidos de oposición en cada concello, coñecedores da realidade local e con acceso a información cando teñen representación na Corporación Municipal. “É unha cuestión de arqueoloxía electoral”, afirma Sergio Gómez.

Despois de anos e anos denunciando irregularidades manifestas na elaboración dos censos e falta de transparencia sen que os órganos de control actúen e haxa cambios, concelleiros como os nacionalistas Benigno López en Crecente e Esteban Suárez en Castrelo de Miño falan deste tema a través dun cóctel emocional de frustración e indignación. En ambos casos, a Oficina do Censo Electoral desestimou as impugnacións que presentaron en abril sobre os censos destes concellos. Tampouco se mostra optimista a socialista Catalina González desde Castrelo de Miño: “Normalizouse ata tal punto que a xente non denuncia”. Onde son algo máis positivos, dentro da resignación, é en Mondariz-Balneario. “Estamos tratando de contactar coas persoas que votan no concello pero non viven nel a través das redes sociais para facerlles chegar o noso proxecto político”, explica César Gil. Neste caso, a pesar de que o goberno municipal non facilite os datos persoais do censo, as dimensións do concello permiten emprender investigacións sociais como esta e aspirar a cambios na intención de voto, mais non deixa de ser unha acción desesperada ante a inacción das autoridades competentes.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Ecuador
El Salto Twitch Ecuador: cuando el Estado asesina
Cuatro menores afrodescendientes de Guayaquil fueros asesinados en diciembre pasado por militares. El cruel hecho, ya que fueron encontrados incinerados y con signos de tortura, desató la indignación nacional e internacional.
Andalucía
Andalucía María Jesús Montero, dispuesta a protagonizar el proyecto de reforzar el PSOE para las elecciones andaluzas
La ministra de Hacienda y vicepresidenta primera ha anunciado que se presentará a las primarias del PSOE-A para sacar a la formación regional de la crisis en la que se encuentra de cara a las elecciones en la comunidad en 2026
Opinión
Ascenso de la derecha Donald Trump, Javier Milei, Giorgia Meloni… en el Jardín del Profeta
Una amiga norteamericana me envía unas palabras muy sentidas sobre la última elección a la Casa Blanca en los Estados Unidos. Acompañan sus líneas un poema de Khalil Gibran, sacado de su obra “El jardín del profeta”, publicada en 1933, como continuac
Memoria histórica
Memoria histórica Cultura, exilio e loita das bibliotecarias galegas na Segunda República: a vida de María de los Ángeles Tobío
Durante os primeiros anos trinta, as bibliotecas tornaron en espazos de traballo ideais para un modelo de muller que aspiraba ser independente e que manifestara un claro compromiso político. A Guerra Civil remataría con todas as súas aspiracións.
Xunta de Galicia
Sanidade A Xunta de Feijóo, condenada por negar as visitas a unha muller falecida de cancro por ter covid-19
A xuíza di que a situación requiriu medidas de prevención “flexibilizadoras”. Faleceu a principios de 2022 no Hospital Álvaro Cunqueiro durante os últimos meses de administración do xefe do PP con Julio García Comesaña como conselleiro.
Gobierno de coalición
PSOE-Sumar El Gobierno toma nota de la presión social y cambia su discurso sobre vivienda
En la semana en que los sindicatos anunciaron la histórica manifestación estatal del próximo 5A, la ministra Isabel Rodríguez sube el tono.
Madrid
La burbuja del alquiler Sumar, Podemos y sindicatos de inquilinos presionan para convertir en indefinidos los contratos de alquiler
Sumar lanza una propuesta legislativa para transformar en indefinidos los contratos de alquiler, una de las principales demandas de la manifestación por la vivienda del 5 de abril. Una moción de Podemos, rechazada en el Congreso, pedía lo mismo.
Cine
Kamal Aljafari “Palestina está en la raíz de la situación actual del mundo”
Kamal Aljafari lleva toda su carrera trabajando con materiales de archivo, indagando en las imágenes e interviniendo en ellas para preservar memorias en desaparición y para oponerse al proyecto colonial sionista y su falseamiento del pasado.

Últimas

Historia
Descifrando a historia Así foi a rebelión antifiscal galega de 1790 contra a burocracia española
A monarquía española quixo implantar a Contribución Única, algo que provocou fortes protestas. A máis coñecida foi o motín da Ulloa, chamado así porque se produciu nas zonas desta comarca. Foi a maior revolta antifiscal do Antigo Réxime en Galiza.
Opinión
Derecho a la vivienda Flex Living: el caballo de Troya de la precarización del alquiler
No es una respuesta moderna a las nuevas formas de habitar la ciudad. El ‘flex living’ no es más que la última jugada del sector inmobiliario y los grandes fondos de inversión para maximizar beneficios a costa del derecho a la vivienda.
Opinión
Opinión La unidad del anarcosindicalismo es la acción conjunta
Al hilo de supuestos movimientos desde la CGT hacia la unificación con CNT es necesario diferenciar entre lo que es una relación en clara mejora y lo que sería un proyecto real en marcha.
Galicia
Memoria histórica Cultura, exilio y lucha de las bibliotecarias gallegas durante la Segunda República
Durante los primeros años treinta, las bibliotecas se convirtieron en espacios de trabajo ideales para un modelo de mujer que aspiraba ser independiente y que había manifestado un claro compromiso político. La Guerra acabó con todas sus aspiraciones.
Más noticias
Comunidad de Madrid
Sanidad Pública Sindicatos piden el cese de la dirección del Hospital 12 de Octubre tras las obras de remodelación
Los problemas con las nuevas instalaciones han cristalizado en una unión sindical que ha reclamado formalmente el fin de la cúpula de dirección tras ser “ignorados” de manera “sistemática”.
Madrid
Acusaciones de violencia sexual Monedero, bajo investigación de la Universidad Complutense por la denuncia de acoso sexual de una alumna
La confidencialidad del expediente no permite saber cuándo se presentó la denuncia ante la Unidad de Igualdad o cuánto se demorará la resolución. La Complutense afirma que la Inspección de Servicios está tramitando la acusación.

Recomendadas

Líbano
Ocupación israelí Israel incumple el acuerdo de paz y mantiene tropas en el sur de Líbano para “vigilar” a Hezbollah
El Ejército sostiene la ocupación de cinco colinas a lo largo de la frontera tras evacuar sus soldados de decenas de municipios. Miles de civiles regresan a sus casas para descubrir que lo han perdido todo.
Feminismos
Ana Bueriberi “El activismo tiene que ser colectivo: para contribuir al cambio es imprescindible despersonalizar la causa”
La periodista madrileña Ana Bueriberi reconoce que no sintió la discriminación hasta que llegó a la Universidad. Hoy, desde el proyecto Afrocolectiva reivindica una comunicación antirracista, afrofeminista y panafricanista.
Inteligencia artificial
Militarismo La máquina de los asesinatos en masa: Silicon Valley abraza la guerra
Las fantasías distópicas sobre los futuros usos de las máquinas en la guerra están más extendidas que el relato de lo que ya está pasando en los campos de batalla.