En Marea
Outra vez o desencanto?

Os resultados do 10N de Galiza parecen confirmar a tendencia á desafección do electorado galego coas forzas do antigo espazo das mareas. Diversas voces analizan para O Salto as posíbeis causas do desencanto coa política transformadora

En Marea Mitin 2016
Carmen Santos, Alberto Garzón, Yolanda Díaz, Antón Gomez-Reino, íñigo Errejón, Xulio Ferreiro, Mónica Oltra e Antón Sánchez nun mitin na Coruña en 2016. Sandra García Rey
5 feb 2020 08:00

Outubro de 2012, eleccións ao Parlamento galego, a coalición entre Xosé Manuel Beiras (Anova-Irmandade Nacionalista) e Yolanda Díaz (Esquerda Unida) irrompe con forza. A Alianza Galega de Esquerdas —onde tamén entran Equo e o Espazo Ecogaleguista— obtén nove parlamentarios, o 13,92% dos votos, e supera en escanos ao Bloque Nacionalista Galego. O terremoto 15M parece reflexarse na representación e entramos no tempo das irrupcións: Podemos nas eleicións europeas de 2014, as mareas municipais de 2015 —Compostela, Ferrol e A Coruña—, En Marea nas Xerais do mesmo ano —6 deputados e 2 senadores— e nas Autonómicas de 2016 —14 parlamentarios—. A vida nas rúas tamén collía velocidade: dúas folgas xerais no ano 2012, a ILP da PAH e os escraches, a paralización da contrarreforma de Gallardón contra a Lei de prazos do aborto, a forza das marchas da dignidade de 2014… A nova política chegaba “para ficar” e os movementos sociais parecían sostela desde abaixo.

Outubro de 2017, a desproporcionada resposta do Estado ao referendo convocado en Catalunya marca o inicio dun proceso involutivo ante o que as forzas da nova política deixan de innovar. Comeza o bloqueo. No 2019 as eleccións municipais en Galiza rematan co soño municipalista e as liortas internas de En Marea comezan a pasar factura. Nas dúas eleicións xerais de 2019, as forzas que antes compartiran candidatura, van divididas. Tamén no parlamento galego. Na confusión hai que ser un ionqui da política para entender o mapa das distintas correntes da política institucional. Fálase xa de desafección. A irrupción muda de bando.

A DESAFECCIÓN

César Caramés no ano 2012 participou no Novo Proxecto Común —xerme de Anova— e na actualidade é membro do Consello de redacción do portal independentista Galizalivre. Na súa opinión a desafección é inevitábel ao canalizarse “todo o descontento que existía na crise económica e de rexime ao plano exclusivamente institucional”. Para Caramés isto é un problema unha vez que a sociedade vai percibir como un fracaso que non exista “ningún tipo de opción transformadora por esa vía, xa que cando non se gañan as eleicións, os partidos redúcen todo á presentación de iniciativas institucionais unha tras doutra, sen que a xente note mudanzas”. Para este activista algo que tamén explica o desencanto coas opcións da “nova política” é a “existencia de grupos organizados que viven da política institucional e xestionan de xeito oligopólico as estruturas partidarias até o último momento”. Sempre segundo a súa opinión a consecuencia é que os discursos de Unidade Popular e de participación cidadá ao final acaban sostendo “a pervivencia deses minúsculos grupellos de poder, detentores exclusivos dos beneficios da representación institucional”.

A desafección é inevitábel ao canalizarse “todo o descontento que existía na crise económica e de rexime ao plano exclusivamente institucional”

“Estamos pasando por unha onda de retroceso en moitos dereitos sociais que se nota tamén nos parlamentos e na subida das dereitas e da extrema dereita”, afirma Helena Martínez, politóloga e membro da cooperativa de consumo Zocamiñoca. Cita a Gramsci cando afirma que as derrotas eleitorais son produto das “derrotas políticas”. Segundo Martínez habería unhas causas esóxenas, produto da cultura política no Estado español, e outras de carácter endóxeno que terían a ver “coa natureza dos partidos políticos en si”. Nese sentido pensa que o que pasou desde 2012 con AGE e co resto de plataformas é “que o eleitorado de esquerdas viu como se repetía a historia un pouco, e ver isto leva a decepcións, crea desconfianza e desinterese”. Ainda que non nega as “dificultades na xestión dos concellos do cambio, si que penso que non se acadaron mudanzas e pactos de calado, que a cidadanía vía como necesarios”. Isto tería que ver coas expectativas que se crearon, xa que “cando se nos está dicindo que se van producir mudanzas moi radicais e logo nas condicions de vida non se ven —tamén por gobernar en minoría— pois xorde a desafección e o desinterese no electorado. Iso fai que a poboación se desvencelle un pouco e se volte un pouco máis manipulábel diante de discursos populistas simplistas”. Na mesma liña pensa que as autodenominadas “forzas ruturistas” na prática non o foron “xa que repetiron dinámicas de funcionamento dos vellos partidos: a disciplina de voto nos grupos parlamentarios, o presidencialismo e o protagonismo dos líderes dos partidos, a falta de primarias, o peso enorme das coordinadoras e os gabinetes de dirección dos partidos, a falta de rendemento de contas ou a instrumentalización da participación das bases”. É por todo isto polo que Helena Martínez sostén que os partidos políticos “son estruturas pouco democráticas, maquinarias eleitorais con intereses de supervivencia”.

As autodenominadas “forzas ruturistas” na prática non o foron “xa que repetiron dinámicas de funcionamento dos vellos partidos”

Flora Miranda Pena, medica e activista na defensa da sanidade pública, foi parlamentaria de En Marea durante os meses de setembro de 2018 e xuño de 2019. Demitiu do seu posto unha vez consumada a división de En Marea. “A ruptura da forza que tentara aglutinar a esquerda e o nacionalismo foi a constatación última da quebra desta ilusión en Galiza”, comenta. Ainda así pensa que os resultados das últimas eleicións xerais fixeron “conscientes aos electores e electoras de que existe unha amenaza real —a ultradereita— e unha oportunidade real dun goberno coa alianza de forzas á esquerda do centro-dereita. Tamén aquí no país”. Entre as causas do desencanto coa política sinala os “variados procesos de corrupción —noutros espazos—, os múltiples procesos electorais sen concreción, a irresponsabilidade de non chegar a acordos” e, tamén, “o fume, as rupturas e as ilusións decapitadas”. Nese sentido afirma que ela e outras persoas apostaron, “agora creo que con certa inxenuidade”, por superaren “cuestións de matiz e pola construción dunha organización de esquerda ruturista que transcendese do minifundio no que estaba instalada a esquerda deste país”. Porén e segundo subliña, máis tarde “viñeron as cotas, os espazos de representación, as aspiracións de determinadas persoas por ser visíbeis, os vetos, a influenza dos partidos —que de motores auxiliares pasaron a determinar dinámicas—, a toxicidade, e a escasa altura para entender cal era a mensaxe da xente que nos colocara a 14 deputadas e deputadas no Parlamento de Galiza”. E afirma que no seu caso sentiu “que non se aproveitaba a miña bagaxe na defensa da Sanidade Pública e o coñecemento en primeira persoa do ámbito sanitario máis candente nesta lexistatura: a Atención Primaria de Saúde”.

“Algunhas persoas apostamos, agora creo que con certa inxenuidade, pola construción dunha organización de esquerda ruturista que transcendese do minifundio no que estaba instalada a esquerda deste país”

“Asistimos á frustración e a decepción do que se deu en chamar o espazo ruturista, que pasou de ser a ilusión de moitos milleiros de galegas e galegos a ser un espantallo inoperante e absolutamente desprestixiado”, afirma o sindicalista da Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras Manolo Camaño. Na opinión dun dos principais impulsores das Marchas da Dignidade en Galiza existe unha responsabilidade histórica daquelas “organizacións ou persoas que lonxe de deixar atrás todas as eivas históricas da esquerda, volveron a reproducir, no chamado espazo rupturista, todas e cada unha das prácticas que se dicían superadas: o sectarismo, o dirixismo e as trincheiras divisionistas”. Porén considera importante sinalar a resposta do réxime. Así afirma que mentres o espazo das confluencias “implosionaba unha e outra vez en loitas cainitas, o sistema foi quen de resituarse e recobrar a súa saúde”. Dese xeito, e segundo a súa opinión, é como os “axentes do Rexime do 78, absolutamente desprestixiados coa crise, van recobrando o seu protagonismo: os partidos políticos do Réxime do 78, a banca, a monarquía ou mesmo as corporacións sindicais corruptas”. Camaño sitúa nas mobilizacións diante da catástrofe do Prestige o xérmolo de distintos “movementos sociais de resposta sectorial pero con vocación de incidir na política”. Segundo o sindicalista este proceso decorreu en paralelo co “paulatino esmorecemento da esquerda tradicional, tanto a nacional como a española e confederal, ao desconectar co descontento social”. No momento da chegada da crise é cando os “sectores máis avanzados do País ven a necesidade de argallar unha fronte política con capacidade de golpear eleitoralmente”. Isto, segundo Camaño, foi o que viu o que denomina espazo ruturista que por iso recolle uns enormes réditos eleitorais. Porén esta opción acabou amosando un “esfarelamento esperpéntico da alternativa que ilusionara tanto, reforzado ademáis coa incapacidade de iniciativa política nacional e de esquerda real, tanto nos parlamentos como nos concellos”.

Existe unha responsabilidade histórica daquelas “organizacións ou persoas que lonxe de deixar atrás todas as eivas históricas da esquerda, volveron a reproducir, no chamado espazo rupturista, todas e cada unha das prácticas que se dicían superadas: o sectarismo, o dirixismo e as trincheiras divisionistas”

María Díaz de Pablo, unha das impulsoras de Democracia Real Xa —a organización convocante das manifestacións do 15 de maio de 2011–—e activista da Plataforma Stopdesafiuzamentos Compostela, pensa que “o que nos fixeron crer nestes anos é que non se pode conseguir nada, que non paga a pena seguir loitando xa que, total, acaban facendo o que lles peta”. No que se refere ás forzas do cambio ten claro que “baixou a confianza nelas pola pouca valentía que amosaron á hora de gobernar nos concellos”. A súa experiencia na relación co goberno municipal de Compostela Aberta foi decepcionante. “Eran coñecedores dun documento de medidas que socializaramos entre todos os grupos políticos do Concello, no que se recollían medidas a curto, medio e longo prazo para solucionar o problema da vivenda e evitar os desafiuzamentos sen alternativa habitacional, démoslle moito feito”. Se ben recoñece que “podería haber cousas nas que nós estivéssemos equivocadas”, afirma que o goberno municipal “non se sentou a traballar coas plataformas sociais as distintas propostas”. Díaz de Pablo entende “que non todas as propostas se leven a cabo e que incluso non se fagan en todos os concellos por igual, mais supoño que haberá sempre unha marxe de negociación”. Medidas como ameazar aos bancos que desafiuzaban coa retirada das contas municipais, en palabras da activista, “non se puxeron enriba da mesa, por iso digo que non foron valentes”. Facer un traballo que en moitos casos correspondería ás institucións provocou, segundo María Díaz, que se abandonase a mobilización social porque “os camiños da negociación coas entidades e o manexo da burocracia ocuparon moito do tempo disponíbel das activistas”.

O futuro

Helena Martínez ten claro que “para que esta democracia sexa realmente digna de tal nome temos que ser primeiro demócratas”. Na súa opinión teriamos que ter “unha visión máis interesante para que a desafección non sexa algo tan estrutural” e para que “ademais de normas e garantías medísemos a calidade e nos preocupásemos en que medida este sistema de goberno nos axuda a mellorar a nosa calidade de vida”. Martínez considera importante “medir canto participa a población nos barrios, nas súas comunidades, se se entende a diversidade como riqueza e non como unha ameaza ou o grao de coñecemento que se ten sobre o funcionamento das cidades ou da economía.” A politóloga e activista coruñesa pediríalle ás forzas de esquerda que sexan responsábeis e coiden “dos movementos sociais e respeiten a súa autonomía e que tamén antepoñan os intereses das súas bases ou do seu eleitorado às propias do partido”.

Sería importante medir canto participa a población nos barrios, nas súas comunidades, se se entende a diversidade como riqueza e non como unha ameaza.

“As novas vías de mobilización pasan polo feminismo, por outros modos de relacionarnos”, segundo Flora Miranda Pena. Por iso considera “tan incongruente o que pasou na nosa organización: non é verosímil chamarse feminista e desenvolver dinámicas cainitas ou presentar líderes masculinos de xeito sistemático”. Pensa que “afortunadamente ‘o político’ ten un ámbito moito máis amplo que a militancia partidista”. Para reconectar co eleitorado decepcionado aconsella “escoitar, tomar nota para trasladar aos ámbitos de representación e aspirar a ocupar os ámbitos de decisión coa pretensión de superar minifundios e resolver problemas”.

Para César Caramês as eleccións estatais do 10N “marcan unha liña clara de recomposición do réxime”. Por iso pensa que se promocionou máis a “Vox nos medios en detrimento de Ciudadanos: nunha negociación, teñen que ter un contrapeso para non ceder totalmente ás reivindicacións catalás”. Segundo o activista independentista ficou claro que “o soberanismo é flexíbel e tan capaz de rachar coa idea da unidade da nación española, como de pactar coa esquerda española”, porén esta “si que ten límites: é incapaz de rachar co dogma da unidade nacional”. Por iso cre preciso que “todo o soberanismo de esquerdas de liña ruturista se agrupe nunha única plataforma institucional”, xa que só o “soberanismo é capaz de rachar co rexime do 78”.

César Caramês pensa que as eleccións estatais do 10N “marcan unha liña clara de recomposición do réxime” e que só o “soberanismo é capaz de rachar co rexime do 78”

“Non teño solucións”, afirma María Díaz de Pablo. A experiencia dille que “o propio sistema moitas veces acaba atrapándonos, facendo que os partidos políticos absorvan as nosas demandas invisibilizándonos”. E conclúe afirmando que “un dos grandes problemas da PAH foi que activistas como Ada Colau ou Rafa Mayoral pasasen á política partidaria”. Na súa opinión “eran líderes coas ideas claras, que comunicaban moi ben” e coa súa marcha debilitaron a forza “do movemento”.

“Alguén pensou que desde as institucións ía tomar o poder, e ademáis prescindindo da mobilización na rúa, que se boicoteou ostensiblemente”, afirma Manolo Camaño. “Os problemas que golpean ás clases populares, lonxe de resolverse, vanse agravar e a necesidade de respostas obrigará a recompor o tecido dos movementos sociais”, opina. Para o sindicalista “deberá pasar un tempo, sobre todo sair de axendas electorais, para que a xente poida reflexionar sen a presión asfixiante da politiquería”

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

AGANTRO
Agantro O número 262 dunha rúa no Porto
Nunha casa do Porto estudantes de todo o mundo entrelazan culturas e lembranzas, deixando nas súas paredes un rastro de convivencia e cambio continuo.
Opinión
Opinión Recuperar Samil non era isto
Pouco queda do proxecto orixinal para a recuperación do ecosistema dunar da praia máis grande de Vigo e as actuacións que se están desenvolvendo van na dirección contraria, ignorando os indicadores da emerxencia climática en favor da urbanización.
Xunta de Galicia
Investigación A empresa vinculada ao PP que fixo o informe sobre a AP-9 levou 620.000 euros en contratos a dedo da Xunta
O Goberno de Alfonso Rueda elixiu a Eptisa entre 2018 e 2022 para máis de 96 encargos sen concurso público. Esa consultora traballa para Audasa, concesionaria da autopista do Atlántico, e tivo como alto cargo ao exconselleiro Tomás Pérez Vidal.
Galicia
Galicia ¿Quién es quién en el proyecto de la celulosa de Altri en Galicia?
Detrás de la factoría que la multinacional portuguesa y la Xunta quieren instalar en A Ulloa hay intereses políticos y hombres con dinero. Aunque lo llevan con discreción, tienen nombre, cara y patrimonio. Están tras Greenfiber y el Proyecto Gama.
América Latina
Memoria histórica “A ver si se anima”: la presidenta de México reta a España a que pida perdón por la conquista
Una manifestación recorrerá Madrid para recordar que el “hermanamiento” entre pueblos es imposible “sin el reconocimiento honesto de la historia y el presente, la toma de responsabilidad y la reparación correspondiente”.
Sudeste Asiático
Sudeste asiático Un fantasma recorre Asia: los desafíos del presidente marxista de Sri Lanka
En un contexto mundial de auge de la extrema derecha, la victoria en Sri Lanka del líder izquierdista Anura Kumara Dissanayaka, con estética y discurso marxista, obliga a analizar qué está pasando en este país azotado por las políticas del FMI.
LGTBIAQ+
Laura Terciado “Ahora para mí la palabra lesbiana significa alegría, feminismo y política”
La periodista Laura Terciado abre el grifo en su primer libro, en el que cuenta una infancia marcada por el bullying’ y el miedo al demonio. Dice haber salido del armario cientos de veces desde que logró designar su orientación.

Últimas

Formación El Salto
Formación El Salto Del Magreb al Golfo Pérsico: ¿cómo informar(se) sobre el llamado mundo árabe?
El Salto Formación trae para octubre el primero de sus cursos orientados a la información internacional. Una propuesta en la que revisaremos de forma crítica cómo (nos) informamos sobre los países árabes y otros estados históricamente relacionados.
Opinión
Opinión El foro dominado por los combustibles fósiles que asesora a la UE sobre captura de carbono
Las tecnologías de captura de carbono han sido probadas durante más de 50 años, con una inversión global superior a 83.000 millones de dólares, con resultados insignificantes.
Entrevista La Poderío
Entrevista La Poderío “Existe una mirada en el cine que antes no existía, porque antes no estábamos”
Nofuentes tiene los pies en Málaga, pero vuela a Latinoamérica, donde estuvo viviendo muchos años y se curtió. Película en la que curra, película que resuena, como ‘Incanxul’, que ganó el Oso de Plata en Berlinale.
Análisis
Análisis Las fronteras selectivas: discriminación en los movimientos y migraciones globales
Los países poderosos implementan políticas que protegen sus intereses estrechos, seleccionando a los migrantes en función de su capacidad de “adaptarse” a la sociedad receptora o basándose en criterios raciales, culturales y religiosos.
Comunidad El Salto
Comunidad El Salto Suscríbete a El Salto y llévate ‘El Estado feroz’, el primer libro de Pablo Elorduy
El responsable de Política de El Salto firma este ensayo donde recoge la historia política de las últimas dos décadas y la “restauración del orden tras el estallido de lo inesperado”.
Opinión
Opinión Un bolso gris
Me pregunto por qué hizo esa foto. Qué vio en ella. Si imaginó el cuerpo de la persona, probablemente una mujer, que llevó esa fina asa gris sobre su hombro.
Que no te lo cuenten
Que No Te Lo Cuenten De guerras y alquileres
VV.AA.
Se cumple un año de la masacre israelí en gaza con cerca de 50.000 muertos y 200.000 heridos
Ocupación israelí
Según una Comisión de Investigación de la ONU Israel destruye de manera “deliberada y sistemática” el sistema sanitario de Gaza
Un nuevo informe de la Comisión Internacional Independiente de Investigación de la ONU sobre los Territorios Palestinos Ocupados muestra la destrucción deliberada y sistemática del sistema sanitario de Gaza por parte de Israel.
Neocolonialismo
Educación y memoria Descubrimiento, aventura y encuentro de dos mundos: así quiere Ayuso que se cuente el 12 de octubre
Ante la Semana de la Hispanidad propuesta por la Consejería de Educación, parte del profesorado se forma e intenta ofrecer una visión más amplia sobre lo que significó el inicio del periodo colonial en América.

Recomendadas

México
México Biopiratería, una amenaza constante a la biodiversidad y los saberes ancestrales en México
El extractivismo de las especies autóctonas y los conocimientos de los pueblos indígenas plantea un desafío para las comunidades, expuestas a tener que defender este patrimonio inmaterial ante los bufetes legales de las multinacionales.
Derecho a la vivienda
Especulación inmobiliaria Qué hay detrás de las movilizaciones por el derecho a la vivienda de este 13 de octubre
La crisis de vivienda vuelve a marcar la agenda política con acusaciones cruzadas entre el Gobierno central, las administraciones autonómicas, los partidos políticos y las organizaciones sociales.
Líbano
Líbano Israel convierte el Sur de Líbano en zona militar mientras continúa su política de expulsión de población
El estado sionista presenta como “guerra contra Hezbollah” el ataque contra posiciones de los cascos azules de la FINUL, la destrucción de centros de bomberos y la expulsión de centenares de miles de civiles desvinculados de la milicia libanesa.